Entradas

A representación da muller na creación

As compañeiras de “Xuntanza de escritoras” puxeron sobre a mesa temas coma o rol da muller na educación superior, a ciencia na literatura ou a escritura en galego. Abro con este artigo unha serie de textos sobre a representación da muller na creación (literatura, cinema, artes plásticas) coa idea de que debatamos sobre as dificultades da construción de personaxes femininos.

Non só para os escritores homes é unha ardua tarefa crear personaxes femininos, tamén é compricado para as escritoras. A exclusión da muller do poder, levou a que o imaxinario colectivo sexa masculino. Os grandes mitos, as grandes historias teñen nome de home, polo momento. Ao pensar nun arquetipo da ambición vén a nós, Fausto. Da vinganza, Edmundo Dantès. Da tolemia, o Quixote. E nesta conta podemos pasar horas e horas aparecendo só mulleres como protagonistas de obras sobre a maternidade ou a infidelidade.

Outra traba, sobre todo, cando construímos persoaxes non contemporáneos é a pouca información que hai da historia feminina. Por iso, propoño que fagamos un repaso das mulleres protagonistas da historia, a literatura, o cine ou o imaxinario galego e mundial nomeando os arquetipos femininos que poden axudarnos a crear persoaxes femininos tipo.

Considero que este é un traballo preciso para conseguir unha representación real da muller no pensamento. E non caer no erro de calcar arquetipos masculinos e “feminizalos”, recurso moi usado no cinema. Temos historias, creacións e mitos dabondo ao redor da muller, proba diso é o ensaio Tres mulleres galegas de armas tomar de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez.

Texto: Teresa Barberena