Entradas

Catro festivais de cine galegos non recibirán axuda do Ministerio de Educación

O Festival de Cans, Curtocircuito, A Mostra de Cine Periférico da Coruña, e os Premios Mestre Mateo, todos eles xa celebrados, non recibirán subvención do Ministerio de Educación e Cultura para as súas edicións de 2012. Así figura na resolución do primeiro prazo das axudas a certames e festivais cinematográficos (que atende aos celebrados no primeiro semestre) e que dá un revés a moitas das citas. O Festival de documentais de Tui, Play Doc, é o único encontro galego que figura no listado, cunha achega de 5.000 euros. “É unha redución do 50% con respecto ao que recibimos en 2011, polo que é un golpe moi duro” explica Ángel Sánchez, codirector desta cita que considera que “o peor é pensar no ano que vén, que vai ser unha incógnita”. O Ministerio reduciu a achega para festivais un 60% con respecto a 2011.

A contía que o Ministerio de Educacion e Cultura destinou a organización de festivais e certames cinematográficos en 2011 foi de 1.650.000,00 (inicialmente convocara axudas por importe de 1.107.011 euros, pero a mediados de agosto incrementou as partidas en 500.000 euros). É un 60% máis que este ano, que destinou 795.000,00. Por iso, na propia resolución da convocatoria, o texto di “ao non contar coa suficiente cobertura orzamentaria para atender a todas as peticións, este Instituto unicamente pode conceder axudas aos Festivais que máis se axustan á maior puntuación”. E no caso galego, o único que pasa esa peneira é Play Doc. Quedan fóra o Festival de Cans e Curtocircuito, que na anterior edición recibiron 10.000 euros cada un e os premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo que en 2011 contaron con 6.000 euros.

Desde o Facebook do festival de Cans explicaron que “a eliminación desta axuda supón un duro golpe que afecta seriamente á liquidez do certame e complica a situación económica para afrontar a décima edición, prevista para maio de 2013”. Paralelamente, denunciaron que falta por concretar a cantidade final que lles concederá a Agadic, que non estableceu un mecanismo de concorrencia competitiva para este tipo de iniciativas.

Fonte. Culturagalega

Os Mestre Mateo reivindican a cultura por riba da crise e aúpan a ‘Arrugas’ e ‘Doentes’

A longametraxe de animación ‘Arrugas’ e a peza de ficción ‘Doentes’ foron os grandes triunfadores dos Premios Mestre Mateo 2012 ao alzarse con cinco galardóns cada unha nunha gala na que os participantes coincidiron ao reivindicar que, a pesar da crise, “a cultura importa”.

Nun comunicado, a Academia Galega do Audiovisual detallou que, ademais destes recoñecementos, a serie ‘Matalobos’ levou catro premios, o documental ‘Tras as luces’ outros tres, cifra galardóns que tamén recaeu na película para televisión ‘Condesa Rebelde’.

Estes recoñecementos, foron concedidos nunha gala repleta de discursos reivindicativos por parte dos organizadores, gañadores e polo propio guión de Ángel de la Cruz, interpretado por María Castro, a actriz encargada de presentar a gala á que asistiron máis de 900 persoas.

Segundo explicou a organización, un dos momentos cumio da celebración foi cando a presentadora se achegou ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e sentada nas pernas do presidente da Academia, Antonio Mourelos, regalou ao político unhas tesoiras por se quería facer algún recorte máis.

PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS

A maioría dos galardoados coincidiron en solicitar ás institucións públicas que “sigan apoiando a produción propia”, posto que, como indicaron, o “audiovisual é un sector estratéxico que xera moitos postos de traballo e sentido de país”, explicou a institución cultural.

Neste sentido, Antonio Mourelos, sinalou que o audiovisual galego “está canso de ir de despacho en despacho” para dicir que é un sector “importante que dá traballo a moita xente”. “Quen o ten que saber xa sábeo e se non fai nada é porque non quere ou non lle deixan”, criticou.

Pola súa parte, Dolores Ben, premio de honra Fernando Rey deste ano, agradeceu o recoñecemento e destacou que “supón un estímulo” para seguir traballando”.

“O audiovisual é un sector estratéxico, cheo de xente nova e con talento, que son o futuro”, afirmou antes de considerar que se debe facer “unha política audiovisual clara e consensuada co sector para poder superar a situación actual”.

Fonte: GaliciaHoxe

A gala dos Premios Mestre Mateo 2011 terá a crise como eixe

A actriz María Castro será a encargada de conducir este ano a gala dos premios Mestre Mateo, que se celebrará o 28 de abril en Palexco, na cidade de A Coruña, e que repasará as crises dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial, a través de sketches humorísticos e espectáculos musicais.

Así o explicou, en rolda de prensa, a coprodutora executiva da gala, María Liaño, quen sinalou que se utiliza como argumento a crise pero “non desde o derrotismo”, senón que será unha gala “optimista”.

Pola súa banda, María Castro, acusou a gala de “atípica”, posto que a actriz terá que bailar e cantar ao tempo que conduce a gala. “É un reto pero espero estar á altura das circunstancias”, engadiu.

Na gala, dirixida por Ángel de la Cruz, farase entrega do premio de honra Fernando Rey 2011 á produtora Dolores Ben pola súa destacada traxectoria. O acceso á cerimonia é con convite pero poderase ver en directo a través da TVG e terá unha duración estimada de dúas horas, segundo Liaño.

AXUDAS AO SECTOR AUDIOVISUAL

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández, destacou o labor do audiovisual galego en tempos de crise, afirmado que a calidade das producións “non mingua a pesar da crise”, ao tempo que anunciou que o día 19 se darán a coñecer as axudas ao audiovisual galego “co mesmo importe que o do ano pasado” de 2.900.000 euros.

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, defendeu o financiamento público-privada da cultura en referencia ás entidades que patrocinan esta gala. “É o camiño polo que hai que transitar”, apostilou.

Foto: María Castro nun acto en Vigo. Carlos Pereira

Fonte: GaliciaHoxe