Artigos

Literatura e ciencia (III). RELACIÓN DE INCERTEZA

Dende o Renacemento a investigación científica presupuña a existencia dunha realidade externa obxectiva que ía sendo descuberta perante a observación. Elaborábanse teorías que explicasen os feitos observados e propúñanse experimentos que permitisen corroborar ou desbotar esas teorías.

E ese proceso, tería fin?

De entrada, calquera con dous dedos de fronte –medida pouco rigorosa, xa sei– diría que non, que o mundo é grande dabondo como para chegar a coñecelo, amais de que vai cambiando o cal non axuda a sabelo todo. Iso sen contar coa intuición, nada na evidencia cotián, que nos di que non sabemos unha merda de nada.

Pero no propio eido científico houbo un momento no que se chegou ao límite do observable, un límite digamos estrutural, do coñecemento. E ese momento, plasmado por Heisenberg no seu Principio de indeterminación, deu un xiro á concepción do mundo e a realidade, comparable ao de Copérnico uns cincocentos anos antes.

Tamén xirou algo na miña cabeza cando llo escoitei á profesora de Física e Química de COU, Carmen Aranda –que boa profesora foi!–. Logo de aprender e crer que as matemáticas eran a ferramenta para describir o mundo e a natureza de xeito científico, agora, zas! resulta que a última descuberta era que as cousas non se podían coñecer por completo. Se acadabamos moita precisión por unha banda, iámola perder por outra. Para coñecer se precisaba interactuar, o feito de coñecer mudaba sen remedio o obxecto observado, así que nunca iamos coñecer exactamente o que estabamos a observar. Canto máis afondásemos no seu coñecemento, máis o iamos cambiar. Era a confirmación do que a experiencia dicíanos decontino, que a percepción inflúe no obxecto percibido, algo que aprenderamos había moito nas relacións sociais –sei que sabes que che estou mirando, e sei que sabes que sei que o sabes­–. Pois velaí que non só ocorría nas relacións sociais, tamén nos niveis ínfimos da materia.

A ciencia esboroábase?

Calma, calma, iso era no nivel microscópico. No macroscópico seguían a funcionar as medicións de adoito… pero xa non me valía. Ter unha aproximación estatística, era o máis que se podía acadar pola propia natureza do acto de coñecemento. Se aquel home o puxera tan ás claras, aínda que con fórmulas inintelixibles para nós, que sentido tiña teimar naquela liña?

Desa e doutras matinacións arredor do que podemos ou non saber naceu este relato,

Relación de incerteza.

Texto: Cris Pavón