Entradas

Morre Doris Lessing, Premio Nobel de literatura en 2007

Intelectual comprometida cos problemas de seu tempo, Doris Lessing foi sempre unha escritora atrevida, que non puxo reparos á hora de expresar as súas opinións políticas e sociais. Nacida en Kermanshah, Irán, en 1919, a escritora pasou a súa nenez e adolescencia en Rodesia, lugar onde a lectura se convertería na súa mellor compañeira.

O amor entre unha muller branca e un home negro será o tema da súa primeira obra, Canta a herba (1950), título que inaugurará unha longa traxectoria na escrita que ten en O caderno dourado unha das súas obras de referencia, a novela coa que se identificou o movemento feminista. Trátase da historia de Anna Wulf, unha autora que, no medio dunha crise persoal comeza a escribir catro cadernos biográficos de cores diferentes, o negro para a vida literaria, o vermello para a política, o amarelo para a sentimental e o azul no que deita os acontecementos cotiás. Con máis de oitocentas páxinas, O caderno dourado, publicado en 1962, pasou a ser considerado un fito literario e unha das grandes obras do século XX, que á autora lle valeu o recoñecemento internacional. No ano 2009, a obra chega ao galego en tradución de Eva Almazán para a colección Biblioteca Compostela da Editorial Galaxia, co apoio do concello da capital galega.

Permeábel ao que acontece ao seu arredor, Lessing comprométese desde nova cos problemas da educación en Rodesia, contra o racismo imperante e contra as inxustizas que veñen das inmensas desigualdades que dividen o mundo. A súa voz maniféstase na defensa dun anticolonialismo que reclama, en especial, para África. A “responsabilidade” é, na autora, clave da escrita e da lectura e, nese sentido, a súa obra convértese en materia creada para contribuír a cambiar o mundo, para denunciar a violencia, o racismo, a discriminación ou a marxinación. Por iso África, por iso as mulleres, teñen un papel relevante na súa narrativa, unha escrita que se pon da parte das “outras” para darlles protagonismo.

A busca da liberdade, que paira en boa parte da súa obra, convértese nun trasunto da súa propia biografía, a historia daquela moza que se independiza con 15 anos e marcha con 31 para Londres co firme obxectivo de se converter en escritora. Busca en Londres unha nova vida e deixa detrás dous divorcios, con dous fillos do primeiro e un do segundo, o único que a acompañará na súa nova vida.

Cando a Lessing lle outorgaron o Nobel en 2007 convertíase na premiada de máis idade na historia do galardón. As crónicas dixeron que non estaba nas quinielas. Ela, cando menos, mostrou a súa sorpresa e mesmo o seu desconcerto. Tentou fuxir, na medida das súas posibilidades, do ouropel do galardón aínda que, por veces, a tafera tornouse imposíbel. Houbo aplausos, tamén atrevidos cuestionamentos que viñeron, en especial, dos dous nomes máis coñecidos da crítica literaria americana e alemá, dos que crean canon.

Na explicación da concesión, o xurado do Nobel de Literatura acuñou unha frase que tería percorrido. Dicían que Lessing era merecedora do premio por ter sabido “capturar o esencial e a épica da experiencia feminina, que con escepticismo, lume e poder visionario someteu a unha civilización dividida ao escrutinio”. Repítese agora, en moreas de obituarios, a súa maneira de apreixar a “épica da experiencia feminina”, esa capacidade que a Lessing a fixo tan querida polo feminismo, esa maneira de levar á escrita a vida das mulleres, desde un eu feminino, que fixo a súa narración especialmente próxima e querida polo feminismo.

Instrucións para un descenso ao inferno, Memorias dunha supervivente, A boa terrorista, As aboas, Dentro de min e O vento levarase as nosas palabras son algúns dos seus títulos máis recoñecidos.

Fonte: SermosGaliza