Entradas

Interesante xornada sobre “A imaxe da muller na publicidade comercial”

A xornada estará coordinada polos profesores Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco Torres e enmarcada no ciclo de actividades Igualdade de Xénero e Dereito Mercantil organizado polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Este martes 17 de novembro cinco expertos e expertas do ámbito xurídico e social revisarán a presenza da imaxe feminina nos anuncios e a súa relevancia para a venta do produto, o seu uso discriminatorio ou como obxecto, un tema “de gran relevancia pola súa presenza nos medios e polo seu impacto entre os consumidores”, segundo explicou Fernández Carballo-Calero. Aínda que a Ley General de Publicidad establece que non son legais os anuncios que atenten contra a dignidade da persoa e vulnere os dereitos recoñecidos na Constitución, cando se trata do xénero feminino dá un paso máis aló e especifica que é ilícita toda publicidade que “empregue a imaxe da muller como reclamo, desvinculada do produto, asociada a comportamentos estereotipados ou mesmo coadxuvada a xerar violencia”. Así, por exemplo, “que unha muller anuncie produtos de limpeza é legal, o ilícito é que o faga dando a entender que é unha actividade exclusiva do xénero feminino”.

Dos bikinis de Ryanair ás bonecas só para nenas

O obxectivo desta xornada é ofrecer a todos os participantes unhas pautas que sirvan para dilucidar cando un anuncio é lícito ou non, más aló da subxectividade que leva implícita a publicidade. Para aprender que parámetros analizar, o catedrático da Universidad de Valladolid Luis Velasco abordará “con exemplos prácticos de anuncios emitidos cales son os criterios a ter en conta e como valoralos”. Para Fernández Carballo-Calero a lei é “bastante restritiva”, o que permite ter unhas pautas claras á hora de decidir cando un anuncio é discriminatorio.

Xa na segunda conferencia, o profesor da Universidad Pompeu Fabra Christian Herrera analizará o paso seguinte, os mecanismos de reclamación “fronte a unha publicidade ilícita que vulnera a dignidade da muller”. O primeiro paso á hora de presentar unha reclamación soe ser acudir á Asociación de Autocontrol da Publicidade, unha entidade sen ánimo de lucro formada por anunciantes, axencias e medios de comunicación que traballan unha publicidade veraz, legal e honesta. A través do seu Xurado da Publicidade, resolve as reclamacións presentadas guiados por un código deontolóxico e seguindo “o criterio do consumidor medio, que se presupón informado e medianamente atento”. Aínda que se trata dun órgano voluntario, os anunciantes tenden a acatar a decisión deste xurado, que pode pedir o cese inmediato da emisión do anuncio.

As demandas presentadas ante os Xulgados do Mercantil son pouco habituais. Non obstante, na memoria colectiva aínda permanece a sentenza dun xulgado de Málaga que condenaba a Ryanair por publicidade ilícita e deslear por unha campaña na que aparecían azafatas en bikini e nunha clara postura sexual. A xuíza recollía que a compañía aérea irlandesa empregaba o corpo feminino como obxecto e que “non existe suposto máis claro no que deba aplicar a normativa”, xa que “se observa unha absoluta desconexión entre a imaxe empregada e o produto que se promove, a venta de billetes de avión”.

Durante as xornadas poderán analizarse tamén as poucas resolucións xudiciais que abordan directamente o trato discriminatorio ou vexatorio da muller na publicidade. Unha das primeiras é unha sentenza de 1992 do Xulgado de Primeira Instancia de Ibi que condenaba a unha marca de xoguetes por un anuncio de marcado carácter sexista, xa que ofertaban por un lado exclusivamente bonecas e utensilios para a casa e a cociña para as nenas e xoguetes de exterior ou relacionados con profesións para nenos. Esta sentenza serviu de base para moitas resolucións do Xurado da Publicidade en reclamacións relacionadas con anuncios de xoguetes.

Inscrición gratuíta

A actividade rematará cunha mesa redonda abordada dende un punto de vista multidisciplinar na que a titular de Filosofía de Dereito Pilar Allegue, a directora da revista Andaina Nanina Santos e a profesora da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos María Victoria Carrera analizarán “a problemática que pode supoñer a utilización da imaxe da muller nun contexto publicitario con fines comerciais”.

Esta visión social da imaxe da muller na publicidade pechará a terceira xornada do ciclo de actividades sobre Igualdade de Xénero e Dereito Mercantil, organizado ao abeiro do programa de doutoramento Ordenación xurídica do mercado. A inscrición na xornada é gratuíta e pódese formalizar a través de correo electrónico no enderezo ftorres@uvigo.es indicando nome, apelidos e DNI. Todos os participantes contarán cun certificado de asistencia.

Fonte