Artigos

A sociedade española de física premia a divulgación científica de Jorge Mira

Suma e segue. O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jorge Mira vén de facerse cun novo galardón como divulgador científico. A Real Sociedade Española de Física, o principal órgano de representación do seu eido, concedeulle o seu premio de 2012 na modalidade de Ensinanza e Divulgación da Física. O xurado valorou o “gran prestixio e difusión, sobre todo en Galicia”, dos programas que desenvolve, pero tamén a proxección estatal do seu traballo, “con gran impacto nos medios de difusión, reflectido en programas de radio, televisión e artigos de prensa”. ” Este premio faime moita ilusión, porque supón que os teus colegas che refreden”, conta.

Jorge Mira (Baio, A Coruña, 1968), puxo en marcha hai xa sete anos o programa Conciencia, que trae cada curso a Santiago varios premios Nobel e outras figuras destacadas do mundo da ciencia internacional, como Stephen Hawkings ou David Attenborough, que ademais de impartir charlas para todos os públicos, manteñen encontros coa comunidade científica galega. É tamén un rostro ben coñecido da TVG, onde é un dos protagonistas do concurso ‘Cifras e letras’.

Santiago de Compostela, “un tesouro”
A súa criatura máis nova son as Nerd Nites, unha experiencia pioneira en España na que científicos da USC achegan con humor o seu coñecemento dende os bares. A iniciativa foi quen de acadar o maior cheo do Casino de Santiago no que vai de ano, bo exemplo da capacidade de Mira de conectar co gran público cos seus proxectos. “As persoas que falan nas Nerd Nites son expertas extremas no seu tema, pero falan del cun toque desenfadado”, explica.

As achegas como divulgador do profesor redundan tamén na proxección da USC, e de Santiago, unha cidade da que destaca o seu potencial divulgador.”Esta cidade é un tesouro. É un terzo de Vigo, pero ten moitísima máis actividade de divulgación científica”, resalta.

Pese á súa mocidade, Mira foi un dos pioneiros na divulgación científica en Galicia, cando aínda unha faceta ata mal vista entre os colegas.  “Levo 15 anos nisto, e por iso ás veces síntome un vello”, chancea. “Neste tempo houbo unha gran proliferación de divulgadores, hai xente que fai cousas virguerísimas, hai moita calidade”, subliña.

O novo premio é o terceiro de relevancia como divulgador que acada dende 2010, xunto á Medalla de Honra Ciencia en Acción e o Premio Savirón. Polo conxunto dos seus perfís profesionais chega aos 15 galardóns nun lustro.

Fonte: El Correo Gallego