Entradas

A gala dos Premios Mestre Mateo 2011 terá a crise como eixe

A actriz María Castro será a encargada de conducir este ano a gala dos premios Mestre Mateo, que se celebrará o 28 de abril en Palexco, na cidade de A Coruña, e que repasará as crises dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial, a través de sketches humorísticos e espectáculos musicais.

Así o explicou, en rolda de prensa, a coprodutora executiva da gala, María Liaño, quen sinalou que se utiliza como argumento a crise pero “non desde o derrotismo”, senón que será unha gala “optimista”.

Pola súa banda, María Castro, acusou a gala de “atípica”, posto que a actriz terá que bailar e cantar ao tempo que conduce a gala. “É un reto pero espero estar á altura das circunstancias”, engadiu.

Na gala, dirixida por Ángel de la Cruz, farase entrega do premio de honra Fernando Rey 2011 á produtora Dolores Ben pola súa destacada traxectoria. O acceso á cerimonia é con convite pero poderase ver en directo a través da TVG e terá unha duración estimada de dúas horas, segundo Liaño.

AXUDAS AO SECTOR AUDIOVISUAL

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández, destacou o labor do audiovisual galego en tempos de crise, afirmado que a calidade das producións “non mingua a pesar da crise”, ao tempo que anunciou que o día 19 se darán a coñecer as axudas ao audiovisual galego “co mesmo importe que o do ano pasado” de 2.900.000 euros.

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, defendeu o financiamento público-privada da cultura en referencia ás entidades que patrocinan esta gala. “É o camiño polo que hai que transitar”, apostilou.

Foto: María Castro nun acto en Vigo. Carlos Pereira

Fonte: GaliciaHoxe