Entradas

A páxina web de Baía quedará inhabilitaba do 16-22 de marzo para presentarvos a NOVA WEB .GAL

Estimadas amigas e amigos,

Debido aos traballos de actualización de contidos e cambios na páxina web durante os días 16-22 de marzo, esta deixará de estar operativa. Baía Edicións con estes cambios únese aos apoios ao dominio galego .gal, no seu convencemento de que o mesmo é un contributo ao esforzo común de lograrmos unha maior visibilidade na rede ao galego e á nosa cultura.

Despois de sermos unha das primeiras editoras galegas en crear unha páxina web interactiva, onde, ademais de proporcionar información sobre os títulos publicados e a visualización das súas novidades mesmo antes da súa distribución e comercialización, Baía moderniza a súa web incorporando a posibilidade de comprar os seus fondos a través dunha nova TENDA WEB, moito máis áxil, de fácil acceso, interactiva e moderna. Terá un deseño web adaptable (responsive), sendo unha filosofía de deseño e desenvolvemento cuxo obxectivo é adaptar a aparencia das páxinas web ao dispositivo que se estea utilizando para visitalas. Hoxe en día as páxinas web vense en multitude de dispositivos como tabletas, teléfonos intelixentes, libros electrónicos, portátiles, PCs, etc.

Nesta tenda pódense visualizar as distintas coleccións e os libros que as compoñen, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura etc. Incluiremos tamén en cada un dos títulos un enlace á venda do libro en formato dixital dispoñibles en diferentes plataformas.

En breve, WWW.BAIAEDICIONS.GAL! 🙂

Baía Edicións presenta unha nova web informativa

Baía Edicións conta, ata o momento, cunha web-tenda (www.baiaedicions.gal) onde están incorporados todos títulos que actualmente temos publicados. Nela podemos visualizar as súas coleccións, os libros que compoñen cada unha delas, así como toda a información de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. incluíndo tamén a opción de compra ou de agasallo segundo nos interese. No caso de libros de narrativa, tanto de adultos como de infantil-xuvenil, contamos coa posibilidade de visualizar tamén un capítulo do libro, co fin de axudar aos usuarios da rede a facerse unha idea clara do conxunto total da obra, como se estivesemos remexendo nos títulos que atopamos na libraría.

Nesta mesma web, contamos cun espazo onde incorporamos novas a diario, en relación á actualidade editorial, presentacións etc. Xa que cada día contamos con máis usuarios e estes nos solicitan máis información, pensamos en ampliar a nosa web, creando novos espazos onde poder incorporar artigos, reseñas, imaxes, videos etc. Un espazo interactivo, onde a editorial, os autores, colaboradores e calquera persoa que o desexe poida compartir a súa opinión sobre os artigos que, nesta nova web, se expoñen. Neste novo espazo web incorporamos varios apartados: Novas sobre a actualidade, Material didáctico, Xuntanza de escritoras, Encontro coa natureza, galería de imaxes e videos, e unha serie de recomendacións que Baía Edicións fai a todos os usuarios.

No apartado ‘Xuntanza de escritoras’ serán as escritoras as protagonistas deste espazo. Terán a posibilidade de incorporar artigos, reseñas, notas, relatos etc. O que queremos con este espazo é que non sexa unha simple exposición de textos, pretendemos que sexa algo máis…. un espazo para as escritoras, para que falen do seu papel na sociedade, de como ven a literatura. Co apartado ‘Encontro coa natureza’ pretendemos achegar a natureza a todo o mundo (nenos, adultos, especialistas etc.), incorporando no mesmo, reseñas, calendario de conmemoracións, artículos de opinión, consellos medioambientais etc. Pretendemos que sexa un espazo no que poida participar todo o mundo, enviándonos todos aqueles escritos, artigos, reseñas… que consideredes interesante compartir.

A presentación deste novo espazo de Baía Edicións será o día 11 de abril! Esperamos as vosas suxestións e recomendacións para facer deste novo espazo web un lugar de encontro para todas e todos, amantes da literatura e da natureza!

Se o que queres é información, visítanos!