Entradas

Xosé Tomás fala da escola da ilustración O Neno Amarelo

Hai uns días botaba a andar en Compostela a escola de ilustración O Neno Amarelo, da man de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. É a segunda experiencia deste tipo en Galicia, despois de que o pasado ano Kiko da Silva puxese en marcha O Garaxe Hermético, máis centrado no mundo da banda deseñada.

As clases, ás que asisten un ducia de alumnos e alumnas, algúns profesionais e outros afeccionados con interese en afondar nesta práctica, comezaron o pasado venres e desenvolveranse semanalmente. No programa chama a atención a importancia dos contidos teóricos, que suman a metade das horas das clases. Como nos di o ilustrador Xosé Tomás: “é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros”.

O curso contará con algunha master class, por exemplo unha a cargo de Xabier Docampo e Xosé Covas, que falarán da súa “parella consolidada de escritor e ilustrador”. Ou outra na que participarán Belén López Vázquez (directora de Baía Edicións) e Mercedes Cerdeiras (responsable da Biblioteca Municipal Infantil da Coruña). Precisamente Baía Edicións colabora coa escola ofrecéndolle a un dos seus alumnos e alumnas a posibilidade de ilustrar de xeito profesional un libro que a editorial publicará o vindeiro ano.

Como nace o proxecto de O Neno Amarelo

O proxecto nace do traballo constante e diversificado en varios campos entre Miguel Vázquez Freire, profesor e escritor, e eu mesmo, como ilustrador e tamén profesor. Levamos moitos anos facendo libros xuntos, reflexionando sobre o propio formato de álbum ilustrado, e temos organizado infinidade de charlas, obradoiros e actos formativos arredor da ilustración, a banda deseñada e a pedagoxía da imaxe en xeral. E a esta inquedanza compartida uniuse a cobertura empresarial que aporta Diego Rosales, guionista de banda deseñada no seu momento (en Golfiño, onde coincidimos os tres), e neste momento xerente do Colexio San Narciso, de Marín.

Por que o nome de O Neno Amarelo?

Trátase dunha homenaxe ao Yellow Kid de Richard F. Outcault, primeiro personaxe oficial de banda deseñada a nivel mundial, que apareceu nos xornais americanos a finais do século XIX.

Galicia leva anos sendo unha potencia en ilustración; faltaban espazos de formación?

En Galicia hai un amplísimo colectivo de ilustradores. E hai escolas que imparten ciclos formativos relacionados coa ilustración. Sen embargo, a ilustración que acompaña a un texto literario (cando o texto existe, pois ás veces o libro non ten palabras) ten uns paradigmas especiais, porque non só complementan a un texto, senón que o poden (quizais o deben) magnificar, ampliar, estender, mesmo rebentar e espallar os seus potenciais. A ilustración nos libros ten unha semiótica particular, narra con imaxes, e todo isto supón un campo de traballo moi complexo, que precisa de cursos específicos. Como todo o que requira especialización, non abonda saber debuxar, nin saber contar historias coa imaxe. É preciso mesmo ter nocións do que é un lector-neno, a estimulación da súa imaxinación, as súas potencialidades e os seus límites, as súas emocións,…

Dades tamén moita importancia ao ámbito teórico. Por que?

Foi unha das primeiras cousas que tiñamos claras: é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros, incluso cando se trate dos mesmos autores. É crucial coñecer o que xa outros fixeron, de onde veñen as tendencias, e saber en que momento histórico nos atopamos. Ademais, dada a propia linguaxe da imaxe, a intuición é unha bendición, pero non sempre se atina. Cómpre facer figuras retóricas visuais conscientemente, controlar a cadencia narrativa da imaxe (como na música), administrar os silencios visuais, falar coas cores, etc.

Podemos falar dun estilo galego de ilustración?

Persoalmente, nunca pensei que algo así existise. É certo que traballamos moito na ilustración infantil, e a través dela falamos de nós, da nosa idiosincrasia como pobo, e a nosa cultura está fondamente plasmada nas imaxes dos libros que se editan aquí. Un estranxeiro podería coñecer Galicia perfectamente lendo unha escolma de obras ilustradas: o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía, as paisaxes, as cores que nos rodean. Pero despois cada ilustrador é un universo particular.

A ilustración é sempre nun diálogo co texto? É iso o que a fai tan rica?

Dende O Neno Amarelo cremos fondamente na ilustración como unha obra non supeditada ao texto. Pola contra, son dúas obras que camiñan da man. Non se contradín, nunca, e enriquécense, desbórdanse mutuamente. Hai uns días contábame Yolanda Castaño que, ao traducir ao castelán un libro que fixemos xuntos, a propia ilustración deulle pé a modificar elementos do orixinal, porque na imaxe había cousas non mencionadas no texto, que aproveitou para a nova lingua de destino.

Como está sendo a recepción por parte dos alumnos?

Beo, acabamos de empezar, e esperamos que o noso traballo estea á altura das súas expectativas. Isto irá in crescendo, camiñando cara un proxecto final, que se culminará na publicación dun libro con Baía Edicións por parte dun dos alumnos.

A experiencia terá continuidade?

Esperamos que si. Desexamos facer unha nova quenda deste primeiro curso, e continuar con outras modalidades, entre as que se atoparán os monográficos.

Fonte: Praza

Baía debullará o funcionamento do traballo editorial na escola privada de ilustración ‘O neno amarelo’

O neno amarelo, o personaxe creado a finais do século XIX polo norteamericano Richard F. Outcault, pioneiro do cómic, dá nome á escola privada de ilustración que vén de iniciar a súa andaina en Santiago de Compostela. A iniciativa arranca con dez alumnos que se achegarán á ilustración no contexto do mundo editorial, tanto de xeito teórico como práctico.O neno amarelo, que celebra as súas sesións cada venres en San Martiño Pinario, nace da colaboración de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. Os tres coincidiron na revista Golfiño e dende anos desenvolven diversos proxectos conxuntos arredor da ilustración e o seu significado pedagóxico. Xosé Tomás, profesor e ilustrador, ocúpase da parte práctica, pero avanza que a teoría tamén ten unha cota do 50?% no programa deseñado pola escola. «O debuxo é unha técnica, que practicando se perfecciona, pero igualmente importante é que o traballo naza da reflexión e dos coñecementos da comunicación mediante a imaxe», explica Xosé Tomás. En consonancia, as sesións inciden moito nos conceptos de semiótica visual, de historia da arte e do valor da imaxe en proxectos de carácter formativo.

No programa do curso figuran cuestións de índole narrativa, como a elipse, a formación dun criterio propio para discriminar as ilustracións malas das boas, ou o traballo do debuxante ante a chegada da edición electrónica, entre outras materias. Ademais das sesións con Xosé Tomás e Vázquez Freire, están previstas varias clases maxistrais. O escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas visitarán O neno amarelo para detallar como é a relación creativa que se establece entre o autor das palabras e o das ilustracións dunha obra.

Edición e dinamización

Outras achegas abordarán aspectos máis centrados na xestión, pero igualmente importantes. Mercedes Cerdeiras, directora da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, falará do percorrido dunha obra xa publicada, mentres que a directora de Baía, Belén López, debullará o funcionamento do traballo editorial. Precisamente Baía colabora tamén con O neno amarelo elixindo a un dos alumnos -que realizarán un proxecto final baixo a titoría dos profesores- para ilustrar un álbum de xeito profesional.

O neno amarelo supón a aparición da segunda escola privada galega orientada á ilustración, xunto con O garaxe hermético, posta en marcha en Pontevedra por Kiko Da Silva, máis orientada ao mundo do cómic.

Fonte: La Voz de Galicia