Entradas

Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 de xuño desde 1972 celébrase o Día mundial do Medio Ambiente. A data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na Conferencia de Estocolmo, co Medio Humano coma tema principal. O mesmo día, a Asemblea Xeral da ONU aprobou tamén a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).

A través do Día Mundial do Medio Ambiente a ONU tenta sensibilizar á opinión mundial con respecto ás problemáticas ambientais, intensificando a atención e a acción política e co obxectivo principal de motivar ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara os temas ambientais, e fomentar a cooperación e solidariedade entre os países, para garantir así que tódalas as persoas e as nacións podan gozar dun futuro prospero e seguro.

O Día mundial do Medio Ambiente da pé á realización de múltiples actividades: concentracións, concertos, actividades escolares, plantacións de árbores, campañas de reciclaxe e de limpeza, entre outras moitas.

Alén máis, é un suceso que desperta o interese da prensa e os medios audiovisuais acerca do ambiente e que leva á celebración de múltiples actividades.

A celebración é unha oportunidade de asinar ou ratificar convenios internacionais e, ás veces, establecer estruturas gobernamentais permanentes relacionadas co manexo ambiental e a planificación económica.

A desforestación os Desertos e a Desertización , o Desxeo ou a consecución dunha economía baixa en carbono, foron algúns dos temas tratados neste evento ao longo dos anos… por desgracia non faltan motivos para continuar a celebralo e a demandar a atención dos organismos públicos, dos gobernos e da poboación en xeral, sobre cuestións vitais para a subsistencia do planeta e de cantos nel habitamos.

A conciencia real dos problemas ambientais e a nosa aportación para eliminalos ou amortecelos é fundamental: a nosa actitude diaria, a presión que exerzamos para que se tomen en consideración os problemas e se aporten solucións efectivas e duradeiras por parte dos nosos gobernantes, fará posible que o mundo siga a ser habitable. Un dia de conmemoración semella algo fútil, pero menos é nada: aproveitémolo para deixarnos ouvír e actuar, reivindicando accións concretas, solucións reais, fondos para solventar os problemas: é moito máis importante que salvar os beneficios dos banqueiros.

 Texto: Calros Silvar

Cincuenta carteis para cincuenta anos

A comisión que promoveu a inciativa diante da porta da Real Academia Galega. No proxecto participaron once entidades e asociacións reunidas arredor da causa comunal da defensa e dignificación da nosa lingua e cultura propias que nomeamos a continuación: Real Academia Galega, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, ANABAD – Galicia, Faro de Vigo e a Xunta de Galicia.

Baía Edicións pretende rememorar as cincuenta edicións do Día das Letras incorporando cada día unha nova con catro carteis dos homenaxeados. Desta volta tedes á vosa disposición os arquivos PDF de: Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón e Curros Enríquez.

Cartaz en homenaxe a Castelao (1964). Texto: Marta Dacosta. Deseño: Javier P. López.

Cartaz en homenaxe a Eduardo Pondal (1965). Texto: Manuel Forcadela. Deseño: M. Agra Bermejo.

Cartaz en homenaxe a Francisco Anón (1966). Texto: Gonzalo Navaza. Deseño: Segundo Fdez.

Cartaz en homenaxe a Curros Enríquez (1967). Texto: Luis G. Tosar. Deseño: Raquel Boo.

O galego encóntrase entre as 30 linguas máis usadas na internet no mundo

Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas e é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. O galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico e, xunto con vasco e catalán, son as tres únicas linguas europeas non oficiais de estados que poden ser utilizadas nas institucións da Unión Europea.

O galego está ben asentado no mundo cultural en Galicia: 1980 editáronse en galego 187 títulos e en 2010, 2.500. Na actualidade é unha literatura recoñecida en todo o mundo e o volume de obras literarias galegas traducidas a outras linguas vai en aumento. Tamén, en galego, existe unha importante produción teatral e audiovisual.

Por outra parte, o galego é lingua de uso nas aplicacións máis utilizadas na rede: navegadores como Firefox, Chrome ou Explorer; os buscadores Google ou Bing; as redes sociais Facebook e Tuenti; os xestores de contidos WordPress ou Xoops. Tamén funcionan en galego distintos tradutores e aplicacións comerciais e de software libre.

O galego encóntrase entre as 30 linguas máis usadas na internet no mundo, por diante de linguas que o triplican ou quintuplican en número de falantes. No que atinxe á Wikipedia, atendendo á calidade, a Galipedia ocupa o posto número 36; segundo o número de artigos, o número 43 -tendo en conta que non se empregan robots para a edición, mentres outras linguas si o fan- e, por último, ocupa o posto 33, segundo o número de artigos por número de falantes.

Tamén é lingua regularizada no mundo político e no mundo educativo, xa que, segundo establece a lexislación, a metade das materias escolares son impartidas en lingua galega. A súa introdución no ensino promoveu unha edición cada vez maior de recursos e materiais didácticos e pedagóxicos en galego. Cómpre indicar que, na actualidade, o galego estúdase en máis de corenta universidades. A maior parte delas teñen lectores –licenciados en Filoloxía Galega ou en Tradución e Interpretación- asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua e cultura galegas adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática, cursos de conversa, lingua e civilización, literatura etc.). Existen Centros de Estudos Galegos en universidades de Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, EEUU, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido ou Rusia. Moitos estudantes destes e doutros países asisten durante o verán aos Cursos de Lingua Galega para Estranxeiros que se imparten nas tres universidades galegas.

Aínda que non plenamente normalizado, o galego está moi presente nas administracións locais e autonómica e é a lingua máis empregada nestes eidos.
Onde o galego non ten unha presenza maioritaria é no mundo empresarial, nos medios de comunicación privados, no mundo relixioso e no campo xurídico, ámbitos nos que os prexuízos ideolóxicos en contra do uso do galego aínda están moi presentes.

Se ben as últimas estatísticas indican que o uso do galego descendeu moito entre a xente nova e urbana –debido á perda de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas normalizadoras-, o galego aínda segue a ser a lingua habitual do 40% dos habitantes de Galicia, mentres que outro 35% usa indistintamente galego e castelán en función das circunstancias. As estatísticas tamén indican que o 98% dos galegos entende o galego sen dificultade, isto é; ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso. Nos territorios exteriores de lingua galega, o uso do noso idioma abala entre o 35 % de uso no occidente de León e un 75-90 % no resto das zonas (Asturias, Zamora e Cáceres).

Á parte de todo isto, o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo. Co galego podemos percorrer territorios lusófonos como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste, Macau-China… entendendo e facéndonos entender sen problemas.

Malia todo este dinamismo e vitalidade, e as vantaxes internacionais da intercomprensión co portugués, o galego ten un serio problema porque aínda non deu contido a perda de falantes ocasionada por históricas políticas de desprestixio e prexuízos sociais. As iniciativas normalizadoras non lograron a erradicación deses prexuízos e dos medos aos usos públicos da lingua.

Fonte: RAG

A RAG pon na rede a publicación dos 50 anos do Día das Letras

Todas as letras do Día das Letras Galegas, o libro co que a Real Academia conmemora os 50 anos desta celebración da literatura galega, está xa dispoñible na rede. A RAG colgaba no seu web esta mañá a publicación íntegra, na que medio cento de académicos repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día.

Descargar Todas as letras do Día das Letras Galegas

Fonte: Culturagalega

Anabam organiza en xuño un curso sobre insectos

Organizado por Anabam, os días 2 e 9 de xuño celebrarase na Guarda un Curso de Odonatos, cuxas inscricións, para un ou os dous días, formalizaranse enviando un correo electrónico a anabam.anabam@terra.es.

O curso, de carácter gratuíto, estará impartido por Miguel A. Fernández Martínez e Adolfo Cordeiro Rivera. O primeiro é autor de Guía das libélulas de Galicia, publicada por Baía Edicións, un experto coñecedor dos odonatos de Galiza. Impartiu varios cursos sobre este e outros temas relacionados coa natureza.

Adolfo Cordeiro Rivera é profesor e investigador na Universidade de Vigo, onde dirixe o Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación. Profesor de Ecoloxía Forestal na EUET Forestal da citada Universidade, actualmente traballa sobre Selección sexual, utilizando os odonatos como organismos modelo. Ten varios traballos publicados sobre este grupo de invertebrados.

O vindeiro sábado, 2 de xuño desenvolverase a parte teórica, a partir das 11 da mañá, co seguinte programa: ‘libélulas de Galicia-introdución e bioloxía’, e ás 12 horas, taller de identificación. Desde as 16 horas terá lugar a parte práctica, coordinada por Miguel A. Fernández Martínez, cunha saída á Valla (Oia).

O sábado 9 de xuño o relator será Adolfo Cordeiro Rivera.

Fonte: Atlántico

Des-regulamentar, privatizar, cementar, fumigar…

Difícil escoller unha nova a destacar, cando son tantas as (malas) novas que, como espada de Damócles, penduran sobre o noso contorno ambiental: tanto o Goberno central (o ministro Arias Cañete deixou claro, na súa comparecencia parlamentar do 1 de febreiro, que o “medio ambiente” ficará supeditado ao medre económico, da man dun “relaxamento” na normativa ambiental: revisión da Lei de Costas, volta cos “trasvases” entre cuncas fluviais, permisividade en canto a contaminación atmosférica, revisión da normativa estatal en materia de espazos protexidos etc…) como o Autonómico (a recente “ampliación” da Rede Natura eliminou espazos a protexer previstos polo anterior goberno autonómico, para permitir a instalación de novos Parques eólicos neses espazos sensíbeis; ou a  Orde que sixilosamente prepara, de cara a permitir o monocultivo -ate 100 Ha- de especies alóctonas, algunhas delas con potencial invasor, para a produción de biomasa forestal;  ou a nova Lei de Montes entre outras tanto ou máis temíbeis).

Mais quizais hai unha especialmente alarmante, pola inmediatez da súa aplicación, e a alarma que está a xerar entre os apicultores en particular e as entidades ambientais en xeral: trátase da fumigación, gratuíta e obrigatoria para as plantacións de eucaliptos, por medios aéreos, co gallo do control do Gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus) e que se pretende realizar en toda Galicia, co apoio expreso da Consellaría do Medio Rural e Mariño.

O procedemento da fumigación aérea afecta de xeito indiscriminado a todos os seres vivos (incluídas as persoas, evidentemente) e contamina solos e acuíferos, estean afectados ou non polo andacio, incluso a moita distancia do punto de aplicación.

A AGA (Asociación Galega de Apicultura) rexeita de plano esta práctica e vén de presentar denuncia, ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aducindo que o produto a utilizar (comercialmente coñecido como Cascade e que ten como principio activo o flufenoxuron) é particularmente tóxico para as larvas das abellas (como fai constar na ficha do mesmo a súa fabricante, a BASF), e moi danoso para outros insectos, especialmente os acuáticos, os peixes, moluscos e vermes terrestres e, polo tanto, para a cadea trófica.

A propia Comisión Europea decretou a súa prohibición e retirada urxente, dando un prazo até final do presente ano para retirar excedentes e a súa comercialización definitiva no próximo mes de agosto, así que o esperábel sería unha actitude responsable e celosa por parte do Goberno Autónomo.

Se consideramos que a superficie afectada polo Gorgullo achégase ás 100.000 Ha de eucaliptal, estímase que se empregarían arredor de 50.000 litros de lufenoxuron diluído, de xeito xeneralizado e sen protocolos de aplicación.

A AGA pregúntase se se terán en conta as condicións de aplicación (doses axeitadas, dilución correcta, ventos dominantes e proximidade a puntos sensíbeis) así como a oportunidade da mesma, nunha época de máxima actividade para as abellas e o resto de seres vivos que poden resultar afectados: os antes mencionados e máis as aves insectívoras, en plena época de cría).

Agardemos que a administración autonómica vele polo interese xeral e non só polo particular dos produtores de madeira, habida conta que existen e, xa se viñan empregando, outros métodos, inocuos, como o control por medios biolóxicos. Polo si ou polo non, os afectados e as organizacións que os apoian organízanse na Plataforma contra as fumigacións:

www.fumigacionsnon.org

Texto: Calros Silvar

O XII Correlingua comeza este mércores en Ourense coa lema “Galego todo ou que buscas”

A XII edición do Correlingua, actividade lúdico-educativa de reivindicación da lingua galega, arrincará este mércores, día 2, en Ourense, para terminar o día 16 en Viveiro (Lugo) tras percorrer un total de 12 localidades galegas, segundo informan os organizadores nun comunicado.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización lingüística, xunto cos concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo promoven esta actividade.

Tras o seu paso por Ourense, as carreiras, que terminarán con espectáculos teatrais e musicais dirixidos ao alumnado, pasará por Narón, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Tui, Moaña, Silleda, Monforte e Viveiro.

Nun comunicado, os organizadores aseguran que durante o percorrido reivindicarase “a plena normalización” do galego  mediante un manifesto escollido entre un concurso entre o alumnado e que, nesta edición, gañaron estudantes de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI de Pontecesures.

As festas finais do Correlingua, ademais de contar coa participación de alumnado, incluirá diversas actuacións coa presenza da actriz Iria Sobrado, o grupo de música  infantil Pirilampo e dúas dos grupos gañadores do concurso musical Cantalingua 2012.

Fonte: GaliciaHoxe

“Esta lei é unha ferramenta para a privatización de todo o monte do país”

O proxecto de Lei de Montes de Galicia iniciou este martes o seu trámite parlamentario cunha crítica unánime dos dous principais partidos da oposición, e tamén de colectivos sociais, ambientalistas, labregos e das comunidades de montes. “É unha ferramenta de cara á privatización de todo o monte do país”, afirma con rotundidade Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión”.Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión”.

Sánchez conclúe: “A lei bota por terra todo o traballo feito até agora para que o monte seguise estando ao servizo do país e da veciñanza que vivimos nel. Imos perder toda capacidade de xestión e de decisión. A administración ten moitas ganas de botar para atrás as comunidades de montes”. Para o SLG o máis grave desta lei é que “permite o cambio de uso do solo para que haxa unha meirande forestación da terra agraria, cando xa Galicia ten unha proporción de terra agraria por debaixo das demais comunidades autónomas do Estado, menos do 25%”.

Fomento dos cultivos enerxéticos

Ao Sindicato Labrego preocúpalle especialmente o artigo 76 da lei, que fala dos contratos de xestión pública e que provoca que a administración poida ceder espazos a empresas de cultivo de agromasa, principalmente de produción enerxética e pasta de papel. En opinión de Sánchez, “este artigo fai que a maioría de comunidades de montes, que non poderán saldar as débedas que teñen coa administración, se verán obrigadas a entrar nun contrato de xestión pública, que porán o monte e a veciñanza ao servizo dunha empresa privada”.

A Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar “ás caladas” unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa

A este respecto, a Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar “ás caladas” unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa. A FEG denuncia que “nos últimos meses, a Xunta está a acelerar a máquina lexislativa coa modificación, estratexicamente estudada, de multitude de leis relacionadas cos montes, ao que hai que engadir esta orde para regular os cultivos enerxéticos”.

Segundo indica a FEG, os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. “Por outra banda -conclúe- os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas”.

Posicións enfrontadas no Parlamento

Os socialistas presentaron unha emenda de devolución a este texto que supón o “machadazo final ás políticas de desenvolvemento rural”, “desvaloriza o monte” e “non promove o aproveitamento multifuncional e sustentable do monte galego”. Para o PSdeG-PSOE, “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado”, fronte a un goberno que “chega tres anos tarde, tres anos de desleixo para co monte e para co medio rural de Galicia”. Advertiu que esta norma “non atende á realidade do monte en Galicia, non potencia o monte como patrimonio esencial e estratéxico para o desenvolvemento sostible e non serve para apostar por un rural vivo e dinámico”.Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo.

Mentres, Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo e a diminución  da facturación, en 700 millóns de euros no 2010, no conxunto do sector forestal, polo que reiterou a súa revisión.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou que a norma ten “espírito de apertura” e o obxectivo de “dinamizar” o monte galego e de “aproveitar os seus recursos” mediante sociedades de fomento forestal, para loitar contra o abandono e reinvestir os benficios. Quintana asegura que o proxecto é froito dun longo debate coas 20 organizacións presentes no Consello Forestal de Galicia, das que se tomaron en consideración un bo número de modificacións á norma.Verdegaia denuncia que na elaboración do borrador da lei “non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral.

Porén, dende Verdegaia rexeitan con rotundidade esta afirmación e din que na elaboración do borrador da lei “non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral, aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia”. Estas irregularidades foron denunciadas mediante unha queixa presentada ante o Valedor do Pobo, presentada por varios colectivos e entre eles Verdegaia, Amigos da Terra e Galiza non se vende.

Fonte: Praza.com

Cultura e Educación propón unha forma alternativa de visitar o Museo de Galicia a través dunha intervención de Mercedes Peón

Unha outra forma de descubrir o Museo de Galicia. Esta é proposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten preparada para o vindeiro sábado 5 de maio na Cidade da Cultura. Seguindo a proposta de Mercedes Peón, unha das artistas galegas máis carismáticas do circuíto da world music actual, o visitante que se achegue ao Museo de Galicia a partir das 12:00 horas poderá vivir unha experiencia única a última que teña lugar no Museo antes da súa inauguración oficial, prevista para o mes de xuño cando abra as súas portas Gallaecia Petrea.

Con esta actuación, de entrada libre e de balde, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad pon, unha vez máis, este espazo arquitectónico ao servizo dos creadores, converténdose coas súas intervencións –xa sexan sonoras, plásticas ou conceptuais- nun lugar para reflexión, para a inspiración e, sobre todo, para o diálogo entre as artes.

Mercedes Peón propón unha fuxida conceptual da mera exhibición: intriga, tránsito e o efémero no Museo de Galicia. A artista instalarase como obra escultórica nunha parte do Museo, sen intervir sonoramente no espazo. A proposta xorde a partir de escoitas individuais para que as persoas teñan unha experiencia sonora a través da obra SÓS e sen perder de vista a magnitude da arquitectura.

Esta intervención sonora conta coa colaboración do escultor Suso Basterrechea, quen aporta unha instalación minimalista, chea de tensión e frialdade estática con só movementos naturais provocados pola propia física e pola orixinalidade do seu pensamento. A el súmase a complicidade de Ovidio Aldegunde e da banda que acompañará a Mercedes Peón, composta por Manuel Alonso, Manuel Cebrián e Ana García.

A Consellería outorga, deste xeito, un espazo de representación a unha proposta única pensada para provocar itinerancia en busca da instalación musical. Cincuenta minutos de interrelación entre obras que se ofrecen simultáneas e con vida propia.

Fonte: Xunta

O Parque Natural das fragas do Eume é un espazo senlleiro

Aínda que as chuvias e a rápida obsolescencia que impoñen os medios de comunicación deixaron atrás o estarrecedor lume nas fragas do Eume, non nos parece lóxico iniciar a andaina deste espazo sen facer mención ao funesto evento e mais á entrambilicada problemática do lume que, ano tras ano, asola o noso país.

Dende que nos anos 60 do século pasado se dera un cambio radical nos usos do monte, coas “repoboacións forestais” fomentadas polo Estado (que incentivaban a introdución e plantación de especies pirófitas: piñeiros e eucaliptos maiormente), ao tempo que comezaba o abandono masivo do rural ás cidades e mais a emigración cara a outras áreas do Estado ou de Europa, proceso mantido e acelerado co ingreso de España no Mercado Común no 1986, o monte galego sufriu unha longa agonía e un cambio radical nos seus usos.

Se no sistema agrícola tradicional o monte serviu como fornecedor de adubo para as terras (toxo),  co proceso de abandono da actividade agrícola (de medio millón de agricultores a uns 100.000, en vinte anos!) foi ou deixado á súa sorte ou masivamente reforestado con especies de medre rápido. Axiña comezaron os lumes incontrolados, favorecidos por intereses varios, ás veces encontrados, nos que non imos entrar acó a analizar.

A produtividade do monte na Galicia atlántica é moi alta: entre 4 e 8 veces máis que no resto do Estado. É das máis altas de Europa, de xeito que o país tornou na Reserva Forestal europea, con case o 5% da produción da UE. Mais a produción, o monte en xeral, está dedicada exclusivamente á  subministración de madeira de baixa calidade, cunha escasísima porcentaxe de terras con xestión silvícola (só unha cuarta parte das áreas plantadas) e unha meirande parte convertida nunha polvoreira de biomasa, que prende con alarmante regularidade nas épocas de seca.

O resultado do proceso é o empobrecemento acelerado do solo, o espallamento pola acción do lume das especies pirófilas que, ao tempo, favorecen a maior virulencia e alcance deste, e o consecuente debalo do bosque, das especies caducifolias autóctonas, e a diminución da biodiversidade.

Todo iso, unido ao desleixo por parte do goberno autónomo, en canto ás súas responsabilidades en materia ambiental (somos das Comunidade Autónomas con menos superficie protexida e, a que o está, carece dos preceptivos Planos de Xestión, a pesar dos anos pasados dende a súa declaración); a que se considera os Espazos Protexidos territorios condicionados polas actividades “de interese público” (que permite invadilos con instalacións industriais para o lucro privado) e tamén, con respecto á errada política do lume, que leva a priorizar a loita contra incendios en vez de investir na prevención…, aboca a sucesos como o acontecido recentemente nas Fragas do Eume.

O Parque Natural das fragas do Eume é un espazo senlleiro: o bosque atlántico máis extenso e mellor conservado de Europa. Nel agóchanse especies botánicas relictas de épocas pasadas (Culcita macrocarpa, Vandesnboschia speciosa, Davallia guanchica, Woodwardia radicans, entre outras) e especies animais en perigo de extinción, como o Bufo real ou ameazadas, como o Gato bravo ou o Falcón peregrino.

Mais o seu valor non o libra da ameaza da “eucaliptización” (se non o está máis é polo difícil acceso e a dificultade para a explotación madeireira), da invasión dos seus límites por minas ou canteiras ou a sobreexplotación do río, que o fai transitar polo Parque sequera co mínimo “caudal ecolóxico” esixido por Lei.

A preservación deste contorno é un deber irrenunciábel e para isto deben tomarse todas as medidas necesarias. É o noso desexo que as autoridade, dunha vez por todas, poñan mans á obra e torne a política ambiental nun tema transversal e prioritario da súa acción de goberno. A maioría social reclámao e as xeracións futuras meréceno.

Texto e foto: Calros Silvar