Entradas

Só un 3 por cento de escolas infantís empregan o galego

A Mesa pola Normalización presentaba esta mañá os datos dun estudo que esta asociacións realizou sobre a presenza do galego nas escolas infantís nas sete cidades galegas. Segundo os datos feitos públicos polo colectivo, unicamente 3,19% destes centros imparten ensino en galego. Pola súa banda, un 1,06% manteñen unha liña en galego e outra en castelás e un 4,96% sinalan que imparten a metade en galego e a metade en castelán. No entanto, neste último caso, A Mesa advirte que “en varios deles o idioma propio de Galiza só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés”. Segundo estes datos, en Lugo hai tres escolas de infantil que declaran impartir en galego; en Ourense, A Coruña e Santiago, dúas e en Ferrol, Pontevedra e Vigo só unha.

Segundo denunciou o presidente da Mesa, Carlos Callón con esta situación “non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”. Ademais, apuntou que “estes niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio”.

Fonte: Culturagalega

Inauguración da Feira do Libro de Fránkfurt

A Feira de Fránkfurt é o escaparate mundial do libro, o evento máis importante do mundo en materia de dereitos de autor. Miles de profesionais de todo o mundo achéganse a ela para mercar, vender ou visualizar as últimas novidades de formatos e contidos. Cada un dos seus enormes pavillóns conforma un mundo diverso e colorista con miles de referencias en todas as linguas do mundo. A revolución dixital voltará de novo para formar parte dos foros e debates de expertos e gurús do sector editorial e das novas tecnoloxías. Jürgen Boos, director da feira, comparou a situación do sector co “bigbang”, unha especie de explosión que cambiará a galaxia de Gutemburg, dixo. Recordou que o importante non era o soporte, senón as historias que se len neses soportes.

O país convidado da edición deste ano é Nova Zelanda, dende cuxo pavillóns se fixo unha presentación para a prensa internacional que cubre este macro evento.  O presidente do gremio xermano, que agrupa ao conxunto do sector do libro, Gottfried Honnefelder, foi o encargado de realizar esa presentación.

Contarán con stand en Fránkfurt Nova Galicia Edicións e Kalandraka, aínda que Baía Edicións estará presente a través da súa directora editorial Belén López Vázquez. Por primeira vez en moitos anos non haberá stand colectivo dos editores galegos.

Fonte: AGE

30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor

O Concello de Fene ten o pracer de organizar este ano a 30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Este certame, dedicado a un dos máis grandes escritores da literatura galega de todos os tempos, é posible grazas ao patrocinio dos moitos concellos que decidiron apoiar a iniciativa nestes anos.

Este Premio cumpre un importante papel no sistema literario galego xa que contribuíu, no pasado, e segue a contribuír de maneira decisiva no presente ao impulso e consolidación da literatura galega, nomeadamente do xénero da novela longa, no que foi mestre Eduardo Blanco Amor.

Ao cumprirse este ano o 30º aniversario do certame e o 36º da homenaxe en vida que o pobo de Fene lle tributou a Don Eduardo (no CCRD de Perlío, en 1976), dende o Museo do Humor queremos sumarnos aos actos que está a programar o Concello para divulgar a vida e obra do xenial escritor ourensán.

Por este motivo poñémonos en contacto contigo para solicitar a túa colaboración na exposición-homenaxe a Blanco Amor que, comisariada por Siro, vai ter lugar no Museo do Humor do 2 ao 23 de novembro de 2012 e da que agardamos poder editar o correspondente catálogo.

Unha vez rematada a exposición, o Museo ofrecerá aos concellos patrocinadores do Premio e ás entidades interesadas a itinerancia gratuíta da exposición (só terían que aboar os gastos de transporte e seguro) até finais de 2013.

De podermos contar coa túa colaboración, cómpre que teñas en conta os seguintes extremos:

a) A exposición vai estar estruturada en dous grandes bloques: caricaturas de Blanco Amor e ilustracións relativas a personaxes ou anacos da obra de Don Eduardo. Xa que logo, a túa participación pode ser na sección que consideres máis acaída ou nas dúas.

b) Podes enviar cantas caricaturas/ilustracións consideres oportuno e utilizar calquera técnica. c) Aos efectos de facilitar a montaxe da exposición os debuxos deberán estar en formato A-3.

d) Os traballos, en formato papel ou semellante hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte enderezo:
Museo do Humor – Concello de Fene Homenaxe a Blanco Amor Avda. de Conces, 20 – 22 15500 Fene (A CORUÑA)

e) Os traballos en formato dixital (JPEG, TIFF, GIF, PSD, PDF, PNG, BMP) hai que envialos, antes do 30 de setembro de 2012, ao seguinte correo electrónico museodohumor@gmail.com cunha resolución mínima de 300 ppp para debuxos en branco e negro e 500 ppp se son en cor.

f) Rematadas as itinerancias da exposición, os traballos aceptados a concurso pasarán a formar parte dos fondos do Museo figurando unha selección deles nos seus locais, en mostras itinerantes ou publicacións do Museo baixo una licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obra derivada 3.0. (CC BY-NC-ND 3.0). O Museo comprométese a que sempre figure o nome do/a autor/a. Tamén hai a posibilidade de recuperar as obras, sempre que o/a autor/a o faga constar expresamente no envío.

Carta de Siro aos ilustradores

Os equipos de normalización piden aos partidos que “derroguen” a política lingüística de Feijóo tras o 21-O

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) vén de enviar aos partidos políticos que concorren ás vindeiras eleccións do 21 de outubro as súas propostas para que “as teñan en consideración nos seus programas electorais”. As proposicións abranguen o ámbito do ensino, dos propios equipos de normalizción e da sociedade e foron elaborados coas contribucións destes equipos e dos docentes que colaboran co colectivo. Nelas, déixase claro o rexeitamento á política lingüística aplicada polo Goberno de Núñez Feijóo, polo que reclaman a derrogación dunhas medidas que consideran que “marxinan a aprendizaxe en galego e non aseguran a competencia mínima na lingua propia do estudantado galego”.

O obxectivo non é outro que “mellorar a situación da lingua galega garantir a competencia plena do alumnado, estender os seus usos ou eliminar os prexuízos que lastran a súa imaxe social”, sempre, como aclara a Cgendl, “dende unha visión construtiva e proactiva e na procura e esixencia de espazos de consenso”, especialmente dirixida á Xunta e a realizar “entre todos os axentes implicados tanto no ensino como no resto da sociedade para lograr estes obxectivos”.

Así, a Cgendl reclama xa de principio a “derrogación” do polémico decreto 79/2010 porque, segundo din, “ataca directamente a supervivencia do noso idioma ao facer que moito estudantado galego non acade a competencia mínima na lingua propia de Galicia”. Do mesmo xeito, piden a elaboración dun decreto de “promoción do idioma galego no ensino” a partir do Plan Xeral pola Normalización que, lembran, foi referendado por unanimidade no Parlamento. O obxectivo: “Asegurar que o alumnado remate os seus estudos obrigatorios con plena competencia nas dúas linguas oficiais”.

A Cgendl mostra con claridade o seu rexeitamento á política lingüística instaurada polo Goberno de Núñez Feijóo, polo que reclama tamén a “implantación de liñas de galego en Educación Infantil que posibiliten  un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización”, algo que está imposibilitado en numerosas zonas debido a unha enquisa que, lembran,  “ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, marxina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias”. Por iso, piden que se elimine ese inquérito do que a Xunta seguen sen dar datos.

Os equipos de normalización solicitan ao mesmo tempo a implatación progresiva dos Programas Integrados de Linguas, que cren “a  única maneira real de que o alumnado aprenda a lingua propia e desde ela adquira outros idiomas”, así como o fomento desde a Xunta da elaboración de recursos didácticos especializados e actualizados para impartir aulas en galego, e do mesmo xeito para o alumnado estranxeiro.  En canto ao programa Abalar, reclaman que se dote de materiais en galego para que este  “non fique abeirado nas novas tecnoloxías como está a acontecer”.

Alén diso, a Cgendl pide que se recupere o programa Preescolar na Casa e que se reforcen as escolas rurais “cunha axeitada dotación de recursos TIC en galego”. Ademais, reivindican “a implicación de toda a comunidade educativa no proceso de normalización a través de asesoramento de inspección educativa, campañas específicas ou cursos”, así como a “introdución progresiva do portugués como materia optativa en todos os centros de ensino” para potenciar o coñecemento do galego como porta aberta ao idioma luso, “que tantas saídas laborais e económicas vai ofrecer nos vindeiros anos”.

Por outra banda, no comunicado pídese unha “defensa” dos equipos de normalización fronte “aos ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua”. Do mesmo xeito, piden unha promoción real das actividades normalizadores destes equipos porque “precisan sentir que a Adminitración está do seu lado, que os apoia e que impulsa o seu labor”.

Solicitan tamén unha “orientación correcta” do traballo normalizador e que se atendan as súas problemáticas, así como se que se creen e divulguen recursos para o seu traballo. Tamén se reclama o desenvolvemento de programas formativos axeitados para os docentes, promoción do traballo en rede, activación dun plan de actuación da Rede de Dinamización Lingüística para a colaboración dos servizos de normalización cos equipos, a convocatoria das axudas anuais en tempo en forma, a implementación de medidas que faciliten o traballo diario e apoio económico para “unha planificación seria do traballo”.

Fonte: Praza

Foto: Manifestación a prol do ensino en galego. CC BY-NC-SA Queremos Galego

O ‘Acordo ortográfico’ entra en campaña

O Partido da Terra solicitou este luns ante as Xuntas Eleitorais de todas as circunscricións, excetuando a da Coruña, onde a candidatura está baixo recurso, a validación dos seus boletins de voto nos que se utilizará, por primeira vez en Galicia, o Acordo Ortográfico. Trátase dun tratado internacional asinado en Lisboa en 1990 coa presencia dunha delegación de observadores da Galicia e ratificado nos últimos anos por Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe e Timor Leste.O Partido da Terra alega que ningunha disposición legal impide que os boletins de voto impresos e distribuídos polo própio partido utilizando este Acordo sexan declarados válidos e anuncia que interporá recursos se algunha das Xuntas Eleitorais fallara en contra. O PT lembra que o Decreto 176/2012, de 27 de agosto, polo que se estabelecen as normas sobre os medios materiais que se utilizarán nas elecións que din que o texto debe ser bilingue (galego e español), sen ningunha referencia à norma ortográfica.

Non existe “norma oficial”

O Partido da Terra quere esclarecer que en Galicia, como no resto do Estado español, nin o Parlamento, nin a Xunta teñen lexislado sobre ortografia, non existindo normas ortográficas “oficiais”. “Nao ha disposição jurídica que ordene positivamente o uso de uma determinada norma gráfica em qualquer contexto administrativo, incluídos os procedimentos eleitorais”, apunta o PT.

A citada “Disposición adicional” da Lei 3/1983, refírese á correción idiomática para estimar “como critério de autoridade o estabelecido pola Real Academia Galega” e, atendendo à literalidade, establece que a opinión dese organismo é un “critério de autoridade”. Con todo, o PT insiste en qie “nem se define como único ou exclusivo, nem como obrigatório e muito menos como oficial”. “Podem existir, pois, outros critérios de autoridade estabelecidos por entidades em cujos estatutos, legalmente reconhecidos, conste o fim ou objetivo de estabelecer critérios de correção idiomática para a língua da Galiza (veja-se, por exemplo, a Ordem CUL/1075/2011, de 1 de março, pola qual se inscreve no Registro de Fundações à Fundação Academia Galega da Língua Portuguesa,BOE n.º 102, de 29 de abril de 2011)”, apunta.

O PT advirte igualmente que a discriminación administrativa dos cidadáns por razóns de língua, ou ortografia, constitui “uma violação grave do ordenamento constitucional, especialmente se esta for justificada numa legalidade inexistente (a pretensa “oficialidade” de uma ou outra ortografia)”. Por iso, sinala que “de produzir-se esta discriminação e não se resolvendo positivamente em primeira instância, o PT interporá um recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional em virtude dos Arts. 10.2 e 14 da Constituição e do Art. 5.4 do Estatuto de Autonomia”.

Defensa da Unidade da Língua

A proposta programática do Partido da Terra está fundamentada na “tradição política, cultural e académica do nosso País, parte do reconhecimento pleno do galego como tal: língua extensa e útil, língua aberta ao mundo e a uma vasta riqueza geográfica e histórica”. Por iso, aposta por este Acordo Ortográfico, adotado en 1990 que “reconhece que a língua que se conhece internacionalmente como português, como todos os idiomas extensos, tem múltiplas variantes, uma das quais é o idioma próprio da Galiza”. Por iso, consideran “sinónimas denominações como galego ou português da Galiza, como válidas seriam as formas galego do Brasil ou galego de Angola”.

En este sentido, o PT denuncia tamén a “falácia da oficialidade” que, segundo este partido, “tem levado a uma perda de utilidade da língua devida à procurada separação do resto do espaço lusófono”. Por iso, no seu programa, propón a ratificación institucional do Acordo Ortográfico polo Parlamento galego e a introdución “da variedade internacional e outras manifestações orais da nossa língua (portuguesa, brasileira e africanas) como conteúdo nas aulas de língua galega em todos os níveis de ensino, assim como facilitar formação geral e específica à população geral, com ênfase na administração pública e no mundo empresarial”.

A Mesa chama a “votar en galego” porque “Feijóo non merece ser reelixido”

Que a cidadanía do país teña “todos os argumentos posibles” antes do 21 de outubro sobre a xestión da Xunta do PP en materia lingüística. É o propósito que A Mesa pola Normalización Lingüística se marca coa posta en marcha da campaña Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido, unha acción coa que, explica o presidente da asociación de defensa do idioma, Carlos Callón, pretenden recompilar “tres anos e medio de retrocesos lingüísticos”.

A difusión “masiva” de carteis, fisicamente e a través das redes sociais, así como posibles actos de rúa son os eixos dunha campaña na que figuran, por exemplo gasto público para trocar libros de texto redactados en galego pola súa versión castelá, a eliminación da lingua propia das materias escolares relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía ou a “censura” dun manual escolar “por reproducir o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía, no que se sinala que o galego é a lingua propia” de Galicia.

Os “vellos e malintencionados prexuízos” dalgúns conselleiros, como que “a cultura galega limita” ou que “o galego non pode ser un muro para o futuro”, así como a “maior destrución de libros de texto en galego dende 1936” son outros dos argumentos que levan a que A Mesa conclúa que a xestión de Feijóo converteu o galego na “lingua máis desprotexida do Estado”, proceso no que, ademais, di Callón, a Xunta “tirou máis de catro millóns de euros” para “reducir o galego no ensino”.

Neste contexto, explica Callón, o colectivo que encabeza tratará de centrar todo o seu “esforzo” ata o inicio da campaña electoral en promover unha “reflexión sobre a lingua galega” previa á decisión do voto. “Non nos presentamos ás eleccións”, ilustra, ademais de abondar que o feito de achegar “argumentos” para seleccionar unha ou outra opción política contribúe a que a cidadanía estea “mellor informada” e, por extensión, a “afortalar a democracia”.

Fonte: Praza

A Fundación Manuel María homenaxea o poeta en Lúas de outono

O Teatro Colón da Coruña acolle mañá ás 20:30 horas Lúas de Outono, a gala coa que a Fundación Manuel María homenaxea o poeta chairego que lle dá nome. O evento servirá para presentar a videocreación Danza do poema emocionado realizado por Anxa G. Refoxo para Pixel Films sobre poemas do autor. Pola súa banda, Uxía cantará en directo temas do disco Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María, que tamén se presenta nesta gala. A celebración coincide co cabodano do poeta, falecido en 2004.

Fonte: Cultura galega

RedeCom comeza o 25 de setembro

O 25 de setembro ás 16:30 dará comezo a primeira sesión da Rede de Coñecemento Compartido posta en marcha pola AGE. O instrumento pretende establecerse como unha arañeira permanente de intercambio entre os diferentes actores do sector, e os editores non descartan espallala ao resto dos sectores cos que interactúan. A actividade terá lugar nas instalacións do Consello da Cultura Galega.

Os sectores da industria cultural atopan cada día máis dificultades para enfrontar os retos da coxuntura económica máis negativa de casi toda a súa historia, da pouco menos que esquecida e inexistente política cultural, da inusitada transformación do sector pola irrupción dos novos soportes, que protagonizan e concitan o interese xeral e político e que afastan dese foco á raíz creadora que lles confire sentido.

As redes sociais e a internet e a súa utilidade para promover e promocionar os contidos e a creación, as marcas culturais e a interacción co público atento, serán o tema desta primeira sesión na que participarán tres editores con experiencia nese ámbito.

                                                                 Creación de libros dixitais      

Hoxe dará comezo, con máis de trinta participantes, o primeiro seminario de Creación de libros dixitais. A docencia estará a cargo de Antón Lado.

Fonte: AGE

Informe europeo advirte do perigo para o galego na era dixital

Actualmente “hai unha cantidade bastante reducida de produtos, tecnoloxías e recursos deseñados para o galego” no ámbito das tecnoloxías lingüísticas. Esta é unha das conclusións de Carmen García Mateo e Montserrat Arza Rodríguez, investigadoras da Universidad de Vigo, no informe ‘O idioma galego na era dixital’ (‘The Galician Language in the Digital Age’), un estudo publicado en galego e inglés sobre o presente e futuro do noso idioma a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

A publicación forma parte da Serie de Libros Brancos (White Paper Series) que a Rede de Excelencia da Comisión META-NET adica a 31 linguas europeas. Editada por Georg Rehm e Hans Uszkoreit, esta serie de textos foi financiada polo Sétimo Programa Marco e o Programa de apoio ás TIC (ICT Policy support programme) da Comisión Europea, e ten como obxectivo fomentar o coñecemento sobre a tecnoloxía lingüística e o seu potencial entre xornalistas, políticos, comunidades lingüísticas, profesores de idiomas e público en xeral.

‘O idioma galego na era dixital’ é unha análise das tecnoloxías da lingua, aplicacións e solucións para a nosa lingua. O informe advirte da necesidade de ter dispoñible unha tecnoloxía lingüística para todas as linguas europeas, que sexa economicamente alcanzable e que se atope perfectamente integrada dentro duns ámbitos informáticos máis amplos para acadar unha experiencia interactiva, multimedia e plurilingüe dos usuarios.

Ante o perigo de que a globalización se converta nun “mecanismo que promova o abandono do noso rico patrimonio lingüístico e cultural (…) a favor dunha lingua franca”, as autoras propoñen traballar na procura de “formas de comunicarnos co mundo ao mesmo tempo que preservamos a nosa propia lingua e, con iso, a nosa identidade cultural”.

A clave para as investigadoras da Universidade de Vigo está no desenvolvemento de “tecnoloxías facilitadoras” da lingua e fala, mais consideran que as dispoñibles actualmente no mercado non satisfacen as necesidades dos usuarios que se comunican en galego.

“Optimismo cauto”

Segundo as autoras, “o galego é unha das linguas da Unión Europea que necesita aínda máis investigación para que as solucións das tecnoloxías da linguaxe cheguen a ser verdadeiramente eficaces e poidan ser empregadas para un uso diario”.

Neste volume, García Mateo e Arza Rodríguez abordan os riscos aos que se enfronta o galego na era dixital, os retos para a tecnoloxía lingüística aplicada ao noso idioma, a situación da lingua galega na sociedade europea da información e o apoio que recibe a tecnoloxía lingüística para o galego.

As autoras falan dun “optimismo cauto” cando se refiren á situación do galego no que se refire ao apoio das tecnoloxías lingüísticas. E advirten de que “é preciso centrar máis esforzos na creación de recursos para o galego, así como na investigación, innovación e desenvolvemento”.

Para a súa diagnose elaboraron a seguinte táboa que proporciona unha visión xeral da situación actual do apoio das tecnoloxías lingüísticas para o idioma galego. A valoración dos recursos e ferramentas existentes está baseada en estudos estimados levados a cabo por expertos, que empregaron os seguintes criterios (comprendidos entre 0 e 6).

Para o galego, os principais resultados que atoparon as autoras en relación ás tecnoloxías e recursos son os seguintes:

  • O procesamento da fala actualmente parece estar máis desenvolvido có procesamento do texto escrito. As tecnoloxías de acceso á información avanzada aínda se atopan nos seus comezos e, para o caso do galego en particular, apenas existen.
  • Canto máis coñecemento lingüístico e semántico inclúe unha ferramenta, máis carencias aparecen (véxase, por exemplo, a recuperación de información contra a semántica textual) e son necesarios máis esforzos para dar apoio ao procesamento lingüístico exhaustivo.
  • A investigación tivo éxito á hora de deseñar software de alta calidade, pero moitos dos recursos carecen de estandarización, é dicir, mesmo se existen, non sempre teñen a sostibilidade necesaria; precísanse iniciativas e programas concertados para estandarizar os datos e os formatos de intercambio.
  • Para o galego existe un amplo corpus textual de referencia (cunha mestura equilibrada de diversos xéneros), así como outros corpus especializados, mais estes non son facilmente accesibles nin baratos.
  • Aínda que existen algúns corpus específicos de alta calidade, non se dispón dun corpus extenso anotado sintacticamente.
  • Existen moi poucos corpus anotados con información sintáctica, semántica ou discursiva e, polo tanto, a situación empeora cando se precisa información lingüística e semántica máis profunda.
  • O procesamento da fala está actualmente máis desenvolvida ca o PLN para os textos escritos.
  • Existen corpus paralelos entre o galego e o español, e estes foron empregados para o desenvolvemento de sistemas de tradución automática. Non obstante, hai unha ausencia de corpus paralelos entre o galego e outras linguas.
  • Os datos multimedia constitúen tamén unha enorme carencia.

O galego na sociedade da información

A situación do galego na chamada sociedade de información non semella ser a máis idónea para a súa superviviencia. Sobre a presenza do galego na Internet, se ben as autoras consideran que “é bastante limitada”, salientan a existencia dalgunhas iniciativas que “intentan aumentar a presenza do galego na web”, como por exemplo a Galipedia (a Wikipedia en galego), que “con máis de 75.000 artigos está ao mesmo nivel que algúns idiomas oficiais da UE como o grego ou o letón”, explican.

Outro exemplo é a iniciativa PuntoGal, que “intenta obter un dominio na Internet para o idioma e a cultura galegos”, indican as investigadoras da Universidade de Vigo, que consideran que “a través deste dominio, a sociedade galega pasaría a ter máis visibilidade na rede e en todo o mundo”.

Tamén lembran que “Google ou Facebook, entre outros, ofrecen unha versión en galego para as súas interfaces de navegación”. Mais de Twitter, que vén amosando o seu desprezo ao galego ao ignoralo, non se fan mencións.

García Mateo e Arza Rodríguez tamén fan referencia ao labor do goberno autonómico, que “levou a cabo algunhas iniciativas para dar apoio á creación de páxinas web en galego”, din as autoras, que salientan proxectos como Mancomún, que “ofrece unha serie de ferramentas informáticas gratuítas en galego creadas coa axuda da Xunta de Galicia” e que puxo en marcha proxectos como Galinux, “unha distribución GNU/Linux en galego deseñada para finalidades educativas”, destacan as investigadoras.

No sector da edición de libros en galego, observan que este “incrementou de forma moi notable” as publicacións, “pasando de 187 títulos editados en galego en 1980 a 1.826 no 2005”, indican. Con todo, “hai que sinalar algúns problemas, como a abraiante presenza da edición institucional, a excesiva atomización das empresas editoras galegas e a perigosa dependencia do mercado escolar”, advirten.

Ben distinta é a saúde da nosa lingua nos xornais. As investigadoras falan da escasa presenza nos diarios tradicionais e da inexistencia de medios escritos integramente en galego: “Actualmente non hai ningún xornal integramente escrito en galego. En algúns o idioma non está totalmente ausente, aínda que si arrecunchado na información cultural e nas columnas de colaboradores”, explican as autoras.

Paradoxalmente, este estudo sobre a situación do galego na era dixital apenas lle dedica unhas exiguas palabras aos diarios electrónicos e non afonda neste sector estratéxico para a supervivencia do galego na sociedade rede. Nin mencións a ningún diario electrónico nin valoración dos seus proxectos. Só unhas breves e insubstanciais palabras: “A web tamén ofrece cada vez un maior número de xornais dixitais en galego (ou xornais españois que contan cunha ferramenta de tradución ao galego), así como algúns cursos en liña para a aprendizaxe do idioma”, describen con levidade.

Conclusións

O informe conclúe que se ben en Galicia existe unha comunidade investigadora en tecnoloxías da lingua que conta co apoio de programas de investigación que deron froitos en forma de recursos e tecnoloxías de última xeración para o galego, “o alcance destes recursos e a variedade de ferramentas son aínda moi limitados en comparación cos recursos e ferramentas dispoñibles no caso da lingua española (e obviamente para o idioma inglés), e simplemente non son suficientes en calidade e cantidade para desenvolver o tipo de tecnoloxías necesarias que permiten apoiar unha sociedade do coñecemento verdadeira mente plurilingüe”, argúen as autoras.

De feito, o estudo alerta de que “a industria galega das tecnoloxías da linguaxe dedicada a transformar a investigación en produtos é actualmente moi pequena” xa que “a maioría de empresas grandes pararon a súa actividade ou ben reduciron drasticamente os seus esforzos en tecnoloxías da lingua”.

META-NET

META-NET é unha Rede de Excelencia financiada parcialmente pola Unión Europea. Foi lanzada o 1 de febreiro de 2010 e ten tres liñas de acción: META-VISION, META-SHARE e METARESEARCH.

Actualmente está formada por 60 centros de investigación que representan a 34 países europeos. Un dos seus proxectos é META, a Alianza Tecnolóxica Plurilingüe de Europa, unha crecente comunidade de organizacións e profesionais das tecnoloxías lingüísticas en Europa. META-NET dedícase a fomentar os fundamentos tecnolóxicos para establecer e manter unha verdadeira sociedade plurilingüe.

Esta rede traballa en colaboración con compañías de software, provedores de tecnoloxía e usuarios, axencias gobernamentais, organismos de investigación, organizacións non gobernamentais, asociacións e universidades europeas. Xuntamente con elas, META-NET está a crear unha visión da tecnoloxía común e unha axenda de investigación estratéxica para a Europa multilingüe do 2020.

Descarga o informe aquí.

Fonte: Galicia Confidencial

Cans leva unha selección de curtas e clips galegos ao Festival de Douarnenez, na Bretaña

O Festival de Cans segue a promover as curtametraxes galegas máis aló da parroquia que lle dá nome e dos días nos que se celebra. Algunhas das pezas máis destacadas que pasaron polo festival este ano poderán verse as próximas semanas en cidades e vilas de Galicia e doutros países, nun circuíto de proxeccións que comezou a finais de xullo e que terá como próxima parada o Festival de Cinéma de Douarnenez (Bretaña), un dos máis antigos de Francia.

Cans mantén o seu esforzo por difundir as curtas galegas dentro e fóra do país, polo que este verán renova Cans Itinerante, o seu circuíto internacional de proxeccións. Iniciouse o 24 de xullo no Festigal en Santiago de Compostela, continuou o 6 de agosto en Caminha (Portugal) e o 17 deste mes en Riós (Ourense), como parte da programación do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel.

No Festival de Douarnenez

A próxima parada é mañá xoves 23 de agosto dentro da programación da 35ª edición do Festival de Douarnenez (Bretaña, Francia). O coñecido como festival das minorías dedica esta edición ás cinematografías e as culturas de Galicia, Euskadi e Cataluña. Na representación galega, que inclúe varios filmes e conferencias con personalidades salientables da nosa cultura, reserva un espazo destacado para o Festival de Cans.

Alí se proxectará o making of da edición 2011, as curtametraxes Estereoscopía, de Xacio Baño; Percebeiros, de David Beriáin; O xigante, de Luis Matta e Julio Vanzeler; e Mr Bear, de Andrés Rosende; ademais dos videoclips “Puerto del Sonido” de Mullet e “Un piatto” de Banda Crebinsky. Unha escolma que inclúe ficción, animación, documental e vídeos musicais para amosar nunha sesión de algo máis dunha hora a diversidade da produción audiovisual galega en formato curto. Proxectaranse este xoves ás 14:30h na sala MJC da cidade bretoa, onde se volverán pasar o sábado ás 11h.

Ourense e outras paradas

A seguinte cidade á que chegará Cans Itinerante será Ourense. Este venres 24 ás 23h na praza de San Martiño, o Festival de Cans será protagonista da penúltima sesión do ciclo “Baixo as Estrelas”, organizado polo Festival Internacional de Cine de Ourense. Alí poderase ver o palmarés completo da última edición de Cans. Logo as curtas estarán no 26º Festival da Poesía do Condado, o 31 de agosto en Salvaterra de Miño. A partir de setembro están previstas novas proxeccións en Vigo e Lisboa, entre outras localidades.

Desde a segunda edición, o Festival de Cans organiza cada ano este circuíto internacional de proxeccións que buscan levar a novos públicos as curtametraxes galegas exhibidas en Cans. Neste tempo as curtas xa chegaron á maior parte das cidades e moitas das vilas de Galicia, ademais das principais cidades da Península: Lisboa, Porto, Madrid e Barcelona, e a países como Inglaterra, Holanda, Bélxica e o Sáhara Occidental, entre outros.

Festival de Cans

Fonte: Galicia Hoxe