A Rede de Dinamización reforzará os servizos locais de normalización
Vinte e nove entidades, na súa maioría concellos, incorporáronse á Rede de Dinamización Lingüística que promove a Xunta de Galicia en colaboración coas administracións locais. A entidade celebrou onte o seu encontro anual e marcou as liñas de acción de cara ao vindeiro ano. Entre estas, anunciouse unha liña de apoio á accións dinamizadoras desde o medio local, que implicará “a incorporación de persoal técnico especializado a aqueles concellos que non conten con servizos lingüísticos e que estean dispostos a prestar este tipo de servizo de maneira compartida”. Neste sentido, abrirase unha liña de bolsas de formación para técnicos de dinamización que se convocará no primeiro trimestre de 2013 e complementará as liñas de axudas actuais.
Canda a isto, a Rede propuxo fixar unha serie de efemérides anuais sobre a lingua que se celebrarán conxuntamente polas entidades que participan na Rede. Coas novas incorporacións, a entidade suma xa 130 membros, na súa maior parte concellos.
Fonte: Culturagalega
Foto: Constitución da Rede de Dinamización Lingüística (Xunta de Galicia)