Entradas

O compromiso de Baía Edicións coa nosa natureza II. Guías prácticas e outros

A coleción de Guías de Natureza, que supuxo un esforzo de catalogación que debemos agradecer a estudosas e estudosos da nosa natureza,  foise complementando nas súas orixes con outra que chamamos Prácticas, xurdidas da necesidade de dar ás nosas labregas e aos nosos labregos unhas orientacións con datos prácticos para o cultivo na nosa terra e coa climatoloxía galega, resultando 7 títulos de gran éxito de público, como o indican as 8 reimpresións de A horta en Galicia ou as 7 de Guía práctica de enxertos, gallos e mergullos en Galicia, que supuxo un inxente esforzo de investigación lingüística no seu momento. Polo medio non quixemos pasar por alto o feito de  que a contaminación do nos planeta está directamente relacionado co consumo dos seus habitantes e Ramsés Pérez incide na súa Guía de ecoloxía cotiá a importancia do consumo sustentábel e da soberanía alimentaria citando a máxima de Vandana Shiva como modelo a seguir “No noso planeta hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos e todas, pero non para quen quere demasiado. Se consumes máis do que necesitas, estás roubando a outa persoa”. Tamén coñecimos a Xan Pouliquen (cando aínda era Yean Pouliken) a quen propuxemos facer A horta ecolóxica na Galiza. Guía práctica para o cultivo e que agora culmina,  coa guía que presentaremos esta tarde, ás 19:00, na na Feira do Libro da Coruña: A horta sen químicos, nun esforzo de  adaptación aos tempos, coñecemento e interese da sociedade galega polo cultivo saudábel e sustentábel.

Dese o principio sempre tivemos presente a importancia da educación, polo que elaboramos as Guías didácticas, nas que 13 unidades didácticas acompañadas de diapositivas foron os recursos utilizados polo profesorado galego para introducir ao alumnado de ensino obrigatorio no coñecemento do seu medio como vía para aprender o mundo. Evidentemente, o instrumento está totalmente obsoleto pero penso que non houbo centro galego que non utilizara nalgún momento estee recurso.

Coa mesma intención de inculcar nas nenas e nenos galegos a curisodade e o amor pola nosa natureza tamén creamos a colección “As 50 máis comúns” pequenas guías referidas a Aves, Ábores e Cogomelos, coas 50 especies máis comúns para aprender a observar a natureza e coñecer cando menos as especies máis habituais.

A maiores publicamos outras obras de interese natural e medioambiental, en forma de ensaio  (Os bosques atlánticos europeos, Os residuos na Galiza, Contaminación atmosférica en Galiza ) e de coleccións infantís (O carballo, Pregunta á Doutora Peteiro, O meu pequeno Animalario…)

Anímovos a repasar o noso catálogo e acompañarnos esta tarde na presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen

A Xunta detecta decenas de carballos ananos no Pindo

O carballo anano (quercus lusitanica), especie protexida que tiña no Pindo o seu único hábitat en todo o norte peninsular, sobreviviu á furia das chamas que arrasaron o vello Olimpo celta. Fontes da Xunta informaron de que «xa están a brotar» decenas de exemplares, segundo puideron constatar axentes de campo do servizo de Conservación da Natureza que tomaron varias fotos dos retoños. O director do Centro de Investigación de Lourizán, José Antonio Vega, explicou que este fenómeno é posible porque o carballo anano ten unha gran capacidade de rebrotar desde a cepa. Durante a primavera acumula gran cantidade de hidratos e se é destruída a planta externa polo lume, necesita sacar follas na superficie para manter a vida a través da fotosíntesis.

Na Xunta opinan, así mesmo, que tanto a temperatura que fixo estes días como o réxime de choivas suaves « permitiron que o chan forme unha costra en lugar de sufrir arrastres». Deste xeito déronse as condicións idóneas para que salga á superficie.

Mentres, no Pindo continuarán durante varios días os labores de aplicación de palla sobre a zona queimada. «Hai que protexer o chan porque é o ben máis sensible», di José Antonio Vega . O desenvolvemento dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.

Máis información sobre os carballos en: Guía das árbores de Galicia e O carballo.

Fonte: La Voz de Galicia

‘Conservando as nosas dunas’ premiado polo Ministerio de Medio Ambiente por segundo ano

A Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente seleccionou por segundo ano consecutivo o programa ‘Conservando as nosas dunas’ no marco da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio.

Este proxecto de ADEGA é un programa de voluntariado ambiental para a eliminación da flora exótica invasora nas praias galegas. Ademais de seguir divulgando a problemática das especies invasoras, e a importancia de conservar os ecosistemas dunares, esta acción ten por obxectivo “aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando ferramentas de conservación”, segundo a organización ecoloxista. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico dos ecosistemas dunares.

Precisamente, o pasado 18 de xullo realizáronse actuacións de eliminación de flora invasora no concello de Porto do Son dando continuidade aos traballos realizados na mesma iniciativa no 2012, e na iniciativa ‘Móllate polos humidais’ en 2011. ADEGA  e este concello teñen firmado un convenio de Custodia do litoral para a preservación dos valores naturais deste concello.

Nova xornada de voluntariado

A segunda xornada de voluntariado celebrarase este xoves, 10 de outubro, na praia da Corna (Pobra do Caramiñal), onde realizaremos un ano máis labores de eliminación de flora exótica invasora e recollida de lixo. “Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais conta con numerosas ameazas que poñen en perigo  tanto a flora como a fauna”, apunta ADEGA. Este é un dos poucos lugares da nosa costa onde se pode atopar píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie que se atopa en estado vulnerable en Galicia.

Esta organización ecoloxista xa realizou o pasado ano unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara das dunas, dentro do proxecto Conservando as nosas dunas.  Para participar é preciso inscribirse. Son actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, transporte e comida. Máis info en:  ramses@adega.info.

Fonte: GC

O desbroce das Dunas de Coroso dana dúas especies ameazadas

Para a celebración do “I Triatlón Concello de Riveira” o vindeiro día 2 de xuño, o Concello de Riveira (A Coruña) desbrozou a vexetación do sistema dunar da praia de Coroso con efectos moi negativos sobre as poboacións de Omphalodes littoralis (planta en Perigo de Extinción) e Charadrius alexandrinus (ave catalogada como Vulnerable).

Por eses motivos, SGHN ven de denunciar o caso diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e do SEPRONA, pedindo que abran un expediente sancionador contra o Concello de Riveira polo desbroce da vexetación dunar e os seus impactos sobre hábitats e especies protexidas e que adopten todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos hábitats e especies protexidas presentes na praia de Coroso.

Máis información en www.sghn.org

Mañá sábado daranse a coñecer os 22 Premios Irmandade do Libro

O xurado dos Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación Galega de Libreiros desde hai 22 anos elixiu á escritora María Xosé Queizán como gañadora da edición dos premios do ano, por votación da ampla maioría dos membros

A motivación que levou ao xurado a votar esta candidatura foi a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego desde todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando, ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático.

Quedaron pendentes de fallar os gañadores no resto de modalidades convocadas:

  • Libro do ano 2012
  • Obra Editorial do ano 2012
  • Libraría
  • Centro de Ensino
  • Fomento da Lectura

A decisión do xurado darase a coñecer o mesmo día da celebración do acto de entrega dos 22º Premios Irmandade do Libro, acto que terá lugar na Casa da Cultura de Monforte de Lemos o vindeiro sábado, día 20 de abril, a partir das 19 horas.

A nova lei de montes do PP abre a posibilidade da recalificación urbana dos montes queimados

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, presentou hai unha semana a varias ONGs ecoloxistas o cuarto borrador da futura Lei de Montes. Un texto que, no seu artigo 50, contempla a posibilidade de recalificar montes arrasados polo lume. “Con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar cambio de uso forestal cando concorra un interese xeral prevalente o cal deberá ser apreciado mediante lei, sempre que se trate de terreos de titularidade pública e que se adopten as medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada. Tales medidas compensatorias deberán identificarse con anterioridade ao cambio de uso”.

Así o recollía a semana pasada o diario El Confidencial que apuntaba que pese a que o texto aínda non é o definitivo, Greenpeace alerta de que este novo parágrafo (engadido agora sobre o texto orixinario da Lei 43/2003 de 21 de novembro) abre a porta a posibles recualificacións de montes queimados para convertelos en urbanizables. “Durante a reunión, o ministro Arias Cañete asegurounos que isto só se aplicaría en casos excepcionais, pero temos o razoable temor de que, como ocorre tantas veces, a excepcionalidade póidase converter en norma”, en palabras de Mario Rodríguez, director de Greenpeace en España.

Para evitar que a avaricia especulativa inspirase a propietarios de montes e construtores a arrasar con lume espazos naturais para a súa posterior recualificación, como ocorreu de forma reiterada desde os anos 70 en España coincidindo co boom inmobiliario, a actual lexislación española prohibe taxativamente o cambio de uso dos espazos queimados no prazo de 30 anos. É dicir, se un monte arde a súa recuperación está protexida pola prohibición de cambio “de uso forestal polo menos durante 30 anos” e pola imposibilidade de realizar nese espazo “toda actividade incompatible coa rexeneración da cuberta vexetal, durante o período que determine a lexislación autonómica”.

Fonte: Valminor

A LIMIA: onde unha man da Xunta non sabe o que fai a outra

Desde o desougamento da lagoa de Antela hai medio século, cun proxecto realizado en apenas 2 meses e modificado sobre a marcha durante os máis de 6 anos de obras, a ordenación do territorio e a planificación das actividades humanas produtivas (agricultura, gandería, industria, minería) brillan pola súa ausencia na Limia, deixando o presente e futuro da bisbarra en mans da improvisación e, mesmo, do surrealismo.

A última mostra, polo de agora, de actuacións caóticas e descoordinadas das administracións públicas na Limia ven outra vez da Xunta de Galicia: mentres cunha man (Consellería de Medio Rural e do Mar) declara á Limia como Zona de Especial Interese Agrario e proxecta catro novos plans de regadío, coa outra man (Consellería de Economía e Industria) somete a información pública un proxecto mineiro para extraer feldespatos a ceo aberto coincidindo exactamente cunha das catro zonas que se pretende transformar en regadío (a de Corno do Monte cunha superficie de 1060 ha e un investimento de entre 8 e 12 millóns de euros).

A descoordinación é tal que durante varias semanas coincidiron no tempo os trámites de información pública de ámbolos dous proxectos, aos que SGHN presentou ás oportunas alegacións.

Máis información en www.sghn.org

O carballo, de Calros Silvar

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Nova sobre a presentación do libro no Culturgal

Nova sobre a presentación do libro na Galería Sargadelos

AGPI fala do novo libro de Calros Silvar na súa web

Calros Silvar tamén no Diario de Ferrol falando da nova colección ‘Aventura de vivir’

Brabádegos. Portal de literatura infantil e xuvenil analiza O CARBALLO

Máis información

Calros Silvar realizará un obradoiro de debuxo da natureza sobre O CARBALLO na Galería Sargadelos

A Galería Sargadelos e Baía Edicións convidan a todo o público a participar no obradoiro de debuxo da natureza para público infantil, impartido por Calros Silvar, que nos presentará o libro O carballo. A aventura de vivir na Galería Sargadelos Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o sábado día 22 de decembro, ás 12:00 horas.

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO

Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.

Debido a presenza de zonas de arsenopirita semimasiva na área mineira de Corcoesto as concentracións de arsénico en rochas chegan a superar en 50.000 veces a media da corteza terrestre e nos solos superficiais poden superar ata 400 veces os niveis de solos non contaminados.

Pola súa banda, nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humán, e na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados.

Segundo palabras textuais extraidas do artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica internacional dita contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”.

Se esas son as consecuencias actuais da antiga mineiría a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation: 774 ha de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.

Fonte: SGHN

Foto: Panageos