Entradas

Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (I)

O acto fundacional da primeira das Irmandades da Fala celebrouse o 18 de maio de 1916, no local que a Academia Galega tiña entón na cidade da Coruña. A convocatoria orixinal dicía, concretamente: “A Comisión encargada dos traballos pra o establecimento d’unha hirmandade d’Amantes da terra [sic], que, entre outros fins, adicarase principalmente á defensa y exaltación do idioma gallego, roga a vosté que nos honre co’a sua presencia na reunión que se fará o dia 18 d’este mes, ás 8 da noite, no local da Academia Gallega, Rego d’Auga, 38-1º. Saúde e Patria”.

O nacemento “coruñés”, antes que en ningunha outra localidade, da primeira das Irmandades non admira se temos en conta, que a cidade “leva catro décadas de progresiva actuación rexionalista (sempre vencellada, e en competencia, co republicanismo máis avanzado), como conformante da vida social e intelectual” e que nela existe xa, por iso mesmo, “un grupo social máis ou menos numeroso para o que esas manifestacións de fervor rexionalista son, cando menos, algo habitual” (Vázquez Souza, 2004:33).

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Feira do Libro de Lugo

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, que terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro de Lugo (Praza Maior) o venres día 20 de maio ás 19:00 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio X. Ínsua, Francisco Legaspi e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Manuel María e Irmandades da Fala protagonistas deste ano

A figura de Manuel María e as Irmandades da Fala centran a programación do Concello da Cultura Galega para este 2016. En total acollerá preto de cincuenta actividades, cun orzamento que ascende a 2.415.833 euros, 41.386 máis que en 2015. Con respecto ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, a institución celebrará o seu tradicional concerto e reeditara a obra de Manuel María Advento. No que ten que ver coas Irmandades, o CCG celebrará o seu centenario cun programa de actividades que fará unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e que se concreta nun álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano. Estas actividades desenvolveranse entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento. A primeira cita terá lugar en outubro, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas, e centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras.

A programación de actividades destaca por exhibir unha concepción da cultura ampla cunha gran variedade temática. Haberá unha nova edición de propostas xa habituais do calendario como o programa “No bico, un cantar”, que xunta no primeiro venres de xuño poesía e mocidade; este ano terá lugar en Cangas e versará sobre os poetas medievais galegos. Os Encontros pola Normalización Lingüística trasládanse ao mes de abril e a Comisión de Igualdade terá a súa xornada de homenaxe a unha muller destacada para a cultura galega, que este ano será Kathleen Nora March.

Ademais, están previstas actividades sobre a Dieta atlántica e a cultura, a Publicidade en galego, a Dobraxe cinematográfica, o Teatro escolar e a Cultura, creación e dereitos de autor. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego, outro sobre os desafíos para a cultura en rede e outro sobre os retos da comunicación cultural.

Entre as propostas programadas, destaca a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos. Está en fase de musealización e inaugurarase en Santiago no mes de maio.

Fonte: Culturagalega