Entradas

O Día do Científico Galego homenaxeará ao Padre Feijóo

Foi moi coñecido por cuestionar os dogmas, os milagres e as supersticións relixiosas, ao tempo que defendía a muller nun momento no que se consideraba indiscutiblemente inferior ao home. Foi un precursor do pensamento moderno e agora, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) aprobou por unanimidade que Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, máis coñecido como Padre Feijoo, sexa o homenaxeado no Día do Científico Galego. Aínda que o acto de celebración terá lugar o 23 de abril, ao coincidir co día no que a se publicou do Diario Oficial de Galicia a contitución da RAGC, haberá un amplo programa de actividades para achegar a súa figura entre a comunidade escolar.

Fonte: Culturagalega

O mundo das literaturas galega, éuscara e catalá rebélase contra a españolización do ensino

O mundo da literatura das tres nacións asinan de maneira conxunta un comunicado en que mostra a súa “preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán”. Denuncian que as tres linguas nacionais “deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión”.

As tres asociacións, reunidas na Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, sinalan que o segundo anteproxecto da LOMCE foi aínda a peor e supón “non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e a mocidade dos nosos territorios nacionais”.

Fonte: SermosGaliza

Foto

O CARBALLO segue dando que falar

O blogue de Proxecto Voz Natura (Custodia do territorio e biodiversidade) do CEIP de Sada e Contornos recomenda o libro d´O Carballo, de Calros Silvar.

“O carballo é unha árbore emblemática de Galicia. Neste libro de Calros Silvar, o Carballo cóntanos como é a súa vida e as relacións cos demais seres vivos do seu ecosistema, con quen se leva mellor e quen o amola. Tamén nos recorda o importante que foi e é para as persoas, e como estas son na actualidade o seu maior inimigo. Alerta dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza.

Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén, e de forma moi especial, o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Calros Silvar é integrante da Fundación Fragas do Mandeo e neste curso agasallounos cos magníficos cromos que ilustran o álbum “Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas” dentro do proxecto Voz Natura no que participa o noso centro.

O Carballo é un libro para ver, ler e compartir”.

Podedesde velo no ricón de Voz Natura da biblioteca.

http://voznaturasada.blogspot.com.es/

Agadic completa o organigrama co nomeamento no Departamento de Xestión

María Natividad Cancela Pereiro é a nova coordinadora do Departamento de Xestión da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Este nomeamento súmase ao de Jacobo Sutil como director da Agadic (con rango de director xeral) e completan o organigrama vacante da institución. Sutil tomará posesión do seu cargo o vindeiro luns, tal e como confirmou Anxo Lorenzo ten un “perfil profesional en xestión económica e é un experto na planificación estratéxica de proxectos”.

Tralas reacción do sector cultural, sorprendido polo perfil elexido polo goberno para as industrias culturais, o sector pídelle ao novo director celeridade e transparencia. “O máis urxente é que clarifique todas as acción de Agadic, que reorganice de xeito definitivo o sector audiovisual, e explicar claramente que vai acontecer coa liña de axudas, aínda que sexa para saber que a que deste ano non se vai convocar por mor dun axuste orzamentario” apunta Andrés Barbé, presidente do Clúster. Desde a plataforma das artes escénicas e musicais, Salvador del Río explica que “o fundamental é non quitar nada dos poucos programas que hai, establecer cales son as prioridades para a cultura galega e as artes escénicas e musicais, revisar os gastos estritamente necesarios”.

A situación na que chega esa futura persoa é de fonda crise. Tanto no sector audiovisual como no da artes escénicas no último ano desapareceron varias compañías tan recoñecidas como Dygra ou Lagarta Lagarta, ao tempo que outras de ampla traxectoria como Continental están nunha situación concursal, o paro lastra ao sector e as débedas acumúlanse trazando un horizonte moi complexo. Con todo, Barbé considera preciso “situalo no contexto xeralizado de crise que nos afecta a todos neste momento”.

Fonte: Culturagalega

Tres mil rapazas e rapaces de centros escolares colaboradores participarán nas actividades do Salón do Libro de Pontevedra

Contacontos de Pavís Pavós, Queliña, Andrea Bayer e Celso Fernández e diferentes obradoiros conforman o programa de actividades concertadas para os colexios expositores, así coma a Master Class BDMachine de Kiko da Silva para os IES o 21 de marzo. Perto de 500 nenos/as asistirán cada día ao Salón do Libro durante a súa primeira semana (ata o luns 11 inclusive) para gozar dos contacontos e obradoiros que se lles conceden gratuitamente en agradecemento á súa colaboración. Todos eles pertencentes a educación infantil e primaria, xa que os IES colaboradores asistirán o día 21 ás 10:00 e ás 12:00 horas a un obradoiro de banda deseñada con Kiko Dasilva. Ao rematar as actividades citadas, o alumnado realiza unha visita guiada á Sala onde os monitores lles explican historias sobre os traballos dos centros, a ambientación e ás diferentes exposicións que acolle: “Evolution”, “Parafusos, alambiques e birleques” da AGPI, etc.

Espazos para todos os públicos

Pavís Pavós, Queliña, Andrea Bayer e Celso Fernández ocupan 4 espazos diferentes nos que os nenos/as máis pequerrechiños escoitan moreas de contos relacionados co tema do Salón “A toda máquina”, mentres o alumnado de primaria asiste aos obradoiro de Ilustración (Anxo Fariña) onde aprenden a debuxar seguindo un método moi divertido e diferente, ScrapBook (María Reboredo Leiro) onde constrúen coa técnica do Pop Up, superpoñendo capas, unha postal cun gramófono como o que atopan na Sala de Exposicións. E mentres que con Lucía García se achegan ao mundo da fotografía grazas á montaxe das Cámaras de Papel con recortables en 3D, con Itziar Ezquieta elaboran bonequiños a mar de simpáticos no obradoiro Arte-Facto.

Fonte: AGE

A Academia Galega de Belas Artes nomea a Luis Carunho académico honorario

Son moitos os méritos nos que se basa a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa señora do Rosario para nomear a Luis Caruncho (A Coruña, 1929) como académico honorario. “Se como artista está considerado un dos nomes esenciais do constructivismo español, Caruncho é autor dunha non menos importante produción teórica” apunta a institución no seu sitio web. Caruncho fai o número 18 dos académicos de honra e comparte rango actualmente con Antonio Bonet Correa e Andrés Fernández-Albalat Lois.

Fonte: Culturagalega

Foto

Miguelanxo Prado e David Rubín, candidatos aos premios do XXXI Saló del Còmic de Barcelona

Só dous nomes galegos están entre os candidatos do XXXI Saló del Còmic de Barcelona. Miguelanxo Prado, con Ardalén e David Rubín, con segundo volume de El héroe, compiten con outras oito obras por obter o galardón á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Non houbo candidatos galegos nas categorías de mellor fanzine nin de autor revelación. Logo das votacións dos profesionais do sector das que partiu esta selección, comeza agora a selección polo xurado. En paralelo, o vindeiro 5 de marzo abre o prazo para as votacións populares, polas que se escollerá a mellor obra publicada en España no pasado ano.

Fonte: Culturagalega

Foto

Galicia honra os seus ´Cantares gallegos´

Centos de gaiteiros participaron onte na chamada “Alborada para Rosalía” celebrada de forma simultánea en máis de cincuenta cidades e municipios das catro provincias galegas e organizada pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega (RAG), a Universidade de Vigo e a Asociación de Gaiteiros Galegos para conmemorar o 176 aniversario do nacemento da escritora nun ano ademais en que se cumpren 150 anos da súa obra “Cantares gallegos”, poemario que fixou o comezo dunha nova etapa para a poesía galega. Da praza de Vigo de Santiago, onde naceu a insigne literata, a Vigo, que galegos”, Galicia rendeu tributo a unha das súas escritoras máis universais con lecturas dos versos deste poemario e a música da gaita.

En Vigo, os actos do Día de Rosalía celebráronse en dous emprazamentos: a antiga imprenta de Juan Compañel, situada no número 12 da rúa Real, onde se imprimiu a primeira edición de “Cantares galegos”, e a praza da Constitución, onde a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, leu o manifesto escrito para esta conmemoración e recitou un dos poemas da escritora homenajeada, “Campás de Bastabales”. Neste acto interviñeron tamén Isaura Abelairas, concejala de Benestar, e o presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Cándido Pérez Betanzos, que recitaron senllos poemas, así como gaiteros de distintas formacións, entre elas a Escola de Gaita da Asociación de Veciños do Casco Vello, que, dirixidos por Anxo Pintos, interpretaron a “Alborada”, peza musical de Rosalía, e outras como “Sárdoma”. Así mesmo, o Orfeón Mariñeiro do Berbés actuou na praza de Almeida.

A cita da praza da Constitución contou tamén coa participación, improvisada, da poetisa Carmen de Jesús García, Carmeliña, que recitou “A xustiza pola man”, un dos poemas que forman parte do repertorio que a escritora emprega nos seus recitales. “Cando dou un recital fóra de aquí sempre hai algún galego que me pide algún poema de Rosalía de Castro porque non se pode entender Galicia sen Rosalía nin Rosalía sen Galicia”, asegurou a poeta trala súa intervención.

Con esta “Alborada” multitudinaria arrincaron os actos que se celebrarán ao longo de todo o ano en Galicia para conmemorar o 150 aniversario de “Cantares galegos” e nos que Vigo terá un peso importante. Un dos seus eixes centrais será a exposición “O Cantar dos cantares”, que se organizará co patrocinio da Xunta e o Concello de Vigo coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Así mesmo, o concello vigués celebrará a publicación de óbra cume de Rosalía de Castro con 42 actos ata o 17 de maio noutros tantos puntos da cidade.

Fonte: Faro de Vigo

Entrega de premios e protestas nos Premios da Cultura Galega de 2012

Foi unha gala de variados sons e diferentes texturas. Dentro, voces poéticas e suaves sintonías. Fóra versos en pancartas e áspera estridencia. Na presentación do acto, moderno con aires vintage, nunha sala da Cidade da Cultura ataviada con altas torres de focos, grandes pantallas e proxeccións nas paredes, un vídeoclip utilizaba como fío conductor un dial analóxico de radio sintonizando diferentes imaxes de actuacións musicais, teatro, audiovisual e escenas culturais. Aínda que, realmente, o fío conductor foi a propia cultura, un fío moi presente dentro e fóra do Gaiás que serviu para que os propios protagonistas reivindicaran, unha vez máis e cada un á súa maneira, o propio feito cultural e a lingua galega ante o presidente da Xunta, o conselleiro do ramo e outras autoridades do Goberno autónomo.

Antes do comezo do acto, na rotonda acceso á CdC, baixo a choiva e ante un cordón policial, un nutrido grupo de traballadores das artes escénicas berraban un contundente ‘non’ ao desmantelamento do sector, e apupaban ás autoridades ao seu paso nos coches oficiais cara á gala de entrega de premios, nunha acción de visibilidade como as de días pasados contra a denunciada “paralización” do sector.

Dentro, a escritora Yolanda Castaño presentaba os Premios da Cultura Galega enlazando versos de egrexios poetas coas figuras dos galardoados. Chamaba, en primeiro lugar, a Manuel Quintana Martelo, premio na categoría de Artes Plásticas. O pintor salientou que a cultura fai a historia dos pobos, a nosa historia; recordou ao falecido Jorge Peteiro e dedicoulle o premio a súa nai, unha muller de 93 anos que entendeu que abandonara unha carreira “seria” para empuxalo ás belas artes.

O segundo galardoado foi a Asociación Internacional de Estudos Galegos, colectivo académico que naceu nos Estados Unidos en 1985 co obxectivo de poñer en común investigacións de estudosos da cultura galega de todo o mundo. Non recolleron o premio. Non asistiu ningún dos seus representantes.

A música foi homenaxeada na figura de Manuel Rodeiro, que despois de recoller o seu premio deu conta do reforzo do seu compromiso e da relación coa terra. Detrás de Rodeiro recolleron galardón os representantes da Fundación Eduardo Pondal, entidade recoñecida polas súas iniciativas en prol do Patrimonio cultural.

O Premio das Artes Escénicas recaeu no cadro artístico Airiños, que cumpre 80 anos no teatro, que naceu na parroquia rianxeira de Asados no ano 1933 da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista, e que leva unha traxectoria admirable no espazo creativo en galego. Tampouco acodiron a recoller o premio.

Miguel Anxo Fernández, un todoterreo da escena galega que cre nun país de imaxes propias, case implorou que a crise faga unha excepción coa creación audivisual. Precisamente o seu labor nese ámbito foi recoñecido cunha das estatuíñas.

Finalmente, o presidente da Xunta entregoulle o último dos premios a Salvador García Bodaño, gañador na categoría das Letras. O poeta pronunciou un breve e sentido discurso en defensa da lingua galega, que “é patrimonio de todos, de todos cantos a aman”. E deixou a mensaxe, tamén sentida, de que cómpre un esforzo de consenso para que a lingua galega permaneza no século XXI e que se cumpra o soño dos nosos devanceiros. “Fagamos que sexa posible”.

No medio da gala, a soprano Laura Alonso e o pianista Javier Otero estrenaron unha fermosa canción, ‘Dous cantares’, de Fernando Bulide. Ambos artistas cerraron o acto co himno galego. Antes Núñez Feijóo pronunciou o último dos discursos, con Vicente Risco como referencia. Galicia non é un país pequeno. Galicia é un mundo. Cunha teima por ampliar e conquistar espazos. Cun expansionismo singular. E gracias á cultura, “que nos fixo fortes para afrontar os problemas”. A cultura, “un vencello co pasado e co futuro”.

E precisamente de futuro, e de presente, falaban os manifestantes da Plataforma de traballadores de artes escénicas que, fóra do Gaiás, se manifestaron para facérense visibles, que din vivir na incerteza porque o sector das artes está paralizado, e que se queixan de que non teñen interlocutor na Administración. O nutrido grupo de artistas concentrados denunciaban o desmantelamento do sector, e nesta ocasión reivindicaron a cultura de rúa precisamente aos pés da CdC, no mesmo lugar onde se entregaban os premios do 2012.

Houbo outra pincelada musical polo medio da gala. Foi a cargo do grupo Acadacanto, que regalaron a beleza do sinxelo co tema ‘Teu nome por mar e terra’. Delicioso. Tamén os compoñentes deste grupo aproveitaron o momento para lanzar un anceio “polo futuro do sector”.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: Fernando Blanco

Falece o pintor Jorge Peteiro

A mirada do pintor Jorge Peteiro (A Coruña, 1959) apagouse onte para sempre na súa casa-estudo de Vilar (Sada), onde loitou durante os últimos meses contra un cancro que, malia todo, non lograra arrebatarlle ese vitalismo indómito que derramou durante décadas na súa pintura.

Peteiro iniciou o seu andadura creativa na súa cidade, nos inquedos anos setenta, deambulando entre o teatro independente, os fanzines e os seus primeiros murales urbanos. Na súa primeira exposición individual en 1984, na xa extinguida sala de Caixa Galicia, o crítico Fernando Mon xa detectou a clave da súa obra: «Peteiro está en posesión dunhas ideas moi claras sobre a esencialidade da luz». Porque xa desde un primeiro momento este creador entusiasta, panteísta e hedonista a partes iguais, que como as súas obras chegou a converterse nun elemento máis da paisaxe urbana da Coruña, apropiouse dun estilo propio e dunha mirada, luminosa e vitalista, que forxaron os seus acenos de identidade durante máis de tres décadas.

Compaxinou durante eses primeiros anos a arte coa docencia, que exerceu en varios institutos galegos, de Ortigueira a Cambados, ata que en 1990 deixou as pizarras e trasladouse a Nova York, onde a súa carreira cobrou un xiro esencial. Era a perspectiva que necesitaba para regresar a Galicia, aos seus bártulos e aos seus lenzos. A Peteiro había que velo así, en plena faena, entre os seus botes e os seus pinceles. No baixo case clandestino que tiña en Calvo Sotelo, na Coruña, recluído entre os seus cacharros e cunha broma sempre lista nos beizos para restar pompa ao misterio da arte, que para el consistía en traballar e xogar no sentido máis nobre desta devaluada palabra. O pasado decembro, na súa última entrevista na Voz -coa que colaborou habitualmente e para a que deseñou unha colección de pines da Coruña-, subliñaba que do seu paso polo colexio recordaba, en esencia, o patio: «Eu non fun ao colexio, fun ao recreo». O xogo, sempre á espreita, desde a infancia ata estas últimas reflexións.

Esa mirada lúdica e felizmente inxenua bañou toda a súa obra. Colorista e luminoso, o seu estilo persoal e intransferible lese en todas as súas creacións: pinturas, murais, esculturas e gravados, entre as que se poden destacar obras xa icónicas como o peixe que recibe ao visitante no exterior do Aquarium Finisterrae da Coruña, a peza de gran formato que loce na residencia do presidente da Xunta en Monte Pío ou o cadro que aluma o sorriso dos pacientes no vestíbulo da unidade de Cardiología do Chuac.

Entre os seus máis de trinta exposicións individuais sobresaen a mostra de obras de gran formato que exhibiu en 1998 na añorada Estación Marítima coruñesa ou a que no 2000 dedicoulle a Casa da Parra de Santiago ao fío da capitalidad cultural europea de Compostela.

A familia e os amigos de Jorge Peteiro celebrarán hoxe un acto civil de despedida, ás 16.30 horas, no tanatorio Servisa da Coruña.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Obra de Jorge Peteiro