Entradas

AGADIC convova o 24º premio Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca o 24º premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o 10º premio Manuel María de literatura dramática infantil e o 13º premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

Acompáñase a convocatoria correspondente (en galego e castelán), publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de decembro de 2017 (DOG nº 245).

O prazo de recepción de orixinais remata o 10 de maio de 2018.​

BASES

Manuel María e Irmandades da Fala protagonistas deste ano

A figura de Manuel María e as Irmandades da Fala centran a programación do Concello da Cultura Galega para este 2016. En total acollerá preto de cincuenta actividades, cun orzamento que ascende a 2.415.833 euros, 41.386 máis que en 2015. Con respecto ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, a institución celebrará o seu tradicional concerto e reeditara a obra de Manuel María Advento. No que ten que ver coas Irmandades, o CCG celebrará o seu centenario cun programa de actividades que fará unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e que se concreta nun álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano. Estas actividades desenvolveranse entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento. A primeira cita terá lugar en outubro, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas, e centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras.

A programación de actividades destaca por exhibir unha concepción da cultura ampla cunha gran variedade temática. Haberá unha nova edición de propostas xa habituais do calendario como o programa “No bico, un cantar”, que xunta no primeiro venres de xuño poesía e mocidade; este ano terá lugar en Cangas e versará sobre os poetas medievais galegos. Os Encontros pola Normalización Lingüística trasládanse ao mes de abril e a Comisión de Igualdade terá a súa xornada de homenaxe a unha muller destacada para a cultura galega, que este ano será Kathleen Nora March.

Ademais, están previstas actividades sobre a Dieta atlántica e a cultura, a Publicidade en galego, a Dobraxe cinematográfica, o Teatro escolar e a Cultura, creación e dereitos de autor. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego, outro sobre os desafíos para a cultura en rede e outro sobre os retos da comunicación cultural.

Entre as propostas programadas, destaca a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos. Está en fase de musealización e inaugurarase en Santiago no mes de maio.

Fonte: Culturagalega

O Día das Letras Galegas de 2016 estará dedicado a Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega.

No ano 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo, onde cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas. Nesa altura entrou en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesía Xistral, fundada por Pimentel. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar: Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Este primeiro poemario inaugurou a denominada “Escola da Tebra”.

No ano 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta época concibe o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952, ano no que crea a Editorial Xistral en Lugo. Arredor de 1954 comeza a colaborar na revista Alba. É na casa do director da publicación, Ramón González Alegre, onde coñece a Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín. Con este último mantería unha forte relación de amizade, que se intensificaría cando os dous exerceron a docencia no colexio Fingoi de Vigo.

No ano 1953 volve a Lugo e un ano despois gaña os Xogos Florais de Ourense e coñece algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, a muller que o acompañou na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra. Con Saleta argallaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, ambos os dous abriron en Monforte a libraría Xistral, auténtico centro de dinamización cultural da vila.

Nos anos sesenta e setenta, Manuel María atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro… sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evoluciona cara á unha poesía de compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.

No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina que culminaría na súa elección como concelleiro no ano 1979.

A partir da década dos oitenta, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa. Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos.

En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Manuel María falece o 8 de setembro de 2004.

Fonte: Real Academia Galega

A Fundación Manuel María homenaxea o poeta en Lúas de outono

O Teatro Colón da Coruña acolle mañá ás 20:30 horas Lúas de Outono, a gala coa que a Fundación Manuel María homenaxea o poeta chairego que lle dá nome. O evento servirá para presentar a videocreación Danza do poema emocionado realizado por Anxa G. Refoxo para Pixel Films sobre poemas do autor. Pola súa banda, Uxía cantará en directo temas do disco Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María, que tamén se presenta nesta gala. A celebración coincide co cabodano do poeta, falecido en 2004.

Fonte: Cultura galega

AGADIC convoca os Premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca a  XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A dotación económica, segundo se recolle no  DOG do 17 de abirl é a seguinte:

  • Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
  • Manuel María: 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

 

Información dos premios

Fonte: AGE