Faltaba aínda un século para que Alemaña, na súa tolemia fascista, proclamase a tríada Kinder, Küche, Kirche como máxima aspiración das “boas” mulleres; pero noutro tempo e noutro lugar xa había quen se resistía a apreixar as reixas da condición feminina decimonónica. En 1843, nun Madrid contemplado polos ollos dun Galdós recén nado, unha galega rompeu cos moldes do seu xénero ó aventurarse nas aulas da Universidade Central -agora Complutense- para asistir como oínte e disfrazada de home ás clases da Facultade de Dereito. Aquela muller chamábase Concepción Arenal, e pouco imaxinaba cando se rebelou contra a decisión materna de enviala a un colexio “para señoritas” que acabaría convertíndose nunha das primeiras en ter entre as mans un dos visados máis potentes para a independencia: a educación.
Porque educación non era, como ben sabía Concepción, a mestura composta por un pouco de francés gaguexante, un par de pezas debulladas no piano e -iso si- unhas sólidas nocións de economía doméstica. E sabíao por enriba de aseveracións coma as de Rousseau, que proclamaba no seu “Emilio” que unha muller debía saber tocar o clavicordio non polos coñecementos musicais, senón -e soamante- pola beleza das súas mans sobre o instrumento. Non imaxinaba o filósofo, abofé, que poucos anos despois nacería a que sería catalogada como a primeira muller compositora, Maria Agata Wołowsk, mestra tamén doutro músico-home, por suposto -que acadaría a fama e a gloria, Frédéric Chopin.
Afirmaba Stendhal que “os xenios que nacen mulleres acabanse perdéndo para o público, pero cando o azar lles proporciona os medios de manifestarse, acadan os talentos máis difíciles”. Poucas foron no século do filósofo as que conseguiron “non perderse”: precursoras como a citada Concepción Arenal ou María Elena Maseras, primeira muller que se matriculou formalmente nunha universidade en 1875, ou Dolores Aleu, primeira en acadar un doutoramento en 1882. Todas elas entendían a educación como unha ponte para chegar á independencia, como mellora das condicións de vida, como sinónimo de liberdade. Todas elas levaron sobre si, tamén, o letreiro agridoce de seren a “primeira muller que…”.
Agora, en pleno século XXI, as mulleres son maioría nos corredores da mesma Facultade que Concepción percorría vestida de home e coas puntas dos pés. Mulleres licenciadas e nos cursos de doutoramento; mulleres nas aulas, si, máis non nos despachos, que seguen a ser coto vedado para o xénero feminino. Únicamente un 30% do persoal investigador nas universidades españolas está composto por mulleres, e só pouco máis do 10% chegan a ser catedráticas. Estamos ante un teito de cristal-invisible, inconmovible, rexo-, froito dun sistema no que as labores docentes e intelectuais consideradas “máis serias”, continúan descansando en estructuras patriarcais. Chegar á cúpula da pirámide universitaria convírtese para as mulleres nunha dura carreira de obstáculos onde a meta, igual que no conto de Caroll, atópase tras dunha porta demasiado pequena para o exército de Alicias armadas con bolígrafo e papel. E as poucas que consiguen chegar ós “xardíns floridos” dos despachos máis altos da investigación ou a docencia, as poucas que acadan o recoñecemento público dos seus logros, levarán tamén prendida na roupa, como a levaron as precursoras, a etiqueta de “primeira muller- na súa vila, promoción ou facultade- en chegar á cima”.
Autora: Beatriz Lorenzo