Artigos

Baía Edicións regala unha máscara cirúrxica con cada libro

A lectura como actividade individual non leva risco de contaxio; a compra de libros en librarías tampouco implica maior perigo que ir, por exemplo, polo pan, sempre que se manteñan as razoables medidas de protección xeral aconselladas pola administración sanitaria.

Se ademais, ao facerse cun libro, este leva no seu interior unha máscara de protección individual, podemos concluír que a actividade de ler é non só é recomendable en todo momento, tamén é aconsellable no actual estado de alarma para frear os efectos do contaxio do coronavirus.

Por iso, Baía Edicións, seguindo as medidas promovidas desde o inicio do estado de alarma, entregará unha máscara cirúrxica con cada libro adquirido a través da súa web até fin de existencias coas que conta.

Esta acción enmárcase na campaña xeral de fomento da lectura como actividade individual saudable e estimulante e do recoñecemento da importancia de todas as partes implicadas na súa creación e divulgación.

Accións de promoción da lectura que agora veñen complementar as levadas, xa nos primeiros días de confinamento absoluto, por Baía Edicións, cando liberou, co compromiso solidario de máis de catorce autoras, autores, ilustradoras e ilustradores e a colaboración dos medios de comunicación, dez libros para unha lectura en familia, que tan útiles resultaron tamén para seguir os plans lectores dos centros educativos, e puxo en marcha unha intensa campaña nas redes sociais de colaboradoras e colaboradores de todas as idades con actividades que tiñan como centro de actuación o libro galego e a súa lectura.

Ás accións postas en marcha, no momento máis crítico para o sector, como a decisión de suprimir os gastos de envío para pedidos online e que todas persoas interesadas puidesen facerse coa lectura desexada que até ese momento conseguían a través das librarías de proximidade, e que, a partir da semana que vén, se completará co agasallo de unha máscara de protección por cada pedido recibido, e que agora se manifestan tamén coa participación, xunto con outras editoras galegas, nas medidas de apoio ás librarías de proximidade que a distribuidora Consorcio Editorial Galego está implementando nesta semana das Letras Galegas para #DesconfinarALingua galega.