Entradas

O calendario de Feiras do Libro arrinca a súa andaina o vindeiro venres en Ferrol da man da Consellería de Cultura e Educación

O calendario de Feiras do Libro 2013 arrincará o vindeiro venres 19 de abril en Ferrol a súa andaina da man da Federación de Libreiros de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que este ano apoia catro citas máis que a pasada edición. Así, despois de pasar por Ferrol, as feiras percorrerán entre abril e agosto as localidades de Santiago de Compostela (27 de abril – 5 de maio), Lugo (14 – 19 de maio), Ourense (4 – 9 de xuño), Vigo (28 de xuño – 7 de xullo), A Coruña (1 – 11 de agosto) e Viveiro (13 – 16 de agosto). As novas citas serán as de Pontevedra (21 – 26 de maio), Rianxo (25 – 27 de xullo), Foz (17 – 20 de agosto) e Monforte (22 – 25 de agosto).

A colaboración entre Consellería e Federación de Libreiros renóvase este ano co obxectivo de darlle un novo pulo a estes eventos como focos dunha variada oferta cultural para as familias e como unha oportunidade de difusión da actividade do sector editorial. Así, paralela á actividade das casetas, as Feiras do Libro 2013 contarán cun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos. Co seu apoio ás feiras, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é impulsar o desenvolvemento e difusión da cultura galega, co seu apoio, xunto co editorial, a outros sectores da cultura galega, a través da aposta polos artistas de base e polas compañías galegas.

Unha edición máis a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, aposta por facer das Feiras do Libro un escaparate único para dar a coñecer a actividade do sector do libro galego, así como para a difusión e o fomento do hábito lector entre a cidadanía e unha oportunidade para a unión e o intercambio de ideas entre os libreiros.

Fonte: Xunta