Entradas

Ouro, caciquismo e loita en Corcoesto

Se finalmente a Edgewater logra explotar a metade da superficie de Corcoesto, farao coa oposición de gran parte dos veciños non só desta parroquia, senón de todo o concello de Coristanco. Quedou claro este domingo, cando a oposición á macromina de ouro logrou reunir a un milleiro de persoas na capital municipal. Era a primeira gran convocatoria en contra do proxecto da empresa canadiana.

Os veciños falan para as cámaras de Tingalaranga

Antes da manifestación, GC achegouse a Corcoesto para falar cos veciños. O seu principal argumento é que por 10 anos de minaría tanta destrución non vale a pena.  “Vivimos das vacas e da madeira” razonan antes de lembrar o estudio do Sindicato Labrego Galego que apuntan a que 1.000 explotacións gandeiras se verían afectadas.

Tamén lembran o estudio do Centro Superior de Investigacións Científicas, que indica que o Río Anllóns ten 2,1 veces os límites de arsénico permitidos pola Lei, debido á minaría de ouro dos ingleses de hai cen anos.

Os veciños falan de prácticas caciquís por parte dos alcaldes  -a mina toca tres municipios- para dividilos. En particular, critican que un edil actúe de mediador á hora de repartir os postos de traballo: “a empresa de recursos humanos está regentada polo alcalde do Concello de Cabana”. O Concello abriu unha lista para seleccionar persoas para traballar para os americanos.

Os habitantes da parroquia ameazada aseguran que Edgwater mesmo tomaron fotografías da romaría local para poñelas na súa web como  exemplo da boa relación da mina coa xente de Corcoesto, “o que non é real”.

Hai mesmo quen fai paralelismos entre a loita das Encrobas nos setenta e a actual en Corcoesto. “Hoxe non estamos neses tempos pero a presión mediática aquí é igual, aquí hai enfrentamentos, hai familias enfrentadas uns cos outros, son enfrontamentos que non se debían dar nestes tempos”.

Iso si, os habitantes da parroquia admitiron que entre eles hai división de opinións, pois os postos de traballo que xa está a ofrecer Edgewater sirven para convencer a algunhas familias.

A chegada da ‘febre do ouro’ a Corcoesto trouxo consigo outras prácticas típicas da tradición caciquil en Galicia. Edgewater, segundo os veciños críticos, tenta gañarse ao pobo investindo en iniciativas locais, dende patrocinios aos equipos de fútbol até excursións.

En Corcoesto hai xa familias  que venderon as súas fincas -non hai vivendas afectadas- malia que o proxecto aínda necesita superar as alegacións á Declaración de Impacto Ambiental, autoavaliación publicada pola Xunta e pagada pola compañía.

Crónica da manifestación

“Tu-tu-tururú, o arsénico que o métan polo cú” foi un dos berros máis coreados durante a manifestación canda o típico “a culpa de quen é, dos que votan ao PP”. Os veciños están moi preocupados polo impacto que terá a mina nos centos de explotacións agrícolas que quedarían ás beiras da industria.

Curiosamente, as críticas á mina son máis unánimes nas parroquias que ficarán preto da xigantesca fonchanca e de varias balsas de residuos tóxicos que no propio Corcoesto, admiten os veciños. Nesas parroquias non haberá beneficios económicos directos -expropiacións, compra de bens, posíbeis contratos para os fillos dos que vendan a bo prezo ….- e si o impacto dunha industria moi contaminante, que pode dificultar a viabilidade de iniciativas como a agricultura e a gandería ecolóxica ou o turismo rural.

AGE e BNG canda os veciños

A mina afecta directamente a Coristanco, e a súa zona de servidume a outros municipios. Todos teñen alcaldes do PP e todos están a favor da explotación. Ademais, o concelleiro de Medio Rural de Coristanco é do propio Corcoesto, e segundo os veciños críticos actúa como ‘conseguidor’ das demandas da mina.

Polo visto este serán en Coristanco, gran parte do electorado está en contra. Tamén se opoñen forzas como o BNG, que estivo representado por Francisco Jorquera e boa parte dos cargos do Bloque na Coruña, e Anova Irmandade Nacionalista, que estivo representando por Antón Sánchez, deputado de Alternativa Galega de Esquerda.

Jorquera, en declaracións ao GC, atacou o papel da Xunta ao apoiar un proxecto que cualifica de “colonial”. Sánchez destacou que a empresa canadiana marchará cos beneficios do ouro mentres os prexuízos da contaminación afectarán para sempre o peto dos galegos.

Quedan, iso si, tres anos para os próximos comicios electorais. A intención de Edgewater é comezar as obras este mesmo ano. A pelota está no tellado da Xunta, pero tal e como o conta a TVG parece que a decisión xa está tomada.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: © Monte Pindo Parque Natural

O Xabarín Club recibirá o premio de honra da Academia Galega do Audiovisual

Son moitos os motivos polos que a Academia Galega do Audiovisual decidiu darlle o seu premio de honra, Fernando Rei, a un programa de televisión como é o Xabarín Club. Primeiro porque foi “un espazo pioneiro no concepto imitado posteriormente pola maioría de canles”, segundo porque “conseguiu espallar a lingua galega polos fogares da nosa comunidade dando nome a toda unha xeración: A xeración do Xabarín”. Pero tamén porque “foi plataforma de base para actores, actores de dobraxe e incluso músicos” e mesmo chegou a xerar un xénero musical propio: o bravú. O programa, que chegou a ter cen mil socios, pervive mantendo a súa esencia e por iso a Academia lle concede este premio de honra. Entregarase no marco da Gala dos premios do Audiovisual Galego que terá lugar o 6 de abril no Pazo da Ópera da Coruña baixo a dirección de Dani de La Torre. Os finalistas saberanse este venres 15 de febreiro da boca de Luis Tosar e Camila Bossa.

Fonte: Culturagalega

Os Premios da Cultura Galega 2012 entréganse a vindeira semana no Gaiás

Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo e Manuel Rodeiro serán algunhas das personalidades que o próximo 21 de febreiro estean convocadas na Cidade da Cultura para recoller os Premios da Cultura Galega 2012, neste caso nas categorías de Letras, Artes Plásticas e Música, respectivamente.

Así, o Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá a partir das 19.00 horas do día 21 o acto no que se entregarán estes galardóns convocados pola Xunta de Galicia.

Ademais destes tres premios, tamén será recoñecida o labor do grupo de teatro Airiños na categoría de Artes Escénicas, da Asociación Internacional Estudos Galegos na categoría de Promoción Cultural de Galicia e de Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual. A Fundación Eduardo Pondal recollerá o premio ás Iniciativas en favor do Patrimonio Cultural.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, a conservación e a posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensano Xosé Cid.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Xunta

A cultura de base implícase nas celebracións do Día das Letras Galegas 2013

O Día das Letras Galegas 2013 ameaza con chegar moi para alén das homenaxes institucionais habituais nesta celebración. A pegada de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado nesta xeira, está a motivar múltiples propostas feitas desde o asociacionismo e a base cultural. Entre estas, destaca o nacemento da Asociación Roberto Vidal Bolaño, que quere recuperar a memoria do dramaturgo e desenvolver toda unha serie de accións que chegan moi para alén deste ano.

Aínda que se deu a coñecer o pasado mes de novembro e tivo a súa posta de longo a pasada semana, o proxecto da asociación vén de moito tempo atrás. “Xa desde que Roberto nos faltou un grupo de xente próximo a el tivemos a preocupación de que non se perdera a súa obra e todo o seu legado, que vai para alén da escrita. Entón levamos anos a traballar xuntos, indo de editora en editora buscando quen editase as obras completas, presentando proxectos de documentais e de ficción audiovisual, movendo espectáculos ou tentando que se representase”, lembra Belén Quintáns, presidenta da asociación de viúva do dramaturgo. “Cando chegou a declaración das Letras vimos que precisabamos unha estrutura legal para nos relacionar coas institucións e a fórmula de asociación pareceunos forma máis rápida e axeitada”. Naquel momento, a propia Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco botaban a andar o proxecto.

Incorporación

Coa presentación da segunda semana abríase unha segunda fase para o colectivo. Agora, a participación está aberta a todos os interesados, que se poden facer socios vía web, aproveitando así que o formato permite artellar unha ampla participación social. “Buscamos que todos os colectivos que dun xeito ou doutro tiveron que ver con el se impliquen. Por unha banda buscamos xente que podería colaborar con nós, pero pola outra sabiamos que hai moita máis xente que estarían interesados e que non sabían como acceder a nós ou como facerlles chegar propostas”, lembra Quintáns. A amosar o interese e a implicación de diferentes sectores, incorporáronse e participaron na presentación Antonio Durán “Morris”, en representación do colectivo actoral; Jorge Rei, en representación dos titiriteiros; Antón Dobao, en representación do audiovisual; Luis Rei e Luciano Fernández, en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais; Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; Laura Ponte, de Teatro Antroido; e un representante da Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea).

Propostas sociais

Así pois, a implicación social na celebración do Día das Letras 2013 semella clara, e Quintáns recoñece que están ter coñecemento de múltiplas iniciativas que, en ocasións, acaban dando acubillo no seo da Asociación. “Hai moitísimas cousas. Dalgunhas mándannos información á asociación de doutras enterámonos cando están en marcha, desde pequenas representacións ata o roteiro de viños da Santa Bolaña” que percorreu a zona vella compostelá o pasado 15 de decembro. “Enterámonos que desde o Conservatorio de Santiago están a preparar un acto reunindo os músicos que traballaron con Roberto e queren interpretar algunhas da pezas que se fixeron para as obras. Entón estarán Roberto e Uxía Bolaño, que son sobriños del e que estudan no centro, canda a Rodrigo Romaní, Emilio Cao ou Bernardo Martínez”. A esta proposta sumouse “o conservatorio de Culleredo, que tamén quería facer algo semellante, entón imos ver de preparar algún tipo de circuíto”. Desde as universidades, pola súa banda, estaba previsto desenvolver unha serie de lecturas dramatizadas de obras do homenaxeado. “Semella que agora iso evoluíu e que se van montar espectáculos, entón a ver se tamén os facemos circular polas universidades. E logo nos centros de ensino os rapaces están a traballar como tolos. Hai documentais, montaxes, obradoiros de teatro, de todo. É incrible a acollida que tivo nos centros, están implicados desde os máis pequenos aos últimos”. En xeral, Quintáns recoñece que “hai relativamente pouco que Roberto desapareceu. Era un personaxe en si mesmo e resulta moi coñecido e reivindicado por xente que ao mellor nin ía ao teatro. E logo está o seu público, que en todo este tempo xa viña reclamando que se programase”.

Actividades

Desde a Asociación, pola súa banda, pretenden que “este ano sexa algo festivo e de exhibición, tentando chegar a todo tipo de xente e de públicos”. Nese sentido “parécenos fundamental pór os seus textos nos escenarios”. Deste xeito, a escena ocupará unha parte fundamental da programación prevista para este ano. Destacan nestas propostas as montaxes de obras do homenaxeado que xa anunciou o Centro Dramático Galego, Días sen gloria, para a primavera e Touporroutou da lúa e do sol, para o segundo semestre do ano. Ademais, está xa en marcha o ciclo Vidal Bolaño recuperado. Citas audiovisuais que recupera gravacións das representacións de obras do autor. Ademais está previsto para o vindeiro outono levar ás táboas Bailadelas, un texto de Roi Casal, fillo de Roberto, que recolle varios dos personaxes femininos do dramaturgo. Sen esquecer que está en xira a montaxe Criaturas, de Teatro do Aquí. O colectivo ten claro que quere que haxa propostas ao longo de 2013. “Estanos custando moito conseguir que haxa actividades ata decembro. Polo xeral semella que logo do 17 de maio acabou todo o relacionado co Día das Letras”, lembra Quintáns. Con este obxectivo “para o vindeiro outono queremos organizar, en colaboración coa SGAE unha mostra de teatro afeccionado no que se recoñeza a mellor montaxe da obra de Roberto que se fixese ao longo do ano, para animar tamén a que os grupos de teatro amador monten os seus textos”. Canda a isto “un dos obxectivos que pretendemos é que se comece a recoñecer a literatura dramática ao mesmo nivel que a narrativa e a poesía. Pensamos que é o que máis lle interesaría a Roberto desta celebración e era unha das súas grandes preocupacións. O Día das Letras é un impulso importantísimo neste camiño”. Unha exposición é outra das actividades que pretenden divulgar este ano a figura do dramaturgo.

Reivindicacións

Dado o carácter social que están a adquirir as homenaxes a Vidal Bolaño, resulta inevitable que estas celebracións reflictan dalgún xeito a difícil situación que está a pasar a escena na actualidade, precisamente cando a profesionalización era unha das grandes teimas do autor. Así se puido ver na posta de longo do colectivo, no que non faltou o elemento de denuncia sobre o perigo que corre o sector teatral do país. Segundo recoñece Quintáns, “poida que estas homenaxes chamen a atención sobre a situación, pero non vexo a administración sensible con este tema. A profesionalización que comezou con Roberto alá no comezo dos tempos está a se desmantelar. Hai pouco orzamento e a crise afecta a todos os sectores, pero no caso galego está a se desviar todo á cidade da cultura. Ao tempo a programación dos concellos está a ser cada vez menos, desprezando o traballo dos técnicos de cultura. Voltaremos ao que contaba Roberto dos seus primeiros tempos de ir actuar por un bocadillo”. Malia á crítica coa actuación, polo momento “a colaboración coa administración é boa, semella que hai interese en facer cousas, o que pasa é que a estas alturas seguimos sen contratar orzamentos, e moitos concellos non saben aínda se van poder contratar obras”.

Melloras

Fronte a esta problemática, a presidenta da asociación salienta a evolución na última década, desde a morte de Vidal Bolaño, do traballo que se fai en Galicia . “A nivel de actores houbo un subidón de calidade importantísimo, tanto de xente nova que se incorpora á profesión como dos actores de antes, que se lle vai notando a práctica. Nomes como Evaristo Calvo, Belén Constenla ou Víctor Mosquera xa eran bos, pero están a chegar a niveis que non teñen nada que lle envexar a ninguén”. Fronte a isto, sinala que “a nivel de propostas artísticas, penso que a xente continúa a funcionar un pouco por ocorrencias, ou ben opta por autores e fóra con algo de renome. Síntoo moito pero é o que penso. Poño en dúbida mesmo que moito do teatro que se fai se lle poida chamar galego para alén do emprego da lingua. Aínda que hai excepcións, falta algo que nos parece tristísimo que é que Vidal Bolaño non crease escola”.

Alén do Día das Letras

Para alén dos fastos deste ano, a Asociación ten claro que quere seguir traballando pola memoria do dramaturgo. “Aínda que semella que hai un efecto Día das Letras que mata o autor por segunda vez. A xente queda saturada dos homenaxeados e non se volta falar deles en anos salvo que haxa alguén que teña interese en que se coñeza a súa figura”. Deste xeito, de cara ao futuro está na mesa a creación dunha fundación que manteña o legado de Vidal Bolaño. “Xa é a idea inicial desde que comezamos a asociación”. Con esta perspectiva sinala que “sabemos que hai traballo que non collen en 2013. Un que resulta inmenso é a compilación e a catalogación de todo o material audiovisual, literario e fotográfico ou de cartelería que ai arredor del. Falamos de grupos afeccionados que montaron obras súas e de todo tipo de documentación. Entón aí hai un reto importante. Logo parécenos moi importante que se estude en serio a súa obra e o seu traballo, que salvo no caso da tese que fixo Fernández Castro, é algo que non analizou en profundidade. Por exemplo, poderían darse bolsas para investigar esta obra, e parécenos que é algo que cómpre facer. Logo seméllanos incrible que, por exemplo, o director da Escola Superior de Arte Dramática puidese dicir, hai cousa dun ano, que non estaba seguro de que todos os alumnos soubesen quen era Vidal Bolaño, cando debía ser unha materia obrigatoria nun centro que se supón que tenta formar profesionais do teatro galego”, lembra Quintáns.

Fonte: Culturagalega

Foto

As feiras do libro renóvanse e chegarán cun novo formato e actividades

“Necesitábase un cambio total nas feiras”. Así de claro se expresaba esta mañá Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros. E o cambio chega este ano. O traballo destes negocios en colaboración con editores e escritores deu nun novo modelo de feiras que percorrerá a xeografía galega esta primavera e durante o verán chegando a 11 localidades. Este ano recupéranse para a cita literaria Foz e Monforte, que caeran no calendario de 2012, incorpórase Rianxo e volta, logo dunha longa ausencia, Pontevedra.

A presidenta dos libreiros, Pilar Rodríguez, salientou que en 2013 a cita contará cun novo deseño de casetas e unha distribución que busca crear un espazo acolledor para os visitante. Un espazo de lectura e préstamo de libros para os máis novos, maior presenza do libro galego, unha caseta Outlet con material rebaixado das librarías participantes, un pregón máis dinámico e un espazo físico para os editores e institucións sociais son algunhas das novidades que se adiantaron esta mañá, complementadas coa existencia de wi-fi en todo o recinto da feira e cunha web propia para cada cita.

Unha das novidades máis destacadas é que será a propia Federación de Libreiros quen se encargue da programación do evento. “Queremos implicar colectivos locais que nos axuden a detectar necesidades culturais específicas en cada lugar”, explicou a presidenta dos libreiros. Ademais, buscarase un lema que lles dea continuidade ás diferentes citas.

Segundo destacou Rodríguez, coas novidades para esta edición quérese recuperar a participación tanto de libreiros como de público, que, “estaba a descender de edición en edición”. Tanto ela como Pedreira destacaron a importancia que ten esta cita para chegar a un público que non é habitual das librarías e o atractivo que teñen os descontos para os compradores.

Segundo lembrou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, en vindeiras datas asinarase o convenio polo que o seu departamento fará efectivo o apoio económico a esta iniciativa. En total será un orzamento 120.000 euros, que se sumará ás axudas destinadas á montaxe das feiras.

CALENDARIO DAS FEIRAS DO LIBRO 2013

Ferrol – 20 a 24 de abril
Santiago – 27 de abril a 5 de maio
Lugo – 14 a 19 de maio
Pontevedra – 22 a 26 de maio
Ourense – 4 a 9 de xuño
Vigo – 28 de xuño a 7 de xullo
Rianxo – 25 a 27 de xullo
A Coruña – 1 a 11 de agosto
Vieiro – 13 a 16 de agosto
Foz – 17 a 20 de agosto
Monforte – 22 a 25 de agosto

Fonte: Culturagalega

Literatura e ciencia (V). PERDIDOS NO ESPAZO

Retomando o asunto da singularidade tecnolóxica, un dos seus profetas -un home singular, sen dúbida- é Raymond Kurweill, autor entre outras obras de Singularity is near, na que debulla as condicións tecnolóxicas presentes que culminarán nun futuro moi próximo e irrecoñecible, no que a evolución biolóxica experimentará un cambio cualitativo, fusionaranse máquinas e humanos e a intelixencia cibernética alcanzará e superará á humana.

R. Kurweill é unha personalidade sobranceira, cunha intelixencia visionaria que aplica como inventor e pensador. Como inventor, logo de crear o OCR desenvolveu o primeiro scanner para ordenador, e un xerador de voz a partir de texto. Da dixitalización da imaxe pasou á de audio: creou os famosos sintetizadores que levan o seu nome, con bancos de sons que marcaron unha época na música, iniciou aos computadores no recoñecemento de voz, e hoxe fabrica dispositivos de conversación home-máquina. O tacto é o seguinte sentido no que traballa para introducilo na computación.

Pero non só as súas invencións tiveron e teñen grande repercusión. Moitas das predicións que realizou sobre a evolución tecnolóxica a corto-medio prazo víronse cumpridas na pasada década e iso, cando menos, obriga a prestar atención ás de prazo máis longo.

Entre estas últimas salienta a aparición de intelixencia cibernética autoconsciente, algo coherente coa súa implacable liña de pensamento e acción, na que todos os sentidos e capacidades humanas vanse traspasando -bidireccionalmente- ás máquinas. E non menos salientable é o prazo que estima para chegar a ese punto, realmente escaso: contra o ano 2045. Cun pouco de sorte, el pode ser quen de velo. E, sabendo o moito que o home se coida, resúltame difícil desbotar a idea de que os seus cálculos están nesgados polo seu devezo de estar presente nese instante crítico.

Para Kurweill está probado que limitar a inxestión de calorías alonga a vida. Iso, e mais incluír na dieta enormes cantidades de vitaminas e complementos nutricionais dos que el mesmo é fabricante e ocasional publicista, animando -case como aquel horrible Superrato de Terry Toons- a Hipervitaminarse e Mineralizarse! Nas últimas imaxes que vin del -nun capítulo de Redes, hai xa uns anos- imítaballe bastante a un gnomo en camiseta, atemporal, enxoito, practicante entusiasta da restrición calórica.

Bromas á parte, un dos dous protagonistas do relato que vos presento, Perdidos no espazo, deberalle á Kurzweill boa parte das súas cualidades conversadoras. Malia que quizais deba tamén unha parte non desprezable ao efecto ELIZA, grazas ao cal un contestador automático lixeiramente evolucionado pódenos dar unha ilusión de compañía -se o ton e timbre de voz son os axeitados, se estamos moi faltos-. Proxectamos tanto a nosa psique en derredor que, se fai falla, unha sombra pódenos servir de compaña. Xa poñemos nós o resto, xa o animamos como temos animado o universo todo dende os albores da hominización.

Se queres ler o texto, clica aquí. Perdidos no espazo.

Texto: Cris Pavón

Unha reportaxe do programa «Reporteiros» da TVG gaña o premio xornalístico Albarelo

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña fai público ao ganador e os accésits do XIII Premio Xornalístico Albarelo, que nesta edición recaeu nunha reportaxe de César Souto Vilanova, do programa Reporteiros de Televisión de Galicia. O traballo, premiado con 3.000 euros foi emitido o pasado 28 de abril de 2012 e titulábase Copago e reforma sanitaria.

Ademais recoñecéronse dous accésits premiados con 1.000 euros cada un. Un para o xornalista de Radio Voz, Isidoro Valerio, presentador do programa Voces de Galicia, polo conxunto de programas baixo o título A longa transición cara ao copago farmacéutico a través de 2012, emitidos entre marzo e xullo.

O outro é para a xornalista do Ideal Galego Sonia Dapena, por unha reportaxe titulada Os pensionistas afrontan o copago entre o desconcerto e a resignación.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: https://pacoprieto.wordpress.com/tag/uso-seguro-y-responsable-de-internet/

Consellos a pais e nais para asegurar aos seus fillos e fillas un uso seguro e beneficioso de Internet

Durante o tempo que os menores pasan conectados a Internet poden ser vítimas dos riscos propios destas contornas cibernéticos: contidos inapropiados, técnicas agresivas de publicidade e vulneración da privacidad, pero tamén acoso ou extorsión.

A Asociación Xeral de Consumidores, ASGECO CONFEDERACIÓN recorda que a Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal , obriga a que para o tratamento de datos de menores de 14 anos debe existir unha autorización expresa do pai ou nai, non só no relativo ás redes sociais, senón para calquera actuación que requira un rexistro de datos persoais.

Son moitos os pais e nais que saben que os seus fillos e fillas menores están rexistrados nalgunha rede social, pero o que non saben é que eles son os únicos responsables, tanto da súa protección e coidado como das actuacións dos seus fillos e fillas en Internet. Os menores de 18 anos quedan ao coidado de pais e/ou nais, non só na vida real, senón tamén na vida que os mozos desenvolven en Internet.

ASGECO Confederación recomenda aos progenitores aproveitar os sistemas de “control parental” instalados por defecto nos terminales electrónicos (televisións, ordenadores, teléfonos móbiles, consolas, tabletas informáticas etc.). Estas ferramentas permítenlles controlar o acceso dos menores a determinadas páxinas web ou canles interactivos de televisión. O bloqueo pode establecerse de diversas formas. O etiquetado de páxinas, o bloqueo por tempo de navegación ou o bloqueo por palabras son algunhas das ferramentas de que dispoñemos para garantir un aproveitamento seguro da tecnoloxía por parte dos nosos fillos e fillas menores.

ASGECO CONFEDERACIÓN recorda que estas ferramentas de control parental non ofrecen unha garantía do 100%, nin tampouco son os únicos medios: a educación, o diálogo e a concienciación dos consumidores máis novos é a forma máis efectiva de previr este tipo de prácticas. Nun estudo do Observatorio da Seguridade da Información , o 92,8% dos encuestados consideran informar aos seus fillos/as sobre “as ameazas que existen en Internet”, e o 93,3% advertiron aos seus fillos/as de “os problemas de facilitar datos persoais” propios ou de persoas próximas a el ou ela, como os seus familiares.

Segundo o mesmo estudo, un 86,9% dos pais e nais declaran: “Pedinlle que me informe de calquera conduta ou contacto que lle resulte incómodo ou sospeitoso”. ASGECO CONFEDERACIÓN anima aos pais e nais a manter unha relación de confianza sobre este tema e asegurarlles que lles apoiarán se se sinten vítimas de certos comportamentos denunciables, e que os denunciarán ante as autoridades competentes (Grupo de Protección ao Menor no Uso das Novas Tecnoloxías da Dirección Xeral da Policía ou Departamento de Delitos contra as Persoas da Policía Xudicial da Garda Civil).

ASGECO CONFEDERACIÓN fai saber aos pais e nais que os Códigos de Conduta das redes sociais en España prohiben expresamente que os menores de 14 anos teñan un perfil en calquera rede social e ofrecen un xeito sinxelo de denunciar esta situación para pechar un perfil: facebook, tuenti (privacidad@tuenti.com) e twitter (privacy@twitter.com).

ASGECO CONFEDERACIÓN emite unha serie de consellos que os pais e nais poden ofrecer aos seus fillos e fillas:

  • Ter coidado coa información que proporcionan;
  • Axustar a configuración de privacidad da súa conta de modo que só os amigos e amigas aprobadas accedan aos seus datos;
  • Utilizar un alias en lugar dun nome real; tamén se recomenda que poñan unha imaxe gráfica ou do seu grupo favorito, para que os invitados estraños non teñan xeito algúnde acceder a unha imaxe deles/as.
  • Ser responsable cos comentarios que poñen, así como as imaxes que suben, e insistir en que non é unha boa idea comentar constantemente a onde van, que están facendo etc.;
  • Non aceptar a todo o mundo como amigo ou amiga nas súas redes sociais;
  • Ante todo, se creemos que hai algo que lles está facendo sentir mal, apórtalles suficiente confianza para que cho conten e así poder axudalos.

ASGECO CONFEDERACIÓN indica onde se pode denunciar:

Dirección Xeral da Policía
Grupo de Protección ao Menor no Uso das Novas Tecnoloxías
Unidade de Investigación da Delincuencia en Tecnoloxías da Información
Tlf: 91 582 23 58
Email : denuncias.pornografia.infantil@policia.es
Brigada de Investigación Tecnolóxica
C/ Plomo, 14. Madrid. Tfno. 915889522 e 915889555

Garda Civil Española
Policía Xudicial
Dpto. de Delitos contra as Persoas
Tlf: 91. 514 60 00 Ext.:8376/8377
Email: uco@gcivil.mir.es
Brigada de Investigación Tecnolóxica: http://www.policia.es/org_central/judicial/udef/bit_alertas.html
Grupo de delitos telemáticos: https://www.gdt.guardiacivil.es/webgdt/pinformar.php
Email: proteccion-menor@guardiacivil.org

Fonte: asgeco

Foto

A Xunta ‘prepara’ o recurso ás sentenzas do decreto do idioma

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acudiu onte o Tribunal Supremo como paso preceptivo para poder suscitar un recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo.

O departamento autonómico acudiu o último día de prazo, asegura, “por si se producía algunha resposta dialogante e construtiva achega da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta”, en sede parlamentaria, quen ofreceu aparcar as diferenzas en base ao que dictan as sentenzas.

“A Consellería non pode admitir as imposicións que algúns partidos ou colectivos pretenden, porque serían contrarias ao expresado pola maioría do pobo galego nas urnas, e contrarias ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que non derrogou, como pretendían os recurrentes, o decreto do plurilingüismo”.

Esta “pretensión derogatoria”, prosegue Educación nun comunicado, foi esgrimida por algún partido “como única resposta á man tendida do presidente de negociar” sobre os fallos emitidos.

O Tribunal Supremo dispón dun máximo de 30 días para comunicar á Xunta un prazo para presentar formalmente o recurso de casación, presentación que, insiste Educación, “non impediría o seu retirada” se os recurrentes e a oposición “aceptasen a mencionada proposta” de Feijóo.

O Tribunal Superior emitiu oito sentencias sobre o decreto do plurilingüismo. En seis delas invalidaba o carácter vinculante da enquisa aos pais de alumnos de Educación Infantil ao asegurar que a lingua na que deben recibir as clases estes estudantes debe decidila a Administración e non as familias. Ademais, o tribunal autonómico tampouco avala, tal e como permite o decreto do galego, que os alumnos elixan libremente o idioma no que se expresan e escriben nunha asignatura con independencia da lingua na que se imparta esa materia.

Nas outras dúas sentenzas, o Superior de Galicia desestimaba os recursos de tres asociacións: Galicia Bilingüe, Mesa pola Liberdade Lingüística e a Asociación Galega pola Liberdade.

O decreto do galego continúa suscitando polémica. O pasado domingo, miles de persoas manifestáronse en Santiago para esixir a súa derrogación, nunha marcha convocada por Queremos Galego.

Fonte: La Opinión

Foto: Tribunal superior de Xustiza. A Coruña

As artes escénicas prepáranse na rúa para loitar contra a súa “morte non visible”

Coas portas pechadas, mais co balcón libre toda clausura. Así atopou a Plataforma das Artes Escénicas o Salón Teatro de Santiago, recinto pertencente á Xunta onde o colectivo pretendía celebrar este luns pola mañá unha asemblea aberta á toda a profesión. Porén, as preto de cen persoas que acudiron ao convite tiveron que discutir os graves asuntos que padece a profesión escénica en plena rúa. A Consellería de Cultura e Educación negoulles o acceso alegando, segundo explicou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río, que o Salón Teatro “non se abre para actos non artísticos”. Había unha alternativa ofrecida polo departamento dirixido por Jesús Vázquez: o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Non obstante, a Plataforma declinou ese lugar por estar nas aforas da cidade e por preferir un ámbito emblemático como o Salón Teatro, un teatro que, pese a ser público, atoparon coas portas pechadas. E na entrada celebrouse finalmente unha xuntanza que culminou co asalto ao balcón do edificio, a onde un dos presentes subiu para colgar a xa habitual pancarta reivindicativa da Plataforma das Artes Escénicas: “Desmantelamento da Cultura, non”.

E de “desmantelamento” falouse durante as case dúas horas que durou a reunión. Unha reunión a plena rúa e na que os membros das diferentes asociacións sectoriais (Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, Asociación de Magos de Galicia etc.) aglutinadas na Plataforma buscaron atopar puntos en común e unha folla de ruta de accións para responder ante o desmantelamento que, segundo os profesionais da escena, está a sufrir a cultura polos recortes e a política cultural do Goberno do PP. A asemblea, dalgún xeito, arrecendía a déjà vú, a palabras repetidas, a preocupacións reiteradas. Ese déjà vú lévanos á primeira gran intervención da Plataforma das Artes Escénicas, en marzo do ano pasado, pola que se convocou -con motivo do Día Mundial do Teatro- unha manifestación dos profesionais que culminaría nunha reunión no interior do Salón Teatro. Daquela, a ex directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, permitiulles inicialmente o acceso, mais foi desautorizada pola Consellería de Cultura e Educación e as portas do Salón Teatro, tal como estaban hoxe, apareceron pechadas e a propia Cendán sería destituída.

E o acto daquel Día Mundial do Teatro celebrouse, como a xuntanza de hoxe, ás portas do Salón Teatro, quentando os ánimos do sector e poñendo en xuízo, unha vez, máis a actitude da administración. Daquela falouse de falta de diálogo e, hoxe pola mañá, volveuse tocar o asunto. “O límite está na negativa a falar dos actuais executantes da política cultural. Négase o diálogo e négase ao acceso ao espazo público, algo insólito en toda Europa”, lamentou o director teatral Xúlio Lago, quen a liña seguida, proclamou a rúa como o último ámbito que deixan aos cidadáns. “·A rúa parece ser o espazo natural da cidadanía, xa que as institucións estanse a converter en fortíns para os políticos. Mesmo os funcionarios da Agadic foron secuestrados no gran fortín, no gran cárcere que é a Cidade da Cultura, onde lapidan os cartos”, reflexionou Lago.

A falta de estratexia

O déjà vú non se notaba unicamente no peche do Salón Teatro, senón que se apropiou de todo asemblea e en cada un dos puntos que se trataron. Os recortes, o soterramento de fondos no Gaiás, as dificultades laborais, a falta de diálogo, a redución das subvencións, os atrasos nos pagamentos, a parálise, a desaparición de programas como Camiños da Cultura… Todos eses temas son os recorrentes nas reivindicacións dun sector que se sente afogado. Afogado si, mais non principalmente polas tesoiradas. É a falta de estratexia no que se resume todo os males, amplos e variados, da profesión. “Falta un plan, unha estratexia. O problema non son recortes, é cuestión de prioridades, en que se gastan os cartos que hai. Faltan obxectivos”, sinalou Salvador del Río ao comezo da asemblea aberta.

Nesa falta de estratexia resúmense gran parte dos problemas coa Consellería de Cultura. Un bo resume do feixe de problemas que o sector das artes escénicas vén denunciando nas protestas do último ano, deixando ás claras, unha vez máis, a sensación de déjà vú. Unha sesación de xa vivido,  Esa sensación de xa vivido, de xa falado, de xa protestado… pero de nada arranxado. Todo segue igual, poñendo de manifesto dúas situacións evidentes. A primeira, que a administración continúa sen ter unha estratexia nin conseguir un diálogo fluído co sector, un diálogo que se foi deteriorando na anterior lexislatura e que foi a peor trala marcha do ex conselleiro Roberto Varela. A segunda situación pertence á propia profesión, aos profesionais do sector escénico que, polo momento, aínda non foron capaces de visibilizar os seus problemas ante a sociedade nin avanzar nas súas reclamacións.

E diso tamén se falou na asemblea, algo de autocrítica se realizou sobre a estrutura da Plataforma e os conflitos de intereses que se podían xerar entre as diferentes asociacións. Ante iso, o intérprete Antonio Durán Morris, ex presidente da AAAG e membro da súa actual directiva, respondeu coa natureza propia do colectivo. “A Plataforma non ten medios, a nivel de estrutura non está definida. E as asociacións tamén lles custa manterse agora mesmo”, admitiu Morris quen, pola contra, tamén destacou a relevancia da plataforma ao asegurar que aglutina a moitos profesionais, “xunta a moita xente por riba dos seus intereses particulares”.

Morrer aos poucos

Pese as eivas recoñecidas da propia Plataforma, os asistentes si viron nela un instrumento para denunciar a asfixia do sector e para pelexar ante o mirrar do sector. “Hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa. Hai que loitar coa morte non visible”, proclamou Morris. Para evitar o colapso silente, os asistentes discutiron diversas fórmulas para reivindicar a profesión escénica. Houbo quen propuxo unha programación de protestas constantes ás portas do Salón Teatro. “Sistematizar a toma das rúas”, resumiu Gustavo Pernas, quen apostaba por  facer actuacións de denuncia nos espazos públicos próximos ao Salón Teatro. “Quizais como aos luns ao sol, todos os luns ás doce”, propuxo. Rosa Álvarez, pola súa banda, recuperou a idea de ler un manifesto en todas as actuacións que se leven a cabo en Galicia, tal e como se fixera na última Feira das Artes Escénicas, para concienciar o público. Outros, como a cantante Mónica de Nut e a intérprete Belén Constenla, apostaron por unha maior contundencia ante a situación e a falta de diálogo. “Temos que facer ruído, todos os colectivos están na rúa e facendo moito ruído e nós estamos calados”, lamentou a intérprete.

Todas esas ideas quedaron no seo da asemblea, listas para madurar e ir saíndo en próximas intervencións nas que se busque a visibilidade. Como primeiro paso, os asistentes decidiron desenvolver un xesto simbólico xusto no Salón Teatro. Unha toma simbólica do balcón da sede do Centro Dramático Galego e pendurar a pancarta en contra do Desmantelamento. O actor Morris chamou por teléfono aos responsables do centro para pedir  unha vez máis que abriran a porta, mais unha vez máis atopáronse coa negativa. Polo tanto e como “un mínimo símbolo de desobediencia”, decidiuse que un compañeiro subise ao balcón e colgase o cartel, a denuncia escrita do “desmantelamento da cultura”.

Fonte: Praza