Entradas

Radio Cos presenta o seu primeiro disco mañá sábado no Centro Ágora

Tras nove anos percorrendo escenarios en Bélgica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galicia con música tradicional, Radio Cos presenta o seu primeiro disco este sábado ás 21.00 horas no Ágora.

As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de grabacións de campo, traballo que levan facendo desde fai máis de tres décadas os cantantes e percusionistas do grupo, Xurxo Fernandes e Quique Peón, dous referentes no campo da investigación etnográfica en Galicia.

Para o concerto desta noite, estarán acompañados de tres renombrados músicos: Pedro Lamas na armónica e o saxofón soprano, Nikolay Velikov ao violín e Jan Pampín ao acordeón.

Os asistentes poderán gozar do concerto tras abonar nove euros, mentres que os mozos e desempleados contarán cun desconto de dous euros. A taquilla do Ágora abrirá unha hora antes da actuación para os que aínda non adquiriron a entrada.

Fonte: La Opinión

Mañá sábado daranse a coñecer os 22 Premios Irmandade do Libro

O xurado dos Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación Galega de Libreiros desde hai 22 anos elixiu á escritora María Xosé Queizán como gañadora da edición dos premios do ano, por votación da ampla maioría dos membros

A motivación que levou ao xurado a votar esta candidatura foi a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego desde todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando, ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático.

Quedaron pendentes de fallar os gañadores no resto de modalidades convocadas:

  • Libro do ano 2012
  • Obra Editorial do ano 2012
  • Libraría
  • Centro de Ensino
  • Fomento da Lectura

A decisión do xurado darase a coñecer o mesmo día da celebración do acto de entrega dos 22º Premios Irmandade do Libro, acto que terá lugar na Casa da Cultura de Monforte de Lemos o vindeiro sábado, día 20 de abril, a partir das 19 horas.

A Coruña celebra nas rúas o Día Internacional da Danza

Cada 29 de abril, o mundo enteiro conmemora o nacemento de Jean Georges Noverre (1727-1810), o máis grande coreógrafo do seu tempo e o creador do ballet moderno. Co recoñecemento da UNESCO desa data como Día Internacional da Danza, diferentes entidades organizan actos para poñer en valor a importancia das artes do movimento. O concello da Coruña acaba de facer pública a programación para esa efeméride que terá lugar do 26 ao 29 de abril e que consiste en catro actuacións de danza e dous obradoiros. Entre as actividades de danza, que se desenvolven en diferentes escenarios, hai baile tradicional e contemporáneo, así como un traballo experimental de reinterpretación da curtametraxe E as chamineas decidiron escapar do premiado director Oliver Laxe.

O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina actuará na Praza de María Pita de A Coruña o día 28 de abril ás 18.30 h (en caso de choiva trasladarase ao Teatro Rosalía).

[singlepic id=370 w=320 h=240 float=]

Fonte: Culturagalega

O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística. Neste xeira, o evento bota a vista atrás e propón, na súa primeira xornada, unha análise das políticas sobre o galego neste período. Repasamos da man do investigador Xaime Subiela os fitos da Normalización.

O Centro de Documentación Sociolingüística e Galicia do Consello da Cultura organiza anualmente estes encontros coa intención de reflexionar sobre os procesos de normalización, Henrique Monteagudo, coordinador canda a Susana Mayo desta iniciativa, explica o interese por repasar os trinta anos da Lei de Normalización. “Verificamos que nos sucesivos aniversarios da Lei houbo moi pouco pulso das institucións e mesmo da sociedade para conmemorar este fito. Isto en si xa é un síntoma da escasa consciencia que hai sobre o que significou o proceso de normalización e amosa, ao meu ver, a necesidade de facer balance do camiño feito e ver os pasos. Non se trata, evidentemente, dunha celebración festiva, pero cómpre ollar para atrás pensando para adiante”.

O programa

Desde esta perspectiva, os Encontros centran a súa primeira xornada nesta tema, tratando desde diferentes perspectivas a evolución da política encol da lingua no país. “Aínda que nos últimos anos, atendendo tamén ás necesidade de austeridade, botábamos man sobre todo de persoas achegadas para os encontros, desta volta pareceunos necesario recuperar o contacto co exterior e facer comparacións cos procesos de Cataluña e Euskadi, que se desenvolveron a partir de leis coetáneas á nosa”. Así, estarán nos encontros Patxi Xabier Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística vasco e mais o investigador catalán Esteve Valls. Canda a isto, unha mesa redonda abordará a evolución da lingua e da sociedade nestes 30 anos desde as perspectivas da mobilización social, a administración, os medios e a economía. A segunda xornada, segundo explica, “céntrase en temas máis habituais dos encontros, como son as iniciativas colaborativas e a atención aos grupos aos que se dirixe a política lingüística”, especialmente no eido educativo. Como elementos destacados, Monteagudo sinala a presentación do volume que recolle os traballos presentados ao Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia que se celebrou no Consello da Cultura Galega entre decembro de 2009 e xuño de 2010. “É unha obra de referencia no nsó en Galicia senón mesmo a nivel de Estado e mesmo de Europa”. Canda a isto, salienta tamén a conferencia de Bernardette O´Rourke, da Heriot-Watt University de Irlanda, que abordará as actitudes da mocidade de cara ao galego.

Os fitos

A abrir o evento, o investigador social e consultor público Xaime Subiela exporá, a partir dos trinta anos da Lei de Normalización, una análise realizada ex profeso para esta ocasión na que analiza a evolución da Política Lingüística galega. Da súa man, repasamos os fitos, as bases e os logros destes trinta anos de acción. Segundo explica “Nestes trinta anos institucionalizouse por ver primeira unha política lingüística de promoción do galego. A partir dos parametros recollidos no Estatuto e mais na Lei de Normalización entendíase non só que había que favorecer a súa aprendizaxe e regular os seus usos, senón tamén que o promover, e articulouse un sistema para iso”.

    • Os piares da Política Lingüística
      • Ensino: “Desde o primeiro momento a política lingüística centrouse moito no ensino e na incorporación do galego ao mesmo, primeiro como materia e depois como lingua vehicular”.
      • Medios de comunicación públicos en galego: “A posta en marcha da radio e da televisión autonómicas presentouse como un dos grandes movementos a prol da nosa lingua”.
      • Administración: “Houbo un grande traballo para introducir a lingua na propia administración. O feito de que houbese un Diario Oficial de Galicia en galego e que fose a lingua de contacto coa cidadanía en xeral, non tanto no oral como na escrita”.
      • Capacitación: “Aínda que desde hoxe vese como algo máis afastado, precisamente porque foi máis exitoso, tivo unha grande importancia o esforzo por garantir a capacitación na lingua, que a xente adquirise destrezas para se manexar en galego”.
    • Os momentos
      • O punto de partida: “A política lingüística xorde nun momento no que hai un desplome xeral do emprego do galego na sociedade. Nos oitenta o proceso de substitución estaba xa moi avanzado. Desde os anos sesenta, co paso dunha sociedade maioritariamente tradicional á urbanización deuse un descenso que non se producira nin nos anos 50, cando maior foi a represión contra a lingua. Este abandono deuse sobre todo no traspaso interxeracional, non é tanto que a xente mudase de lingua, que tamén pasaba senón que xa non lla falaba aos fillos.
      • Os exemplos: “En xeral o que se fixo na política lingüística galega foi copiar o que se facía en Cataluña, mirarse nese espello e logo ir tirando e saíndo do paso, non houbo un bo deseño. Xa a propia Lei de Normalización e varios decretos veses que van mallados. Os axentes que promovían a lingua tamén ollaban para alí, e o que se establecía era un horizonte abocado á frustración porque a realidade era moi distinta”.
      • Evitar o conflito: “Unha tese que comparto é que ao longo destes anos a administración autonómica, maioritariamente en mans conservadoras, preocupouse especialmente porque non houbese conflitividade en materia de lingua. Isto priorizouse fronte a se as accións eran pouco efectivas ou se non conseguían deter a perda de falantes. En materia de lingua, a conflitividade veu tanto das reaccións contra o galego como dos axentes que promovían o seu emprego”.
      • A confrontación: “Nos anos 80 e 90 deuse unha dinámica de confrontación fundamentalmente entre a Xunta e o nacionalismo. Considerábase que o goberno facía as cousas sen crer realmente na normalización, e este conflito estaba atravesado pola confrontación normativa”.
      • Consenso: “Arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística artellouse unha especie de consenso de mínimos”.
      • Ruptura do consenso: “Logo de 2004, ao mudar o goberno, o PP considerou que os elementos de resistencia ao galego podían darlle réditos políticos e que a confrontación en materia de lingua podía ter eco en determinados sectores sociais. Entón púxose en posición de confrontación connotando as posturas nacionalistas e socialistas como de imposición, e póndose a si mesmo como grande valedor da liberdade. Isto abriu un escenario novo e levou a lóxica de confrontación política a un punto que nunca tivera.
      • O momento actual: “Unha vez que o PP voltou á Xunta incorporou no ideario dos que debían ser elementos promotores do galego esa lóxica, a idea de que a política lingüística estaba a ir lonxe de máis e que empregaba lóxicas impositivas. Ata o de entón sempre se comprendera a acción sobre a lingua era progresiva, cara un horizonte de normalidade que se vía moi afastado, e agora múdase iso”.
    • As reaccións
      • “Desde o comezo da política lingüística houbo reaccións contrarias á promoción do galego, sobre todo no ámbito do ensino, onde toca máis directamente porque lles afecta aos fillos e ao ámbito doméstico. O que aconteceu nos últimos anos é que, coa cobertura do partido maioritario e dalgún xeito da propia administración, moita desa reacción latente fíxose manifestas e pasou a se artellar como un movemento. No entanto, debemos ter claro que non se trata da maioría da sociedade, que en xeral penso que avalía o que está determinado nos acordos básicos da Lei de Normalización ou do Plan, e considera que o galego é un valor que se debe promover”.
    • Os efectos
      • Contención: “No contexto no que naceu a política lingüística, penso que si se conseguiu conter en parte o proceso de substitución lingüística, por moitas razóns. Ao conseguir máis prestixio para a lingua, a xente que falaba galego comezou a se ver doutro xeito, e mudou algo a identidade negativa que estaba asociada á utilización do galego”.
      • Consciencia: “No momento no que se iniciou a política lingüística había moita xente que falaba galego pero o aprecio pola lingua era moito menor. Agora estamos nunha posición antitética, cun uso bastante menor pero tanto a reivindicación como a valoración da súa defensa están bastante asentadas, e a promoción está apoiada por unha maioría da sociedade”.
      • Capacitación: “No seu momento había moitas persoas ágrafas en galego, que sabían falar ou non tiñan capacidade para o emprego escrito. Nos anos 80 e 90 os cursos foron un elemento moi relevante, e canda aos medios permitiron que haxa unha competencia bastante elevada no conxunto da poboación, sobre todo ao comparar con outras comunidades con lingua propia”.
      • Non reversión: “A política que se desenvolveu non foi eficaz par inverter o sentido da substitución lingüística. Hoxe aínda é a lingua máis falada, pero iso é un espellismo produto da nosa pirámide de poboación, na realidade entre a xente nova xa non é maioritaria. Aínda así non debemos pensar que Galicia son só as cidades, en moitos lugares o galego continúa a ser unha lingua ambiental maioritaria”.
    • Os froitos pendentes: “A situación actual é moi negativa e penso que imos botar moitos anos a sufrir os efectos da actual postura da Xunta. Isto provocou unha maior conflitividade en determinados ámbitos que non estaba presente, e é extraordinariamente pernicioso”.

Fonte: Culturagalega

Política Lingüística desdeña as críticas da UE á protección do galego

O pasado outubro os expertos do Consello de Europa que avalían o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias nos Estados que a subscribiron lanzábanlle unha dura reprimenda á Xunta. Mentres que consideraban “exemplar” a protección institucional do catalán e do éuscaro nos seus respectivos territorios, os expertos comunitarios cargaban con contundencia contra a política lingüística da Xunta, a comezar pola “redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio”, pero tamén noutros ámbitos como os medios de comunicación. Este martes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparecía no Parlamento para expoñer as liñas de acción do seu departamento e a oposición contrapuxo o seu optimismo co informe da UE. Para García este documento carece de valor, entre outras razóns, porque está “feito en Madrid”.

“Tremendo informe, tremenda a importancia dese informe”, retrucoulle o alto cargo de Educación á oposición en xeral e, particularmente, á nacionalista Ana Pontón. Para García o feito de que as entrevistas con diversas asociacións e colectivos vinculados á lingua galega se celebrasen “en Madrid” fan dubidar do seu resultado. “Temos moito que discutir del e imos contar moitas máis cousas” do seu contido porque “aquí non viñeron”, afirma, nun contexto no que obvia, non obstante, que os expertos europeos amosaron o seu malestar pola escasa colaboración do Goberno galego. “Eu voulle traer outros informes” e “voulle dicir como está a situación sociolingüística nalgúns lugares dos que veñen eses expertos”, enfatizou, entre xestos de incredulidade dos deputados opositores.

A crítica ao informe europeo non foi a única lanzada por Valentín García. Tamén reservou dardos dialécticos para un colectivo xeograficamente máis próximo, Prolingua. Despois de que a propia Pontón criticase o funcionamento da Rede de Dinamización Lingüística apoiándose nun artigo do profesor Cibrán Arxibai difundido por esta plataforma o secretario xeral apresurouse en preguntarse “que criterio de autoridade ten” o autor, dado que é “profesor de matemáticas nun instituto de Silleda” e non sociolingüística e nin sequera “profe de galego”. “Se empezamos a vir aquí con artigos escritos en blogs -di, en referencia á web de Prolingua- eu podo traer cincocentos”, mantén.

“Non perda os papeis e non se crispe”, recomendoulle Pontón, quen censura que García “se atreva a vir descualificar a opinión das persoas que teñen unha preocupación pola situación do idioma”. “Non están contando mentiras, están describindo os problemas de funcionamento da política lingüística”, di. Neses problemas abondou tamén o socialista Francisco Caamaño, quen lamenta que o secretario xeral centre o seu discurso fóra dos ámbitos de “responsabilidade institucional”. Cun orzamento de Política Lingüística reducido a niveis “ridículos” Caamaño lamenta que García acudise ao Parlamento para facer un relatorio das actividades do seu departamento, tales como a difusión dos debuxos animados d’Os Bolechas. “É unha política lingüística de feira, sen ningún tipo de contido; porque, que pasa coa lingua na administración, na escola, nas editoras, no audiovisual, nos medios de comunicación, no sistema de saúde…?”, exemplificou.

Pola banda da AGE o seu voceiro, Ramón Vázquez, contrastou datos sociolingüísticos de fontes como o informe da UE, pero tamén do Observatorio da Cultura Galega, para lamentar que o Goberno galego teime na aplicación do denominado “bilingüismo harmónico”, un “concepto que pariron vostedes” sen sustento científico, lamenta. “Pretenden descubrir a pólvora” pero “en materia sociolingüística hai estudos dabondo” que, di, acreditan que “non hai un só país no que se falen dúas linguas en igualdade”. “En Galicia a lingua de prestixio é o castelán, iso é unha evidencia” que o Goberno galego deberá colaborar para reverter, advirte.

Fonte: Praza

Foto: CC BY-SA Praza Pública

A propiedade intelectual non limita o acceso á cultura, artigo de Antonio Castán

CEDRO publica no seu news letter un artigo de Antonio Castán no cal defende que a propiedade intelectual non limita o acceso á cultura. En España existen unha serie de falsos mitos sobre os problemas que a normativa sobre a propiedade intelectual e o acceso á mesma ocasiona á cultura e á información,  escribe o autor. O avogado e profesor da Universidade Pontificia de Comillas, explica dunha maneira moi didáctica, asegura CEDRO no seu blog, o motivo polo cal ao contrario do que algúns sectores interesados espallan, a propiedade intelectual é a base da cultura e do acceso á mesma.

Fonte: AGE

O servizo bUSCatermos acubillou xa case 14.000 sesións de consulta

O servizo bUSCatermos, lanzado pola Universidade de Santiago co obxectivo de atender as demandas lingüísticas dos usuarios alleos á institución educativa USC, atesoura xa seis meses de actividade, dende a súa apertura en consulta libre o pasado 1 de outubro, intre a partir do cal, calquera de nós tivo a oportunidade de acceder a toda a información deste banco de termos, só con dispor dunha conexión a Internet. Este medio ano de vida serviu aos seus responsábeis para lanzar unha serie de conclusións acerca da actividade xerada polo servizo. Por exemplo: que canto menos atrancos haxa para que os internautas interactúen cos recursos lingüísticos existentes (eliminando intermediarios como atencións telefónica ou por correo electrónico), acadarase máis utilidade, participación e repercusión. As cifras de bUSCatermos (que ofrece máis de 155.000 rexistros e 450.000 denominacións en distintas linguas) así o confirman.

Segundo nos contan, o servizo acubillou nos seis primeiros meses de actividade un total de 5.704 visitantes únicos, que realizaron un total de 13.803 sesións de consulta e accederon a 56.991 páxinas. “Isto supón unha media de case tres visitas por visitante, e un pouco máis de catro páxinas vistas por visita”, informan. Con todo, engaden, os datos medios non representan ben o uso efectivo de bUSCatermos durante este semestre. E explican: “Os dous primeiros meses foron para moitas persoas un período de probas que produciu un alto número de accesos ocasionais (3.758 visitantes e 7.182 visitas que consultaron 26.398 páxinas); pero a partir de decembro xa se acadou a que parece ser a velocidade de cruceiro da ferramenta, cuantificable nuns 700 visitantes únicos ao mes, que fan arredor de 1.700 visitas no transcurso das cales se procuran unhas 8.000 páxinas”.

Fonte: Codigocero

Edugal consolídase coma a única feira educativa de Galicia

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), co principal apoio da Concellería de Promoción Económica e a colaboración doutras institucións, pon en marcha a segunda edición do Edugal. O salón da educación abrirá as súas portas os días 12, 13 e 14 de abril. Trátase da principal cita educativa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se celebra este ano nun ambiente de total normalidade e colaboración institucional.

Esta segunda edición aspira a chegar aos 15.000 asistentes, superando así o listón dos 8.500 acadados na súa estrea o ano pasado. Os obxectivos son facilitar a transición do instituto á Universidade, animar aos estudantes a continuar a súa formación de maneira dinámica e divertida, informar e asesorar aos que se incorporan ao mundo laboral, dar a coñecer as novas tecnoloxías e a promoción turística e económica de Pontevedra.

Agárdase a presenza de 40 expositores, dos que 26 xa están confirmados, e que porán a disposición do visitante toda a súa oferta formativa. A novidade chega coa presenza de Portugal como país invitado.

Entre as institucións colaboradoras están a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Escola Xoiería Atlántico, o Politécnico de Bragança, a Universidade de Salamanca, a Universidade de Santiago, a Universidade Europea de Madrid, a UNED, a Escola de Restauración de Galicia, a Escola de Arte Dramático, a Asociación Juan XXIII, Ad Astra Estudios Internacionales, Residencias Universitarias RESA, Education First, Escola de Arte Dramático de Galicia, Escola de Negocios de Novagalicia banco, o Exército de Terra, os IES Príncipe Felipe, Chan do Monte e Frei Martín Sarmiento, OTR e o Centro de Formación Profesional Integrada A Xunqueira.

A feira estará aberta de 10 a 14.30 horas e de 16 a 19 horas. A programación incluirá foros de debate e un amplo programa de actividades alternativas que pode consultarse no sitio www.edugal.es.

Durante a inauguración, á que asistiron todas as autoridades colaboradoras, Carlota Román aludiu aos comezos e destacou que se difícil é nacer, moito máis consolidarse cunha segunda edición á que atribúe mesmo máis mérito que a primeira.

A Concellería de Promoción Económica, ou sexa o Concello de Pontevedra, destacou, estará sempre a carón de Aempe neste proxecto. Román cualificou a esta asociación empresarial como a malla máis residente das que unen aos distintos actores e protagonistas da economía local.

Os eventos feirais, os congresos e reunións de negocios son fontes xeradoras de riqueza na cidade, como quedou de manifesto no Plan Estratéxico elaborado pola Concellería, subliñou. Froito disto é tamén a creación da Oficina de Congresos, ou máis recentemente da Oficina Film Commission.

Por todo elo, desexou importantes éxitos a esta nova edición de Edugal e que sega a consolidarse en anos futuros nun proceso imparable de mellora continua.

Fonte: A peneira

O audiovisual galego mantén a súa loita ao presentar 164 curtametraxes ao Festival de Cans

A pechadura do grifo nas axudas á produción audiovisual galega non mermou o volume de cortometrajes remitidos ao Festival de Cans que contará este ano, por primeira vez, cun premio á mellor banda sonora. Si o pasado ano as cintas galegas enviadas “das que se nutre a cita” foran 166; para esta edición alcanzáronse as 164, prácticamente o mesmo número, segundo informou onte o festival que celebra este ano a súa décima edición en mayo.

“A cifra de curtos recibidos superou as expectativas da organización. O número é moi importante si temos en conta que o festival nútrese só de producións realizadas en Galicia ou por directores e directoras galegas”, sinalaba nunha nota a organización. “Demóstrase así “engadía” que, malia o difícil que é neste momento conseguir financiamento para a produción de curtos, con escaso apoio das administracións, os novos creadores audiovisuales seguen apostando por crear e exhibir os seus traballos”.

Agora, a organización seleccionará os curtos que competirán finalmente e que o público poderá visionar o sábado 25 de maio na aldea de Cans.

Dous serán as categorías dos curtos en competición: ficción e animación. Realizadores galegos remitiron 82 cortometrajes de ficción; un total de 14 de animación; 56 videoclips e outras 12 pezas doutros xéneros.

Todos optan a facerse co premio do xurado (cunha dotación de 1.500 euros) ou o premio do público (de 1.000 euros). Ademais, un xurado formado por veciños elixirá ao mellor curto do festival.

Fonte: FarodeVigo

NOVE POETAS GALEGAS HOMENAXEAN A ROSALíA NO CCG

Foron Lupe Gómez, Luz Pozo, Mª Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní e Lorena Souto as protagonistas. Nove poetas galegas, introducidas por Comba Campoy, que celebraron o xoves pasado no CCG un recital que pretendía establecer un diálogo coa obra poética de Rosalía de Castro. Aquí presentámoche o vídeo enteiro do recital, realizado no marco do Congreso Internacional Rosalía de Castro que organiza o Consello da Cultura Galega.

Fonte: Culturagalega