Álvarez Torneiro gaña o Premio Nacional de Poesía
O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa, publicado na colección Tambo de poesía de Faktoría K. Este premio concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes do estado español para obras editadas no ano anterior.
Os ángulos da brasa xa merecera o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013. Agora suma este galardón, que se entrega por vez primeira a unha obra escrita en galego.
O poemario de Álvarez Torneiro consta de 67 composicións divididas en tres seccións -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que o poeta reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.
O xurado desta edición do Premio Nacional de Poesía estivo formado por Basilio Losada, designado pola Real Academia Galega; Inés Fernández-Ordóñez, pola Real Academia Española; Amaia Jauregizar, pola Euskaltzaindia; Susana Rafart, polo Institut d’Estudis Catalans; María Isabel López, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Juan Ángel Juristo, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Juan José Lanz, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Ramón Sánchez-Ocaña, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); María Ángeles Egido, polo Centro de Estudios de Género; Jaime Siles, polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte; a galardoada na edición de 2011 Francisca Aguirre e o galardoado na edición de 2012, Antonio Carvajal. Actuou como presidenta a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu, e como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Mónica Fernández.
Fonte: Fervenzas literarias
Foto: ABC