Entradas

Coñecemos un pouco máis á ilustradora Noemí López

Noemí López Vázquez nace o 22 de novembro de 1974 en Gijón (Asturias), pero medra e pasa case toda a súa vida en Lugo, a terra da súa familia ademáis. Realizou estudios de Deseño Gráfico e actualmente exerce de Ilustradora.

Desde o ano 1999 ata o ano 2003 formou parte como vocal ilustradora da directiva de Gálix (Asociación Galega do libro infantil e xuvenil). E de aí… para Arxentina.

Con Baía ten ilustrados un lote de libros. Da colección Meiga Moira:Os sons da buguina, de Carlos Labraña (2006); Améndoas e flores silvestres, de David D. Vázquez Álvarez (2008); A herdanza do Marqués, de Conchi Regueiro (2009); O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras (2012) e A cerna do segredo, de Conchi Regueiro (2014). Da colección Xiz de Cor:  Xela volveuse vampira (inclúe DVD), de Fina Casalderrey (2007).

Ademais da miña paixón pola literatura infantil e xuvenil, polos contos e as lendas, estarían outras cousas coma o cine de animación, cine de imaxe real, música e teatro…

  • Bos días Noemí, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Dende cativa inventaba as miñas historias ilustradas que compartía cos amigos e compañeiros de colexio, de xeito mais “profesional” comecei a facer ilustracións para carteis e revistas e algo de prensa a partir dos 18 anos e o meu primeiro libro ilustrado de ficción para nenos fíxeno con 21.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Me gustaba rebuscar e ver cousas diferentes e, en paralelo, inventar os meus propios mundos pero sen dúbida, directa ou indirectamente o cine da época, os cómics e os contos ilustrados que caían nas miñas mans e as historias do meu avó alimentaron o meu imaxinario.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Recoñezo que non son moi “mitómana”, por sorte gústanme moitos ilustradores e de moi variados estilos…

Pero debo recoñecer que na miña casa había moito amor por Castelao e eu non me cansaba de ollar as súas ilustracións  xa que me fascinaba a súa capacidade expresiva con tan poucas liñas e había tamén moito agarimo na familia por Quino ¿Ou por Mafalda? Pero si, Quino sempre me resultou un “capo” da narración en imaxes. E, logo, como tantos rapaces da miña xeración, gostaba de ir pra cama cun libro de Mortadelo e Filemón e Axtérix, entre moitos outros.

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Trasladar as historias que corren pola miña cabeza a través do papel. Dín que somos como actores tímidos e a ilustración me permite expresarme  e interpretar como mais me gusta e, e sobre todo, xogar.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? Acodes a algún dos teus referentes?

Hai unha parte de traballo “intanxible” fundamental, mais longa ou mais curta segundo o día ou a hora ou o estado de ánimo de unha, onde hai que agardar e buscar a inspiración tendo sempre un lápiz a man por se as Musas chegan de súpeto e para poder dar “caza” desas ideas e plasmalas axiña en papel para que non fuxan. O boceto e a parte mais expresiva, a parte que recolle mais fielmente as emocións que queremos contar. No momento creativo non acostumo a buscar “documentación”, en todo caso si que procuro contrastar e buscar despois, unha vez resoltas ideas básicas das escenas dun conto, e o “casting” de personaxes.

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer un debuxo?

Pois a parte que mais tempo me pode levar é precisamente esta que comentaba, a creativa, a de bocetaxe, a procura de novas ideas, o ritmo. A parte “técnica” cada vez leva menos tempo (se un quere, xa que ás veces nos distraemos probando novas fómulas ou ténicas) pois a formación e os anos de práctica dan mais soltura, claro.

  • Normalmente, cres que a ilustración e o texto deben ir da man?

Si, e tamén non. Son medios de narración independentes e tamén é fermoso que vaian xuntos, pero ben orquestrados, contando de xeito paralelo unha mesma historia e tamén abrindo novos camiños, novas pólas, suxerir outras pequenas historias que complete o lector.

  • Cando creas ou ilustras un libro, utilizas as túas vivencias e as dos teus achegados?

Algunha vez, pero moitas veces parece que o fago inconscientemente e os que me coñecen mo sinalan: “Oes! Este persoaxe son eu?”

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Buuuf, a moitas, pobriñas… caen nas miñas crueis mans e os fago mover ao meu capricho, así que teño que querelos a todos por forza. Algúns son un pouquichiño mais especiais porque formaron parte en momentos decisivos da miña vida “real”.

  • Con Baía, realizaches un lote de libros? Con cal te quedarías?

Si, por sorte, e moi agradecida, por certo! Xa que, ademáis, me ofrecestes a posibilidade de traballar con historias con temáticas moi atractivas. E, ademáis, puiden formar parte de algo que antes me esquecín de comentar pero que é un dos motivos que me fai tamén querer adicarme a isto e é poder levar mensaxes que axuden a non esquencer certas cousas. Aquí está “Xela”, por exemplo ou “O segredo do lagarto Arnal”, pero tamén hai este pouso nos outros títulos que teñen ademáis unha grande dose de aventura e emocións.

  • Tiveches problemas con algunha autora/autor para crear as ilustracións dos libros?

Pois, a verdade é que non…, tiven moita sorte porque, ademáis, me pasou moitas veces que polo camiño me aportaron boas ideas que incorporei xa que acontece que unha, pechada no seu mundo, non é moi obxetiva. Así que sempre foron aportes bos para o meu traballo.

  • Neste momento, se alguén quere debuxar, que bases ten que ter para dedicarse profesionalmente?

Hai que ter, sen dúbida, unha boa base “técnica” e saber elexir os campos nos que un se defenda mellor (ilustración de ficción, educativa, publicitaria…), por unha cuestión práctica, antes de lanzarse profesionalmente. Pero hai outra cousa que, me parece, non se ten en conta moitas veces e é ter claro en qué consiste o traballo dun ilustrador: O compromiso como comunicador, como narrador. O saber cómo contar con imaxes sobre o soporte que sexa.

  • Consideras que faltan espazos de formación para as ilustradoras e ilustradores?

Si, aínda que nestes 20 anos que levo de camiño, foron abríndose moitas opcións (como a especialidade de ilustración en algunha escola de Artes coma a de Ourense que, por certo funciona moi ben). E a Asociación de ilustradores que é fundamental xa que se preocupa por iniciar ou promover cursos de formación e tamén como punto de encontro para compartir experiencias e dar e recibir consellos. Eu sempre dixen que aprendín máis dos meus compañeiros.

  • Agora mesmo estás traballando en algo? Cóntanos un pouco os teus plans…

Agora mesmiño, a día de hoxe, rematei un libro para o Museo de Lugo. Fixen ilustracións para outros medios (carteis, actividades lúdicas…). E, estiven e prosigo con libros de ensino. Soños e proxectos teño moitos, por sorte, como algúns libros para nenos, entre outros.

  • Como ves o papel da ilustración galega neste momento?

Nestes tempos de crise, a narración de ficción estivo e está en perigo de extinción…, penso, quero pensar… que isto vai quedar nun susto. Son días difíciles para a Fantasía nunha sociedade que non ve que sen alimentar a imaxinaxión non hai ilusión, e sen ilusión custa facer camiño.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Pois un pouco o mesmo que dixen antes xa que este mundo de ficción, de transmisión de historias o formamos todo o equipo. Os que saen nos créditos dos libros e moitos máis, pero toca facer unha campaña de promoción máis intensa aínda, a pesar de que os tempos nos corren en contra…,  para ter unha resposta, para recuperar lectores e soñadores…

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre as túas obras deixamos este oco….

Procuro ser unha boa narradora, a través de liñas e cores que son a miña variña máxica e a miña linguaxe.  Adoro compartir emocións, pero das boas, das fermosas, das que fan rir. Quero formar parte da invención de novas historias e fantasías e tamén formar parte dese grupo de xentes que preservan a nosa cultura, as nosas lendas, coas que medramos e que alimentaron os nosos soños.

Grazas Noemí! Foi un pracer!

A cerna do segredo

Autora: Conchi Regueiro

Ilustradora: Noemí López

Nesta obra, continuación da enigmática historia vivida n’A herdanza do marqués, o misterio segue a percorrer Vilacardoso. A chegada dos Cerna non parece casual. Seica é unha ameaza ou  a oportunidade para a familia Negro de ter aliados nunha aldea onde segue a estar proscrita?

De novo Xandra terá que preocuparse polos seus, polos vellos inimigos, polas ducias de quilómetros que a separan de Rubén e dunha boa amiga como Zoila e, tamén, por ese Cerna máis novo que vén poñer en cuestión o seu complicado mundo.

E, unha vez máis, o pasado lidando con ese presente tan complicado.

MÁIS INFORMACIÓN

 

‘Améndoas e flores silvestres’, unha das once obras da LIX finalistas do Premio Frei Martín Sarmiento

Once obras de autores galegos da LIX chegaron á fase final dos Premios Frei Martín Sarmiento, un recoñecemento organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, cuxa característica é que son os propios alumnos dos centros os que escollen as obras gañadoras, divididas en cinco categorías,  máis unha sexta categoría, para adultos.

Blog dos premios

Finalistas do X premio literario Frei Martín Sarmiento

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria

  • Toc-Toc (Galaxia), de Pablo Díaz.
  • Raro (Tambre) de Marcos Calveiro.
  • Catuxa quere saber (Everest Galicia) de Concha Blanco.

 

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria

  • Marcopola e a illa remeira (Xerais) de Jacobo Fernández.
  • O gato fantasma (Xerais) de Xelís de Toro.

 

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria

  • Soños de mar (Xerais) de X.H. Rivadulla Corcón.
  • Os Sabuxos entran na casa co pé esquerdo (Xerais) de Jaureguizar.

 

4ª categoría: 1º e 2º de ESO

 

5ª categoría: 3º e 4º de ESO

  • Dragal III (Xerais) de Elena Gallego Abad.
  • Bágoa da lúa (Galaxia) de Sabela González.

Fonte: AGE