GÁLIX nomea a María Jesús Fernández Socia de Honra 2019
A xunta directiva de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández, experta en Literatura Infantil e Xuvenil, mestra, crítica literaria e tradutora.
Chus Fernández é socia fundadora de GÁLIX (1989), onde ademais ocupou os cargos de vogal e vicepresidenta. Actualmente colabora coa revista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil) elaborando as recensións e artigos sobre Literatura Infantil e Xuvenil galega, e con outras publicacións como Revista Galega de Educación, Peonza ou Platero. Forma parte tamén do consello de redacción da revista Criaturas.
A maiores, colaborou coa revista Fadamorgana durante o tempo en que esta se publicou (1999-2008), foi coordinadora do Seminario Papeles de Literatura Infantil e en 2004 recibiu o Premio Xerais á cooperación editorial polo seu traballo como crítica literaria.
A entrega do galardón terá lugar o venres 15 de novembro ás 19.30 h, nun acto aberto ao público na librería Lume da Coruña. No seu decurso, o ilustrador Xosé Cobas, amigo da homenaxeada e socio de GÁLIX, realizará a laudatio; e o presidente de GÁLIX, Xosé A. Perozo fará entrega dunha escultura conmemorativa deseñada por Noemí López.
Nas anteriores edicións, esta mesma distinción foi outorgada a Xavier Senín, David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Marifé Quesada e Paco Martín.
Fonte: GÁLIX