Entradas

Anabam organiza en xuño un curso sobre insectos

Organizado por Anabam, os días 2 e 9 de xuño celebrarase na Guarda un Curso de Odonatos, cuxas inscricións, para un ou os dous días, formalizaranse enviando un correo electrónico a anabam.anabam@terra.es.

O curso, de carácter gratuíto, estará impartido por Miguel A. Fernández Martínez e Adolfo Cordeiro Rivera. O primeiro é autor de Guía das libélulas de Galicia, publicada por Baía Edicións, un experto coñecedor dos odonatos de Galiza. Impartiu varios cursos sobre este e outros temas relacionados coa natureza.

Adolfo Cordeiro Rivera é profesor e investigador na Universidade de Vigo, onde dirixe o Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación. Profesor de Ecoloxía Forestal na EUET Forestal da citada Universidade, actualmente traballa sobre Selección sexual, utilizando os odonatos como organismos modelo. Ten varios traballos publicados sobre este grupo de invertebrados.

O vindeiro sábado, 2 de xuño desenvolverase a parte teórica, a partir das 11 da mañá, co seguinte programa: ‘libélulas de Galicia-introdución e bioloxía’, e ás 12 horas, taller de identificación. Desde as 16 horas terá lugar a parte práctica, coordinada por Miguel A. Fernández Martínez, cunha saída á Valla (Oia).

O sábado 9 de xuño o relator será Adolfo Cordeiro Rivera.

Fonte: Atlántico

Visita ao humidal das Brañas de Sada coa ‘Guía das libélulas de Galicia’ na man

Esta actividade tivo lugar o domingo 7 de agosto de 2011 pola mañá e foi aberta a todo o público, especialmente deseñada para familias, no humidal das Brañas de Sada, guiada polo naturalista e biólogo Miguel A. Fernández-Martínez; autor da Guía das libélulas de Galicia.

Esta actividade constituiu o acto de presentación da Coordinadora Tizón para o Estudo e Conservación das Libeliñas e os seus Hábitats. Realizouse en colaboración co grupo local da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, comprometido coa conservación deste importante espazo natural. A actividade dou comezo ás 10:30 ao pé do Edificio da Terraza en Sada, desde onde se partiu xuntos ás Brañas. Pola tarde, ás 19:00 horas, coordenado por Baía Edicións presentouse o libro Guía das libélulas de Galicia na Carpa da Feira do Libro da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, Miguel A. Fernández-Martínez, o ilustrador da guía Calros Silvar, e o especialista na conservación de zonas húmidas Alberto Gil responsable da coordinadora Tizón, acompañados de Belén López, en representación de Baía Edicións.

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.