Polémica pola sentenza que declara ilegais os sinais en galego
A sentenza pola que o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra sinala a ilegalidade dos sinais de tráfico escritos só en galego está a provocar unha viva polémica. Onte se coñecía a nova de que esta sala retirou a multa dun veciño da cidade que alegara que non entendera o texto da sinal por estar na nosa lingua. Con esta sentenza, o tribunal sinala que o artigo 138 da lexislación sobre tráfico sinala a obrigatoriedade de incluír o castelán na sinalización.
O goberno municipal de Pontevedra, pola súa banda, sinalou que se produciu unha filtración interesada da sentenza, que data de 2010, e apuntou que non mudará os sinais de tráfico, xa que, segundo César Mosquera, concelleiro de Ordenación do territorio “non existe conflito ningún”.
Pola súa banda, A Mesa pola Normalización sinalou que a sentenza non estabelece xurisprudencia e lembrou que “o idioma propio tamén debe estar presente nas sinalizacións de competencia estatal”.
Fonte: Culturagalega