Entradas

A Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil presenta o catálogo de Literatura Infantil e Xuvenil 2013

A Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil, Galix, en colaboración coa Asociación Galega de Editores e mais a Consellaría de Cultura, presentou o venres pasado o Galician Books for Children & Young Adults 2013. Este catálogo recolle as 144 novidades que tiraron 40 editoras galegas para os máis novos ao longo do pasado ano. O volume, do que se editaron 500 copias e que estará tamén dispoñible na rede, será a carta de presentación das firmas e mais dos autores do país en feiras internacionais como as de Boloña, que se celebra entre os vindeiros días 25 e 28, Bos Aires, Guadalaxara ou Frankfurt, que se reincorpora ao calendario internacinal dos editores galegos, entre outras citas internacionais.

Segundo destacou Francisco Castro, de Galix, o proxecto achega sinopses en tres linguas e ilustracións de cada unha das obras, así como o contacto tanto dos editores como dos autores. Pola súa banda, Manuel Bragado, da Asociación Galega de Editores, destacou a importancia da LIX no mercado galego, que supón o 20% das vendas das editoras, apuntando o éxito internacional do álbum ilustrador e a aposta crecente pola banda deseñada entre os editores do país.

Catálogo Galician Books for Children & Young Adults 2013

Fonte: AGE

Baía Edicións participa na Feira do libro de Boloña

Varios editores galegos de literatura infantil (Baía Edicións, Kalandraka, OQO, Nova Galicia Edicións, Ouvirmos e Hércules de Ediciones) participan esta semana na Feira do Libro de Boloña para promocionar as súas publicacións e visualizar o traballo dos seus colegas de todo o mundo, que unha vez ao ano se trasladan á cidade italiana de Boloña para participar na festa do libro infantil e xuvenil máis importante do mundo. O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente de GÄLIX Francisco Castro, o presidente da AGE, Manuel Bragado e Montse Pena, coordinadora do publicación, presentaron o venres catálogo de dereitos dos libros de infantil e xuvenil publicados en Galicia no ano 2012. Cento corenta e catro títulos de 19 editoras).

A publicación, como recolle Manuel Bragado en Brétemas, “amosa a diversidade e a excelencia acadada pola produción infantil e xuvenil galega”. A pesar da crise, é moi significativo que no pasado ano non se reducise o número de novidades infantís e xuvenís, sinala o presidente do gremio de editores, destacando a redución da tiraxe dos títulos. Asemade, Bragado subliña que é un mérito para os editores galegos que viron como a compra de exemplares para as bibliotecas públicas foron reducíndose nun 60% desde 2009 a 2012.

O libro infantil en Galicia 

Os datos do mercado interior galego no ano 2011 reflicten un 21% dos títulos (en galego o 26,4%), o 21,8 % dos exemplares producidos (en galego 25,8%) e os seus cinco millóns de euros de facturación o 18,6 % das vendas (catro millóns en galego, o que supón o 18,9%). Cifras que amosan unha gran centralidade deste subsector da edición galega que, ademais de supoñer o 27,6% do catálogo vivo do sector (30,8% no caso do libro en galego), ten unha grande potencialidade de proxección internacional -sobre todo da man das editoras especializadas en álbum ilustrado.

Fonte: AGE

A Academia terá novo presidente antes do Día das Letras Galegas

Hai polo menos un asunto no que coinciden plenamente os dous sectores enfrontados no seo da Academia tras a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín: a necesidade de acurtar ao máximo o prazo de tres meses (que remata o 13 de xuño) para nomear ao novo presidente e poñer fin á situación de interinidade da executiva en funcións.

Tanto os académicos afíns a Ferrín coma os membros do sector crítico coa súa xestión subliñan que a Real Academia Galega ten que asistir aos actos oficiais do Día das Letras Galegas co seu novo presidente á fronte, polo que as conversas xa están en marcha para formular unha candidatura que aglutine «o maior consenso posible» e que se concrete, antes do simbólico 17 de maio, na elección dunha executiva que permita a reconciliación das diferentes sensibilidades feridas durante a forte polémica interna dos últimos meses. «O importante é que non haxa vencedores nin vencidos -recalca un destacado membro da RAG- e que se poda volver canto antes ao traballo habitual da Academia».

Aínda que as fendas abertas no 11 da rúa Tabernas tardarán tempo en restaurarse, a maioría dos académicos confían en que cesen os recentes cruces de declaracións entre os dous sectores e se poda así reconducir a actual crise. «Necesitamos silencio e tranquilidade e que todo vaia pousando», apunta outro membro da RAG.

Plenario en Vigo

Xosé Luís Axeitos, que desde a renuncia de Ferrín o día 13 exerce a presidencia en funcións da Real Academia Galega, será precisamente o encargado de presidir o vindeiro sábado en Vigo o plenario no que se renderá homenaxe a Francisco Fernández del Riego polo seu centenario.

A reunión, de carácter público, é un tributo da RAG a quen foi o seu presidente entre 1997 e o 2001, e terá lugar no salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo, onde ten a súa sede a Fundación Penzol, que tamén conmemora este ano o seu 50.º aniversario. A celebración do sábado quere lembrar que hai medio século, o 20 de marzo de 1963, os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo formularon a súa proposta para dedicar o 17 de maio a festexar o Día das Letras Galegas en conmemoración da publicación nesa data, en 1863, dos Cantares gallegos de Rosalía. No plenario, que dará comezo ás 12.30 horas, intervirán os académicos Ramón Lorenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero, e pechará o acto, como presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos.

Fonte: La Voz de Galicia

Polémica pola sentenza que declara ilegais os sinais en galego

A sentenza pola que o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra sinala a ilegalidade dos sinais de tráfico escritos só en galego está a provocar unha viva polémica. Onte se coñecía a nova de que esta sala retirou a multa dun veciño da cidade que alegara que non entendera o texto da sinal por estar na nosa lingua. Con esta sentenza, o tribunal sinala que o artigo 138 da lexislación sobre tráfico sinala a obrigatoriedade de incluír o castelán na sinalización.

O goberno municipal de Pontevedra, pola súa banda, sinalou que se produciu unha filtración interesada da sentenza, que data de 2010, e apuntou que non mudará os sinais de tráfico, xa que, segundo César Mosquera, concelleiro de Ordenación do territorio “non existe conflito ningún”.

Pola súa banda, A Mesa pola Normalización sinalou que a sentenza non estabelece xurisprudencia e lembrou que “o idioma propio tamén debe estar presente nas sinalizacións de competencia estatal”.

Fonte: Culturagalega

O 45% dos libros editados no país en 2012 foron en galego

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta semana unha radiografía do sector editorial do Estado Español. Segundo a mesma, en Galiza editáronse en 2012 un total de 2.660 libros (o 45% deles en lingua galega).

En todo o Estado Español editáronse en 2012 69.668 libros. Os datos deixan ben claro que Madrid e Cataluña son os dous grandes epicentros editoriais, xa que concentran o 32,8% e o 26,9% do total da produción estatal. A moita distancia estaría nun terceiro lugar a Comunidade Valenciana, cun 5,2% da produción estatal e a continuación Galiza cun 3,8%.

Podes consultar os datos detallados na páxina do INE.

Fonte: Letra en obras

Catrocentos nenos e nenas cantarán a Rosalía o vindeiro 7 de xuño

Dentro das actividades para celebrar os 150 anos de Cantares Gallegos o Consello da Cultura Galega e mais a Consellaría de Cultura presentaban esta mañá a actividade No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía. O proxecto reunirá 400 nenos e nenas na praza da Quintana o vindeiro 7 de xuño para cantar en coro catro poemas musicados de Rosalía de Castro. Maio Longo,Rosa de abril, En Cornes e Negra Sombra serán os temas que soarán, e os interesados en participar teñen dispoñibles as partituras no web do Consello da Cultura. Para o proxecto contarase co alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia.

Fonte: Culturagalega

MARA NO INFERNO

A xente pregúntame a miúdo de onde saco as ideas para escribir, cómo xurde un relato, un conto ou unha novela enteira. Para min e difícil de explicar, eu escribo o que me sae de dentro, sen máis. As palabras atropélanseme na mente e agardan a súa quenda impacientes, de día e de noite, á espera de que por fin atope un lápis que me axude a trasladalas ó papel.

Outros escritores procuran gardar unha rutina estricta, tres ou catro horas diarias nos que se obrigan a escribir e practicar de cotío, porque de todos e sabido que a escribir apréndese escribindo. Por desgraza eu non dispoño dese tempo, se o tivera, probablemente faríao así.

As ideas nacen dos sentimientos, dos pensamentos, das vivenzas de cada día. A lectura e a escritura son eficaces terapias para as dores da alma, son ecónomicas e están ó alcance de todos.

Este día lín nas redes sociais o triste fin dunha moza que se rendíu ós seus sentimentos e non puido superar unha rotura amorosa. Deume mágoa, pero sobre todo sentín rabia, gustaríame que a historia de Mara fose tamén a historia desa moza anónima, oxalá os seus amigos non tivesen que derramar bágoas virtuais no Facebook, laiándose do seu triste final e da lamentable covardía con que deu ó traste a súa efímera existencia.

Se queres ler o texto, clica aquí. MARA NO INFERNO.

Texto: Natalia Carou

O Superior anula as axudas da Xunta aos colexios que segregan por sexo

Pau xudicial aos colexios segregacionistas ou, máis concretamente, a que estean parcialmente sostidos por fondos públicos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de estimar o recurso interposto polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) contra a orde de concertos educativos promulgada pola Xunta en agosto de 2009, nomeadamente no que atinxe á “subscrición ou modificación de concertos” con cinco colexios que separan o seu alumnado en función do sexo.

Mentres o Goberno central prepara, no marco da coñecida como Lei Wert, unha modificación legal para permitir que os colexios segregacionistas poidan ser concertados, o alto tribunal galego vén de facer valer os preceptos da vixente Lei Orgánica de Educación para invalidar o financiamento público de prazas nos centros Las Acacias, Montecastelo e Aloya, en Vigo, e en Montespiño e Peñarredonda, na Coruña. Esta supresión dos concertos xa fora decidida polo Goberno bipartito pouco antes das eleccións de 2009, se ben o PP, ao retornar ao poder, decidiu devolvérllelos.

Precisamente a existencia de concertos anteriores á LOE foi un dos motivos argumentados polos colexios afectados para manteren as axudas públicas. Pero o TSXG advirte de que “non se pode esgrimir unha sorte de dereito adquirido, posto que cada decisión de renovación opera como acto singular baixo a normativa vixente”. E a normativa vixente, a LOE, “prohibe tallantemente a discriminación dos alumnos na admisión a centros públicos e concertados”, ademais de outorgarlle prioridade aos centros educativos que practiquen a “coeducación”, isto é, o ensino en pé de igualdade para nenos e nenas. Tendo en conta que un concerto educativo é “unha manifestación da actividade de fomento” e que a LOE ordena fomentar a igualdade, explica a sentenza, “non pode fomentarse un criterio e, simultaneamente, o seu contrario”.

O ditame xudicial tamén supón un torpedo á liña de flotación do outro gran argumento do gabinete de Alberto Núñez Feijóo para soster con fondos públicos os centros segregacionistas: a “liberdade”. A xuízo do TSXG a retirada dos concertos “respecta a liberdade de educación así como a libre elección de centro por parte dos pais“, tamén “a liberdade de creación” deste tipo de colexios “por quen adopte un ideario que opte pola educación diferenciada por razón de sexo”. Pero esa liberdade, vén dicir o tribunal, non pode estar por riba “dos principios e regras vixentes, que no caso analizado revisten carácter orgánico por partida dobre”, tanto polos preceptos da LOE como polo estipulado na Lei de Igualdade do ano 2007.

Fonte: Praza

Ferrín consuma a súa dimisión e denuncia que a RAG está en perigo

Acompañado polos catro membros da súa executiva e polo académico Darío Xohán Cabana, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín cruzou onte por última vez a porta do número 11 da rúa Tabernas. Arredor das oito e media da tarde, e antes de que rematase o plenario da Real Academia Galega, Ferrín compareceu ante a prensa que agardaba á entrada da sede da RAG para confirmar a súa renuncia definitiva tanto á presidencia como á cadeira vitalicia que ocupaba desde o seu ingreso na institución no ano 2000.

Méndez Ferrín, visiblemente emocionado polo transcurso dun tenso encontro no que comunicou oficialmente a súa renuncia, denunciou ataques externos e internos contra a Academia que están poñendo en perigo a propia institución: «A Academia está en perigo, hai forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas. Preténdese desvirtuar a súa razón de ser, que é a defensa do idioma de forma intransixente».

Regreso á paisaxe nativa

«Polo tanto -explicou Méndez Ferrín aos xornalistas- eu abandonei a Academia Galega para situarme na miña paisaxe nativa, que é a das agrupacións e asociacións culturais e políticas de esquerda nacionalista que defenden o meu idioma». «Sempre defenderei a Academia e pídolle ao pobo e pídolle á cidadanía de Galicia que defenda a Academia Galega das asechanzas que pesan sobre ela. Moitas grazas», apuntou Ferrín antes de despedirse puño en alto dos presentes e de baixar camiñando, xunto a Manuel González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei, ata Porta Real para poñer fin ao seu mandato do mesmo xeito que o iniciou: a bordo dun taxi.

Axeitos, presidente en funcións

Unha vez que Méndez Ferrín formalizou ante o plenario a súa renuncia, asumiu a presidencia en funcións da Academia o secretario da corporación, Xosé Luís Axeitos, mentres que o actual vicesecretario, Francisco Fernández Rei, pasou a ser secretario en funcións.

A partir de hoxe ábrese o período para elixir ao novo presidente, que terá que ser designado polo plenario nun prazo máximo de tres meses e mínimo de oito días. Dada a crise aberta na institución, Axeitos apuntou que o nomeamento do sucesor de Ferrín vaise acelerar ao máximo: «Esperemos que sexa moito antes dos tres meses».

Os candidatos a presidir a RAG terán que ser propostos por un mínimo de tres académicos ata 48 horas antes da celebración do plenario.

Fonte: La Voz de Galicia

O Conselleiro de Cultura anuncia novas leis para o Patrimonio Cultural e Arquivos

Aínda que desde inicios da lexislatura, a referencia á elaboración dunha nova lei de Patrimonio Cultural é habitual entre os voceiros da Consellería de Cultura, o titular do departamento, Jesús Vázquez, volveu facer referencia a esta futura lei no Pleno de onte no Parlamento, onde compareceu por petición propia para detallar as estratexias da Consellería de Cultura para o que queda de lexislatura. Deste xeito, avanzou que a nova lei incidirá en reformas administrativas relacionadas con obras ou reformas vinculadas a estes bens: “faremos fórmulas mais áxiles nos procedementos administrativos e na xestión e conservación do uso dos bens”. Tamén volveu reiterar que apoiarían a difusión dos bens protexidos a través dun “Inventario dos Bens Culturais”. Tamén volveu anunciar a elaboración dunha Lei de Arquivos.

Por outra banda, Xesús Vázquez anunciou a elaboración dun Plan Galego da Cultura e dun Plan Director do Libro, en ambos dous casos xurdido co “diálogo” co sector, que decida as liñas de investimento público nestes ámbitos para os vindeiros anos. Vázquez tamén anunciou un “plan específico de difusión do libro electrónico en galego”.

En canto á difusión da lingua galega, Vázquez sinalou que a estratexia principal da Consellería é a “ampliación dos usos do galego na sociedade”, e destacou sectores como a administración local, na xustiza, no eido da economia, comercio e industria.

Fonte: Culturagalega

Foto: Jesús Vázquez. © Xunta