Entradas

Guitiriz loita para que o poeta Díaz Castro protagonice o Día das Letras Galegas do 2014

Díaz Castro 2014. Ese podería ser, nun breve e quizais inexacto eslogan, a definición que asociacións e entidades de Guitiriz están a artellar para que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano se lle dedique a Xosé María Díaz Castro (1914-1990).

Nado na parroquia dos Vilares e enterrado en Guitiriz, vila á que volveu para pasar os derradeiros anos da súa vida tras unha estadía en cidades de Galicia e doutras comunidades, Xosé María Díaz Castro é coñecido polo seu poemario Nimbos, que goza dun amplo prestixio na historia da literatura galega contemporánea.

A achega máis inmediata nesa campaña que reclama o recoñecemento da Real Academia Galega para o poeta terá lugar pasado mañá, precisamente no instituto que leva o nome do autor de Nimbos. Alí presentarase o documental A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro, realizado por alumnos do centro.

O traballo inclúe ademais a participación da profesora Sandra Tenreiro, que puxo música a varios poemas, e do alumno David Gómez, que fixo unha versión rap dun texto de Díaz Castro. O documental hase presentar logo noutras cidades galegas para espallar esa visión do poeta dos Vilares.

Fonte: La Voz de Galicia

Autores galegos visitan o Saló del Còmic de Barcelona

Unha nutrida representación da banda deseñada galega visitará o Saló del Còmic de Barcelona que arrinca mañá. O evento contará, por suposto, con Miguelanxo Prado e David Rubín, que optan ao premio á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Os dous autores participarán en diferentes sesións de sinaturas e actividades no evento, e Rubín ademais participará nas IX Jornadas Comiqueras SD/FNAC que se celebran en paralelo ao evento.

Pola súa banda, Lola Lorente e José Domingo achéganse ao encontro onde protagonizan senllas exposicións monográficas e asinarán exemplares dos seus traballos en diferentes postos.

A buscar novas oportunidades profesionais, visitarán o Saló tamén Norberto Fernández, Alex Cal ou Xermánico. Kiko da Silva tamén se achegará ao evento cos seus alumnos da escola de BD O Garaxe Hermético. A intención da visita é participaren nas actividades de formación e aulas maxistrais que se programan neste evento, así como coñecer diferentes autores e editores. Da Silva participa na exposición sobre o Western que se poderá ver no Saló. David Braña, pola súa banda, asinará exemplares das revistas El arca de las historietas e Cthulhu, nas que colabora con historias cortas.

Un clásico da zona de fanzines do evento como é Mariano Casas declinou este ano a súa presenza. Casas estará cos seus traballos en Graf, encontro de cómic de autor e edición independente que se celebra por vez primeira este ano na Cidade Condal.

Fonte: Culturagalega

Con gran éxito de público botou andar o sábado o Outlet do Libro Galego de Compostela

Con gran éxito de público botou andar o sábado o Outlet do Libro Galego de Compostela. Durante a fin de semana un gran número de público de todas as idades abarrotou as instalacións da Fundación Nova Caixa Galicia, na rúa do Vilar de Santiago. Con 10 euros unha familia pode levar cinco libros de agasallo para os pequechos. Ademais de fondos de literatura infantil e xuvenil, a tenda outlet dispón de guías da natureza, libros de arte, ensaios etnográficos, novelas, gastronomía, historia etc. A variedade de xéneros e de títulos foi destacada polos visitantes. As obras que se puxeron á venda, procendentes de 17 editoras están xa descatalogadas.

As instalacións permanecerán abertas até o día 14 de abril ás 9 da noite.

Calendario dos outlets

A  maior parte dos fondos estarán dispoñibles aos seguintes prezos: 1 libro a tres euros, 2 volumes a cinco euros e 5 a dez euros. Ademais, as edicións especiais e as obras de grande formato poderán adquirirse a prezos de 10 e 15 euros.

  • Santiago de Compostela. 6 ao 14 de abril.
  • Pontevedra. 20 ao 28 de abril.
  • Ourense. 4 ao 12 de maio.
  • O Barco de Valdeorras. 18 ao 26 de maio.

 

Fonte: AGE

Cultura impulsará o uso do galego con ‘FalaRedes 2013’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou que o espectáculo infantil ‘A nena e ou grilo nun barquiño’ é unha das novas actividades que conformarán a segunda edición do programa de dinamización lingüística ‘Falaredes’ e que chegará a entidades locais integradas na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta.

Presentouno este xoves na localidade coruñesa de Carral, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Luís Fernandez, e o responsable de Urdime, a empresa xestora da actividade, Xaime López.

Na súa intervención, Valentín García destacou que con esta nova edición de ‘Falaredes’ a Secretaría Xeral de Política Lingüística “pretende consolidar unha programación de actividades anual e estable” posta en marcha o ano pasado.

Así mesmo, o secretario xeral destacou a “importancia” das actividades de dinamización como “ferramentas para romper prexuízos e achegar o galego á sociedade no seu tempo de lecer, cargándoo de valores positivos e asociándoo aos formatos e contextos máis actuais”.

Segundo explicou a Xunta, ‘A nena e ou grilo nun barquiño’ é un espectáculo de dinamización lingüística que mestura música, lingua, ilustración, poesía, teatro e baile en directo. Así, os máis pequenos poderán coñecer unha viaxe no que o mundo preséntase como unha nova aventura que descubrir.

Os protagonistas deste espectáculo de 60 minutos de duración, comandados polo creador e músico Magín Branco, irán descubrindo o mundo e os seus segredos, ao mesmo tempo que conquistan o seu mundo interior.

Fonte: El Correo Gallego

Foto

O futuro da librería será o tema central do IX Simposio

O IX Simposio O libro e a lectura vaise celebrar en Santiago o 9 de novembro, baixo o tema central de O futuro da librería. A xornada vai concitar en Compostela a destacados profesionais do sector do libro. Este foro vense celebrando ininterrumpidamente dende o ano 2004. A actividade está patrocinada por Cedro e organizada pola AGE. Colabora o Consello da Cultura Galega.

Inscricións ata o 6 de novembro: comunicacion@editoresgalegos.org

Avance do programa

Venres 9 de novembro

09:30 Recollida de documentación.

10:00 Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE

10:30 Conferencia inaugural: A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición. Manuel Gil, editor

Presenta Manuel Bragado Rodríguez

11:30 Pausa Café

12:00 Panel de experiencias de éxito: A utilización das redes sociais nas librerías

Xosé Rodríguez Lois, de Redelibros ( Vigo)

Carlos Airas Cota, da Librería Airas das Letras (Allariz)

Damià  Gallardo, de Librerías Laie  (Barcelona)

Presenta Antón Lado

13:00  As feiras do libro, Antón Pedreira (Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia)

Presenta Xulio Amigo

14:00  Remate xornada da mañá.

16:30  Mesa redonda: Os modelos de negocio das librerías.

Librerías Nobel- Grupo Arnoia (Pontevedra)

Enric Faura, de Edicat ( Barcelona)

Juan Carlos Febrero, Casa del Libro  (Vigo)

Carlos Coira Nieto, de  Libraría Trama (Lugo)

Presenta Laura Rodríguez.

17:30  Conferencia  O futuro da  librería,  Marià Marín i Torné,  Secretario del Gremi de Llibreters de Catalunya

Presenta Belén López

19:00  Conclusións

19:30  Remate da xornada. 

Fonte: AGE

Foto: Xunta

Accede aos LIBROS VIRTUAIS de BAÍA EDICIÓNS

Para poder acceder aos libros virtuais de Baía Edicións debes rexistrarte na nosa Aula Virtual.

Instrucións para utilizar os libros virtuais:

  • Descarga no teu lapis de memoria unha copia do libro desde a Aula Virtual.
  • Pídelle un código de activación ao teu profesor ou profesora.
  • Abre o libro facendo dobre click sobre el, e introduce o código de activación (só terás que facelo a primeira vez!).
  • Aproveita a experiencia do libro dixital interactivo, non só no centro senón tamén na casa!

Se tes algún problema ou dúbida durante a instalación ou o emprego do libro, seguramente a resposta estea aquí.

Baía Edicións presenta OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Ferrol

Baía Edicións presenta na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o xoves día 27 de setembro, ás 19:30 horas a obra Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas (tamén coordinador da obra) e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca en Compostela.

No acto, ademais dos autores, intervirán Francisco Bernabeu, autor dalgunha das receitas propostas na obra e recoñecido micólogo en Ferrolterra, e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións, que se encargarán de facer un achegamento crítico a esta libro que abarca o gastronómico e a divulgación natural.

Breve comentario sobre a obra:

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cós cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

Viriato celebra o trinta aniversario cun libro sobre cogomelos na cociña

82.800 hogares gallegos tienen todos sus miembros en paro

O paro subiu en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia, en relación cos tres meses anteriores, un 10,48% máis, co que o total de desempregados sitúase en 265.600 e a taxa alcanza o 20,18%, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con estas cifras 82.800 fogares galegos ten todos os seus membros en paro.

En toda España, o paro subiu en 365.900 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 6,9% máis, situándose o número total de desempregados en 5.639.500 persoas, cifra inédita ata agora para a economía española. En Galicia, que mantén a súa taxa de desemprego máis de catro puntos por baixo da estatal (esta última é do 24,44%), a comparación co mesmo trimestre do ano anterior mostra que o paro subiu en 39.000 persoas, o que representa un 17,23% máis.

Galicia sitúase como a sétima comunidade na que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis avultada que o galego e están por baixo Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Entre xaneiro e marzo destruíronse na Comunidade galega 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e situáronse nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste xeito, no 55,51%.

Por sexos, hai máis homes desempregados (138.700) que mulleres (126.900), pero elas teñen unha taxa de paro superior, do 20,55%, fronte ao 19,85% no caso deles. Os datos da EPA mostran que no primeiro trimestre estaban ocupadas 490.300 mulleres, cunha taxa de actividade do 49,83%, por 560.100 homes, cunha taxa de actividade do 61,73%.

Ademais, a publicación do instituto estatístico recolle que entre xaneiro e marzo había en Galicia 2.370.700 persoas maiores de 16 anos, o que representa un 2.600 menos que no trimestre anterior, unha caída do 0,11%. Estaban activos 1.316.000, o que representa un incremento de 2.800 persoas no mesmo período, un 0,21% máis.

Fonte: El País

Presentación na Coruña de ‘Milagre da Terra’ e ‘Terra e Nostalxia’

Presentación dos libros Milagre da Terra e Terra e Nostalxia de Gwendolyn Luo na Feira do libro da Coruña de 2006. Marabillosas obras de fotografía dedicadas a Galicia. Read more