Entradas

A Xunta detecta decenas de carballos ananos no Pindo

O carballo anano (quercus lusitanica), especie protexida que tiña no Pindo o seu único hábitat en todo o norte peninsular, sobreviviu á furia das chamas que arrasaron o vello Olimpo celta. Fontes da Xunta informaron de que «xa están a brotar» decenas de exemplares, segundo puideron constatar axentes de campo do servizo de Conservación da Natureza que tomaron varias fotos dos retoños. O director do Centro de Investigación de Lourizán, José Antonio Vega, explicou que este fenómeno é posible porque o carballo anano ten unha gran capacidade de rebrotar desde a cepa. Durante a primavera acumula gran cantidade de hidratos e se é destruída a planta externa polo lume, necesita sacar follas na superficie para manter a vida a través da fotosíntesis.

Na Xunta opinan, así mesmo, que tanto a temperatura que fixo estes días como o réxime de choivas suaves « permitiron que o chan forme unha costra en lugar de sufrir arrastres». Deste xeito déronse as condicións idóneas para que salga á superficie.

Mentres, no Pindo continuarán durante varios días os labores de aplicación de palla sobre a zona queimada. «Hai que protexer o chan porque é o ben máis sensible», di José Antonio Vega . O desenvolvemento dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.

Máis información sobre os carballos en: Guía das árbores de Galicia e O carballo.

Fonte: La Voz de Galicia

O desbroce das Dunas de Coroso dana dúas especies ameazadas

Para a celebración do “I Triatlón Concello de Riveira” o vindeiro día 2 de xuño, o Concello de Riveira (A Coruña) desbrozou a vexetación do sistema dunar da praia de Coroso con efectos moi negativos sobre as poboacións de Omphalodes littoralis (planta en Perigo de Extinción) e Charadrius alexandrinus (ave catalogada como Vulnerable).

Por eses motivos, SGHN ven de denunciar o caso diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e do SEPRONA, pedindo que abran un expediente sancionador contra o Concello de Riveira polo desbroce da vexetación dunar e os seus impactos sobre hábitats e especies protexidas e que adopten todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos hábitats e especies protexidas presentes na praia de Coroso.

Máis información en www.sghn.org

A nova lei de montes do PP abre a posibilidade da recalificación urbana dos montes queimados

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, presentou hai unha semana a varias ONGs ecoloxistas o cuarto borrador da futura Lei de Montes. Un texto que, no seu artigo 50, contempla a posibilidade de recalificar montes arrasados polo lume. “Con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar cambio de uso forestal cando concorra un interese xeral prevalente o cal deberá ser apreciado mediante lei, sempre que se trate de terreos de titularidade pública e que se adopten as medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada. Tales medidas compensatorias deberán identificarse con anterioridade ao cambio de uso”.

Así o recollía a semana pasada o diario El Confidencial que apuntaba que pese a que o texto aínda non é o definitivo, Greenpeace alerta de que este novo parágrafo (engadido agora sobre o texto orixinario da Lei 43/2003 de 21 de novembro) abre a porta a posibles recualificacións de montes queimados para convertelos en urbanizables. “Durante a reunión, o ministro Arias Cañete asegurounos que isto só se aplicaría en casos excepcionais, pero temos o razoable temor de que, como ocorre tantas veces, a excepcionalidade póidase converter en norma”, en palabras de Mario Rodríguez, director de Greenpeace en España.

Para evitar que a avaricia especulativa inspirase a propietarios de montes e construtores a arrasar con lume espazos naturais para a súa posterior recualificación, como ocorreu de forma reiterada desde os anos 70 en España coincidindo co boom inmobiliario, a actual lexislación española prohibe taxativamente o cambio de uso dos espazos queimados no prazo de 30 anos. É dicir, se un monte arde a súa recuperación está protexida pola prohibición de cambio “de uso forestal polo menos durante 30 anos” e pola imposibilidade de realizar nese espazo “toda actividade incompatible coa rexeneración da cuberta vexetal, durante o período que determine a lexislación autonómica”.

Fonte: Valminor

O carballo, de Calros Silvar

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Nova sobre a presentación do libro no Culturgal

Nova sobre a presentación do libro na Galería Sargadelos

AGPI fala do novo libro de Calros Silvar na súa web

Calros Silvar tamén no Diario de Ferrol falando da nova colección ‘Aventura de vivir’

Brabádegos. Portal de literatura infantil e xuvenil analiza O CARBALLO

Máis información

CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO

Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.

Debido a presenza de zonas de arsenopirita semimasiva na área mineira de Corcoesto as concentracións de arsénico en rochas chegan a superar en 50.000 veces a media da corteza terrestre e nos solos superficiais poden superar ata 400 veces os niveis de solos non contaminados.

Pola súa banda, nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humán, e na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados.

Segundo palabras textuais extraidas do artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica internacional dita contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”.

Se esas son as consecuencias actuais da antiga mineiría a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation: 774 ha de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.

Fonte: SGHN

Foto: Panageos

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións