Tres mil rapazas e rapaces de centros escolares colaboradores participarán nas actividades do Salón do Libro de Pontevedra
Contacontos de Pavís Pavós, Queliña, Andrea Bayer e Celso Fernández e diferentes obradoiros conforman o programa de actividades concertadas para os colexios expositores, así coma a Master Class BDMachine de Kiko da Silva para os IES o 21 de marzo. Perto de 500 nenos/as asistirán cada día ao Salón do Libro durante a súa primeira semana (ata o luns 11 inclusive) para gozar dos contacontos e obradoiros que se lles conceden gratuitamente en agradecemento á súa colaboración. Todos eles pertencentes a educación infantil e primaria, xa que os IES colaboradores asistirán o día 21 ás 10:00 e ás 12:00 horas a un obradoiro de banda deseñada con Kiko Dasilva. Ao rematar as actividades citadas, o alumnado realiza unha visita guiada á Sala onde os monitores lles explican historias sobre os traballos dos centros, a ambientación e ás diferentes exposicións que acolle: “Evolution”, “Parafusos, alambiques e birleques” da AGPI, etc.
Espazos para todos os públicos
Pavís Pavós, Queliña, Andrea Bayer e Celso Fernández ocupan 4 espazos diferentes nos que os nenos/as máis pequerrechiños escoitan moreas de contos relacionados co tema do Salón “A toda máquina”, mentres o alumnado de primaria asiste aos obradoiro de Ilustración (Anxo Fariña) onde aprenden a debuxar seguindo un método moi divertido e diferente, ScrapBook (María Reboredo Leiro) onde constrúen coa técnica do Pop Up, superpoñendo capas, unha postal cun gramófono como o que atopan na Sala de Exposicións. E mentres que con Lucía García se achegan ao mundo da fotografía grazas á montaxe das Cámaras de Papel con recortables en 3D, con Itziar Ezquieta elaboran bonequiños a mar de simpáticos no obradoiro Arte-Facto.
Fonte: AGE