Entradas

Des-regulamentar, privatizar, cementar, fumigar…

Difícil escoller unha nova a destacar, cando son tantas as (malas) novas que, como espada de Damócles, penduran sobre o noso contorno ambiental: tanto o Goberno central (o ministro Arias Cañete deixou claro, na súa comparecencia parlamentar do 1 de febreiro, que o “medio ambiente” ficará supeditado ao medre económico, da man dun “relaxamento” na normativa ambiental: revisión da Lei de Costas, volta cos “trasvases” entre cuncas fluviais, permisividade en canto a contaminación atmosférica, revisión da normativa estatal en materia de espazos protexidos etc…) como o Autonómico (a recente “ampliación” da Rede Natura eliminou espazos a protexer previstos polo anterior goberno autonómico, para permitir a instalación de novos Parques eólicos neses espazos sensíbeis; ou a  Orde que sixilosamente prepara, de cara a permitir o monocultivo -ate 100 Ha- de especies alóctonas, algunhas delas con potencial invasor, para a produción de biomasa forestal;  ou a nova Lei de Montes entre outras tanto ou máis temíbeis).

Mais quizais hai unha especialmente alarmante, pola inmediatez da súa aplicación, e a alarma que está a xerar entre os apicultores en particular e as entidades ambientais en xeral: trátase da fumigación, gratuíta e obrigatoria para as plantacións de eucaliptos, por medios aéreos, co gallo do control do Gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus) e que se pretende realizar en toda Galicia, co apoio expreso da Consellaría do Medio Rural e Mariño.

O procedemento da fumigación aérea afecta de xeito indiscriminado a todos os seres vivos (incluídas as persoas, evidentemente) e contamina solos e acuíferos, estean afectados ou non polo andacio, incluso a moita distancia do punto de aplicación.

A AGA (Asociación Galega de Apicultura) rexeita de plano esta práctica e vén de presentar denuncia, ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aducindo que o produto a utilizar (comercialmente coñecido como Cascade e que ten como principio activo o flufenoxuron) é particularmente tóxico para as larvas das abellas (como fai constar na ficha do mesmo a súa fabricante, a BASF), e moi danoso para outros insectos, especialmente os acuáticos, os peixes, moluscos e vermes terrestres e, polo tanto, para a cadea trófica.

A propia Comisión Europea decretou a súa prohibición e retirada urxente, dando un prazo até final do presente ano para retirar excedentes e a súa comercialización definitiva no próximo mes de agosto, así que o esperábel sería unha actitude responsable e celosa por parte do Goberno Autónomo.

Se consideramos que a superficie afectada polo Gorgullo achégase ás 100.000 Ha de eucaliptal, estímase que se empregarían arredor de 50.000 litros de lufenoxuron diluído, de xeito xeneralizado e sen protocolos de aplicación.

A AGA pregúntase se se terán en conta as condicións de aplicación (doses axeitadas, dilución correcta, ventos dominantes e proximidade a puntos sensíbeis) así como a oportunidade da mesma, nunha época de máxima actividade para as abellas e o resto de seres vivos que poden resultar afectados: os antes mencionados e máis as aves insectívoras, en plena época de cría).

Agardemos que a administración autonómica vele polo interese xeral e non só polo particular dos produtores de madeira, habida conta que existen e, xa se viñan empregando, outros métodos, inocuos, como o control por medios biolóxicos. Polo si ou polo non, os afectados e as organizacións que os apoian organízanse na Plataforma contra as fumigacións:

www.fumigacionsnon.org

Texto: Calros Silvar