A Xunta detecta decenas de carballos ananos no Pindo
O carballo anano (quercus lusitanica), especie protexida que tiña no Pindo o seu único hábitat en todo o norte peninsular, sobreviviu á furia das chamas que arrasaron o vello Olimpo celta. Fontes da Xunta informaron de que «xa están a brotar» decenas de exemplares, segundo puideron constatar axentes de campo do servizo de Conservación da Natureza que tomaron varias fotos dos retoños. O director do Centro de Investigación de Lourizán, José Antonio Vega, explicou que este fenómeno é posible porque o carballo anano ten unha gran capacidade de rebrotar desde a cepa. Durante a primavera acumula gran cantidade de hidratos e se é destruída a planta externa polo lume, necesita sacar follas na superficie para manter a vida a través da fotosíntesis.
Na Xunta opinan, así mesmo, que tanto a temperatura que fixo estes días como o réxime de choivas suaves « permitiron que o chan forme unha costra en lugar de sufrir arrastres». Deste xeito déronse as condicións idóneas para que salga á superficie.
Mentres, no Pindo continuarán durante varios días os labores de aplicación de palla sobre a zona queimada. «Hai que protexer o chan porque é o ben máis sensible», di José Antonio Vega . O desenvolvemento dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.
Máis información sobre os carballos en: Guía das árbores de Galicia e O carballo.
Fonte: La Voz de Galicia