Baía Edicións convoca o 7º PREMIO MEIGA MOIRA de Literatura Infantil-Xuvenil
O prazo de recepción de orixinais do 7º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil remata o 17 de maio e a resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.
Recordamos as bases do concurso e as gañadoras dos anos anteriores:
MIÑA QUERIDA SHEREZADE, de Andrea Maceiras. Gañadora do 6º Premio Meiga Moira.
O ALENTO NAS COSTAS, de Ana Mª Galego Gen. Gañadora do 5º Premio Meiga Moira.
BASES:
PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
SEGUNDA
O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con seis copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio
de 2016.
TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2016.
CUARTA
O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
A autoría da obra gañadora e da finalista comprométese a participar nos actos de promoción que organice a editorial.
QUINTA
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
SEXTA
A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.
SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
OITAVA
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.