Entradas

As linguas do Estado a debate nos XVI Encontros de Normalización

Esta edición dos Encontros pola Normalización Lingüística quere servir como un foro de información, debate e proposta con dous obxectivos en foco:

• Contrastar as distintas evolucións, situacións e perspectivas sociolingüísticas e glotopolíticas das tres linguas cooficiais das respectivas nacionalidades –do catalán (nos seus diversos dominios, pero con foco en Cataluña), do vasco (nos seus distintos dominios, con foco en Euskadi) e do galego (incluíndo as variedades estremeiras)– e unha lingua sen recoñecemento oficial (o asturiano)
• Reflexionar sobre distintos aspectos da (non?) política lingüística do Estado en relación co seu multilingüismo interno e de Europa en relación coas linguas non estatais, sen deixarmos de referirnos a un factor cada vez máis relevante, que son as migracións.

No transcurso dos Encontros, presentaranse relatorios panorámicos sobre cada un dos aspectos devanditos, dunha parte con información posta ao día e doutra parte parte con refl exións sobre o camiño andado (e nalgún caso desandado) e o porvir, dando espazo para o necesario debate.

Os XVI Encontros de Normalización Lingüística analizarán este ano a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web do CCG. Relatores como Miquel Pradill e Patxi Batzarrika, Francisco Caamaño ou Iago Martínez falarán sobre linguas e Estado.

Fonte: Culturagalega