Entradas

Un documentario defende que o monte comunal é o que menos arde e o que dá máis beneficios

Un 25% do noso territorio é monte veciñal que implica a unhas 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras. O documentario “En todas as mans” pretende visibilizar os proxectos innovadores e defender o futuro do monte en mans colectivas. O xeógrafo e produtor Alberte Román defende que os montes das comunidades son os que dan máis beneficios e menos arden.

No monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román, xeógrafo e produtor Executivo de “En todas as mans” o documentario que está a dirixir Diana Toucedo e produce a cooperativa Trespés de Redondela.

Neste mes de xullo gravaron durante vinte días en comunidades de montes como Lira, Covelo ou Teis e a súa idea é desenvolver outra fase na que se comprobarían as mudanzas que se producen nos montes. No proceso de elaboración, a equipa de “En todas as mans” visitou moitas comunidades de montes e fixeron unha selección para mostrar a realidade do monte en man común galego. “Desde as administracións fixeron pouco para contribuír a que os viciños fosen actores na xestión dos montes. Faltou asesoramento e o acompañamento nun proceso no que se está a producir unha transformación nas comunidades”, sinala Román.

 “O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román

O monte veciñal ocupa o 25% do noso territorio e implica a 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras con dereitos. “Esa magnitude non se atopa noutros contextos europeos e consideramos que é unha ferramenta que temos que potenciar”, sinala Alberte Román despois de visitar comunidades que están a desenvolver proxectos vinculados ao patrimonio histórico -petroglifos e castros fundamentalmente, aproveitamentos turísticos con rutas de sendeirismo ou de produtos como mel ou cogomelos, como se está a facer en comunidades como a de Mondoñedo ou Covelo.

“A invisibilidade co que se está a facer no monte por parte das comunidades é inmensa. Por todo o país hai xente ideando proxectos innovadores que non transcenden. O interesante sería consideralos como unha estratexia de país e confiar no seu potencial. O monte veciñal é precisamente o que non está abandonado, o que menos arde, máis coidado que o de pequenos propietarios”, defende Román, para quen, diante do abandono do privado, o que está en mancomún está a ter sempre algún tipo de aproveitamento, o que demostra, ao seu ver “a súa funcionalidade, non se trata, como algúns din, dunha figura obsoleta, senón de grande interese”.

As cámaras volven ao monte

A través da páxina todasasmans.com recorren ao financiamento colaborativo, buscando achegas colectivas e tamén o apoio dalgunhas entidades. A recompensa pola colaboración económica no proxecto consiste nunha árbore autóctona plantada no monte. Desde a cooperativa Trespés pretenden tratar de visibilizar a realidade dos montes comunais e mostrar esta singular forma de xestión que, ao seu ver, ten futuro non só para a conservación e posta en valor do monte, senón tamén como un recurso de desenvolvemento económico que pode xerar emprego, producir benestar social e repercutir, desta maneira, en toda a comunidade.

As cámaras non volvían ao monte comunal desde que en 1978 o director Llorencs Soler elaborou o seu traballo audiovisual producido pola Coordenadora de Montes Comunais co fin de documentar a historia da loita labrega para recuperar a súa propiedade. Agora, máis de trinta anos despois, o monte comunal volve ser protagonista dun documentario no que se defende o seu futuro e se fan visíbeis todas as posibilidades de futuro. “Do monte só se fala cando arde e nós pretendemos que se fale durante máis tempo, tamén para iso, para que non arda”, din desde a equipa do documentario.

Fonte: Sermos Galiza

O Parque Natural das fragas do Eume é un espazo senlleiro

Aínda que as chuvias e a rápida obsolescencia que impoñen os medios de comunicación deixaron atrás o estarrecedor lume nas fragas do Eume, non nos parece lóxico iniciar a andaina deste espazo sen facer mención ao funesto evento e mais á entrambilicada problemática do lume que, ano tras ano, asola o noso país.

Dende que nos anos 60 do século pasado se dera un cambio radical nos usos do monte, coas “repoboacións forestais” fomentadas polo Estado (que incentivaban a introdución e plantación de especies pirófitas: piñeiros e eucaliptos maiormente), ao tempo que comezaba o abandono masivo do rural ás cidades e mais a emigración cara a outras áreas do Estado ou de Europa, proceso mantido e acelerado co ingreso de España no Mercado Común no 1986, o monte galego sufriu unha longa agonía e un cambio radical nos seus usos.

Se no sistema agrícola tradicional o monte serviu como fornecedor de adubo para as terras (toxo),  co proceso de abandono da actividade agrícola (de medio millón de agricultores a uns 100.000, en vinte anos!) foi ou deixado á súa sorte ou masivamente reforestado con especies de medre rápido. Axiña comezaron os lumes incontrolados, favorecidos por intereses varios, ás veces encontrados, nos que non imos entrar acó a analizar.

A produtividade do monte na Galicia atlántica é moi alta: entre 4 e 8 veces máis que no resto do Estado. É das máis altas de Europa, de xeito que o país tornou na Reserva Forestal europea, con case o 5% da produción da UE. Mais a produción, o monte en xeral, está dedicada exclusivamente á  subministración de madeira de baixa calidade, cunha escasísima porcentaxe de terras con xestión silvícola (só unha cuarta parte das áreas plantadas) e unha meirande parte convertida nunha polvoreira de biomasa, que prende con alarmante regularidade nas épocas de seca.

O resultado do proceso é o empobrecemento acelerado do solo, o espallamento pola acción do lume das especies pirófilas que, ao tempo, favorecen a maior virulencia e alcance deste, e o consecuente debalo do bosque, das especies caducifolias autóctonas, e a diminución da biodiversidade.

Todo iso, unido ao desleixo por parte do goberno autónomo, en canto ás súas responsabilidades en materia ambiental (somos das Comunidade Autónomas con menos superficie protexida e, a que o está, carece dos preceptivos Planos de Xestión, a pesar dos anos pasados dende a súa declaración); a que se considera os Espazos Protexidos territorios condicionados polas actividades “de interese público” (que permite invadilos con instalacións industriais para o lucro privado) e tamén, con respecto á errada política do lume, que leva a priorizar a loita contra incendios en vez de investir na prevención…, aboca a sucesos como o acontecido recentemente nas Fragas do Eume.

O Parque Natural das fragas do Eume é un espazo senlleiro: o bosque atlántico máis extenso e mellor conservado de Europa. Nel agóchanse especies botánicas relictas de épocas pasadas (Culcita macrocarpa, Vandesnboschia speciosa, Davallia guanchica, Woodwardia radicans, entre outras) e especies animais en perigo de extinción, como o Bufo real ou ameazadas, como o Gato bravo ou o Falcón peregrino.

Mais o seu valor non o libra da ameaza da “eucaliptización” (se non o está máis é polo difícil acceso e a dificultade para a explotación madeireira), da invasión dos seus límites por minas ou canteiras ou a sobreexplotación do río, que o fai transitar polo Parque sequera co mínimo “caudal ecolóxico” esixido por Lei.

A preservación deste contorno é un deber irrenunciábel e para isto deben tomarse todas as medidas necesarias. É o noso desexo que as autoridade, dunha vez por todas, poñan mans á obra e torne a política ambiental nun tema transversal e prioritario da súa acción de goberno. A maioría social reclámao e as xeracións futuras meréceno.

Texto e foto: Calros Silvar