Entradas

A RAG solicita a inclusión da toponimia tradicional dentro do concepto de ´patrimonio cultural inmaterial´

A Real Academia Galega (RAG) solicitou que a Lei para salvagardar a Protección do Patrimonio Cultural Inmaterial inclúa os nomes tradicionais de lugares galegos. Desde a Academia recordan, a través dun comunicado, que o Grupo de Expertos de Nacións Unidas para os Nomes Xeográficos estableceu fai uns meses os criterios de valoración para os topónimos, que considera “elementos do patrimonio cultural inmaterial”. A RAG dirixiuse ao Congreso con esta proposta.

Fonte: Faro de Vigo

‘Sanatoria. Historia dos nenos raros’ chegará en breve a Baía

Sanatoria é un libro para nenos raros e sobre nenos raros. Se non es raro parecerache unha parvada e se non es neno quizais deberías ir ao médico. Os personaxes que aquí van aparecer, así como as súas vidas e todos os detalles sobre os seus costumes, rexoubas e indumentaria foron expostos coa máis rigorosa fidelidade e, para que vos fagades unha idea abondo aproximada do aspecto destes seres e lugares, incluín algúns estudos a lapis, realizados, por suposto, do natural.

Pero empecemos polo principio. Todo este asunto rematou cando os oito fuxiron do sanatorio psiquiátrico durante unha fría noite de inverno. Falo, evidentemente, dos oito protagonistas desta historia, cuxos nomes son: Teo, Pés Mollados, Brais, o Xefe, Constanza, Orlando, Iván e Hugo.

 Si, lestes ben, escribín sanatorio psiquiátrico e, como xa deduciriades, se fuxiron é porque algunha vez estiveron ingresados nel. A Institución para a Saúde Mental de Nenos Defectuosos, Sanatoria, dirixida polo doutor Pío Carcasa, era un lugar en que se recluía os nenos que non encaixaban nas outras institucións da cidade; nenos intrigantes, incómodos, desesperantes, sen outra cosa en común entre eles que seren pezas de crebacabezas perdidas, últimos representantes de razas extinguidas: nenos raros.

Sanatoria era unha torre semellante a un fabuloso proxectil procedente doutro mundo que quedara semienterrado no seu cráter, un val de abruptos picos amontoados de calquera maneira. Non vos gustaría visitalo, asegúrovolo, e moito menos vivir alí. Pero ao Dr. Carcasa encantáballe e, para que quedara ben claro a todo o mundo, fixo que aos pés do edificio se construíra unha efixie colosal da súa cabeza. O seu despacho ocupaba a órbita do ollo esquerdo e desde aí dentro dirixía Sanatoria como se dirixía a si mesmo.

En breve… en Baía!

 

O outlet do libro galego estará na Coruña do 15 ao 23 de novembro

O Centro Sociocultural Afundación da Coruña acollerá desde o sábado 15 ata o domingo 23 de novembro, a terceira edición do Outlet do Libro Galego, despois de ter pasado polos nosos centros de Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Póñense á venda 800 títulos de quince editoriais: 2.0 Editora, Alvarellos Editora, Editorial Andavira, Auiga Editora, Baía Edicións, Dos Acordes, Editorial Galaxia, Editorial Ideas Propias, Ir Indo Edicións, Editorial Linteo, Nova Galicia Edicións, Ouvirmos, Edicións Sotelo Blanco, Editorial Toxosoutos e Edicións Xerais. Verial Galicia, empresa tecnolóxia do ámbito da xestión libreira e Afundación, son as entidades colaboradoras de todos os espazos outlets do ano 2014. O 85 % dos libros contarán con descontos en función do número de exemplares que adquira o comprador. Así:

1 libro: 3 €

3 libros: 5 €

5 libros: 10 €

Ademais, con motivo do outlet, as nosas librarías das sedes de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Vigo ofrecerán descontos nas nosas publicacións do 13 ao 24 de novembro.

Cultura e Educación entrégalles os premios de literatura dramática da Agadic a Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama

Santiago Cortegoso, coa obra ‘Raclette’, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada hoxe canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por ‘Xogando con gatos’, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para ‘O lobo e a lúa’, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para ‘Ela, piedade dos suicidas’, de Xavier Lama, na modalidade para adultos.

Os nomes dos catro gañadores foron desvelados polo dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, presidente do xurado da edición 2014 destes tres galardóns de literatura dramática, que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios que contou tamén coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e dos catro autores galardoados.

“O sistema literario galego sae reforzado en cada nova edición destes premios literarios”, afirmou o secretario xeral, que se referiu aos galardóns como “unha iniciativa de referencia na promoción e consolidación da nosa literatura dramática actual, arredor da cal se congregan numerosas propostas innovadoras e nomes que veñen expresando a súa forza como figuras destacadas da nosa creatividade”. Anxo Lorenzo tamén se amosou convencido de que as obras gañadoras serán referentes na estética, na percepción e na concepción da literatura dramática, ao tempo que servirán de estímulo para o gusto do público lector e para abrir novas posibilidades de proxección escénica.

Posta en valor da literatura dramática

O director da Agadic destacou que estes recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia “como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas”, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

O xurado, do que tamén formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.

No caso de ‘Raclette’, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección.

Traxectorias de recoñecementos

Autor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso suma este premio á súa xa ampla nómina de recoñecementos como autor de textos teatrais, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas. Pola súa banda, Antón Cortizas, mestre de profesión e gañador desta oitava edición do Manuel María, é un dos escritores máis premiados e traducidos da literatura infantil e xuvenil galega.

De ‘Xogando con gatos’, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas…) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.

Intriga e suspense no imaxinario infantil

A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con ‘O lobo e a lúa’, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a  propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.

Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.

Técnica orixinal

Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de ‘Ela, piedade dos suicidas’, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.

O seu autor, quen en 2010 foi recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.

Fonte: Xunta

A colección sobre Emocións xa en Baía!

Na casa e na escola, as persoas maiores encargadas da túa educación ensínanche a comer ben, coidar o teu corpo, ler, escribir e moitas outras cousas. Pero ás veces están tan preocupados porque aprendas tanto e teñas boas notas que lles esquece aprenderche como actuar cando tes medo, discutes coas túas amizades ou tes ganas de chorar, por exemplo. Iso chámase educación emocional e é algo moi importante nas nosas vidas, porque a forma en que nos sentimos e comportamos cos demais ten moito que ver coa felicidade (ou non é certo que es máis feliz cando estás con ese amigo ou esa amiga coa que falas dos problemas que tedes en vez de rifar?).

Os libros desta colección falan diso, dos sentimentos e as emocións: primeiro aprendendo a recoñecelas (decatarme que estou triste); a saber expresalas (dicir “quérote”, “estou triste” ou “síntoo”); tamén aprendendo a autocontrolarse (pensar antes de falar ou pegar), a facer amigas e amigos; e, finalmente, a ser responsable.

Ana ou Xabier son os protagonistas destes libros, nos que se contan aventuras polas que pasan e nas que deben recoñecer, aprender e poñer en práctica todo o que lles provoca medo, tristeza, alegría ou rabia, entre outras emocións.

Ao final do conto encontrarás unhas actividades pensadas para que poñas en práctica os teus sentimentos e emocións e aprendas a resolver só os teus conflitos.

Títulos:

  1. A miña amiga invisible (A morte)
  2. A cola de dragón (A rabia)
  3. As estrelas de cores (A alegría)
  4. Os sacos de area (A tristeza)
  5. A superheroína supersónica (O medo)
  6. A nube gris (A preocupación)
  7. Aprender a dicir que non (A asertividade)
  8. Pensar as cousas (A impulsividade)
  9. Cando estou tranquilo (A tranquilidade)

Desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono

A Asociación de Nais e Pais Galegas -Anpas- organizaron hai unha semana a terceira dunha serie de xornadas extraordinarias nas que analizan a problemática do ensino no país, onde son moi críticos coa Xunta.

Realizaron en Vigo outra xornada de traballo de Anpas Galegas, dentro dun proceso que os está levando por todo o país.

-A maiores das xuntanzas habituais en Santiago, decidimos, sen unha periodicidade fixa, organizarmos reunións por todo o país, para ter diálogos con pais e nais máis amplos, de todo un día, para coñecer de primeira man a opinión e as problemáticas concretas. Estivemos en Lugo, na Costa da Morte, en Vigo e seguiremos en canto poidamos.

Son moi diferentes as queixas de nais e pais dependendo da zona do país?

-É máis homoxéneo do que parece. Hai matices, obviamente, pero as maiores diferenzas sobre todo atinxen os condicionantes socioeconómicos, non tanto a outros. Por exemplo, non cambia tanto entre un barrio de Vigo e o centro de Carballo, talvez si máis a respecto de bisbarras máis rurais.

Os recortes serán tema central nestas xuntanzas, pódese supoñer. 

-A sensación é de que xa estamos noutra fase, máis avanzada, da destrución do ensino público en Galiza, que desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono, cunha precariedade que só se vai salvando grazas ao voluntarismo de profesores, direccións ou pais e nais, porque desde a administración, nada.

Teñen os pais e as nais de alumn@s que adoptar un papel máis reivindicativo?

-As Anpas sempre tiveron ese papel reivindicativo, o que ocorre é que neste tempo histórico tan duro pasaron de centrarse case unicamente nos problemas concretos de cada centro a ter unha visión máis xeral, non tan limitada a cada ámbito propio, senón consciente do deterioro de todo o Ensino, e de que a saúde da educación pública é algo que beneficia a todos e todas, non só a quen ten un familiar nun colexio.

Fonte: Sermos Galiza

Aberto o prazo de inscrición do XI Simposio O libro e a lectura nos medios

A edición número once do Simposio anual  O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro.  O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de  CEDRO, a  Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

Programa e inscricións              

Durante nove edicións o Simposio contou cun amplo programa repartido en dúas xornadas, celebradas sempre un xoves e un venres do mes de novembro de cada ano. Motivos de carácter orzamentario obrigaron á redución dos contidos á metade. Por este foro pasaron numerosos e sobranceiros especialistas e profesionais de todo o abano do libro e a lectura: Bibliotecarios, editores, profesores, expertos en propiedade intelectual, comerico internacional, marketing, redes sociais, novos soportes de edición, feiras profesionais do libro, etcétera. A experiencia das dez edicións anteriores augura un novo éxito de público atento e interactivo, que refresca sempre os debates e prantexa as cuestións máis candentes e sustanciais.

O prazo de inscrición para esta xornada do 20 de novembro comeza o día 27 de outubro e remata o 17 de novembro.

Adianto do programa

Fonte: AGE

Falece a escritora e xornalista Begoña Caamaño

A xornalista e escritora nada en Vigo en 1964 faleceu hoxe en Santiago tras un longo período de enfermidade que a obrigara a deixar en 2012 a súa profesión xornalística que desenvolvía na Radio Galega a través de programas como “Diario Cultural”, “Andando a Terra”, “Club Cultura” e “Expreso de Medianoite”. Do 2012 é tamén a súa derradeira obra escrita Morgana en Esmelle (Editorial Galaxia), pola que foi recoñecida co Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores; Premio da Crítica estatal; Premio á mellor obra narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria. O tanatorio de Boisaca, en Compostela, acollerá hoxe 28 de outubro ás 15 horas un acto de despedida.

Na recensión de Morgana en Esmelle en Lg3, a crítica Loréna Domínguez escribiu dela: “Begoña Caamaño constrúe nesta novela unha afirmación da muller, da memoria, da liberdade e da loita contra a opresión que non teñen cabida en ningunha paráfrase, arredadas todas da excepcionalidade que ela lles acadou. Morgana, como a Penélope navegante de Xohana Torres (e non só de Xohana Torres), coma a reescritura de tantas mulleres por tantas outras. E parece que abrimos de novo a caixa de Pandora, que outra vez mordemos a mazá de Eva, e que caen sobre nós a culpa e a loita incesantes que pesan sobre as que queren saber. Velaquí unha lectura que, se non sanda feridas, cando menos alumea esperanzas e camiños, tan necesarios en tempos de escuridade.” A Editorial Galaxia lamentou na súa páxina web o pasamento de Caamaño da que non ten dúbidas ao calificar como “unha das voces máis singulares da literatura galega actual” e anuncia para os vindeiros días actos na lembranza da autora.

Fonte: Culturagalega

Baía deséxavos que pasedes un BO DÍA DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro é unha data sinalada no calendario de todas as bibliotecas pois desde os anos 90 celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, a instancias da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil, e en recoñecemento ao labor que exercen todos os bibliotecarios, todas as bibliotecarias, a prol da lectura, da educación e da cultura.

Na imaxe, rapazas (previamente preparadas) do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, imparten unha sesión de “formación de usuarios” aos seus compañeiros e compañeiras. Un exemplo da vida que ferve nas bibliotecas escolares ao longo do curso, grazas ao esforzo das comunidades educativas que as fan posibles, e como resultado dun programa da administración educativa que pon o enfoque nas necesidades do alumnado en materia de lectura, de información e de aprendizaxe.

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou “as 5 leis da biblioteconomía”:

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura “de por vida”, e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia.

Fonte: Xunta

O Womex chega a Compostela

O Womex chega a Compostela. Un certame internacional centrado nas músicas do mundo, que achega ao noso país máis de 2.500 especialistas neste ámbito e que promete, segundo asegura a Consellaría, un retorno económico de máis de 2,5 millóns de euros. Falamos con representantes de firmas galegas cunha ampla experiencia nestas citas para saber máis polo miúdo qué se pode agardar desta grande cita.

Desde hoxe e ata o vindeiro día 26 Santiago de Compostela acolle por vez primeira o Womex, a principal feira internacional dedicada ás músicas do mundo. A Consellaría de Cultura calcula que os preto de 2.600 profesionais que visitan a cidade nestes días e mais os negocios que se desenvolverán no marco deste evento, deixarán un retorno económico no noso país de preto de 2,5 millóns de euros. Ademais, falamos dunha cita na que Galicia ten moito que dicir e que supón unha oportunidade para a internacionalización dos nosos artistas. Entidades institucionais como a Cidade da Cultura, AGADIC ou a marca Galician Tunes representan o noso país. Canda a elas, múltiples empresas do sector como Nordesía, principal impulsora deste edición, Culturactiva, Zouma Récords, Inquedanzas Sonoras ou Merlo Branco participan no encontro.

A que van as empresas
Entre as asistentes a esta edición, atopamos a Inma Grass, de Fol Música, que leva case unha década de Womex ás costas. “Esta é a feira de músicas do mundo máis importante que existe. Supón un punto de encontro para as persoas que traballamos neste ámbito, selos e distribuidoras. Nas feiras é onde nos vemos e presentamos as novidades para que as coñezan e as traballen. Ademais tamén nos permite buscar novos camiños e novos contactos cos que traballar”. Tamén Xosé Manuel Aldea, de Ouvirmos, ten unha ampla experiencia na que para el “é por definición a feira mundial da World Music. É onde a industria marca por onde irán as tendencias dos vindeiros anos, e para nós é fundamental para conseguirmos presenza internacional”, explica, a apuntar que este evento foi fundamental para que a súa compañía conseguise ser pioneira na distribución dos seus contidos por Internet no noso país.

A potencia galega
Para alén da presenza industrial, a pegada galega a nivel artístico na feira é tamén destacada. Así, este ano un galego, Davide Salvado, foi seleccionado pola comisión internacional para actuar na selección oficial, mentres Uxía e mais ao zanfonista Germán Díaz, presentarán os seus traballos no escenario local Atlantic Connections. De xeito xeral, segundo apunta Grass, a música galega ten unha importante presenza no evento. “Pensamos que Galicia é un dos lugares onde a música do mundo está máis viva. Hai lugares específicos onde existe unha grande creación musical e unha audiencia para a mesma. Está Cuba, Brasil, e logo en España están lugares como Andalucía e Galicia, onde se crea moito e existe moito público que segue e consume este tipo de música”. Aldea, pola súa banda, sinala que “hoxe en día no mercado global hai un lugar específico para tendencias singulares, tanto de lugares como temporais. No noso campo, por exemplo, vemos que existe moi pouca música legal de comezos do século XX, e iso ten un interese para alén do noso país”, explica. A nivel galego, ao seu ver, “logo da explosión da internacionalización que se deu nos primeiros Womex aos que asistimos, hai dez anos, semella que non se avanzou. Este Womex pode axudar a reforzar o papel da música galega de hoxe e reposicionala no panorama internacional”, asegura.

As vantaxes de Compostela
O xeito no que celebración da feira en Compostela promete favorecer aínda máis esa presenza internacional da música galega pasa tanto por facilitar a presenza do noso sector como porque este vai ser un dos máis multitudinarios Womex dos últimos anos. “Estou certa de que vai vir moita xente que non acode todos os anos. Falamos de persoas que teñen sensibilidade e respecto pola cultura e mais a historia, e un lugar como Santiago resulta máxico e esplendoroso para moita xente”, asegura Grass. Así, “a celebración aquí do Womex ponnos aínda máis no mapa da world music, na que somos unha potencia. Fol música estamos este ano coa etiqueta Top Label, como un dos vinte mellores selos deste tipo de música no mundo”, lembra. Obviamente, a proximidade favorecerá que sexan moitos os músicos e promotores que vaian participar no evento, aínda que non debemos esquecer que a inscrición para profesionais esixe un pago de 300 euros.

As mudanzas do mundo
Encol da evolución que o xénero das músicas do mundo seguiu nos últimos anos, para Grass “semella que a world music caeu algo logo do momento álxido que tivo hai uns anos, pero eu penso que entramos de novo nunha fase ascendente. Hai novos artistas con propostas moi interesantes, máis receptividade nos medios e en xeral e cada ano vense máis xanelas para este tipo de música”, sinala. Aldea pola súa banda apunta que “as tendencias seguen a ser máis ou menos semellantes a outros anos. son as grandes potencias da industria musical europea e americana quen nos descobren os diamantes das rexións máis potentes. Logo de atender moito a África, nos últimos anos está a se descubrir China e Oceanía”. A feira, no entanto, a seguir as evolucións do propio negocio discográfico, sufriu tamén variacións, segundo asegura Grass. “Antes estaba máis orientada á industria discográfica e agora funciona máis como un punto de encontro para festivais”, sinala Grass.

Recomendacións
Como recomendacións para os neófitos no Womex, Aldea advirte da necesidade de levar xa un programa moi preparado con antelación. “É unha feira complexa e o normal é traballala antes, chegar con entrevistas pechadas e a axenda cuberta. Resulta moi difícil chegar e ubicarse, un pérdese con facilidade nos estands e non se sabe ben con quen se poden falar e con quen non. Grass, pola súa banda, recomenda “ler con atención o programa e seleccionar que conferencias, documentias ou concertos lle interesan a cada un. Logo hai que pasar polo mercado e ollar os stands, ver qué propostas se levan, é algo mo interesante”.

Concertos
Fóra do interese profesional, para o público é de destacar a grande cantidade de concertos, preto de 45, que inclúe o programa do Womex en diferentes espazos de Compostela. Unha miríada de grupos de distintas e tendencias e que resultan moi difíciles de ver ao vivo no noso país. Dentro do programa atópanse propostas a miúdo pouco coñecidas que prometen ser merecentes de se descubrir. Falamos de grupos como El gusto orchestra, Ed Motta, Esther Rada, Cesaria Evora Orchestra, Baloji, Orkesta Mendoza ou Ajinai. Canda a eles, moitos máis para se mergullar e coñecer polo miúdo. Quizais acaben sendo a revelación deste ano…

Fonte: Culturagalega