Entradas

Teresa Barberena contribúe ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller co poema ‘B/Valor’

Como o 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller quero contribuír a esta data publicando no espazo “Xuntanza de escritoras” o poema B/Valor.

A peza divídese en catro partes. As tres primeiras, Babuña, Bategada e Balloada, son intensidades da choiva. A babuña (ou orvallo); a bategada, (o chaparrón); e a balloada, (a choiva prolongada). Estes versos fan referencia á violencia contra a muller, neste caso, María, que está chea de Balor polas breas (palizas), polas bategadas continuas. A última parte, Escampa, é a liberación grazas a que María consegue encherse de Valor.

O ritmo do poema e o son das palabras, na primeira parte maioritariamente compostas de -b e -p e na última de -v, buscan que o lector sinta a dor de María. Acaba o poema con esperanza grazas ao valor de moitas mulleres de voar, de agarrar a vida.

Se queres ler o texto clica aquí.

SGHN colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha entidade ambientalista sen ánimo de lucro e independente, fundada en 1973 baixo o nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, a pesar do que o seu nome indica, non restrinxía o ámbito de actuación á ornitoloxía e, por iso, en 1976 xestionou a súa conversión na actual SGHN (1977).

GOG – SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando se crean o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería homónimas, en 1996 e 1997 respectivamente, a SGHN levaba case un cuarto de século estudando e defendendo o patrimonio natural galego.

A SGHN ten representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e pertence á Federación Galega de Mergullo; participa no programa anual Coast Watch de avaliación ambiental da beiramar e nas campañas Clean the World.

Participa na custodia do territorio a través da Fundación Fragas do Mandeo e fundou e xestiona o Museo da Natureza, situado en Ferrol, sede da colección de mamíferos mariños máis importante do Estado.

Dende 1973 realiza anualmente o Censo Invernal de Aves Acuáticas e en 1995 publicou o Primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia.

Coordinou o Programa de Conservación do Arao Ibérico da Unión Europea.

Participa nos trámites de información pública e Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos públicos ou privados e presenta denuncias por delitos contra o medio natural.

Dende 1978 publica a revista Brañas, o voceiro Paspallás e monografías e boletíns divulgativos. Á par desenvolveu unha intensa actividade loitando contra a caza das baleas, a ameaza nuclear, as mareas negras, os incendios forestais, a persecución do lobo, a protección de espazos naturais, a depuración das augas, as minicentrais, as especies invasoras e tantas outras ameazas que penden sobre medio natural galego.

A SGHN organiza Xornadas, Congresos e actividades de educación e divulgación ambiental a través da súa sede central en Santiago de Compostela, das delegacións territoriais (Ferrol, As Mariñas, Ourense, Pontevedra) e seccións (Antela, Astronomía e contaminación lumínica, Entomoloxía, Herpetoloxía, Ornitoloxía e Vertebrados mariños).

Podes obter máis información e contactar coa SGHN a través da súa páxina web: www.sghn.org

O sábado comeza a Feira do Libro de Guadalaxara, México

Doce editores galegos amosarán as súas novidades editoriais na FIL, a Feira do Libro de Guadalaxara, México. O sábado terá lugar a apertura deste evento, un dos máis importantes do mundo do libro. A relación de editorias componse das seguintes empresas:Editorial Linteo, Editorial Ideas Propias, Kalandraka Editora, Biblos Clube de Lectores, Ediciones del Viento, Alvarellos Editora, OQO Editora, Everest Galicia, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e MCSport.

A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura participan con stand dende o ano 2008. Formaron parte dos  programas  programas da FIL destinados á promoción do libro e a lectura, os autores galegos:  Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Kiko da Silva, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz e Marcos Calveiro, entre outros.

A edición deste ano non contará coa presenza de creadores e de representación institucional. A AGE conta cunha axenda de traballo propia destinada á promoción comercial da produción galega.

Cámara de Comercio da Coruña

A Cámara de Comercio da Coruña organizou unha misión comercial composta por 9 empresas do ámbito editorial, tecnolóxico e bibliotecario. Odile Lueiro, responsable de comercio internacional da Cámara, estará á fronte da mesma.

Fonte: AGE

Foto: Xunta de Galicia

CAPÍTULO V – INFERNO E ORQUESTRA

O pesadelo intensifícase cando comprobas que quen máis queres nunca estivo a salvo, e só a esperanza de poder salvar á túa pequena evítache acabar con todo. Na casa, as cousas non van mellor, pois salvarse do perigo maior pode abrir a caixa de Pandora dos instintos máis perigosos. Tan só quen xa non camiña no mesmo lado da vida vese libre desas angustias, pero, pola contra, segue presa doutras ansias máis primarias. A fame é un pozo sen fondo que obriga a buscar e buscar, sen conciencia de riscos ou mesmo dunha mera orientación en contornos até hai pouco ben coñecidos.

Velaquí o capítulo V de Inferno e orquestra.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Xa podemos descargar Firefox 17 en galego

O navegador web de Mozilla actualízase hoxe, de xeito que xa podemos descargar o Firefox 17 en galego nas súas versións para Windows, OS X e Linux, que entre as súas principais novidades conta coa primeira revisión da Social API e soporte para Facebook Messenger, así como unha importante mellora de seguridade/estabilidade que acada mediante o bloqueo preventivo complementos que non estean debidamente actualizados, de xeito que só entrarán en funcionamento coa participación activa do usuario, o que consideran que é un xeito máis amigable de advertir da obsolescencia dos complementos que teñamos instalados.

A barra de dirección tamén conta con iconas máis grandes, o soporte de HTML5 inclúe o atributo Sandbox para iframes (o que supón un incremento da seguridade), corrixe numerosos fallos detectados e tamén di adeus aos usuarios de Mac OS X 10.5 Leopard, de xeito que os equipos de Apple que consideran obsoletos deixarán de contar oficialmente con novas versións de Firefox. O abandono de Leopard decidiuse en función do reducido número de usuarios de tal plataforma que data xa de hai 5 anos, de xeito que os recursos liberados aproveitaranse para desenvolver algunhas das últimas funcionalidades de OS X, como o modo de pantalla completa e as ferramentas de accesibilidade.

Fonte: Código cero

Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo e Manuel Rodeiro, galardoados nos Premios da Cultura Galega 2012

Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo e Manuel Rodeiro resultaron galardoados cos Premios da Cultura Galega 2012 nas categorías de Letras, Artes Plásticas e Música, respectivamente.

Así o anunciou o xurado destes premios que se reuniu este luns baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, na Cidade da Cultura.

Ademais destes tres premios, tamén foi recoñecida o labor do grupo de teatro Airiños na categoría de Artes Escénicas, da Asociación Internacional Estudos Galegos na categoría de Promoción Cultural de Galicia e de Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual. A Fundación Eduardo Pondal fíxose co premio ás Iniciativas en favor do Patrimonio Cultural.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, a conservación e a posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensano Xosé Cid.

Fonte: Culturagalega

Foto: Xunta de Galicia

Agustín Fernández Paz leva o Premio da Crítica á creación literaria

O Hotel Os Escudos de Vigo acollía o pasado sábado a XXXV Edición dos Premios da Crítica de Galicia. A obra Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz, fíxose co galardón á creación literaria nesta edición, mentres Patricia Fra foi galardoada na categoría de investigación pola súa edición da obra Regreso a Compostela de Edith Wharton. A Asociación Galega de Compositores viu recoñecido o seu traballo no apartado de música, mentres Carmen Nogueira foi premiada no apartado de Artes Plásticas e Visuais e Xosé Manuel Olveira Pico no de Artes Escénicas e Audiovisuais.

O traballo da Asociación Cultural O Sorriso de Daniel viuse recoñecido como a mellor iniciativa cultural do ano polo xurado, atendendo ao seu labor na recuperación e difusión da arte románica no noso país.

Máis de trescentas persoas reuníronse na gala de entrega dos galardóns, que se celebrou na noite do sábado baixo o lema “Galicia como tarefa”.

Fonte: Culturagalega

A nova edición do Culturgal terá lugar do 30 de novembro até o 2 de nadal

Neste tempo de crises, en plural, encadeadas e superpostas, que afectan ás industrias da cultura e da comunicación coma a poucos outros ámbitos, non estamos afeitos a dar boas novas. E o Culturgal é unha desas boas novas. A súa continuidade e boa saúde a pesar de todo. Pontevedra acollerá do 30 de novembro até o 2 de nadal unha nova edición desta cita cultural que presenta o máis activo da creación galega actual. E faino mantendo a calidade dos anos anteriores cun lixeiro descenso do seu orzamento total.

Serán 250.000 euros, algo menos que os 290.000 do pasado ano e dos 260.000 de 2010, unha diminución que se explica pola caida na achega que realiza a Xunta, que pasa de 230.000 euros a 170.000 -150 mil euros a través de AGADIC e 20 mil a través da SXPL-. Este recorte compénsase en parte polo meirande esforzo que realizan tanto o Concello de Pontevedra (36.000 euros, un 20% máis ca en 2011) coma o Ministerio de Cultura (23.000 euros, o dobre que en 2011). Lonxe en calquera caso das cifras de 2008: 400.000. E mesmo así o Culturgal segue gozando de boa saúde, ofrecendo un abano de espazos, presentacións e actuacións que non ten nada que envexar ás doutras feiras culturais que se celebran no Estado.

Así, por exemplo, podemos falar do Mercat de Música Viva de Vic, que acada este ano a cifra de 923.100 euros. Ou s Fira Tàrrega Teatre al Carrer, tamén en Catalunya, con 1,2 millóns de euros. Ou a Fira Mediterrània de Manresa cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Ou mesmo a Feria de Industrias Culturales de Andalucía, que é máis dificil de comparar, dado o seu carácter bianual, e que contaba con case tres millóns de euros de presuposto até a súa suspensión.

Fonte: Praza

O recorte na CRTVG abre a porta a un ERE

A CRTVG denunciará o actual convenio laboral polo que se fixan as condicións de traballo do seu, aproximadamente, milleiro de asalariados directos. Así llo comunicou xa a dirección de Recursos Humanos do ente público aos representantes sindicais.

Ademais, a CRTVG indicou que para o próximo ano reducirá o seu orzamento en cinco millóns de euros. Esta cantidade supera o 5 por cento de redución orzamentaria respecto ao ano anterior, que é o límite que establece a lei tras a reforma laboral para que os organismos públicos poidan aplicar Expedientes de Regulación de Emprego.

O nerviosismo nas oficinas de San Marcos, que xa é importante ante os previsíbeis cambios nalgúns postos da dirección, aumentou tras este anuncio. Con todo, os responsábeis da CRTVG desbotaron que estean barallando a posibilidade dun ERE, cando menos nestes intres.

O que parece seguro a curto prazo é que a caída no orzamento será o argumento da dirección da CRTVG para tentar recortar o salario dos seus traballadores en conceptos, por exemplo,  os complementos.

Os asalariados da televisión e da da radio públicas galegas xa sufriron este ano unha importante perda de poder adquisitivo. E é que ademais dos recortes comúns a todos os traballadores públicos, perderon algunhas axudas como, por exemplo, a de comedor.

“Éxito” da folga

Por outra banda, CC.OO., un dos sindicatos do Comité Interempresas, cualificou de éxito o seguimento do paro na CRTVG. Os servizos mínimos, pactados por vez primeira coa administración, cumpríronse este xoves.

“O éxito desta folga foi unha labor de todas e todos, das persoas que exerceron o seu dereito constitucional e daquelas que, non podendo exercelo polo desempeño dos servizos mínimos, se limitaron estritamente ao seu cumprimento, non permitindo o desenvolvemento da programación fora do pactado coa representación sindical”, argumenta Comisións.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: Manifestación en Santiago en defensa da CRTVG/CIG

ADEGA participará en Terractiva coa exposición ‘Rir por non chorar’ e cunha charla sobre a evolución do proxecto ‘Eira da Xoana’

A vindeira fin de semana, días 17 e 18 de novembro, ADEGA participará na feira ecolóxica máis importante do país coa mostra de humor gráfico “Rir, por non chorar” que se enmarca dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. O obxectivo deste proxecto é concienciar sobre as ameazas e as agresións que se cernen sobre o noso patrimonio natural e cultural. Por outra banda, intenta buscar solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto ao noso entorno.

“Rir, por non chorar” amosará 36 obras elaboradas para tal fin por preto dunha vintena humoristas gráficos e ilustradores de toda Galiza, tales como Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto Okidoki, Almudena, Dávida, Idoia de Luxán, Mª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba, Alfredo López “Tokio”.

O acceso á exposición, que estará situada no recinto feira de Arzúa, será libre e permanecerá en Terractiva os dous días.

Por outra banda, ADEGA levará a Terractiva o seu habitual posto de divulgación sobre as actividades que está a desenvolver a organización, as súas publicacións, guías e manuais, camisetas reivindicativas, no que tamén se recollerán sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular a prol da redución, reutilización e reciclaxe, no canto da incineración.

O domingo 18 pola tarde tamén ofrecerá unha charla sobre a evolución do centro de recuperación dos saberes tradicionais de ADEGA que está situado na parroquia de Ramil (Agolada), na comarca do Alto Ulla e que leva por nome A Eira da Xoana. Este proxecto, logo de 5 anos de actividade estase a consolidar como un dos centros de referencia de Galiza do ecoloxismo, da cultura tradicional e das boas prácticas ambientais. Recentemente, tivo lugar alí a II Feira de produtos naturais e artesáns que conseguiu xuntar na Eira da Xoana unhas mil persoas.

Para máis información:

Anxo Manoel Lamelo (coordinador): 667096124, 982240299 ou no correo electrónico; culturaeterritorio@adega.info