Artigos

Hoxe celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. Neste día, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Que podemos aprender do Día da Paz?

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.

O Día da Paz, pola súa temática xeral de non violencia, resolución de conflitos e convivencia, pode traballarse en todos os niveis educativos desde Educación Infantil ata Bacharelato.

“Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz” (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

Mañá celebramos o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia

Neste ano, no 2018, cúmprese o 70 Aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi (1948-2018), o mesmo ano no que as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun mundo aínda conmocionado polo horror da guerra e do holocausto. Precisamente -tamén é unha proposta das Nacións Unidas- todo este ano estará dedicado a analizar as causas e as consecuencias do Holocausto. Existen numerosos materiais para apoiar esta aprendizaxe.

Na Deputación coruñesa,  o Pleno aprobou a creación dun Premio de Paz, Convivencia e Dereitos Humanos que recoñecerá as iniciativas de todo tipo que promovan estes valores desde este ano de 2018.

Aínda que este ano cadran nunha mesma semana datas tan dinámicas nos centros educativos como o Entroido e o Día da Paz, a actividade xerada polas bibliotecas escolares está a ser intensa. Traballar no ámbito da educación é algo moi complexo no momento social no que nos atopamos… e queremos, desde a Asesoría de bibliotecas escolares, lembrar aquel texto de Eduardo Galeano:

“… son cousas pequenas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de troco, non expropian as covas de Alí Babá.

Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos.

Ao fin, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a unica maneira de probar que a realidade é transformable…”

 

Fonte: PrazaPública e Bibliotecas escolares de Galicia