Entradas

BAÍA EDICIÓNS CON VÓS NA CASA

En Baía Edicións estamos convencidas de que a única forma de frear a pandemia en Galicia neste momento pasa polo peche total e limitación de movementos. En consecuencia, non enviaremos libros, xa que pasan por moitas mans durante a viaxe.

Sabemos que todas e todos temos moito que ler ou reler na casa, pero co beneplácito das súas autoras e autores deixamos unha listaxe de títulos a escoller que vos poden axudar a superar o confinamento. Só pedimos que lembredes a súa empatía e fagades un uso responsable destes textos respectando a súa obra, que tan xenerosamente prestaron para a nosa campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa.

Propostas de lectura

Para 4-6 anos:

  • Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións).
    Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA.
  • Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA.
    Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta.
  • O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.
    Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.

Para 7-8 anos:

Para 9-10 anos:

  • Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA.
    Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
  • Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA.
    Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.

Para maiores de 12 anos:

  • A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA.
    Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.
  • Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA.
    Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
  • Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA.
    A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega acolle mañá e pasado a XV edicion dos Encontros para a Normalización Lingüística. Neste xeira, o evento bota a vista atrás e propón, na súa primeira xornada, unha análise das políticas sobre o galego neste período. Repasamos da man do investigador Xaime Subiela os fitos da Normalización.

O Centro de Documentación Sociolingüística e Galicia do Consello da Cultura organiza anualmente estes encontros coa intención de reflexionar sobre os procesos de normalización, Henrique Monteagudo, coordinador canda a Susana Mayo desta iniciativa, explica o interese por repasar os trinta anos da Lei de Normalización. “Verificamos que nos sucesivos aniversarios da Lei houbo moi pouco pulso das institucións e mesmo da sociedade para conmemorar este fito. Isto en si xa é un síntoma da escasa consciencia que hai sobre o que significou o proceso de normalización e amosa, ao meu ver, a necesidade de facer balance do camiño feito e ver os pasos. Non se trata, evidentemente, dunha celebración festiva, pero cómpre ollar para atrás pensando para adiante”.

O programa

Desde esta perspectiva, os Encontros centran a súa primeira xornada nesta tema, tratando desde diferentes perspectivas a evolución da política encol da lingua no país. “Aínda que nos últimos anos, atendendo tamén ás necesidade de austeridade, botábamos man sobre todo de persoas achegadas para os encontros, desta volta pareceunos necesario recuperar o contacto co exterior e facer comparacións cos procesos de Cataluña e Euskadi, que se desenvolveron a partir de leis coetáneas á nosa”. Así, estarán nos encontros Patxi Xabier Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística vasco e mais o investigador catalán Esteve Valls. Canda a isto, unha mesa redonda abordará a evolución da lingua e da sociedade nestes 30 anos desde as perspectivas da mobilización social, a administración, os medios e a economía. A segunda xornada, segundo explica, “céntrase en temas máis habituais dos encontros, como son as iniciativas colaborativas e a atención aos grupos aos que se dirixe a política lingüística”, especialmente no eido educativo. Como elementos destacados, Monteagudo sinala a presentación do volume que recolle os traballos presentados ao Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia que se celebrou no Consello da Cultura Galega entre decembro de 2009 e xuño de 2010. “É unha obra de referencia no nsó en Galicia senón mesmo a nivel de Estado e mesmo de Europa”. Canda a isto, salienta tamén a conferencia de Bernardette O´Rourke, da Heriot-Watt University de Irlanda, que abordará as actitudes da mocidade de cara ao galego.

Os fitos

A abrir o evento, o investigador social e consultor público Xaime Subiela exporá, a partir dos trinta anos da Lei de Normalización, una análise realizada ex profeso para esta ocasión na que analiza a evolución da Política Lingüística galega. Da súa man, repasamos os fitos, as bases e os logros destes trinta anos de acción. Segundo explica “Nestes trinta anos institucionalizouse por ver primeira unha política lingüística de promoción do galego. A partir dos parametros recollidos no Estatuto e mais na Lei de Normalización entendíase non só que había que favorecer a súa aprendizaxe e regular os seus usos, senón tamén que o promover, e articulouse un sistema para iso”.

    • Os piares da Política Lingüística
      • Ensino: “Desde o primeiro momento a política lingüística centrouse moito no ensino e na incorporación do galego ao mesmo, primeiro como materia e depois como lingua vehicular”.
      • Medios de comunicación públicos en galego: “A posta en marcha da radio e da televisión autonómicas presentouse como un dos grandes movementos a prol da nosa lingua”.
      • Administración: “Houbo un grande traballo para introducir a lingua na propia administración. O feito de que houbese un Diario Oficial de Galicia en galego e que fose a lingua de contacto coa cidadanía en xeral, non tanto no oral como na escrita”.
      • Capacitación: “Aínda que desde hoxe vese como algo máis afastado, precisamente porque foi máis exitoso, tivo unha grande importancia o esforzo por garantir a capacitación na lingua, que a xente adquirise destrezas para se manexar en galego”.
    • Os momentos
      • O punto de partida: “A política lingüística xorde nun momento no que hai un desplome xeral do emprego do galego na sociedade. Nos oitenta o proceso de substitución estaba xa moi avanzado. Desde os anos sesenta, co paso dunha sociedade maioritariamente tradicional á urbanización deuse un descenso que non se producira nin nos anos 50, cando maior foi a represión contra a lingua. Este abandono deuse sobre todo no traspaso interxeracional, non é tanto que a xente mudase de lingua, que tamén pasaba senón que xa non lla falaba aos fillos.
      • Os exemplos: “En xeral o que se fixo na política lingüística galega foi copiar o que se facía en Cataluña, mirarse nese espello e logo ir tirando e saíndo do paso, non houbo un bo deseño. Xa a propia Lei de Normalización e varios decretos veses que van mallados. Os axentes que promovían a lingua tamén ollaban para alí, e o que se establecía era un horizonte abocado á frustración porque a realidade era moi distinta”.
      • Evitar o conflito: “Unha tese que comparto é que ao longo destes anos a administración autonómica, maioritariamente en mans conservadoras, preocupouse especialmente porque non houbese conflitividade en materia de lingua. Isto priorizouse fronte a se as accións eran pouco efectivas ou se non conseguían deter a perda de falantes. En materia de lingua, a conflitividade veu tanto das reaccións contra o galego como dos axentes que promovían o seu emprego”.
      • A confrontación: “Nos anos 80 e 90 deuse unha dinámica de confrontación fundamentalmente entre a Xunta e o nacionalismo. Considerábase que o goberno facía as cousas sen crer realmente na normalización, e este conflito estaba atravesado pola confrontación normativa”.
      • Consenso: “Arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística artellouse unha especie de consenso de mínimos”.
      • Ruptura do consenso: “Logo de 2004, ao mudar o goberno, o PP considerou que os elementos de resistencia ao galego podían darlle réditos políticos e que a confrontación en materia de lingua podía ter eco en determinados sectores sociais. Entón púxose en posición de confrontación connotando as posturas nacionalistas e socialistas como de imposición, e póndose a si mesmo como grande valedor da liberdade. Isto abriu un escenario novo e levou a lóxica de confrontación política a un punto que nunca tivera.
      • O momento actual: “Unha vez que o PP voltou á Xunta incorporou no ideario dos que debían ser elementos promotores do galego esa lóxica, a idea de que a política lingüística estaba a ir lonxe de máis e que empregaba lóxicas impositivas. Ata o de entón sempre se comprendera a acción sobre a lingua era progresiva, cara un horizonte de normalidade que se vía moi afastado, e agora múdase iso”.
    • As reaccións
      • “Desde o comezo da política lingüística houbo reaccións contrarias á promoción do galego, sobre todo no ámbito do ensino, onde toca máis directamente porque lles afecta aos fillos e ao ámbito doméstico. O que aconteceu nos últimos anos é que, coa cobertura do partido maioritario e dalgún xeito da propia administración, moita desa reacción latente fíxose manifestas e pasou a se artellar como un movemento. No entanto, debemos ter claro que non se trata da maioría da sociedade, que en xeral penso que avalía o que está determinado nos acordos básicos da Lei de Normalización ou do Plan, e considera que o galego é un valor que se debe promover”.
    • Os efectos
      • Contención: “No contexto no que naceu a política lingüística, penso que si se conseguiu conter en parte o proceso de substitución lingüística, por moitas razóns. Ao conseguir máis prestixio para a lingua, a xente que falaba galego comezou a se ver doutro xeito, e mudou algo a identidade negativa que estaba asociada á utilización do galego”.
      • Consciencia: “No momento no que se iniciou a política lingüística había moita xente que falaba galego pero o aprecio pola lingua era moito menor. Agora estamos nunha posición antitética, cun uso bastante menor pero tanto a reivindicación como a valoración da súa defensa están bastante asentadas, e a promoción está apoiada por unha maioría da sociedade”.
      • Capacitación: “No seu momento había moitas persoas ágrafas en galego, que sabían falar ou non tiñan capacidade para o emprego escrito. Nos anos 80 e 90 os cursos foron un elemento moi relevante, e canda aos medios permitiron que haxa unha competencia bastante elevada no conxunto da poboación, sobre todo ao comparar con outras comunidades con lingua propia”.
      • Non reversión: “A política que se desenvolveu non foi eficaz par inverter o sentido da substitución lingüística. Hoxe aínda é a lingua máis falada, pero iso é un espellismo produto da nosa pirámide de poboación, na realidade entre a xente nova xa non é maioritaria. Aínda así non debemos pensar que Galicia son só as cidades, en moitos lugares o galego continúa a ser unha lingua ambiental maioritaria”.
    • Os froitos pendentes: “A situación actual é moi negativa e penso que imos botar moitos anos a sufrir os efectos da actual postura da Xunta. Isto provocou unha maior conflitividade en determinados ámbitos que non estaba presente, e é extraordinariamente pernicioso”.

Fonte: Culturagalega

Os recortes acenden a alerta vermella

O recorte global de ao redor dun 30% que o Goberno aplicará á industria cultural nos Orzamentos de 2013, e que adiantou onte EL PAÍS, provocou durante todo o día unha intensa onda de alarma e indignación. En San Sebastián, o presidente da Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais de España (Fapae), Pedro Pérez, non ocultou a súa preocupación pola situación da industria do cine e os malos agoiros que se aveciñan. O anunciado pau dun 20% ao Fondo de Protección da Cinematografía e dun 30% ao orzamento global do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA) estaba en todos os círculos do Festival de San Sebastián, e o presidente dos produtores mostrouse grave: “O chan do cine español tambaléase”.

Pérez deixou a porta aberta a un novo modelo de financiamento do sector, mostrándose ata partidario de que o cine salga da partida dos Orzamentos Xerais do Estado. “Hai moitos xeitos para obter diñeiro, o cine pódese pagar cos ingresos e os impostos que o propio cine xera, como se fai en países europeos da nosa contorna”, dixo. A semana próxima está prevista a primeira reunión na Secretaría de Estado de Cultura para comezar a debuxar ese esquema con todos os afectados.

O presidente dos produtores alertou sobre a falta de pagamento das axudas. “As axudas automáticas ao cine, que veñen pagando dous anos logo das estreas, son unha débeda do Estado… a débeda ao cine hai que pagala e logo xa cambiaremos o modelo”, engadiu. Segundo cálculos da FAPAE, o diñeiro necesario para pagar en 2013, vía Fondo Nacional da Cinematografía, as débedas por películas estreadas en 2011 ascende a uns 50 millóns de euros, cando, segundo o primeiro borrador dos Orzamentos xerais, ese fondo apenas chegaría aos 30 millóns.

Para o presidente da Academia do Cine, o produtor, distribuidor e exhibidor Enrique González Macho, rende unha preocupante sensación de incerteza ante o futuro inminente: “Falouse do mecenado, dos incentivos fiscais, de cambios no sistema de axuda, pero non hai nada concreto. Podémonos caer nun buraco. Hai un sector do Goberno que quere que o cine avance e outro que non, e que o único que fai é crear situacións perigosas que nos están levando ao límite. O sector do cine é dialogante e prudente pero está vendo como, aos poucos, nos está prexudicando en cousas que non teñen sentido”.

Non foi menor o berro de alarma que se produciu onte no campo do libro e as bibliotecas. As 52 bibliotecas públicas do Estado contarán o próximo ano cun orzamento de 0 euros. “Unha biblioteca sen libros converterase nun centro de animación cultural… pero deixará de ser unha biblioteca”, lamentaba Milagros del Corral, exdirectora da Biblioteca Nacional.

A Rede de Bibliotecas do Estado perderá, sen contar o capítulo de persoal, un 60% do orzamento. “Nin comprarán libros nin se poderá seguir dixitalizando, con ese recorte terán diñeiro para dar a luz”, reprobaba onte Rogelio Branco, exdirector xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas. Os cidadáns empeñáronse en utilizar as bibliotecas máis que nunca: un de cada cinco españois acudiu a unha biblioteca en 2011, segundo a enquisa de hábitos culturais en España. “Este é o momento no que as bibliotecas tiñan que estar máis dotadas que nunca”, afirmou Blanca Calvo, que dirixe desde fai 31 anos a biblioteca pública de Guadalaxara, un modelo de participación cidadá. Son os usuarios desta biblioteca os que este ano puxeron do seu peto parte dos fondos públicos que lles recortaron. Algúns lectores compran obras para nutrir os fondos da biblioteca e outros axudan gratis coas actividades culturais. “Cría que tocaramos fondo, pero vexo que podemos empeorar”, afirma Blanca Calvo. En 2007 contou con 150.000 euros para comprar material. Este ano recibiu 56.000 euros do Goberno. Para 2013 a previsión é… cero.

No mundo das artes escénicas e da música, a xornada transcorreu cun guión xa lido. O director xeral do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), Miguel Anxo Recio, citou aos responsables das unidades deste departamento para comunicarlles os recortes. Todos os representantes, entre os que se atopaban o director do Teatro da Zarzuela, Paolo Pinamonti, ou o director técnico da Orquestra Nacional, Félix Alcaraz, acudiron á cita con resignación ante o que xa adiantara EL PAÍS.

Pero o máis locuaz foi Gerard Mortier. O director artístico do Teatro Real (que perderá un 30% da achega pública en 2013) lamentou os recortes durante un encontro no Hai Festival de Segovia, informa Ana Marcos: “Hai que acabar coa idea de que a arte é un luxo e deixar de dicir que é difícil dar diñeiro á ópera cando se están pechando escolas ou quitando camas de hospital. Iso é demagoxia. O social e o cultural forman parte dun mesmo sistema. Hai que atopar a forma de repartir o diñeiro para a educación e a arte sen confrontarlos”, dixo Mortier, quen acabou cunha confesión: “Para min foi moi duro ver como o IVE subía para a arte e non para o deporte; a marca España non pode ser só Ronaldo –que encima está triste–, porque dous anos de subvención do Teatro Real é o soldo dun ano dese futbolista”.

Fonte: El País