Entradas

Convocatoria XXII premio Álvaro Cunqueiro, VIII Manuel María e XI Barriga Verde, 2014

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca os premios ÁLVARO CUNQUEIRO para textos teatrais, MANUEL MARÍA de literatura dramática infantil e BARRIGA VERDE de textos para teatro de monicreques, que este ano chegan ás súas XXII, VIII e XI edicións respectivamente.

Indicamos, no pdf que se acompaña, información sobre a convocatoria correspondente á edición 2014 (DOG Nº 249, do 31 de decembro de 2013).

CONVOCATORIA

 

Os clubs de lectura conforman un gran universo de lectores atentos

As Bibliotecas Escolares de Galicia  promoven a lectura entre os escolares galegos e fornecen aos clubs de lectura dos centros de información e materiais, tratando de introducir os recursos lectores como os alicerces do auténtico aprendizaxe. A Asesoría de Bibliotecas, cuxas fornecedoras son as coñecidas mestras Cristina Novoa e Pilar Sampedro, e o profesorado implicado traballan conxuntamente no fomento da lectura entre o alumnado, tamén nas etapas de descanso vacacional,  ofrecendo recomendacións de lecturas.

O DOG do 18 de setembro do ano pasado publicaba a  Orde do 2 de setembro de 2013, pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios para o curso 2013/2014. Segundo a información facilitada por ese recurso, coas  tres baixas habidas no  curso anterior e a incorporación de 23 centros novos, esta Rede de bibliotecas escolares galegas consta dun total de 524 centros. Todos os centros incluídos neste programa reciben axudas para renovar os fondos da colección (en formato impreso ou electrónico) e os equipamentos oportunos. As actividades destas bibliotecas de centros públicos de ensino secundario contan con axudas de 65.000 € para custear os gastos derivados da actividade do club, fundamentalmente a adquisición de libros que, posteriormente se incorporan aos fondos da biblioteca escolar. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler.

Logo da viaxe pola rede realizada por Marta Sucasas, apréciase que os blogues de internet son a ferramenta esencial que os escolares empregan para achegarse os seus usuarios. Estes poden ser tanto específicos para esta iniciativa como de uso común co centro en cuestión, pero o certo e que en ámbolos dous casos é un recurso esencial para a súa actividade. Naturalmente non todas contan co mesmo grao de desenvolvemento. A través das súas publicacións atopámonos con boletíns de novas da biblioteca, reseñas e recomendacións (novidades, por idades, por temas e pos departamentos), información sobre figuras e datas sinaladas, recordos de exposicións e celebracións feitas nos centros, anuncios sobre futuros eventos (proxeccións durante os recreos, visitas de persoeiros relevantes, eventos temáticos) e incluso información sobre novas de interese de ámbito xeral como concursos locais ou autonómicos. Pese a ser un espazo para nenos e xoves é perceptible a vontade de concienciación que se desenvolve nos centros a través dos clubes en relación ós dereitos humanos, a violencia de xénero, o defensa da paz e os valores en xeral.

Resulta interesante o uso dos blogues como mediadores entre outras páxinas, sempre relacionadas co ámbito da cultura. Así nos atopamos con información e links sobre a iniciativa Crowdfunding da Revista Oink, unha revista mensual integramente en galego para os máis pequenos con ilustracións de autores de renome e seccións moi interesantes para empregar dentro das propias aulas. Cabe dicir que nestas webs nos atopamos cunha maior presenza de libros en galego destinados a nenos que a xoves, onde priman as obras en castelán en moitos casos traducidas doutros idiomas.

Tamén podemos atopar en certos blogues, links a páxinas de descarga directa e gratuíta de PDF. Un método eficaz de achegarlles a cultura escrita a través de medios accesibles a todo o mundo. Quizais resulta unha oportunidade perdida para as editoriais de ofrecer enlaces coas súas novas e obras en formato ebook a bo prezo. De feito existe unha cada vez máis ampla amalgama de blogues que ofrece recursos electrónicos legais dende a páxina da biblioteca. Esta implantación forma parte en boa medida do proxecto E-LBE para o 2012/2013 convocado inicialmente entre os centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Decembro 2012). Cabe dicir que neste proxecto-piloto se lle deu prioridade ao abastecemento dos centros rurais.

                                                                    Poucas lecturas en galego   

O fenómeno dos clubs de lectura non se queda varado nos centros escolares senón que conta cunha importante implantación nas bibliotecas locais e municipais onde de forma presencial ou dixital a xente atopa un lugar de encontro cada semana ou quincena.

A páxina web que engloba aos clubs de lectura de A Coruña (http://clublecturacoruna.wordpress.com) aporta información sobre as novas das bibliotecas subscritas, recomendacións, etc. Cada un deles consta dun máximo de 20 membros, xa que existen vinte exemplares de cada obra seleccionada, unha cifra un tanto baixa. O contacto directo co catálogo de bibliotecas posibilita que os usuarios poidan facer peticións sobre as novas adquisicións. Entre as novas incorporacións vemos que das nove obras que se compraron en decembro so unha, Ás veces quero morrer coa risa, estaba en galego.

Entre as recomendacións da propia web a cantidade de libros en galego tamén é ínfima. Non ocorre o mesmo con Espazo de Lectura (http://espazolectura.org) dirixida por unha asociación en Gondomar. Entre os tres clubs de lectura que recolle (Sete Vidas, Lecturas Debuxadas e Lendo Contigo) as lecturas do plan son case todas en galego proxectando para os próximos meses as lecturas de Nada se esquece, Matarte lentamente, O edificio Yacoubian, Vida de nai, O raposo e a mestra, O poder de Amabel e Un rato díxolle á Lúa. O espazo onde menos obras en galego podemos atopar e no de cómic.

Unha das actividades destacadas recollidas pola páxina da Coruña é o ciclo de Lecturas en Directo onde os lectores poden atoparse no Centro Agora con autores como Eduardo Punset, Valeire Tasso e Eloy Tizón nos próximos meses. Tamén no centro de Gondomar existe unha iniciativa semellante, Lendo Contigo, destinada aos máis pequenos e contando tamén coa presenza de diversos autores. O próximo invitado será Manuel Rivas.

Fonte: AGE

Seis produtoras galegas participan no European Film Market

Berlín acolle desde hoxe, a coincidir coa inauguración do seu celebérrimo festival de cinema, unha nova edición do European Film Market, considerado o segundo mercado cinematográfico do mundo. No evento participan seis produtoras galegas, que se achegan á capital alemana no marco da misión comercial que desenvolve a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Adivina Producciones, Ficción Producciones, Frida Films, Matriuska Producciones, Tic-Tac Producciones e Vaca Films son as empresas que tentarán vender os seus traballos e realizar contactos no encontro.

Ademais, no European Film Market distribuirase tamén o catálogo Films from Galicia e mais a publicación Ways to Film, que se centra na promoción do noso país como escenario para rodaxes.

Fonte: Culturagalega

Calendario Profesional do Libro e da Lectura 2014

O pasado venres faleceu Álvaro Guevara, fundador de Teatro del Andamio

O pasado venres falecía, logo dunha longa enfermidade, Álvaro Guevara, actor, director, dramaturgo e fundador da compañía coruñesa Teatro del Andamio e da escola homónima. Guevara, nado en Arxentina, desenvolveu unha intensa carreira dramática no noso país tanto na súa compañía como en diferentes series e filmes. Títulos como Doente, O ano da carracha, Mia Sarah ou libro de familia fan parte da súa produción audiovisual. O corpo de Guevara, que tiña sesenta anos, foi incinerado o pasado sábado na intimidade familiar.

Fonte: Culturagalega

Foto

Foto Axencias: Galicia Hoxe.

A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais

Non son consellos ou indicacións. Son aulas en soporte dixital preparadas para as condicións especiais das redes sociais. O curso comezou hai pouco, cando a polémica do “polbo” chegou a Academia. Despois de asistir ao balbordo producido, Helena Villar considerou que aí non estaba o problema e decidiu contribuír a promover a calidade da lingua desde a súa casa na aldea, apegada ao ordenador e cun público cada día maior que asiste á grande actividade da escritora na rede.

“Pensei que a grande preocupación que teñen os falantes é o vocabulario que, ao fin e ao cabo, é o menos interesante porque se resolve co dicionario. Pola contra, non vexo que se lle dea relevancia á desfeita cos pronomes, poño por caso, ou á fonética”, comeza a explicar Helena Villar do momento inicial no que regresou ao seu oficio comezando precisamente polo que máis lle preocupaba: os pronomes.

Villar Janeiro é tamén pedagoga e iso percíbese na calidade dos apuntamentos e nos exercizos prácticos que propón. Mesmo hai xa algúns ensinantes que queren empregar a metodoloxía de Helena traspasada ás aulas. “Cómpre secuenciar, coñecer o soporte e traballar os materiais. Estou a facer un grande esforzo coa programación. Agora vou facer exercizos, case como se ensinara unha lingua estranxeira porque a xente ten que tomar conciencia da necesidade de traballar tamén a nosa lingua. Non todo vale”, defende Helena Villar, magoada cos “despropósitos” que le e escoita cada día.

Alumnado que pregunta

Sorpréndelle agora a repercusión que as súas aulas dixitais están a ter no facebook. Comezou dirixíndose a tres ou catro persoas e cada vez son máis as que se unen á escola de lingua de Helena Villar. Comentan, dan indicacións, preguntan dúbidas e propoñen temas. Eis as posibilidades das redes sociais, espazo que a escritora manexa con destreza e no que leva tempo xa ofrecendo os seus artigos, as súas receitas, consellos literarios, opinións e tamén a morea de fotografías artísticas que esta muller de moitas facianas creativas comezou a facer públicas hai pouco tempo.

“Non vale estar colocando mal os pronomes toda a vida. Iso non pasaría con ningunha outra lingua. Quero contribuír a crear conciencia de que podemos mellorar o uso do galego”, insiste Helena Villar que comezará en breve a traballar cos paradigmas, dando modelos para a construción correcta das frases.

“Vexo o interese que tedes, as ganas de saber, o ben que interactuades e isto vaise convertendo nunha aula. Benzóns e mañá seguimos”, escribe nun dos posts nos que se dirixe ao seu alumnado. Noutro remata: “Isto debera quedar hoxe bastante claro para avanzar mañá outro pouco”. A profesora de lingua nas redes sociais amplía a cada pouco a súa aula, ofrece apuntamentos e exercizos e corrixe probas. Da outra beira, unha morea de internautas gozan por se converter en alumnado da escritora Helena Villar.

Fonte: Sermos Galiza

Foto

“Copia con licencia” é unha campaña de CEDRO que pretende convertirse nun selo de calidade

CEDRO vai comezar a campaña que dará a coñecer Copia con licenza, o selo que concede CEDRO ás organizacións que dispoñen da liecenza de reutilización de contidos, e que reproducen pen papel ou dixitalmente, de forma legal as obras do repertorio da entidade. O certificado da testimonio de que a copisteria, empresa ou centro educativo que conta con el, é responsable coa cultura e cos dereitos de propiedade intelectual de autores e editoriais, asi como que a copia que fai de libros e outras publicacións para a actividade de formación ou xestión da información que desenvolve, se fai dun xeito legal. “Copia con licenza” é un símbolo de calidade, segundo a directora xeral de CEDRO, Magdalena Vinent.

Fonte: AGE

Ser Libris segue a viaxar nos autobuses de Santiago

Os textos literarios de oito editoriais galegas seguen acompañando aos viaxeiros dos autobuses urbanos de Santiago até o 20 de febreiro. Le un libro e viaxa é a campaña deseñada por Illa Bufarda Produtora Creativa para a Asociación Galega de Editores dentro do marco de Ser Libris, unha iniciativa que a AGE promoveu no ano 2012 para dinamizar o libro e a lectura en Galicia.

Os obxectivos desta campaña céntranse na promoción do libro e a lectura como unha actividade máis da vida cotiá da cidadanía galega, así como na visiblización da edición dos libros dos editores galegos a través de textos de obras publicadas polas empresas editoriais integradas na Asociación Galega de Editores.

Corresponsabilidade asociativa

Os textos literarios, impresos nos vinilos que levarán os autobuses, foron seleccionados polas editoriais participantes nesta campaña: Nova Galicia Edicións, knsEdiciones, Ouvirmos, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, Baía Edicións, Tambre Edicións, Ediciones Linteo e Dardo Editorial,  empresas que contribúen corresponsablemente ao financiamento desta campaña. No entanto, e como se pode visiblizar no cartel anunciador da iniciativa, todas as empresas editorais asociadas participan da idea promovida pola AGE.

A Asociación Galega de Editores agradece a colaboración do Concello de Santiago e da empresa TUSSA, concesionaria do servizo de autobuses urbanos da cidade, pola súa implicación nesta iniciativa.

Fonte: AGE

As grandes empresas de internet apenas tributan nos países onde se insiren

As grandes transnacionais de internet apenas tributan nos países onde se insiren e buscan sempre aqueles onde a tributación é moito menor.

Google, Apple, Yahoo, Amazon, Facebook, Microsoft, e Bay, etc, veñen realizando unha serie de operacións fiscais que lles permiten tributar o mínimo polos seus negocios, trasladando o máis relevante das súas facturacións a outros países onde se tributa menos, como sería o caso de Luxemburgo ou Irlanda. Segundo o portal Lecturalab, citando fontes de El País, os xigantes gañan por goelada. Google leva os seus beneficios ás Illas Bermudas e refactura os seus custos cunha marxe de entre un oito e un dez por cento en Google Ireland e Google Inc, en concepto de servizos de marketing, investigación e desenvolvemento. Segundo o mesmo xornal, a empresa declarou pérdidas en España no ano 2012, o que tamén fixo Apple.

Amazon vén de mercar Buyvip, transformándoa nunha empresa de servizos chamada Amazon Spain Services. Non declara beneficios, declara pérdidas por non poder deducir boa parte dos gastos. Yahoo factura o 85% da súa publicidade dende Luxemburgo e o resto dende Irlanda.

Fonte: AGE

A Coruña súmase as mobilizacións contra o IVE Cultural

Hoxe, como cada día 21 desde hai uns meses, celébranse en todo o Estado concentracións para protestar pola aplicación dun IVE do 21% aos produtos culturais. Nesta ocasión, A Coruña súmase a esta reclamación da man das asociacións ProNOCHE, Acces e Clubtura. Os colectivos organizan unha Santa Compaña do Ocio que visitará ás 11 horas a Delegación de Facenda na Cidade Herculina.

Fonte: Culturagalega