Entradas

BAÍA EDICIÓNS CON VÓS NA CASA

En Baía Edicións estamos convencidas de que a única forma de frear a pandemia en Galicia neste momento pasa polo peche total e limitación de movementos. En consecuencia, non enviaremos libros, xa que pasan por moitas mans durante a viaxe.

Sabemos que todas e todos temos moito que ler ou reler na casa, pero co beneplácito das súas autoras e autores deixamos unha listaxe de títulos a escoller que vos poden axudar a superar o confinamento. Só pedimos que lembredes a súa empatía e fagades un uso responsable destes textos respectando a súa obra, que tan xenerosamente prestaron para a nosa campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa.

Propostas de lectura

Para 4-6 anos:

  • Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións).
    Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA.
  • Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA.
    Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta.
  • O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.
    Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.

Para 7-8 anos:

Para 9-10 anos:

  • Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA.
    Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
  • Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA.
    Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.

Para maiores de 12 anos:

  • A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA.
    Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.
  • Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA.
    Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
  • Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA.
    A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

O xogo con monicreques

Baía ven de publicar 4 títulos de libros con un divertido monicreque de dedo con forma de animal que favorecen a dramatización do conto: Divírtete con… Michi a gata, Tembo o elefante, Kera o orangután e Laica a cadela.

Os monicreques funcionan como pontes expresivas que permiten a nenas e nenos mirar o seu mundo interno e compartilo. Deixan de ser simples monecos para transformarse en personaxes de teatro.

Vantaxes do xogo con monicreques:

  1. Desenvolven a creatividade e a imaxinación: poden ser utilizados para que crear as propias historias. Nenas e nenos son os que deciden que farán e dirán os monicreques fomentando a imaxinación.
  2. Aumentan a capacidade de atención: estimulan a concentración da nena ou neno, pois debe manter a atención para crer as pesonaxes e idear historias. Se o seu papel é de expectadora, ten que manter a atención para axudar á personaxe principal a desenvolver a historia.
  3. Educa en valores: as historias que se representan con títeres normalmente falan de valores como tolerancia, xenerosidade ou vondade, transmitindo mensaxes positivas.
  4. Aprender xogando: case sen decatarse, nenos e nenas amplían o seu vocabulario e traballan a lóxica e a memoria, ademais de estimular a comprensión ao ter que interactuar coas personaxes.
  5. Favorecen a empatía: ao poñerse do lado de algunha das personaxes e axudarlle durante a historia. Isto axuda a poñerse no lugar de outas persoas e valorar os sentimentos que certas accións poden producir .

Por todas estas razónsos monicreques son un elemento educativo e pedagóxico moi útil. Non só ensinan a nenas e nenos mediante o xogo, senón que tamén lle transmiten unha mensaxe moral e educan en valores, ademais de axudar á comunicación verbal e non verbal.

Héctor Cajaraville recibirá no Culturgal o Premio Meiga Moira 2016

Baía Edicións fará entrega do 7.º PREMIO MEIGA MOIRA de literatura infantil e xuvenil o próximo día 3 de decembro ás 11:30 h. na Culturgal Feira das Industrias Culturais. O premio será entregado a HÉCTOR CAJARAVILLE pola súa obra DENÉBOLA, A ROXA. Contaremos coa presenza de Andrea Maceiras, en representación do Xurado, e Belén López, Directora Editorial de Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.

A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.

Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Comentario do libro:

O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.

Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.

Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.

Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (III)

Extracción do libro A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

A idea das Irmandades, unha vez fundado o primeiro núcleo na Coruña, vaise espallar con certa rapidez por varias cidades e vilas da Galiza mediante diferentes elementos propagandísticos: os mitins, a correspondencia epistoral (infelizmente inaccesíbel hoxe moita dela), os artigos na prensa periódica, o contacto persoal etc. Antón Villar Ponte xoga a este respecto un papel básico, cando menos nestes primeiros compases, e á súa actividade débese, por exemplo, o achegamento ás Irmandades dunha figura tan relevante nelas como Lois Porteiro Garea, líder do grupo santiagués. Ao local da Irmandade chegaban segundo Ramón Villar Ponte, “un día e outro, de diversas localidades da terra, peticións de estatutos, demandas de ourentación, adheríndose verbas de alento” (Ramón Villar Ponte, 1977:21).

As primeiras actividades públicas da nova entidade (excursións, recitais, cursos de lingua, promoción dos coros populares, representacións teatrais, ciclos de conferencias, homenaxes a figuras desaparecidas…) parecen asimilala a unha asociación de índole estritamente lingüística e cultural (Quintana Garrido, 2002b:182; Beramendi, 2007:434-435) e iso provoca, como teñen sinalado Beramendi e Núñez Seixas, unha certa acollida positiva moi xeralizada, que inclúe sectores (persoeiros, cabezallos de prensa… ) certamente aditos ao statu quo político do momento. Iso fai que as Irmandades teñan, á partida, unha presenza “proporcionalmente moi superior á súa entidade real” (Beramendi & Núñez Seixas, 1995:96). A falida confluencia co republicanismo coruñés nunha nova Solidaridad Gallega, por volta de finais de verán de 1916, e, sobre todo, a aparición do voceiro A Nosa Terra, en novembro dese mesmo ano, comezarán a mudar esa inicial fasquía “inofensiva” e “folclórica” das Irmandades, que emprenden desde entón, sen abandonar por iso o activismo cultural e idiomático, un rumbo claramente “político”, que axiña debullaremos…

Foto: Antón Villar Ponte, na homenaxe a Vicetto e Añón. © CCG

Os novos libros de texto chegan a Baía!

Baía Edicións xa dispón, nos seus almacéns, de tres dos novos libros de texto adaptados á LOMCE. Se queres máis información de cada un dos seus títulos, podes obtela entrando en cada un deles:

LINGUA GALEGA E LITERATURA DE 2º ESO.

XEOGRAFÍA E HISTORIA DE 2º ESO.

QUÍMICA DE 2º BACH.

En breve, recibiremos:

  • LINGUA GALEGA E LITERATURA DE 4º ESO.
  • XEOGRAFÍA E HISTORIA DE 4º ESO.
  • HISTORIA DE ESPAÑA DE 2º BACH.
  • LINGUA GALEGA E LITERATURA DE 2º BACH.

 

 

Baía presenta A HORTA SEN QUÍMICOS na Feira do Libro de Pontevedra

Baía Edicións ten convoca o Acto de Presentación do libro A HORTA SEN QUÍMICOS, de Xan Pouliquen, que terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro de Pontevedra o xoves día 7 de abril ás 19:00 horas.

Contaremos coa presenza de Xan Pouliquen e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Baía presenta DRÁCULA e O MAGO DE OZ na Feira do Libro de Pontevedra

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación dos libros DRÁCULA e O MAGO DE OZ, traducidos por Tamara Aymerich Correa, que terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro de Pontevedra, o xoves día 7 de abril ás 18:00 horas.

Contaremos coa presenza de Veljka Ruzicka (Vicepresidenta da Asociación Nacional en Investigación de Literatura Infantil y Juvenil) e profesora da UVigo, Tamara Aymerich Correa e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

 

Baía Edicións convoca o 7º PREMIO MEIGA MOIRA de Literatura Infantil-Xuvenil

O prazo de recepción de orixinais do 7º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil remata o 17 de maio e a resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.

Recordamos as bases do concurso e as gañadoras dos anos anteriores:

MIÑA QUERIDA SHEREZADE, de Andrea Maceiras. Gañadora do 6º Premio Meiga Moira.

O ALENTO NAS COSTAS, de Ana Mª Galego Gen. Gañadora do 5º Premio Meiga Moira.

BASES:

PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.

Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.

SEGUNDA
O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con seis copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio
de 2016.

TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2016.

CUARTA
O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
A autoría da obra gañadora e da finalista comprométese a participar nos actos de promoción que organice a editorial.

QUINTA
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.

SEXTA
A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.

SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.

OITAVA
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.

Interesante e preocupado debate na presentación de ‘A horta sen químicos’

Os 45´ de tempo para a presentación de A horta sen químicos quedou corto, mesmo roubando un pouco de tempo á seguinte actividade, polo que pido desculpas. O motivo da escaseza de tempo foi debido ao  intenso debate que xurdiu arredor dos efectos dos produtos químicos na saúde das persoas, ademais da perda de diversidade ecolóxica por mor das sementes industriais. Na conversa posterior arredor do café acousa foi a peor, cando comentou os problema engadidos nos fillos de embrazadas expostas a químicos e deixou aberta a dúbida dos beneficios da lactancia en nais sometidas aos tóxicos.

Mais fóra do debate, qque arredor deste tema sempre resulta deprimente, Xan Pouliquen deunos unha breve introdución ao traballo na horta ecolóxica, que non reproducirei aquí pois para iso está o libro e insitiu na facilidade, economía e conveniencia de elixir como opción a plantación sen químicos, á vez que facía fincapé na necesidade de optimizar tempos e traballos e nos alertaba a cerca da inutilidade de moitos dos sulfatos naturais, case aceptados como un dogma por parte dos produtores ecolóxicos.

Grazas Xan, pola información e a túa cercanía e aproveito para deixar o enlace a un vídeo que ten na web da súa empresa: https://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=Egldu9QEzb.

Seguiremos na Feira esta tarde coa presentación en paralelo de dous interesantes ensaios: A poesía oculta de Filgueira Valverde e Modelos de lingua e compromiso. As 19:00 é a nosa hora!!!

Presentación dupla: Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde

Esta tarde, no marco da Feira do Libro da Coruña presentaremos dous ensaios, Modelos de lingua e compromiso, obra na que  Gorreti Sanmartín, Laura Tato,  Manuel Ferreiro e Xose Ramón Freixeiro, coordinados por Xose Manuel Sanchez Rei, todos  investigadores do grupo ILLA, achegan as súa reflexións sobre a calidade da lingua.

En paralelo Xosé Ramón Freixeiro presenta os resultados da súa investigación sobre a obra  do autor homenaxeado no Día das Letras e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 19:00