Entradas

I Premio de microrrelatos “Mulleres progresistas” polo empoderamento das mulleres

Poderán participar todas as Mulleres que o desexen de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos que deberán ir escritos en galego normativo.

O tema será o empoderamento das mulleres, entendido consonte á estratexia definida na IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing nos seus tres niveis de transformación: o individual, posibilitador de cambios orientados á consecución dun maior autorrespecto e confianza, así como de poder de negociación do propios intereses;  o colectivo, posibilitador dos cambios encamiñados á promoción de vínculos, apoios e recoñecemento mutuo para a defensa dos interesaes comúns e, por último, a transformación social que proporciona cambios dirixidos a visibilizar e valorar ás mulleres na sociedade e a eliminar as discriminacións de xénero existentes.

Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluido o propio título).

O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 31 de decembro de 2012. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.

Para máis información Asociación de Mulleres Progresistas

OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN é o resultado final e concreto deste recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

Mercado da Estrela: O espazo dos novos creadores galegos

Se tes que mercar algún agasallo e non tes moitas ideas o Mercado da Estrela pode ser a túa salvación. A vindeira fin de semana, o sábado 15 e o domingo 16 de 11 a 20 horas, o CGAC acollerá os traballos de novos artesáns, ilustradores, fotógrafos ou deseñadores de moda e complementos. Ademais, haberá concertos e gastronomía para completar este novídoso mercado de nadal.

The Puppy and The Pea, Zig-Zag, Fila retordre, FresaChocolate by Alice, Boo Patucos, Manuel Fuentes, InesLovesKids, Asuntos imaxinarios, Verónica Moar, Nuria Díaz, Buscando Sonrisas (Irene López Carro), Eventos en Papel, El Almacén De Burbujas, Nicanora, Lerole, Michimichiña ou KeChulo son algúns dos creadores que exporán e venderán os seus traballos no mercado. E en canto á música, o evento contará coas actuacións de Álex Casanova, Os Amigos dos Músicos e Los Árboles.

O Mercado conta tamén cun Espazo Solidario no que colectivos de voluntariado e cooperación local para mostrar o seu  traballo, necesidades e focos de atención. Para completar a programación do Mercado os seus organizadores propoñen tamén unha serie de obradoiros creativos nos que poderán participar todos os asistentes.

Fonte: Praza

Ábrese a posibilidade de corrixir a toponimia galega en Google Maps

Google anunciou esta semana que permitirá que os usuarios modifiquen algúns dos datos dos seus mapas en Andorra, Bulgaria, Estonia, Hungria, Letonia, Lituania, Eslovaquia, Eslovenia e España para mellorar deste xeito a súa calidade. Entre eles os nomes dos lugares, que en Galicia incluia erros en moitas ocasións.

Esta iniciativa forma parte dun proxecto chamado Ground Truth que comezou en 2008 co obxectivo de acadar mapas precisos e actualizados botando man de fontes orixinais algoritmos e tamén da intelixencia colectiva dos usuarios e usuarias. Os internautas podes deste xeito emendar os erros e ausencias, incorporar elementos pequenos que non se rexistraran na primaira versóns dos mapas e corrixir a toponimia e microtoponimia, que adoitaba incluir erros e anacronismos.

Aproveitando esta posibilidade Prolingua anima a todos os usuarios de Google Maps a modificar a toponimia galega incorrecta ou que inclúa castelanismos. Para facelo só hai que clicar na esquina inferior dereita do mapa un boton que pon “informar dun erro” e escribir o comentario de corresponda. Por exemplo, ao buscar a vila -galega- de Baiona vemos com en Google Maps aparece como Bayonne. Unha caste de galicismo neste caso que Google se compromete a corrixir nunhas horas.

Fonte: Praza

CAPÍTULO VI – INFERNO E ORQUESTRA

Por que ninguén quere explicar o que pasa? Os que esperan abaixo angustiados soportan esa tortura mentres os que seguen loitando pola súa vida teñen ademais o inimigo engadido da loucura ante o desesperado da situación. Hai que fuxir, pero as estratexias revélanse tráxicas cando veñen ditadas pola frustración do encerro e o desexo de vinganza. Ademais, non hai nada menos apropiado que a vaidade como asesora dos plans a vida ou morte, unha morte pervertida que parece axexar tras a porta, nunha fuga imposible.

Estamos máis cerca do inferno ou da salvación? Lean o capítulo VI de Inferno e orquestra.

Velaquí o capítulo VI de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

SER LIBRIS, unha nova especie

A Asociación Galega de Editores, conscente da necesidade de priorizar os recursos en función das repercusións que a crise económica e de consumo está a ter nas canles comercias e tradicionais do libro, acordou realizar unha campaña publicitaria, SER LIBRIS, consistente nun spot no que o novo ser se manifesta tal cal é, coa súa humanidade pegada ao libro e ás lecturas, un SER LIBRIS lector, crítico, libre, intelixente, creativo e contaminador de enerxias lectoras renovadas. Os editores apostan por promover ese SER que debulla roteiros imaxinarios e innovadores, que é capaz de mudar a terra, a contorna, e vida cotiá da xente. O spot foi presentado en CULTURGAL o sábado 1 de decembro.

SER LIBRIS comezou o día 22 de novembro co espallamento de seis imaxes acompañadas de diversas mensaxes relacionadas coas necesidades do novo SER, mensaxes que os editores e outros axentes do sector axudaron a difundir polas redes sociais. A campaña implica tamén aos libreiros, que contan xa co seu propio cartaz para os seus escaparates ou taboeiros, amais de 2.000 chapas coa lenda: Eu tamén son SER LIBRIS e habito nas librarías.

Esta acción forma parte dunha serie de iniciativas que os editores comezaron a levar adiante no ano 2012, e das que tamén forma parte o Outlet do Libro Galego, marca rexistrada polos editores galegos. Outras semellantes serán postas en marcha durante o ano 2013 en colaboración con outros colectivos do sector.

En vimeo -Ser libris

Fonte: AGE

A desvergoña da Xunta cos residuos non ten límites: se non se recicla máis, é porque a Xunta incinera e enterra o lixo en troques de reciclar!

A campaña que SOGAMA está a desenvolver en cidades e vilas galegas para promover a reutilización e o reciclado, debido aos ridículos índices que amosa a xestión dos refugallos en Galiza, é un exercicio de esquizofrenia e desvergoña sen límites. Se é precisamente debido ao modelo SOGAMA (incineración + verdido) que a reciclaxe acada os níveis máis baixos do estado e de Europa! Por outra banda, a Xunta gábase de que a xeración de refugallos diiminuíu un 6,4% dende a aprobación en 2010 do Plano de Resiuduos (PXRUG)… Non será máis ben que ao igual que caeu a actividade económica e o consumo, a xeración de residuos diminuíu sobre todo pola crise? Así o recoñece no documento de modificación do PXRUG 2010-2020que está a tramitar, cualificando a crise como un “avance” na redución da produción de lixo. En definitiva: outra campaña-trampa de SOGAMA deseñada para vender como virtudes as súas vergoñas, mostra da incompetencia e o cinismo sen límites da Xunta.

Analisemos algunhas das “pérolas” que conteñen os materiais desta campaña:

SOGAMA pona en marcha coa fin de “captar o interese dos transeúntes e orientalos sobre mellores prácticas ambientais”: Non sería millor que primeiro se orientaran eles? A incineración e o vertido que praxctica SOGAMA non son os millores xeitos de tratar os refugallos, nin os que a lexislación fixa como prioritarios (redución, reciclaxe e compostaxe). SOGAMA só recicla o 8% do total dos refugallos recibidos fronte ao 32% que conxuntamente amosan Nostián e O Barbanza. Ademais disto, as plantas de compostaxe reciclan moita máis cantidade de residuos que SOGAMA en TODAS as demáis fraccións da recollida selectiva: Vidro, 9 puntos máis; Papel/Cartón, 4 puntos máis; e Envases, 31 puntos máis, tanto nas áreas de alta xeración de residuos (A Coruña-zona urbana), como en áreas máis rurais cunha máis baixa xeración de residuos (comarca do Barbanza). Informe sobre a recollida selectiva.

SOGAMA di que pretende “aplicar con efectividade o principio dos 3Rs”. Nós preguntámonos que fan para aplicar o 1º e 2º “R”, isto é, Reducir e Reutilizar? E sobre todo, que fan para aplicar o 3ºR, isto é Reciclar, particularmente a materia orgánica que supón o 50% do lixo que xeramos a diario? Resposta: Nada. SOGAMA recicla o 0% da materia orgánica: Como pretenden acadar o nível do 50% que fixa a Lei 2272011 de Residuos e a Directiva 2008/98/CE?

SOGAMA di que pretende acadar a “xestión sostible dos nosos refugallos, velando por que esta sexa respetuosa co medioambiete e a saúde”. A “xestión sostible” dos nosos refugallos pasa por reciclar a material orgánica. Queimala ou eliminala no vertedoiro como fai SOGAMA non é respectuoso nin co medio ambiente, nin coa saude, nin respecta a lexislación e resulta moito máis caro. Precisamente a respeito dos cartos, e no que vai de ano, SOGAMA soterou no vertedoiro de Cerceda nada menos que 42 millóns de €.

Resulta chamativo tamén atopar no libelo de SOGAMA a seguinte frase: “A confusion en torno á separación de residuos en orixe está moi extendida”. Dende ADEGA estamos dacordo: Son precisamente eles quenes a fomentan! Vexan senón o seguinte gráfico aparecido nos materiais desta campaña e que “informa” que ao contentor verde debe ir a materia orgánica e outros refugallos… que non se poden reciclar!

Á vista destes datos, recomendamos á poboación estar alerta fronte á propaganda tóxica da Xunta sobre os residuos: Con SOGAMA e a incineración, que non che conten contos!

Fonte: ADEGA

Nel Vidal pide que “se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua”

Nel Vidal é presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), que vén de enviarlle a Núñez Feijóo unha carta na que se pide que “se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua” no novo Goberno e que se busque “retomar o consenso e o camiño da normalización lingüística progresiva, tanto no ensino como no conxunto de ámbitos sociais”, sobre todo despois da sentenza do TSXG que anula dous artigos fundamentais do polémico decreto do plurilingüismo. Ademais, tamén reclama que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pase a ser “unha área transversal no organigrama do novo Executivo e non estea encadrada na Consellería de Educación nin de Cultura”.

Por que decidiron enviarlle a carta a Núñez Feijóo?

Xa o temos feito noutras ocasións. En 2009, ao conformarse o anterior Goberno da Xunta, xa expresaramos que considerabamos un erro acantoar a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) na Consellería de Educación. Co anterior Executivo, desde 2005, dependía da Consellería de Presidencia porque era a maneira de que o idioma fose unha área transversal no organigrama do Goberno. A nosa petición é que a SXPL interveña transversalmente en todas as áreas e que se encamiñe a dirixir accións a todos os ámbitos e en todas as consellerías, xa que todas elas deberían incluír obxectivos lingüísticos. Iso só se consegue se a SXPL está na cúspide da organización para que poida ter man e intervir en varias áreas e non cinguirse só á educación, senón tamén ao sector empresarial, ao ámbito da Xustiza ou a  moitos outros.

Por que agora?

Quixemos adiantarnos á conformación do Goberno para que a Xunta reflexione sobre o que lle pedimos e aposte pola transversalidade da SXPL, pero ademais, ao coincidir coa sentenza do TSXG, cremos tamén que é o momento de que se volva ao consenso arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) de 2004. Sería un bo momento e máis agora que se ten que elixir un novo Executivo.

Teñen algunha esperanza en que a Xunta cambie o seu rumbo lingüístico?

Non sabemos o que fará. O que si cremos é que sería un xesto interesante, de cara á conformación do novo Goberno, é que as persoas que foron responsables dese decreto, agora declarado ilegal, e os responsables de executar esa política lingüística coa que se saíu do consenso non formen parte do noso Executivo. Referímonos ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística no momento da aprobación do decreto do plurilingüismo.

Tendo en conta as declaracións do Goberno tras a sentenza, non semella que vaia cambiar nada…

As súas declaracións non dan lugar a moita esperanza, sobre todo cando se valora a sentenza polo peso que supón en canto á porcentaxe de artigos. Iso é como dicir que se se suspenden os tres primeiros artigos da Constitución non pasaría nada porque supoñen unha minoría, ou que se tiramos abaixo o Pórtico da Gloria non é importante porque só supón o 5% da Catedral de Santiago. É irracional pero é a mensaxe que se intenta trasladar. Agardemos que o Goberno cambie, pero teñamos en conta que as futuras sentenzas aínda pendentes tamén o poden facer cambiar. Anuláronse dous artigos, pero pódense anular aínda máis se prosperan os recursos da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega.

A política lingüística do Goberno de Feijóo supuxo unha forte polémica no ámbito do ensino, pero afectou a moitos outros ámbitos e tamén ao sector dos técnicos de normalización, malia que non se falase tanto…

Por exemplo, no ámbito da administración local, o balance que hai que facer desta política lingüística é moi negativo. Se cadra non se visualizou tanto como no ámbito educativo porque as administracións locais son entes autónomos nos que a Xunta ten unha intervención limitada, pero o primeiro que fixo o Goberno en 2009, nada máis tomar posesión, foi modificar a lei da Función Pública por vía de urxencia para eliminar a obriga de facer unha proba en galego que asegurase a competencia real do idioma por parte dos traballadores públicos. É só un exemplo.

Pero hai moito máis, non si?

Á marxe de outras moitas cousas concretas, o gran problema foron os prexuízos que se conseguiron trasladar á sociedade co argumentario que se empregou desde o Goberno e con esa dicotomía entre imposición e liberdade, unha teoría que quedou totalmente desmontada coa sentenza do TSXG. O peor balance da Xunta en materia lingüística foi que conseguise trasladar á sociedade eses prexuízos.

Aquilo atribuíuse a unha estratexia electoral, pero agora a crise económica semella axudar a que se esquezan as consecuencias no idioma e na súa promoción.

Se aquilo foi unha estratexia electoral, púidolle saír ben, pero foi letal para o idioma. Se xa coa crise económica a lingua queda para a maioría da sociedade nun plano secundario, con máis razón é o momento para que a Xunta volva ao consenso. Non se pode seguir utilizando a lingua.

Fonte: Praza

Visita á Biblioteca Juan Josè Arriola da Universidade de Guadalajara

A actividade dos editores galegos na FIL contou hoxe cunha visita á Biblioteca  Juan José Arreola, da Universidade de Guadalajara, un centro ubicado na localidade de Zapopan, en Guadalajara, Jalisco, e que pertence a un complexo cultural do Estado tapatio actualmente en construción. Acompañadas por Judith Martínez Ponce e polo Director o Dr. Juan Manuel Durán Juárez, os editores visitaron os fondos  editoriais, mexicanos e procedentes das doazóns realizadas por outros países.

O centro conta tamén coa biblioteca particular do fundador do xornal El Informador, bibliófilo recoñecido en México, propietario de numerosos e prezados volumes, algúns deles de máis de cinco séculos.

Os visitantes poideron fotografar os fondos galegos doados nas diferentes visitas e participacións dos editores na FIL.

Fonte: AGE

María Xosé Queizán: “O sistema era absolutamente patriarcal. Non pintaban nada. Estaban recluídas no mundo doméstico. Eran nais e esposas”.

Pregunta: Como lembra os primeiros anos da súa militancia? Cales eran as reivindicacións?

Resposta: Empecei na Asociación galega da muller en Vigo en 1975, declarado Ano internacional da muller. Estaba integrada por moitos partidos políticos que aglutinaban todo o movemento feminista de oposición a Franco e fomos avanzando facendo reivindicacións que daquela eran elementais. Non existía o divorcio, o aborto non se permitía en ningún suposto e a pena de cárcere por adulterio estaba vixente.

P: E como valora as conquistas posteriores e a situación actual?

R: A verdade é que moitas feministas estamos deprimidas desde que a dereita máis terríbel tomou o poder. Fíxose moito en moi pouco tempo. As mulleres estivemos moi vivas. Aprobáronse leis, como a Lei de Igualdade ou a de Medidas integrais contra a violencia de xénero, que, de se poñeren en práctica, a situación sería moi distinta. Porén, non foron reivindicadas como deberan.

E fronte aos avances continua un panorama social de desigualdade que é evidente, ao existiren dúas esferas: a pública e a privada. No eido público conseguíronse avances, mais o privado non mudou e é aí onde se atopan as razóns dos malos tratos, na idea de que é un conflito doméstico e que ninguén pode meterse.

P: As feministas contaron as mortas por si propias durante moito tempo. Cádranlles agora as contas coas das estatísticas oficiais?

R: Si, recordo perfectamente cando as mulleres mortas as contabamos só as feministas. Agora moita xente pregunta que pasa, por que os homes matan máis. Non matan máis. Agora sábese e daquela non se sabía. Con todo, segue sen ser un delito público nin sequera legalmente. Saen nun recunchiño do xornal, na letra pequena, non se usa a palabra ‘asasinato’.

Ocúltanas, non teñen nome e no telexornal póñenas algo antes dos Deportes. Non teñen valor ningún. E hai mortas de primeira e de segunda porque… imaxinas que asasinan dez mulleres en El Corte Inglés? Sería un escándalo! Mais nas casas as mulleres son en función do seu amo, do esposo, non se conciben como unha persoa.

P: Porén, as estatísticas non computan a violencia verbal, nin a económica…

R: [Interrompe] Se contamos as vítimas así practicamente todas as mulleres estariamos nas estatísticas. E aínda contando só a violencia física botan mal as contas porque nunca se suman as prostitutas nin as violacións. O propio termo, ‘violencia de xénero’, non é correcto. Debera chamarse ‘terrorismo sexual’. As mulleres aínda non existen, non teñen valor social.

P: Bota en falta o carácter social do feminismo dos ’70?

R: Non o boto en falta porque hoxe o feminismo penetrou en todos os sectores sociais. Aínda que nas convocatorias sexamos poucas, existe unha concienciación social, por exemplo, entre os profesionais da sanidade, que denuncian moitas veces situacións de violencia en que se atopan mulleres que acoden a consulta. Daquela as mulleres maltratadas escusabamos ir a un hospital porque ninguén nos facía caso!

O problema agora é que estamos a perder moito do que tiñamos conseguido. A dereita está a facer políticas tremendas, mais co silencio dunha esquerda despreocupada polos problemas feministas. Os homes neste momento están moi envalentonados, seguros de si propios. Son tempos moi machistas. Todas as leis que se aproban xogan en contra das mulleres, e a crise económica apartounas dos traballos remunerados, polo que non poden afastarse das súas parellas, presas da dependencia económica.

P: Festa da Palabra Silenciada deixou de ser unha revista de mulleres para ser unha publicación feminista en que tamén colaboraban homes. Por que ese cambio?

R: Calquera reivindicación ten que partir do propio. Nós tiñamos que demostrar que eramos capaces de por en marcha unha revista e que as mulleres eramos quen de escribir. Todo era feito por nós, agás os homes que puidesen traballar na imprenta [ri]. Moitas poetas hoxe consagradas na Galiza publicaron os seus primeiros textos en Festa. Unha vez demostrado todo isto xa non tiña sentido e no nº14 pensamos que xa podiamos darlle paso aos homes, tamén porque para daquela había xa homes feministas, homes que se preocupaban por como lle afectaban as cousas ás mulleres.

P: Co tempo a palabra ‘silenciada’ foi aparecendo en pequeno. Porén, fica aínda silenciada no catálogo de publicacións da Xunta…

R: [ri] Si, iso é tremendo! Mais é unha revista silenciada para todo o mundo! Ás veces a euforia dun momento puntual non se corresponde coa realidade e iso foi o que nos pasou. A situación do feminismo é ben distinta agora. Hoxe ‘silenciada’ debera ir con letras moito máis grandes.

P: E nesa situación, que liñas de actuación ou que cuestións cómpre reivindicar con máis forza?

R: Xa que falei antes do público e do privado, a crise é especialmente perigosa para nós porque nos saca do público. Que unha muller traballe e poida pagar unha gardeiría ou que o feminismo sexa forte dabondo para facer públicos e pagar por unha serie de traballos que son privados. A escola estaba a substituír a nai que ensina a ler, e os hospitais substituían os coidados. A crise devólveos ao privado. Volven facelos as mulleres, e de balde. Vólvense tolas para manter a familia con catro cadelas. E hai outra cuestión que cómpre reivindicar con forza: a revolución que non se fixo no feminismo foi a revolución sexual.

P: Incomodouna moito a opinión de Bernardino Graña sobre a escasa presencia de mulleres na Real Academia Galega. Denominou aquel “non as podemos inventar” como ‘aldraxe ao colectivo de mulleres galegas’.

R: Si. Dicir que non hai mulleres na Academia porque non queren estar ou porque non teñen méritos para estar é tremendo. De labazada! Bernardino é amigo meu desde hai moitos anos, mais cousas deste tipo non se poden deixar pasar porque se calas as estás a apoiar. Quen cala, outorga. Se non hai mulleres é porque non as queren deixar pasar! É de risa pensar que os señores que están Academia fixeron máis cousas ou teñen máis méritos que moitas mulleres. E falo disto con total liberdade porque xa dixen que non quero facer parte desa institución. Teño moitas outras cousas que facer.

P: Escribir, por exemplo. Que poder ten a literatura como arma de sensibilización?

R: Ui, moitísimo! Ao usar a palabra, ten unha forza moi forte para denunciar. Non se pode equiparar coa escultura ou con outra arte plástica. Xa o demostraron Rosalía e outros reivindicando o galego como lingua da cultura, máis aló da lingua dos labregos e das labregas. Aínda que parten dun guión, tanto as novelas como a poesía e o teatro son xéneros políticos, con moito poder de transformación social. Hai ensaios que escribín e que xa non me valen, abúrrenme ou iso que escribín xa non o penso así. Tampouco as escritoras estamos estancadas, temos dereito a evolucionar e, para min, non é posíbel facer literatura sen ideoloxía.

Fonte: Sermos Galiza

Foto: Blog Club de lectura

Educación manterá a consulta aos pais pese ao fallo do Superior

A Xunta segue vendo o vaso, máis que medio cheo, a piques de desbordar. O Tribunal Superior tomboulle os dous puntos máis polémicos e agresivos coa lingua galega que incluía o seu decreto do plurilingüismo e aínda así, tanto Feijóo como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, insisten en que a sentenza “reforza e avala a inmensa maioría” da norma que aprobou o PP. O decreto que provocou as maiores manifestacións da historia en defensa da lingua propia de Galicia recibiu antonte un severo golpe por parte dos xuíces, que consideran ilegais os artigos 5.2 e 12.3, e con todo, o Goberno galego xa avanzou que as cousas apenas van cambiar nas aulas da comunidade.

O responsable de Cultura e Educación, para o que onte a oposición e diversos colectivos pediron unha despedida airosa cando Feijóo nomee novo equipo, asegurou nunha visita a un centro de Arteixo que “en absoluto” derogará ou reformará o decreto do galego. En primeiro lugar, porque a consulta aos pais sobre a lingua de escolarización dos seus fillos vaise a poder seguir facendo, aínda que o seu resultado xa non poida ser “vinculante” e teña que ser a consellería a que tome a última decisión.

En segundo lugar, porque a Xunta, tal e como avanzou o conselleiro, expón “presentar un recurso de casación” contra a anulación, por parte do TSXG, do apartado do decreto no que se dá vía libre aos nenos para expresarse en clase no idioma que lles resulte máis cómodo, aínda que a materia se imparta noutra lingua cooficial. No entanto, son xa tres as sentenzas emitidas polo Superior en contra dos apartados 5.2 e 12.3: a correspondente ao recurso presentado pola Mesa de Normalización Lingüística, a primeira en transcender; a relativa á denuncia de CIG-Ensino e a que deu resposta ao colectivo Queremos Galego.

A Xunta repetiu xa varias veces que non decidirá se recorre ata que se coñezan as sentenzas que faltan. Ademais das anteriores, espéranse aínda as contestacións do TSXG á Real Academia Galega, ao Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) e, no polo oposto, á asociación Galicia Bilingüe.

A súa presidenta, Gloria Lago, anunciou onte nun comunicado que o seu grupo “xa está traballando no texto do recurso que probablemente haberá que presentar ante o Supremo”, porque polo espírito das sentenzas xa emitidas polo Superior, “Galicia Bilingüe témese o peor”. Lago recorreu o decreto do plurilingüismo porque a Xunta non satisfixo a súa proposta de “habilitar centros” para “separar aos alumnos por razón de lingua”, algo prohibido pola Lei de Normalización Lingüística. Por suposto, a voz de Galicia Bilingüe aproveitou a ocasión para esixir a reforma desta norma fundamental a unha Xunta que debe “deixar ao carón os seus complexos”, porque para iso ten a “maioría absoluta”.

Pola súa banda, o xefe do grupo parlamentario do PSdeG, Pachi Vázquez, definiu as sentenzas do Superior como “un sopro de aire fresco” e pediu que o titular de Educación “non volva ser conselleiro” e “máximo responsable dunha dos acenos de identidade de Galicia”, xa que “pilotou un proceso absolutamente erróneo, traumático, convulso e que fixo dano a todos”.

Na mesma liña, Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento, invitou a Feijóo a “rectificar” cando elixa ao novo conselleiro e defendeu que “o decreto da vergoña”, “agora invalidado nos seus artigos máis conflitivos”, foi un “ataque sen precedentes” á lingua.

Un dos demandantes que xa obtivo resposta, CIG-Ensino, reclamou a “inmediata derogación” do decreto, “pensado e imposto para reducir a presenza do idioma galego nas aulas”. O sindicato recordou que o articulado que aprobou o PP en 2010 foi obxecto, ata, de “un informe negativo do Consello Consultivo da Xunta” e recibiu “o voto negativo do Consello Escolar de Galicia. En consecuencia, a CIG pediu o “inicio dunha negociación para aprobar un decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de Normalización” aprobado por unanimidade na Cámara en 2004.

Carlos Callón, presidente da Mesa, dixo que o decreto “está zombi” e recordou a Feijóo que “a maioría absoluta non fai que as ilegalidades sexan legais nin as mentiras, verdades”. “O eixo do discurso contra o galego na educación está tombado”, concluíu en referencia tanto á Xunta como a Gloria Lago.

Fonte: El País