Entradas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitirá nos vindeiros meses a súa sentenza sobre o decreto do plurilingüismo

Hai tres anos e medio, acabado de chegar á Xunta, Núñez Feijóo enfrontouse á primeira gran polémica do seu mandato. Apreixado polos compromisos cos sectores máis reaccionarios da dereita e abrazado a teorías inverosímiles sobre a lingua, prometeu (e consumou) a ruptura do consenso lingüístico que desde había anos imperaba en Galicia. Con máis ou menos diferenzas, pero sen conflitividade relevante. Anulou a normativa sobre o idioma na educación que instaurara o Executivo de coalición entre PSdeG e BNG e aprobou sen consenso o contestado decreto do plurilingüismo que provocou importantes manifestacións en contra ou a insubmisión de milleiros de docentes.

Agora, renovado o mandato, o comezo da nova lexislatura pode atragoárselle tamén a Núñez Feijóo por motivos lingüísticos. Esquecida a polémica por mor dunha crise económica que traga con todo, as sentenzas xudiciais e os informes de expertos van camiño de espertar unha polémica que semellaba durmida.

Porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitirá nos vindeiros meses a súa sentenza sobre o decreto do plurilingüismo, recorrido ante a Xustiza por diversos colectivos e asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística, os sindicatos STEG e CIG e incluso a Real Academia Galega. Todos eles denunciaron que a nova normativa restou presenza ao galego nas aulas -ao pasar dun mínimo do 50% á equiparación co castelán-, vetou o uso da lingua propia nas materias técnicas ou imposibilitou que os nenos de Educación Infantil puidesen comezar a súa andaina escolar en galego. En definitiva, censuraron “a desprotección do idioma máis débil”.

O TSXG admitiu a trámite todos os recursos en contra do decreto case un ano despois da súa aplicación, aínda que rexeitou paralizalo cautelarmente, tal e como lle pedía A Mesa, unha decisión que a Xunta interpretou como apoio ás súas teses lingüísticas. Nin moito menos.

Se o atraso non se incrementa máis do que xa o fixo, o Tribunal debería facer pública as súas sentenzas nos vindeiros meses, tal e como recorda Carlos Callón, presidente d’A Mesa e voceiro da plataforma Queremos Galego, protagonista das manifestacións máis grandes a prol da lingua que se lembran na historia de Galicia. “A sentenza xa se atrasou máis do debido, polo que o normal é que se emita axiña”, recorda.

Pero hai máis. Antes de fin de ano, se nada estraño ocorre, o Consello de Europa emitirá o seu informe sobre a situación das linguas minoritarias no Estado, que terá un amplo apartado dedicado á situación do idioma galego. Estaba previsto para hai meses, pero leva tempo paralizado. O que se agarda non son máis que duras críticas cara á política lingüística da Xunta por parte deste organismo que serve de asesor para a UE.

Xa hai catro anos, o mesmo informe censurara con dureza a política lingüística do Goberno bipartito por considerar as súas medidas a prol do galego boas pero insuficientes, ademais de destacar a febleza na que se atopaba o idioma propio daquela. Incluso a rede de galescolas -eliminada por Feijóo- fora destacada como un aspecto positivo, pero considerada aínda débil.

Tamén hai catro anos, a European Bureau for Lesser Used Languages, entidade consultiva da ONU e do propio Consello de Europa, pedía á Xunta que puxese fin ás inciativas tomadas contra o galego en diferentes ámbitos” tras censurar que o Goberno de Feijóo adoptase medidas que “supoñen unha vuelnarción de tratados internacios sobre dereitos lingüísticos subscritos por España”, nomeadamente a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. “Desde a chegada ao poder do PP, desmanteláronse algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa”, destacaba unha axencia, que cualificaba de “especialmente grave” que a Xunta non tivese en conta as recomendacións internacionais.

Apagado pola crise económica, o conflito lingüístico pode volver cruzarse no camiño de Feijóo neste inicio de lexislatura. Das sentenzas xudiciais e do informe do Consello de Europa dependerá tamén se a Xunta continúa coa súa política lingüística carente de consenso e contestada por todos os ámbitos implicados ou se recúa nun tema capital para o país.

Fonte: Praza

Foto: CC BY-NC-SA Queremos Galego

CAPÍTULO III – INFERNO E ORQUESTRA

Prohibido para aquelas persoas con claustrofobia, pois nel veremos como una casa acolledora pode converterse no máis parecido a una ratoeira. Os superviventes están illados e non parece que haxa moitas posibilidades de axuda. Qué se pode facer? Seica que pague algún culpable ou, simplemente, baixar os brazos e renderse? Pero, é curioso, incluso nos peores momentos parece haber algunha oportunidade para o amor.

Amigas e amigos, pasen e lean este terceiro capítulo de zombis galegos.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Debaten en Santiago as posibilidades do territorio e a súa xestión para facer fronte á crise

Máis de 300 especialistas españois e portugueses debaterán esta semana en Santiago sobre cuestións relacionadas co territorio, as infraestruturas, a economía e as relacións transfronteirizas e como estas poden axudar a superar a crise actual. Será no XIII Coloquio Ibérico de Xeografía, que terá lugar na Facultade de Xeografía e Historia entre o 24 e o 27 de outubro.

No encontro, que ten como lema ‘Respostas territoriais da Xeografía Ibérica á crise actual´, participarán, entre outros, o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, os catedráticos de Xeografía Andrés Precedo, Augusto Pérez Alberti, Eduardo Martínez de Pisón, Valentín Cabero, Pilar de Torres Luna, Javier Martín Vide e Rubén Lois, ademais dos portugueses Nino Pires Soares, Helena Mesquita Pina e Rui Pedro Juliâo.

Co propósito de integrar todas as orientacións investigadoras e docentes da Xeografía en España e Portugal, o coloquio contempla máis de 20 áreas temáticas, entre as que figuran a ordenación do territorio, mobilidades transfronteirizas, tendencias demográficas, novo diálogo centro-periferia, a lusofonía e a hispanofonía, cidade e desenvolvemento urbano, a xeografía no ensino non universitario, as repercusións xeográficas da crise, nova xeografía económica e a globalización, sociedade da información e territorio, estudos integrados de rexións costeiras, dinámicas climáticas, o recurso da auga e a súa planificación, a integración da paisaxe nos estudos territoriais, os xeositios, transformacións do medio rural e vulnerabilidade e risco na sociedade actual.

Inauguración

A inauguración terá lugar este mércores 24 ás 17.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) nun acto no que participan o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso;  o director do Departamento de Xeografía da USC, José Antonio Aldrey Vázquez; o director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Manuel Borobio; o presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos, Rui Pedro Julião; e o presidente da Asociación de Xeógrafos Españois, Javier Martín Vide. A continuación, o profesor da Universidade de Salamanca Valentín Cabero pronunciará a conferencia ‘Un novo Iberismo para o século XXI’. Rematarán a sesión do mércores facendo un percorrido pola cidade guiados por docentes do departamento de Xeografía da USC.

Previo ao propio acto inaugural, ás 13.00 horas terá lugar a conferencia precongresual a cargo da `profesora da USC Pilar de Torres Luna titulada ‘A Península Ibérica nos manuais universitarios de Xeografía do século XX’.

Programa

O simposio estrutúrase en torno a dúas conferencias principais e outras tantas mesas redondas, con máis de 180 comunicacións en distintas sesións. A xornada do xoves 25 inclúe unha conferencia de Nuno Pires Soares, da Universidade Nova de Lisboa, titulada ‘As áreas metropolitanas ibéricas e a actual crise económica’ e unha mesa redonda sobre modelos de cooperación transfronteiriza na que participarán Xerardo Pereiro Pérez e Humberto Martíns, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; Juan José Lirón, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial – Galicia-Norte de Portugal; o profesor da USC Rubén Lois; e o decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutense de Madrid, Heriberto Cairo.

O venres será a quenda de Eduardo Martínez de Pisón, da Autónoma de Madrid, que intervirá coa conferencia ‘Paisaxe e patrimonio xeomorfolóxico’. Xa pola tarde desenvolverase unha mesa redonda sobre estratexias territoriais contra a crise económica na que interveñen Melchor Fernández Fernández, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega); Emilio Pérez Touriño, membro do Consello Consultivo de Galicia e profesor da Universidade compostelá; Vicente Bielza de Ory, da Universidade de Zaragoza; Andrés Precedo Ledo, da USC; e Helena Pina, da Universidade do Porto.

Participan na organización o Departamento de Xeografía da USC xunto co Idega, o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR-USC), o Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) e o Colexio de Xeógrafos.

Fonte: GaliciaHoxe

Celebración do Día da Biblioteca con actividades para todo tipo de lectores

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, sorteos, intercambio de libros na rúa entre usuarios e actividades para fomentar a lectura entre os máis pequenos son algunhas das propostas das bibliotecas da cidade para conmemorar o seu Día Internacional. As novas tecnoloxías a través do libro electrónico, as iniciativas relacionadas co mundo audiovisual e as presentacións de obras completarán a programación de mañá nunha xornada na que as bibliotecas pretenden darse a coñecer e achegarse aos cidadáns.

O fomento da lectura e do uso das bibliotecas públicas centrarán as actividades programadas para conmemorar mañá o Día da Biblioteca. Os coruñeses poderán participar nas propostas que ofrecen tanto o centro municipal como o provincial e o estatal. Desde o servizo de bibliotecas do Concello explican que este ano “non deu tempo” a organizar actos específicos para esta data, pero nalgúns dos seus edificios tamén haberá eventos para todos os públicos.

  • Bibliotecas municipais. O programa Merenda con contos que se celebra cada dúas semanas nas bibliotecas municipais para introducir aos máis pequenos no mundo dos libros chegará mañá ao centro de Monte Alto. E na do Fórum Metropolitano aproveitarase esta data para inaugurar o ciclo Lle, escoita, mira. Visual Session. Trátase de sesións audiovisuais que percorrerán diferentes xéneros musicais, filmográficos e literarios con obras coas que conta o Fórum. Os usuarios poderán visitar unha mostra sobre o tema e levar en préstamo un paquete que inclúe un disco, un libro e unha película dos exemplos expostos.
  • Biblioteca Provincial. Os usuarios do centro provincial poderán ser bibliotecarios por un día nunha xornada de portas abertas que comezará mañá ás 11.00 horas grazas á que poderán coñecer as seccións e servizos que ofrece a institución que depende da Deputación. Tamén se poderá visitar a exposición fotográfica Por que somos unha biblioteca, unha serie dedicada ao matemático Ranganathann que fixo as cinco leis da biblioteconomía. Na súa aposta polas novas tecnoloxías inclúese unha actividade formativa sobre como manexar un libro electrónico. Os máis pequenos terán oco nesta cita e poderán participar nun taller de manualidades sobre o outono. Un ano máis o centro organiza a iniciativa A biblioteca búscache para achegarse a cidadanía sacando os libros á rúa e regalando un marcapáginas aos que se acheguen. Esa mesma tarde ás 18.00 horas haberá unha visita guiada polas obras de arte da biblioteca.
  • Biblioteca González Garcés. O centro estatal realizará mañá visitas guiadas entre as 12.00 e as 18.00 horas, sorteará unha cesta de libros entre os seus usuarios, regalará lotes de obras aos “superlectores” deste ano, realizará unha sesión de bookcrossing cos libros que rexistren os interesados para despois liberalos pola cidade e acollerá a presentación dos libros infantís As aventuras de Toreto e O Purrusco dous bosques ás 19.00 horas. Mañá ademais finalizará a campaña Eu amo as bibliotecas públicas contra os recortes nestas organizacións e de apoio aos seus servizos.

Fonte: La Opinión

Chega aos cinemas ‘A Paixón de María Soliña’

O cines Fílmax Pontiñas en Lalín e os Praza Elíptica de Vigo incorporan hoxe á súa carteleira o filme galego A Paixón de María Soliña.Trátase dunha longametraxe documental ficcionada que reflexiona sobre a Inquisición Española a partir do proceso xudicial a unha das figuras máis representativas de Galicia: María Soliña. Protagonizada por Luma Gómez, Xaime Aguiar, Ángel Outerelo e Alfredo Rodríguez, entre outros, conta con equipo técnico e artístico íntegramente galego. O director deste filme é Emilio J. Fernández e Alfonso Castaño.

Fonte: Culturagalega

Se queres saber máis sobre María Soliña, recomendamos: Tres mulleres galegas de armas tomar. Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.

A Academia Galega do Audiovisual critica o recorte nas achegas aos certames cinematográficos en Galicia

A Academia Galega do Audiovisual expresou o seu malestar polo “recorte” nas achegas económicas aos certames cinematográficos en Galicia, “que deixan á nosa comunidade cunha inversión por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais no 2,21% do total de todo o Estado”, sinala nun comunicado.

Así, afirma que “sin cambiar os criterios da edición anterior” certames como o Festival de Cans –que reuniu o ano pasado a máis de 11.000 persoas–; o Curtocircuíto de Santiago ou os Premios Mestre Mateo víronse este ano “apartados das achegas en favor de certames con menor antigüidade”, indica.

A AGA aclara que o criterio da antigüidade non é o único que se ten en conta para a selección, pero engade que se é “o máis claro”.

En canto a os demais, afirma que non se entende que estes certames galegos deixasen de cumprilos “dun ano para outro” como para que a achega do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais “quede en 5.000 euros para todos os eventos deste tipo que se producen nun ano en Galicia”, subliña.

Fonte: GaliciaHoxe

As ONG galegas rebélanse contra os recortes sociais

Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Social Galicia Sur organizaron este mércores, 17 de outubro, unha concentración na praza do Sol de Vigo coincidindo co día mundial pola erradicación da pobreza. As plataformas denunciaron que “os recortes nas políticas sociais aprobados polos distintos gobernos aumentan o risco de exclusión social e pobreza, aquí e no resto do planeta”.

A Rede Social Galicia Sur (RSGS), aglutina 12 ONG e colectivos locais, e a Coordinadora Galega de ONGD integra a 47 ONG de Desenvolvemento. Ambas as dúas plataformas fixeron un chamamento á cidadanía galega para que “se mobilice contra os recortes que están a sufrir as políticas sociais: educación, sanidade, igualdade, dependencia e tamén cooperación ao desenvolvemento”.

“Hoxe, estes recortes están a empeorar as condicións de vida da sociedade galega e tamén a dos países do Sur”, advirten as ONG.

Máis de medio millón de galegos en risco de exclusión social e pobreza

Neste ano 2012, máis de medio millón de persoas en Galicia está en risco de exclusión social e pobreza, segundo os datos aportados polas plataformas de ONG. Os datos tamén sinalan que no Estado son 12 millóns de persoas —case un 27% da poboación— a que padecen esta situación.  No mundo, 1.000 millóns de persoas (1 de cada 6) seguen a sufrir fame e 1.300 millóns de persoas viven na pobreza extrema.

As entidades sociais reclaman “un sistema que garanta o dereito ás persoas de todo o mundo a ter un nivel de benestar mínimo, de acordo coa dignidade humana, e un sistema que promova a igualdade, a solidariedade, a sostenibilidade e os dereitos sociais, económicos e de desenvolvemento de todas as persoas que habitan o planeta”.

Por estes motivos, esixen:

  • Políticas públicas que defendan os dereitos humanos por riba dos intereses dos mercados e comprometidas na loita contra a pobreza.
  • Compromisos orzamentarios concretos para acadar, de forma progresiva, unha dedicación do 0,7% do orzamento consolidado da Xunta a cooperación ao desenvolvemento. De igual modo, compromisos que garantan que ao menos o 30% do PIB se destinará a inversión social (sanidade, educación, dependencia, protección social) igualando a media do resto de países europeos.
  • Que os recursos públicos se obteñan dun sistema fiscal progresivo e xusto que grave máis ás persoas que máis teñen e garanta políticas de redistribución.
  • A regulación verdadeira do mercado financeiro e a cancelación da débeda externa ilexítima. Tamén a creación dun imposto sobre as transaccións financeiras internacionais, a eliminación dos paraísos fiscais e a persecución da evasión fiscal, todas, medidas encamiñadas a garantir fondos para políticas sociais e medioambientais, controlar ás institucións e regular os mercados que causaron a crise.

Fonte.  Galicia Confidencial

O 17 de novembro farase público o ditame dos Premios da Crítica

O ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas. A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Ana Romaní (escritora, gañadora da edición 2011 de Creación Literaria), Fina Casalderrey (escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil), Olivia González (profesora da UDC, Sección de Crítica da AELG), Xavier Lama (escritor e xornalista), Isabel Mociño González (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesora da UDV), Luciano Rodríguez (profesora da UDC), e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: Jorge Mira Pérez (catedrático da UDS, gañador da edición 2011), Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático xubilado da UDS), María del Mar Lorenzo (profesora da UDS), José María Barja (catedrático e ex-reitor da UDC), Mercedes Brea (catedrática da UDS), Ricardo García Mira (profesor da UDC) e Ernesto Sánchez Pombo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Rodrigo Romaní (membro da Orquestra Son de Seu, gañador da edición 2011), Marión Sarmiento (voz do Taller Atlántico Contemporáneo), Javier Otero Neira (director do Conservatorio de Santiago), Abe Rábade (músico de jazz, pianista e compositor), Carlos Villanueva (catedratico da UDS), Maximino Zumalave (director de orquestra, pianista) e Anxo Tarrio Varela (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia).

Iniciativas Culturais: Xosé Manuel Rosales (arquitecto e profesor, membro do Proxecto Terra, gañador da edición 2011), Iago Martínez (xornalista), Anxos Sumai (escritora), María Xosé Porteiro (xornalista e escritora), Germam Ermida (xornalista), Carme Vidal (xornalista) e Xavier Senín (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Anxo Cabada (fotógrafo), Suso Cubeiro (ilustrador), Álvaro de la Vega (escultor), Iñaki Martínez Antelo (director do Marco), Asunta Rodríguez (galerista, directora da Galería Trinta), Teresa Táboas (arquitecta) e Charo Portela (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Xesús Ron (actor e director, en representación de Chévere, gañador da edición 2011), Mariana Carballal (actriz, directora), Mamen Quintas (produtora, Ficción Producións), Miguel Anxo Fernández (crítico de cine), Gustavo Pernas (actor, director, Ancora Producións), Isabel Blanco (actriz, delegada AISGE en Galicia) e Inma López Silva (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Fonte: AGE

Foto: Jorge Mira no acto na edición dos Premios de 2011.

O mundo do folk rende homenaxe a Fito, da Roda

Susana Seivane e Xurxo Souto foron algúns dos músicos que subiron ao escenario no auditorio Mar de Vigo, que rexistrou un cheo absoluto. Non faltaron familiares e amigos do histórico vocalista. Houbo emoción e tamén algún momento polémico: un sector do público apupou ao alcalde e lanzou reproches ao entender que non debía tomar a palabra e convertelo nun acto político.

Fonte: La Voz de Galicia

Nunca Máis reactívase co xuízo do Prestige para gritar “contra a impunidade”

“Claro que é moi posible que volva haber outro Prestige”. Con esta contundencia, Xurxo Souto, un dos portavoces da plataforma Nunca Máis, deixou claros os riscos de que Galicia volva padecer unha catástrofe como a da que agora se cumprirán dez anos e que será xulgada o próximo día 16 na Coruña. Precisamente por iso, reactívase agora un movemento que protestará o mesmo día do xuízo para gritar “contra a impunidade” e esperando que se depuren todas as responsabilidades derivadas daquela catástrofe.

Nunha rolda de prensa convocada na Coruña, os portavoces da plataforma recoñeceron algúns avances, como a existencia de máis barcos anticontaminación ou menos buques monocasco, pero destacaron sobre todo os defectos que aínda existen no país respecto á prevención e á actuación no caso dun accidente semellante. “Non hai control vía satélite do corredor con maior tráfico marítimo que é o de Fisterra, o que provoca continuas alertas, mentres as competencias de control marítimo seguen sen transferirse a Galicia e levándose a cabo desde Madrid”, destacou Souto, que manifestou a “auténtica preocupación” de Nunca Máis ante a posibilidade “moi posible” de que outro Prestige afunda algún día nas costas galegas.

Ademais, Isabel Risco, outra das portavoces, destacou a importancia da plataforma e do movemento cidadán, que foron os que permitiron “os avances conseguidos” en materia de prevención e control, polo que chamou á poboación a que acuda á manifestación que se celebrará o próximo día 16, con motivo do comezo do xuízo, nas instalacións xudiciais “improvisadas” de Expocoruña a partir das 11 da mañá. Tanto Risco como Souto cualificaron de “heroes” aos dous avogados de Nunca Máis, Pedro Trepat e Miguel Anxo Fernández, presentes tamén na comparecencia.

O primeiro deles destacou que “é un alivio” que por fin se celebre o xuízo, pero incidiu tamén no feito de que “estadisticamente claro que pode haber outro accidente semellante”. Ademais, fixo fincapé no feito de que a “dilación indebida” da xuízo, case dez anos despois, será “unha atenuante de culpabilidade” que será “con toda seguridade” empregado polos imputados e que tamén lles reducirá a pena” de habela.

Para Trepat, á marxe das mellores técnicas e de prevención, o que si queda claro é que “de producirse novas desgrazas, os responsables políticos non se marcharían de cacería nin tomarían decisións oportunistas ou caprichosas, senón que se basearían en expertos e xente coñecedora do mar”. “Isto tamén é grazas a Nunca Máis”, engade.

Ademais, e sobre a presenza do ex ministro Álvarez Cascos no xuízo, Trepat aclara que López Sors, que era director xeneral da Mariña Mercante, “asumiu todas as decisións”, aínda que di ter “o convencemento” de que “estaba sacrificando a súa cabeza” en favor de superiores como o ex titular de Fomento.

En canto ás informacións da prensa que desvelan as intencións de varios cargos de abrigar o Prestige na Coruña, os avogados cren que a conversación feita pública “é moi reveladora” e “dará moito xogo” ao deixar claro que había máis opcións que a decida finalmente de afastar o buque e que acabou provocando unha enorme catástrofe ambiental.

Así, o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, asegura que el “non metería o buque na Coruña” e destacou tamén que o porto exterior de punta Langosteira, vendido naquela época como porto refuxio, “non é tal”. “Non é seguro para meter un barco así”, asegurou, logo de advertir de que “se hai unha alarma como a do Prestige dentro de dúas horas, os mariñeiros seguirían sen ter os medios necesarios para deter a vertedura”.

Preguntados pola coincidencia do xuízo e das manifestacións coa campaña electoral, os portavoces aseguraron que non tiñan “culpa” de que se fixase esa data e advertiron do feito de que os xefes dos executivos dos que na actualidade dependen os galegos tivesen na época do Prestige altas responsabilidades. “A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume de ‘o señor dos hilillos’ polas súas declaracións”, dixo Xurxo Souto, en referencia a Rajoy, tras recordar tamén que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, era entón vicepresidente con Manuel Fraga.

“Nós sabemos perfectamente quen é Rajoy e sabemos tamén ben que farían el e Feijóo tivésense que volver actuar”, aseguraron, tras negar que a manifestación convocada para cinco días antes dos comicios poida influír no resultado electoral.

Fonte: Eldiario