Mañá, 17 de maio, celebramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS con ANTONIO FRAGUAS
Antonio Fraguas naceu en Loureiro (Cerdedo-Cotobade) o 28 de decembro de 1905. Fillo de Manuel Fraguas Rodríguez e de María Teresa Fraguas Vázquez, foi rexistrado inicialmente cos dous apelidos da nai e só pasaría a apelidarse Fraguas Fraguas en 1912, cando o pai volveu do Brasil onde estaba emigrado desde meses antes do seu nacemento, casou coa nai e recoñeceu o fillo.
Aconsellada polo mestre de Antonio, que viu no neno capacidade para o estudo, a familia matriculouno no Instituto Xeral Técnico de Pontevedra para que cursase o bacharelato. Neste centro tivo como docentes a Castelao ou Antón Losada Diéguez, determinantes na súa escolla a prol do galeguismo. Con outros estudantes fundou en 1923 a Sociedade da Lingua co obxectivo de defender o galego e redactar un dicionario.
A década dos 20 foi especialmente intensa para Antonio Fraguas. En Santiago de Compostela, a onde chegara para estudar Filosofía e Letras, afiliouse ás Irmandades da Fala e ingresou no Seminario de Estudos Galegos, do que sería secretario de actas e bibliotecario. Finalizada a carreira, iniciouse na docencia como profesor auxiliar da Facultade de Xeografía e Historia.
Nos anos 30 casou con Teresa Martínez Magariños (1932) e empezou a traballar no instituto da Estrada (1933). No ámbito da política, coa chegada da República creouse o Partido Galeguista, no que Antonio Fraguas se integrou e desde cuxas filas participou activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
Como consecuencia desta actividade galeguista, tras o golpe de Estado de 1936 foi perseguido e a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordenou a súa separación do ensino público. Non sería ata 1950 cando Antonio Fraguas volvese aprobar a oposición a cátedras de instituto, o que o levaría a exercer no Masculino de Lugo e, a partir de 1959, no Rosalía de Castro de Santiago, onde se xubilaría en 1975.
A persecución política e a ditadura non reduciron o seu compromiso con Galicia, senón que Antonio Fraguas continuou colaborando en todas as iniciativas a prol da cultura galega da posguerra: foi membro da Real Academia Galega, xefe da sección de Etnografía e Folclore e mais secretario do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos ou membro fundador e tesoureiro do Padroado Rosalía de Castro, entre outros cargos. Tras a morte de Franco, participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e cuxo padroado presidiu máis tarde, e ingresou como membro -e, posteriormente, coordinador da sección de Antropoloxía Cultural- do Consello da Cultura Galega.
Coa democracia chegou tamén o recoñecemento ao seu compromiso coa cultura de Galicia: recibiu o Pedrón de Ouro, os premios Trasalba e Otero Pedrayo ou a Medalla Castelao, entre outras distincións. En 1992 a Xunta de Galicia nomeouno cronista oficial de Galicia.
Faleceu en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, tres anos despois do pasamento da súa muller Teresa.
Obra
Antonio Fraguas Fraguas destacou como investigador nos campos da historia, da etnografía e do folclore, entre outros. O seu traballo está recollido en numerosas publicacións, fundamentalmente como colaboración en revistas ou obras colectivas. En todo caso, tamén publicou un considerable número de monografías, entre as que podemos sinalar, a título de exemplo, as seguintes:
- Geografía de Galicia (1953)
- Historia del Colegio de Fonseca (1956). Tese de doutoramento
- Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985)
- Romarías e santuarios (1988)
- Do Entroido (1994)
- A festa popular en Galicia (1995)
Fonte: O portal da Lingua Galega