Entradas

Mañá sábado daranse a coñecer os 22 Premios Irmandade do Libro

O xurado dos Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación Galega de Libreiros desde hai 22 anos elixiu á escritora María Xosé Queizán como gañadora da edición dos premios do ano, por votación da ampla maioría dos membros

A motivación que levou ao xurado a votar esta candidatura foi a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego desde todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando, ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático.

Quedaron pendentes de fallar os gañadores no resto de modalidades convocadas:

  • Libro do ano 2012
  • Obra Editorial do ano 2012
  • Libraría
  • Centro de Ensino
  • Fomento da Lectura

A decisión do xurado darase a coñecer o mesmo día da celebración do acto de entrega dos 22º Premios Irmandade do Libro, acto que terá lugar na Casa da Cultura de Monforte de Lemos o vindeiro sábado, día 20 de abril, a partir das 19 horas.

Polémica pola sentenza que declara ilegais os sinais en galego

A sentenza pola que o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra sinala a ilegalidade dos sinais de tráfico escritos só en galego está a provocar unha viva polémica. Onte se coñecía a nova de que esta sala retirou a multa dun veciño da cidade que alegara que non entendera o texto da sinal por estar na nosa lingua. Con esta sentenza, o tribunal sinala que o artigo 138 da lexislación sobre tráfico sinala a obrigatoriedade de incluír o castelán na sinalización.

O goberno municipal de Pontevedra, pola súa banda, sinalou que se produciu unha filtración interesada da sentenza, que data de 2010, e apuntou que non mudará os sinais de tráfico, xa que, segundo César Mosquera, concelleiro de Ordenación do territorio “non existe conflito ningún”.

Pola súa banda, A Mesa pola Normalización sinalou que a sentenza non estabelece xurisprudencia e lembrou que “o idioma propio tamén debe estar presente nas sinalizacións de competencia estatal”.

Fonte: Culturagalega

A Xunta aproba o proxecto da nova lei de universidades

A Xunta ratificou onte de novo o proxecto da nova lei de universidades para reactivar a súa tramitación parlamentaria, paralizada tralo adianto electoral. O texto nace coa vocación de lograr “unha maior eficiencia, accesibilidad e competitividad” do Sistema Universitario Galego (SUG), ademais de mellorar a “empleabilidade” dos estudantes ao “fomentar” as titulacións “de maior futuro” e blindar o financiamento dos centros de estudo superior.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o proxecto por incidir “na cooperación e na colaboración” das tres universidades galegas, creando entes que poidan “xestionar conxuntamente” para todas elas determinados servizos. A “maior eficacia” lograrase, segundo Feijóo, ao potenciar a “coordinación” mediante convenios e proxectos conxuntos. Ademais, destacou a aposta por aumentar a súa competitividade a través da “especialización”.

Fonte: La Opinión