Entradas

Este sábado volve “Chamando á terra”, programa da Radio Galega dedicado aos libros

A escritora e xornalista María Solar presenta este novo programa semanal “CHAMANDO Á TERRA” que se emitirá os sábados entre as tres e as catro da tarde e que abordará segundo explica o web da emisora “o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos”. O espazo contará coas colaboracións de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid para analizar as novidades nas letras do país.

 

O primeiro programa xa foi todo un éxito! Parabéns e a seguir falando de libros!

 

Convocada a edición número 23 dos Premios Irmandade do Libro

A Federación de Librarías de Galicia vén de convocar os  XXIII Premios Irmandade do Libro, cos que a organización libreira de Galicia quere render homenaxe aos que durante o ano 2013 destacaron no seu traballo para que o libro e a lectura segan a ter un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega. Os premios recoñecen as seguintes modalides: Centros de Ensino, Librarías, Fomento da Lectura, Libro do Ano,Libro Infantil e Xuvenil do Ano,Obra Editorial, Autor – Autora.

As bases dos premios poden consultarse na web dos libreiros galegos. A entrega de premios será na localidade coruñesa de Rianxo o día 5 de abril.

BAÍA EDICIÓNS gañou o Premio a OBRA EDITORIAL DO ANO 2012 polas GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde. Este recoñecemento nos Premios Irmandade do Libro á colección Guías da natureza Baía Verde tivo unha especial importancia para nós porque describe case a nosa traxectoria vital, como empresa e como proxecto cultural desde os seus inicios no ano 1990, un ano antes da publicación da primeira edición da Guía de aves de Galicia. Máis información

Fonte: AGE

A cultura italiana na Feira do Libro de Madrid

A Feira do Libro de Madrid está facendo posible achegarse á cultura clásica e contemporánea de Italia mediante unha chea de de actividades culturais organizadas por entidades e institucións italianas e españolas e que ofrecen un percorrido polas obras e temas máis candentes e actuais dese país.

Inaugura o programa o escritor e ensaista Claudio Magris. Tamén participarán escritores representativos das últimas tendencias literarias, segundo a información facilitada pola organización feiral, como o grupo que promove  a nova novela  italiana de xénero épico, o colectivo Wu Ming, os mestres do  giallo ( policíaco italiano) e as poetisas que están a renovar a linguaxe poética en Italia.

O programa tamén  ofrece a oportunidade de volver a ler aos autores do Novecento italiano, como Luigi Pirandello, Italo Calvino, Leonardo Sciascia, ademais de celebrar o centenario do nacemento de Elsa Morante. No Pavillón Infantil e Xuvenil haberá un espazo para a producción editorial italiana onde se poderán coñecer autores- as e obras para os lectores máis novos.

A Embaixada de  Italia en España e o Instituto Italiano de Cultura de Madrid  participarán na organización do programa de encontros a nivel político e cultural.

Fonte: AGE

A gala dos Premios Mestre Mateo 2011 terá a crise como eixe

A actriz María Castro será a encargada de conducir este ano a gala dos premios Mestre Mateo, que se celebrará o 28 de abril en Palexco, na cidade de A Coruña, e que repasará as crises dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial, a través de sketches humorísticos e espectáculos musicais.

Así o explicou, en rolda de prensa, a coprodutora executiva da gala, María Liaño, quen sinalou que se utiliza como argumento a crise pero “non desde o derrotismo”, senón que será unha gala “optimista”.

Pola súa banda, María Castro, acusou a gala de “atípica”, posto que a actriz terá que bailar e cantar ao tempo que conduce a gala. “É un reto pero espero estar á altura das circunstancias”, engadiu.

Na gala, dirixida por Ángel de la Cruz, farase entrega do premio de honra Fernando Rey 2011 á produtora Dolores Ben pola súa destacada traxectoria. O acceso á cerimonia é con convite pero poderase ver en directo a través da TVG e terá unha duración estimada de dúas horas, segundo Liaño.

AXUDAS AO SECTOR AUDIOVISUAL

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández, destacou o labor do audiovisual galego en tempos de crise, afirmado que a calidade das producións “non mingua a pesar da crise”, ao tempo que anunciou que o día 19 se darán a coñecer as axudas ao audiovisual galego “co mesmo importe que o do ano pasado” de 2.900.000 euros.

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, defendeu o financiamento público-privada da cultura en referencia ás entidades que patrocinan esta gala. “É o camiño polo que hai que transitar”, apostilou.

Foto: María Castro nun acto en Vigo. Carlos Pereira

Fonte: GaliciaHoxe

O Correlingua 2012 comezará en Ourense

Co lema Galego. Todo o que buscas, a edición 2012 de Correlingua comezará o vindeiro 2 maio en Ourense. A organización deste evento presentou onte os premios dos certames escolares deste ano. O CPI Pontecesures levou o premio ao Manifesto, mentres en vídeo impúxose o o IES Mosteirón de Sada. Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Logo da saída, a carreira transcorrerá por once comarcas, Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo e a Ribeira Sacra e para rematar o vindeiro 16 de maio na Mariña.

Fonte: Culturagalega

Quen é Rodribico

Rodribico é unha pega marza á que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Rodribico habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.

Ademais de voar, xogar, e divertirse, o que máis feliz o fai é compartilo todo cos seus amigos e amigas.

Queres coñecelo? Se é así visita a súa páxina web RODRIBICO. Nela poderás atopar toda a información sobre este paxaro tan simpático! Contarás con MATERIAL DIDÁCTICO con actividades divertidísimas para realizar na propia web e con MATERIAL DESCARGABLE para que todas as nenas e nenos poidades pintar, debuxar, colorear, contar, facer careta, encrucillados…. DIVÍRTETE CON RODRIBICO!