Entradas

BAÍA EDICIÓNS gana o Premio a OBRA EDITORIAL DO ANO polas GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde

Este recoñecemento nos Premios Irmandade do Libro á colección Guías da natureza Baía Verde ten unha especial importancia para nós porque describe case a nosa traxectoria vital, como empresa e como proxecto cultural desde os seus inicios no ano 1990, un ano antes da publicación da primeira edición da Guía de aves de Galicia.

Parécenos importante que o premio recoñeza o esforzo realizado por Baía Edicións coa publicación dos 25 títulos das GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde nas súas distintas variantes dedicadas:

  • á divulgación de espazos naturais,
  • ao aproveitamento sustentable dos nosos recursos (falo das guías prácticas de cultivo, ás que incorporamos este último ano a pesca),
  • á descrición e catalogación das especies galegas tanto de flora como fauna, aínda incompleta.

Por iso moitas grazas á Federación de Librarías de Galicia ao recoñecer indirectamente o valor de dúas máximas que guiaron o noso traballo:

          unha do saber popular:

«só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece»

          e a outra de Álvaro Cunqueiro:

«[…] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira, da dorna e da fonte».

Grazas tamén, a todas as autoras e autores que fixeron posible, co seu saber e traballo, que chegaran a nós a rula, a bidueira, a zarrota, o lavacú, o leirón, a leituga de mar, a herba dourada, a sacabanta, pero tamén o mergullo, o engado, a barbuda etc., nun esforzo non só por catalogaren senón tamén por daren nome ás distintas especies.

E un agradecemento moi especial a Carlos Silvar, que puxo imaxe a todos eses nomes e aos 25 títulos da colección, converténdose, á vez, no mellor e máis recoñecido debuxante naturalista galego e da península.

A TODOS ELES, A TODAS ELAS DEDICAMOS ESTE PREMIO.

Gañadora do concurso XOGO DA NATUREZA

Isaura García, gañadora do noso concurso XOGO DA NATUREZA, recibe o seu premio nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Tras a conversa que mantivemos con ela o día da entrega do premio, comentounos que participou no concurso grazas á publicidade que Baía Edicións fixo no AchegArte celebrado o 28 e 29 de novembro de 2009 na Coruña. Segundo ela mesma comentaba: “As preguntas non eran moi difíciles, pero tiven dúbidas nunha delas”. Ao final, a sorte estivo da súa parte e conseguiu o PREMIO tras o sorteo entre todos os acertantes do cuestionario. Como PREMIO escolleu dúas das obras da natureza máis importantes que temos actualmente en Galicia: Guía das aves de Galicia, de Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López, con ilustracións de Calros Silvar e Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Marisa Castro Cerceda, Alfredo Justo Fernández, Purificación Lorenzo Castro e Ana Soliño Pérez. Read more