Entradas

Dinosauros

Durante máis dun século os dinosauros fascinaron tanto os científicos como o público en xeral, de novos a vellos. A palabra DINOSAURO significa “lagarto terrible” e sintetiza a impresión que nos producen. Aínda que algúns foron os animais máis grandes que nunca pisaron o noso planeta, outros moitos eran pequenos e áxiles. Este libro móstranos a gran variedade de tamaños que adquiriron os dinosauros: algúns non eran máis grandes que unha pomba, outros pola contra eran mesmo máis longos que cinco autobuses postos un detrás do outro.

MÁIS INFORMACIÓN

Coñecemos un pouco máis a Xosé Tomás

Xosé Tomás (Betanzos – A Coruña, 1971), é ilustrador, humorista gráfico e profesor de inglés de ensino secundario no IES Melide (A Coruña, España). O seu campo de traballo diversifícase en diferentes campos: o groso da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que teníamiedo de los robots / El robot que teníamiedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Contos de reis e de nadal (Xerais, Vigo), O afundimento do Tiránic (Baía, A Coruña), Misterio en Guernica (Baía, A Coruña), O soñador (Baía, A Coruña), Un fantasma en el colegio (Edebé, Barcelona), O monstro dos Ancares (Galaxia, Vigo), Orballo da mañá (Baía, A Coruña),Un marciano neste mundo (Baía, A Coruña), O lume dos soños (Baía, A Coruña), O tempo ao revés (Baía, A Coruña), Boasorte (Baía, A Coruña), Carolina e os caracois (Baía, A Coruña), Flis-fli-ris-flas (Galaxia, Vigo), Cando eu saiba ler (Galaxia, Vigo), O arco da vella (Xerais, Vigo), El gran libro de relatos de Piratas y corsarios (Parramón, Barcelona), Rodribico e a noite (Baía, A Coruña), Rodribico aprende a voar(Baía, A Coruña), Rodribico e o mar(Baía, A Coruña), Rodribico vai ao circo (Baía, A Coruña), Rodribico visita a cidade (Baía, A Coruña), Antón, si tal! (Baía, A Coruña), Chispo, o esquío que venceu ao frío (Galaxia, Vigo), O souto escuro e perigoso (Xerais, Vigo), Os amigos de Santi(Galaxia, Vigo), Vou ter un irmán (Galaxia, Vigo), Jo de majorvull ser… (Bromera, Valencia), Lluvia de ranas (Planeta, Barcelona), e outros. Actualmente, xunto con Miguel Vázquez Freire crea a escola de ilustración “O neno amarelo” que, xunto co apoio de Baía Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, promoven un espazo de formación no que a ilustración e a técnica se dana man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente. Máis información

  • Bos días Xosé Tomás, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Profesionalmente, aló polo ano 98, aínda que era algo que facía dende pequeno, supoño que coma todos os que se adican a isto.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Eu creo que sempre me atraeron estilos variados, porque cada un pode expresar cousas dunha maneira diferente. Encántame o debuxo expresionista cando a historia o pide, pero igualmente me fascina a cor impresionista, mesmo naturalista. Sempre me chamou a atención o feito de non cinxirse a unha tendencia ou estilo, de non encorsetarse.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Puf, moitos, e por moitos motivos. Ás veces compro un libro de Shaun Tan pola súa poética visual, polos seus mundos dentro doutros; admiro fondamente (como non!) a Miguelanxo Prado porque a cor das súas imaxes é tan estimulante que convida a deterse tempo e tempo en cada viñeta;  a Asun Balzola pola fraxilidade intencionada; ao noso Xaquín Marín pola contundencia da liña; a tantos e tantas!

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Bueno, dende o punto de vista persoal, é unha auténtica catarse: creas mundos, espantas medos, e baléiraste de enerxía sobrante. Dende o punto de vista artístico é sempre un reto, sobre todo porque non é un traballo solitario: colaboras con escritores/as, e eu sempre procuro que ese traballo en equipo sexa real. En cada libro aprendo moitísimo do autor ou autora do texto, e trato de dar un pasiño máis en cada nova obra.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? Acodes a algún dos teus referentes?

Cando cae nas miñas mans un texto (se hai texto, porque pode non habelo), primeiro léoo, degústoo, e cando o remato, péchoo e digo: “Agora comeza outra obra”. Cada libro pide algo diferente, unha especie de ADN exclusivo. Non me gusta repetirme, entón trato de buscar en cada nova aventura unha inspiración nova tamén: unha identidade cromática propia, unha metalinguaxe engadida, un desbordamento de historias novas, unha represión nos recursos,… E resulta curioso: mentres debuxo un libro, escoito obsesivamente unha música diferente, ata que o remato. De maneira case hipnótica axúdame a concentrarme, a afondar máis e máis nesa identidade, a meterme a fondo nel. E hoxe podería facer unha lista das músicas que asocio a cada libro: Van Morrison, Mozart, Madredeus, Swingle Singers,…

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer un debuxo?

Depende moito. Non tanto da complicación do mesmo (que tamén) como de que teña claro o que vou facer. Boto máis tempo dándolle voltas ao estilo e a esa concepción previa da nova obra case que realizándoa. Unha vez que chego á idea desexada, lánzome rápido a ela.

  • Normalmente, cres que a ilustración e o texto deben ir da man?

Creo que deben dialogar, enriquecerse mutuamente, pero sen escravitudes. O formato álbum ilustrado permite á ilustración ter vida propia, mesmo voar sobre o texto e recrear novas historias que non están nel, pero que tampouco o desdín.

  • Cando creas ou ilustras un libro, utilizas as túas vivencias e as dos teus achegados?

Moitas veces. Eu sempre penso que non podes facer unha ilustración emotiva se non che pasa a emoción polo corpo. E como iso todo. Ter fillos pequenos sen dúbida axuda para comprender e empatizar co lector infantil.

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Vexo, por exemplo, en Rodribico, a ese personaxe curioso, cos ollos abertos, que aprende de todo, e síntome feliz de terlle dado forma. Tamén unha burra, que sairá publicada en breve, Ramona, pola súa machacona forza de vontade. Pero tamén personaxes de banda deseñada, como a nena Nawal, de “Nómades”, símbolo da esperanza ante a dor do desarraigo.

  • Con Baía, realizaches un lote de libros? Con cal te quedarías?

Ademais de Rodribico, quero moito ao Pirata Metepata, porque non deixa de ser un torpe simpático. Ao final dáse conta de que ten que cambiar de táctica, e rectificar non está nada mal. Tamén, da triloxía escrita por Vázquez Freire, me sinto identificado con Xurxiño, que quere ser pintor, e loita e loita por poder ser quen realmente é.

  • Tiveches problemas con algunha autora/autor para crear as ilustracións dos libros?

A verdade é que non. Sempre tiven unha relación moi enriquecedora con eles e elas, e por iso sempre procuro discutir o proxecto, saber que pensan, que senten, especialmente cando se trata dunha obra moi ilustrada.

  • Neste momento, se alguén quere debuxar, que bases ten que ter para dedicarse profesionalmente?

Eu son autodidacta. Son un filólogo que ilustra textos. E co tempo deime conta de que o fundamental, como pasa na música, por enriba da técnica, está na paixón comunicadora. Todo o demais é posible, asequible, mellorable. Pero a esencia dun ilustrador está en chegar ao lector, en emocionar, en perturbar, en “tocar” a que le a túa imaxe.

  • Consideras que faltan espazos de formación para as ilustradoras e ilustradores?

Existen centros públicos e privados para formarse en ilustración. Pero se te adicas ao mundo específico da ilustración de libros, e aínda máis específico de libros para nenos, entón hai que ir máis aló. Porque un neno é un ser nunha etapa evolutiva concreta, que hai que ter en conta, a todos os niveis. E a propia sintaxe do libro ilustrado, os formatos, a relación coa literatura. Creo que falta algo de especialización nese campo moi concreto. Pero iso pasa en todo: eu cando rematei Filoloxía cría saber un pouco de todo, pero non moito de nada.

  • Agora mesmo estás de cheo nun novo proxecto, non? O proxecto de O Neno Amarelo? Como nace ese proxecto?

Nace da reflexión a pé de rúa (bueno, a pé de centros de ensino) con Miguel Vázquez Freire. El e mais eu, que xa levamos uns seis libros xuntos, temos reflexionado moito sobre as carencias do noso sistema educativo de cara á expresión visual, á creatividade,… E comprobámolo en multitude de obradoiros, encontros, debates, etc. que temos organizado xuntos. Chegamos á conclusión de que para ilustrar un libro primeiro hai que facer algo de filosofía. E despois debuxar.

  • Por que ese nome? O Neno amarelo…

É unha homenaxe a “Yellow Kid”, o primeiro personaxe de banda deseñada, nado a finais do s. XIX nos Estados Unidos.

  • Vedes futuro neste novo proxecto? Como se está recibindo a formación por parte do alumnado?

Bueno, estamos seguindo un programa moi denso, e tratamos de abordalo con paixón e moita entrega. Non queremos defraudar ás persoas que acoden a formarse, a buscar maneiras de entrar neste mundo. Agora estamos iniciando cun curso intensivo de tres meses, con proxecto final, e a posibilidade de que un dos alumnos ilustre un libro, precisamente, con Baía Edicións. Pero queremos ir máis alá: dar máis oportunidades aos demais, abrirlles portas no mercado editorial, darlles visibilidade. Volveremos ofertar este mesmo curso nunha segunda quenda para o 2014, e queremos tamén abrir o abano a outros temas, en formato monográfico.

  • Como ves o papel da ilustración galega neste momento?

En efervescencia. A pesar do pau da crise ao mundo editorial, a creatividade non merma, e cada vez hai máis profesionais, que se asocian, por exemplo á AGPI.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Moi, moi tocado. Pero supoño que tamén reinventándose, o cal pode ser algo moi bo para todos. Novos formatos, diversidade de medios, fusión do libro coa música e o teatro e a performance, … Un momento difícil pero moi apaixoante.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre as túas obras deixamos este oco….

É un pracer que deades voz aos que normalmente só damos imaxes. Graciñas.

Grazas a ti, Xosé Tomás! O pracer é noso!

Yolanda Castaño gaña o premio de poesía Fundación Novacaixagalicia

O Premio de Poesía da Fundación Novacaixagalicia foi para Yolanda Castaño na súa undécima edición. A poeta impúxose entre as 52 obras presentadas con “A segunda lingua” un poemario do que o xurado destacou a súa linguaxe fresca e que supón un xiro na estética e no discurso da autora. Castaño recibirá 6.000 euros e verá o seu libro publicado na colección Arte de Trobar.

Fonte: Culturagalega

O Álbum da Ciencia do CCG achéganos á vida e obra de máis de douscentos científicos da nosa terra

Estes días de celebración tecnolóxico-científica (xa estamos nas celebracións da Semana da Ciencia e mañá celébranse importantes actividades do Día da Ciencia en Galego nos centros educativos) colle especial pulo o Álbum da Ciencia, unha enciclopedia virtual galega cuxa principal toma de contacto coa comunidade internauta celebrouse hai máis dun ano pero que retomamos agora co obxectivo de ir dando conta (estes días) das principais achegas da nosa Rede ao proceso divulgador. A iniciativa, que vén da man do Consello da Cultura Galega, tivo o seu xermolo no Diccionario histórico de científicos galegos, cuxa elaboración foi un dos obxectivos básicos do Grupo de Traballo de Historia das Ciencias constituído en 1987 (Seminario de Estudos Galegos).

Semellantes arelas foron as que levaron ao CCG, en 2007, a crear o Álbum da Ciencia, un espazo destinado a recoller as biografías dos principais protagonistas da nosa investigación científica. O proxecto cobrou nova vida estes últimos anos, cunha “nova etapa na que atende en exclusiva ao ámbito científico e amplía substancialmente o tramo temporal analizado”. Trátase, en palabras dos seus responsábeis, dunha liña de traballo máis ambiciosa e novidosa, partindo da base de actualizar e reformular fondamente as 201 biografías elaboradas para o devandito Dicionario histórico. “A iso”, sinala o CCG, “engadiuse a incorporación de novas entradas, correspondentes a outros autores, nomeadamente aos que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1970, e as relativas a institucións científicas salientables”. E engade o Consello, facendo mención da metodoloxía seguida: “O principal criterio que utilizamos para a selección de autores foi a relevancia da obra no momento histórico que viviron e o seu vínculo con Galicia”. A idea foi que en 2011 se abordase a revisión e actualización das biografías publicadas en 1993 e 2005. Nun segundo momento, en 2012 afrontouse a incorporación das novas entradas. O resultado final permite ofrecer aos usuarios máis de duascentas biografías online, “unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de panteón virtual da excelencia científica que proporcionará unha valiosa e actualizable información a públicos diversos”.

Fonte: Codigocero

‘O DRAGÓN COMEMEDO’ protagonista no proxecto ‘Coñecendo e gozando da biblioteca’

As concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías poñen en marcha unha nova edición de “Coñecendo e gozando da biblioteca”, unha actividade na que van participar 36 alumnos de Educación Infantil e Primaria de diferentes centros educativos de O Grove que van ter a oportunidade de asistir a actividades “para espertar a súa imaxinación e creatividade”.

No Concello indican que o éxito da edición anterior xustifica este novo curso, e engaden que as propostas para os nenos van desenvolverse na Biblioteca Pública de Monte da Vila todos os mércores e venres, desde as cinco da tarde.

A modo de exemplo anúnciase un taller para que os nenos traballen co conto O dragón comemedo, de tal xeito que os alumnos participantes “poidan expresar os seus medos a través de debuxos e metelos no buzón do dragón para facelos desaparecer”.

Ata van ter a oportunidade de colaborar na decoración da biblioteca con pantasmas, que pintarán os propios nenos e, en definitiva, van poder gozar dunha actividade extraescolar para familiarizarse coa lectura e a biblioteca, xogar e compartir.

Fonte: Faro de Vigo

Foto: noelia cerqueiro

A RAG e Portugal únense para potenciar os seus idiomas

A Real Academia Galega e o Instituto Internacional da Lingua Portuguesa estudan posibles colaboracións en diferentes áreas para o fortalecemento de ambas as linguas. Polo momento, están “en fase de coñecemento” dos proxectos que desenvolven ambos, segundo explicou onte o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, durante a visita á sede na Coruña do director do Instituto, Gilvan Muller de Oliveira.

Fonte: La Opinión

Comeza a VIII edición do concurso de traballos escolares “Sen cortar nin pegar 2.0.”

Xa está aberto o prazo de inscrición á 8ª edición do concurso de Es de libro, «Se es orixinal, es de libro (www.esdelibro.es), no que se lles propón aos estudantes e profesores de secundaria, bacharelato e ciclos de formación de grao medio a elaboración de traballos de investigación sobre calquera tema, sempre e cando sexan orixinais, estean ben documentados e respecten os dereitos de autor.

Os traballos, en formato dixital en liña

Es de libro, no que xa participaron 20000 alumnos e 2400 profesores, ten como fin fomentar actitudes e comportamentos respectuosos e de valoración cara os libros, a lectura, a creación e os dereitos de autor no ensino medio. Os traballos presentados deben estar e en formato dixital e presentarse en liña.

Tal e como explica Pedro de Andrés, presidente da entidade: «Desde o seu inicio desenvolveuse un importante labor de acompañamento no sistema educativo para a mellora da competencia de tratamento da información nas aulas e agora, tamén, da competencia dixital».

Máis información: www.esdelibro.es

Valentín García aposta por unir o galego co “prestixio da ciencia e da tecnoloxía”

A Consellería de Cultura celebrou este mércores a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego nun acto no que estiveron presentes alumnos galegos de Bacharelato. Ante eles, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apostou por unir o idioma galego e o “prestixio da ciencia e da tecnoloxía”.

Por a súa parte, Miguel Ángel Ríos, presidente en funcións da Real Academia Galega das Ciencias, fixo para o alumnado un percorrido polas ciencias en Galicia, repasando as súas figuras destacadas e as contribucións feitas ao avance do coñecemento.

O escritor Xosé Neira Vilas encargouse de abordar a figura do homenaxeado este ano con motivo da Semana da Ciencia en Galego, Isaac Díaz Pardo, con quen mantivo unha longa amizade. Na súa intervención, Neira Vilas centrouse na faceta de Díaz pardo como deseñador de máquinas industriais.

Isaac Díaz Pardo, habitualmente recordado como artista e editor, protagonizou unha importante faceta orientada á ciencia e á tecnoloxía. Dende 1947 dedicouse á investigación sobre cerámica, creando fórmulas propias de vitrificados da porcelana e deseñando diferentes máquinas relacionadas con este mundo.

En relación a Sargadelos, do que foi pioneiro, elaborou novas fórmulas de pastas para aplicar o azul cobalto propio destas cerámicas, inventou mesas rotantes de produción e creou máquinas que non existían no mercado.

Entre outras cousas, foi impulsor do Seminario de Estudos Galegos, colaborou coa Universidade de Santiago na posta en marcha do Instituto de Cerámica e activou o Laboratorio de Formas.

Fonte: GaliciaHoxe

Culturgal, a feira galega das industrias culturais, presenta o seu programa

Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, é a gran casa da cultura galega. Abrirá as súas portas o día 29 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Culturgal é un punto de encontro no que o sector da cultura amosa a súa forza de conxunto e no que se produce un rico diálogo e intercambio de ideas. Unha oportunidade para presentar novos proxectos e iniciativas ante outras empresas, programadores, institucións e público en xeral, nun escaparate excepcional.

Malia o contexto económico e social, co descenso do consumo e a suba do IVE, Culturgal desenvolve unha nova edición en 2013. O pasado 19 de outubro recibiu o Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural.

Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, unido estreitamente á historia da Feira, nun artigo no xornal Faro de Vigo, mantén que “Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o coordinador xeral deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira”.

Culturgal: entrada corresponsable

O acceso á Feira continua a ser gratuíto pero haberá opción de pagar unha entrada voluntaria. É unha das accións da organización da Feira para concienciar ao público de que a cultura é algo de todas e todos. O público, deste xeito, non irá coas mans baleiras, a cambio da entrada, recibirá unha chapa que o distinguirá como micropatrocinador de Culturgal.

Premio do Público

Este ano instáurase o Premio do Público Culturgal para aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación. As tres candidaturas que optan ao Premio do Público son a Asociación puntoGAL, o Festival de Cans e o salón do Libro Infantil e xuvenil de Pontevedra. Até o 15 de novembro todas as persoas que o desexen poden votar a través da web www.culturgal.com

Máis información: Programa completo

“O Apóstolo” entra na selección para candidatas ao Óscar

As grandes compañías de animación dominan a carreira a un dos Óscar máis codiciados no mercado americano mais na listaxe final conseguiu colarse “O Apóstolo” de Fernando Cortizo, o primeiro filme europeo en utilizar a técnica de “stop-motion”. A competencia é dura e canda a proposta de O Apóstolo aparecen algunhas das películas que máis recadación acadaron nos últimos tempos como Turbo, Avións ou Os Pitufos 2. O 16 de xaneiro coñeceranse as finalistas á categoría.

O Apóstolo foi a grande trunfadora nos Premios Mestre Mateo con seis premios, entre eles, o de mellor filme. Foi tamén finalista nos Goya. A película de Cortizo obtivo tamén o primeiro premio no 11º Festival de Cinehorizontes de Marsella, entrou na sección oficial do Festival Internacional de cine de Moscú e recibiu o Primeiro Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Tamén foi recoñecido polo xurado do público do prestixioso Festival de Cine de Annecy.

Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Jose Manuel Olveira ‘Pico’, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz e Paul Naschy poñen as voces da película dirixida polo compostelán Fernando Cortizo e son en boa parte modelos dos personaxes de animación do filme.

Fonte: SermosGaliza