Artigos

XIV Simposio ‘O Libro E A Lectura. Libro ilustrado: outra forma de ler?’

A Asociación Galega de Editoras organiza unha nova edición do Simposio O Libro e A Lectura, desta volta baixo o lema LIBRO ILUSTRADO: OUTRA FORMA DE LER? e que se vai celebrar os próximos días 8 e 9 de novembro, no auditorio da Sede Afundación Santiago de Compostela (Rúa Vilar, 19) en horario de tarde, o día 8 de novembro, desde as 16:30h. e en xornada completa, o 9 de novembro.

A XIV edición do Simposio da AGE, contará con tres mesas redondas, unha dedicada á banda deseñada e na que intervirán Kiko Dasilva, Cano Paz e Carla Berrocal; outra sobre como editar o libro ilustrado, con Madalena Matoso, editora de Planeta Tangerina e e Diego Moreno, editor de Nórdica Libros; e, finalmente, a mesa redonda : “Olladas ilustradas”, coa intervención de Xosé Cobas, Ester García e Calros Silvar.

Ademais, no XIV Simposio O Libro E A Lectura. Libro ilustrado: outra forma de ler? intervirán en tres conferencias organizadas:  Joan Fontcuberta (“A furia das imaxes”), Ana Garralón (“Os álbums que contan o mundo”) e Teresa Durán (“Os tres fillos do tsar. A lectura da imaxe, hoxe”).

O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de novembro, é de balde e deberá realizarse a través do correo s.tecnica@editoresgalegos.org

Farase entrega dun diploma ás persoas que acrediten un 75% de asistencia ao remate das xornadas.

Organiza: Asociación Galega de Editoras e Concellaría de Educación e Cidadanía (Concello de Santiago)

Colabora: CEDRO e Deputación da Coruña

Deseño cartaz: Óscar Villán

Fonte: AGE

A Academia pide ao Supremo que anule todo o decreto do galego

Sen parches nin medias tintas. A Real Academia Galega (RAG) anunciou onte que o pasado día 4, ao filo do prazo legal, recorreu ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle deu a razón -en parte- no seu litixio contra o chamado decreto de “plurilingüismo” da Xunta. A decisión do tribunal galego anulaba os aspectos máis polémicos, como que os pais decidisen a lingua de escolarización dos seus fillos, ou que estes usasen o idioma que quixesen en clase. A RAG decidiu recorrer despois de que a Xunta presentase en decembro o escrito de preparación de casación, que ratificou días despois. Con todo, a administración galega aínda non presentou o recurso, e ten de prazo ata o próximo día 15 para facelo.

Acompañado dos outros catro membros cos que conforma a comisión executiva, o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou que o recurso de casación baséase en que a Xunta de Galicia impediu á RAG que cumprise co mandato legal de participar na elaboración do decreto, “o que nos obrigou a actuar en defensa do idioma, que é a razón de ser desta casa, e da cultura de Galicia. Hai xente que se escandalizaría se se tirase o Pórtico da Gloria, pois o galego é máis valioso”, enfatizou o escritor. A outra base do recurso é que, mentres a situación da lingua propia de Galicia sexa de inferioridade, “a Xunta e os poderes públicos teñen que promover a súa normalización. E este é o primeiro decreto que dá un paso atrás e rompe o consenso de todos os partidos”, sinalou o presidente da RAG. “Queremos volver ao diálogo e a aquel consenso. A RAG e a Xunta teñen unhas excelentes relacións excepto neste punto”.

O pleno de mañá, no que Ferrín presentará a súa dobre dimisión como académico e como presidente non foi, con todo, motivo de resposta. “As ordes do día son secretos e cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e metémonos nas cloacas”, xustificou o seu silencio o interpelado. “Como no Vaticano ou a Catedral de Santiago”, apostilou o secretario, Xosé Luís Axeitos. Malia as fintas verbales en varios idiomas que prodigou estes días para evitar pronunciarse rotundamente, todo apunta a que ao final Méndez Ferrín consumará o seu abandono voluntario da institución, segundo académicos próximos. E pese a que, previsiblemente todos os membros da RAG ou a maioría apoiarán no pleno que, polo menos, esgote o seu mandato. Como moitos outros, Manuel Rivas resístese a crelo e intentará evitalo. “Se no pleno se aproban as contas e se aclaran e se regulan as contratacións, que eran os puntos polémicos, o que hai que facer é centrarse na ilustración, defensa e promoción do idioma” [artigo 1 dos estatutos da RAG].

Fonte: El País

OS COGOMELOS NA COCIÑA e SOPAS FRÍAS E QUENTES premiadas en GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS 2012

Os cogomelos na cociña e outras cousas foi premiada por ‘Gourmand Best in the world’ na categoría “Best Single Subject Cookbook”, sendo a gañadora de España en Galego.

Sopas frías e quentes foi premiada tamén por ‘Gourmand Best in the world’ na categoría “Best Translation Cookbook”, sendo a gañadora de España en Galego.

Os gañadores de cada país compiten contra os gañadores na mesma categoría doutros países polo “Best in the World”. Os resultados anunciaranse o sábado 23 de febreiro de 2013 no teatro Le Carrousel du Louvre de Paris. Todos os detalles do evento da Paris Cookbook Fair do 22 ao 24 de febreiro 2013 estarán disponibles na páxina web www.cookbookfair.com.