Entradas

Baía Edicións presenta ‘En branco e negro’, de Pere Tobaruela, en Mondoñedo

Chus Amieiro e Baía Edicións presentan o libro En branco e negro na Casa da poeta (Casa de Mañas. Calvela 1, Vilamor, Mondoñedo), o venres, 13 de abril ás 20:00 horas.

O acto contará coa participación de Chus Amieiro, Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pere Tobaruela, autor do libro.

Contido do libro

Sara Martí, a protagonista de En branco e negro, é unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. Así o manifesta nos seus artigos de opinión en Coses Nostres. A través de vivencias propias e alleas, Sara vai tecendo unha historia salpicada de recordos amargos: o exterminio nazi, unha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, o desacougo dun amor frustrado…

Mais non todo é negro na vida de Sara, pois, como di un dos personaxes, recordando as palabras de Ernesto Sábato: “O mundo está cheo de horrores, de traizóns, de envexas; desamparos, tortura e xenocidios. Pero tamén de paxaros que levantan o meu ánimo cando escoito os seus cantos, na alborada; ou cando a miña vella gata adormece sobre os meus xeonllos; ou cando vexo a cor das flores, ás veces tan minúsculas que hai que observalas desde ben cerca”.

Quedades todas convidadas!

 

 

Actualmente Galicia conta con 100 bibliotecas menos

A pasada semana o INE publicou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2016, uns indicadores que na última década foron reflectindo os efectos dos recortes orzamentarios e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto a fundamental función que estas institucións cumpren na sociedade, achegando localmente servizos culturais a toda a poboación. Os datos de 2016 para Galicia volven amosar un descenso no número de bibliotecas existentes e tamén no persoal destinado a elas, mantendo unha tendencia negativa iniciada hai case unha década. Descenden tamén os indicadores de utilización das bibliotecas (usuarios e usuarias, visitas en sala e préstamos), que no caso dos socios e socias e dos préstamos acadaran un máximo no ano 2012.

Máis información

Fonte: Praza

Ana Romaní nomeada académica numeraria electa pola RAG

O Pleno da Real Academia Galega nomeou na sesión plenaria celebrada o sábado 17 a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. Na mesma xuntanza foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos.

Segundo indicou a RAG, a académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa.

O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.

Fonte: RAG

I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade

Co motivo da celebración do 8 de marzo #8MEuparo, para promover a educación en igualdade e como homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista, Baía Edicións convoca o I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade.

BASES DO CONCURSO

Primeira
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme á normativa vixente.
As obras deberán atender ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.
Segunda
As obras a concurso deben ser orixinais, inéditas e non premiadas. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.

AGADIC convova o 24º premio Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca o 24º premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o 10º premio Manuel María de literatura dramática infantil e o 13º premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

Acompáñase a convocatoria correspondente (en galego e castelán), publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de decembro de 2017 (DOG nº 245).

O prazo de recepción de orixinais remata o 10 de maio de 2018.​

BASES

Mañá celebramos o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia

Neste ano, no 2018, cúmprese o 70 Aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi (1948-2018), o mesmo ano no que as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun mundo aínda conmocionado polo horror da guerra e do holocausto. Precisamente -tamén é unha proposta das Nacións Unidas- todo este ano estará dedicado a analizar as causas e as consecuencias do Holocausto. Existen numerosos materiais para apoiar esta aprendizaxe.

Na Deputación coruñesa,  o Pleno aprobou a creación dun Premio de Paz, Convivencia e Dereitos Humanos que recoñecerá as iniciativas de todo tipo que promovan estes valores desde este ano de 2018.

Aínda que este ano cadran nunha mesma semana datas tan dinámicas nos centros educativos como o Entroido e o Día da Paz, a actividade xerada polas bibliotecas escolares está a ser intensa. Traballar no ámbito da educación é algo moi complexo no momento social no que nos atopamos… e queremos, desde a Asesoría de bibliotecas escolares, lembrar aquel texto de Eduardo Galeano:

“… son cousas pequenas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de troco, non expropian as covas de Alí Babá.

Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos.

Ao fin, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a unica maneira de probar que a realidade é transformable…”

 

Fonte: PrazaPública e Bibliotecas escolares de Galicia

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza “Historias da Coruña. A memoria da cidade”

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza “Historias da Coruña. A memoria da cidade”, un ciclo de conferencias que inclúe ademais a celebración dun roteiro pola cidade:

PROGRAMA:

  • Sábado 27 de xaneiro ás 11:30 h:  Roteiro “As mulleres das Irmandades da Fala”, no que se lembrará a Micaela Chao Maciñeiras, Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Amparo López Jean… Guían o roteiro Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, e Mª Xosé Bravo, presidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
  • Mércores 31 de xaneiro ás 19:30 h.: charla María Barbeito, unha vida dedicada, a cargo de Ana Romero Masiá, historiadora, investigadora e ensinante.
  • Luns 5 de febreiro ás 19:30 h.: charla “Unha historia urbana da Coruña”, a cargo de José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais.
  • Xoves 8 de febreiro ás 19:30 h: charla  “Umha panorámica geral da história do movimento obreiro na cidade e as greves”, a cargo de Carlos Velasco, historiador, investigador e profesor da UDC.

Baía presenta este xoves ‘Mar…usía. Relatos salpresados’ en Lugo

Baía Edicións presenta o libro Mar…usía Relatos salpresados na Libraría Aguirre (Salvador de Madariaga, 1 – Lugo), este xoves, 14 de decembro ás 20:00 horas.

A presentación contará coa participación de de Pablo Mosquera, “Bígaro” (Presidente de ‘Os aventados’), Bernardo Penabade
(escritor), Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións) e co autor da obra, Paco Rivas.

Contido do libro: Colección de 15 relatos con protagonismo do mar e das súas xentes que respiran a mellor tradición do realismo fantástico e mostran unha lingua que procura recoller fielmente a fala da xente da Mariña luguesa, mesturada, no entanto, cunha prosa rica en matices e recursos estilísticos postos ao servizo do dramatismo das distintas historias.

Como manifesta o profesor, escritor e ensaísta Luís Alonso Gigardo, autor do prólogo da obra: «Velaquí un novo libro de Paco Rivas. Agora un libro de prosa narrativa, de historias do mar e dos mariñeiros, das faenas de pesca e das súas artes; do mar e dos seus misterios, dos naufraxios, das conversas nas tabernas; de barcos e barcas, da vida da xente. Todo no reducido ámbito dunha moi concreta xeografía: a Mariña luguesa, as costas e as augas do norte, Nois, Pena Orxal e outras penas. En Nois precisamente ten o seu pequeno reino privado Paco Rivas; a súa casa é unha pequena atalaia a carón do mar que el coñeceu dende neno e que aínda hoxe continúa a contemplar, a revivir e reinventar e, como non, a recrealo coas palabras […]».

‘Mar…usía’ en Compostela

Competindo con sete presentacións na cidade, Paco Rivas presentou onte con éxito na Libraría Couceiro a súa última publicación, Mar…usía. Relatos salpresados, unha clara homenaxe á xente do mar e, en especial, á de Nois, na mariña luguesa. Homenaxe que estende á linguaxe, cun abano de termos de clara influencia mariñá, que abarca a toponimia e as palabras de uso cotián no falar das xentes do lugar, algunhas case descoñecidas para o resto de galegas e galegos.

Arroupado polo prologuista e intúo tamén mentor, Luís Alonso Gilgado, quen dixo, entre outras verdades, que en Mar…usía “narrativa e lírica son a mesma cousa”, “dá a súa particular visión sensorial da realidade que evoca a poesía afrocubana de Nicolás Guillén”, así como indica as claras reminiscencias a Poe, Alberti ou Cunqueiro, e polo profesor, investigador e académico Francisco Fernández Rei, quen actuou como tal ao esmiuzar a terminoloxía empregada na obra, destacando o uso e “abuso” de sinónimos e xogos de palabras ao servizo do ritmo que impregna toda a obra.

Non sabemos se o exhaustivo traballo de recolla e espallamento da terminoloxía mariñá lle outorgará no futuro ao poeta e estudoso dos temas mariños Paco Rivas un lugar na Academia, como semellaba prognosticar a presenza neste acto de catro membros da Real Academia Galega, pero do que non temos dúbidas é que o autor é, a día de hoxe, o maior especialista en terminoloxía do mar da mariña luguesa.

Grazas a todas e todos os compañeiros de mesa, persoas asistentes e, como non, á Libraría Couceiro, anfitrioa indispensable do libro e a lectura en galego.

Nota da editora

Hoxe celebramos o DÍA DAS LIBRARÍAS

Hoxe, 10 de novembro celebramos o VII edición do Día das Librerías. O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreros (Cegal) organizan conxuntamente unha campaña con motivo do Día das Librerías.

No día de hoxe as librarías aplicarán un desconto especial do 5%, permanecerán abertas ata as 22h e organizarán multitude de actividades culturais.

Baixo o lema “Deixa que che conten”, a xornada reivindica a capacidade de recomendación persoal do libreiro e as librarías como lugar de dinamización cultural.